Paderne - Ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servicio de sumidoiros, depuración de augas residurais e canalización de pluviais
Artigo 1.º .-Fundamento e natureza.
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da CE e polo artigo 106 da Lei reguladora das bases de réxime local; de conformidade do disposto nos artigos 15 ó 20, apartados 1.2 ó 4 R) da Lei 39/88, de facendas locais, este Concello establece a taxa pola acometida á rede xeral de saneamento, e prestación do servicio de saneamento, que se rexerán pola presente ordenanza fiscal que se xunta ó previsto no artigo 58 da Lei 39/1998.
Artigo 2.º .-Feito impoñible.
1.-Constitúe o feito impoñible da taxa:
a) A prestación do servicio de evacuación de augas negras e grises a través da rede municipal de sumidoiros e depuración destas, no seu caso; así como a realización das acometidas á rede xeral de saneamento.
b) A actividade municipal técnica e administrativa tendente a verificar se se dan as condicións necesarias para autoriza-las acometidas á rede municipal de sumidoiros.
2.-Non estarán suxeitas á taxa os predios urbanos derruídos, os declarados ruinosos nin os que teñan a condición de solar ou terreo, salvo que as conexións ós ditos predios se realicen a petición do interesado.
Artigo 3.º .-Suxeito pasivo.
1.-Son suxeitos pasivos en concepto de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e mailas entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria que sexan:
a) Cando se trate da conexión de licencia de acometida á rede xeral: o propietario, usufructuario ou titular do dominio útil da vivenda ou local.
b) No caso de prestación do servicio, tamén os titulares, usuarios, ocupantes, beneficiarios dos servicios, calquera que sexa o seu título, como concesionarios, arrendatarios, habitacionistas, usufructuarios incluso en precario.
2.-En todo caso, terán a consideración de substitutos do contribuínte o propietario do inmoble, quen poderá repercutir, no seu caso, as cotas satisfeitas sobre os respectivos beneficiarios do servicio.
Artigo 4.º .-Responsables.
a) Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que fan referencia os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.
b) Serán responsables subsidiarios os administradores de quebras e mailos síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que marca o artigo 40 da Lei xeral tributaria.
Artigo 5.º .-Base impoñible.
Virá determinada polo uso da rede de saneamento, e no caso de realización de acometidas a base impoñible virá determinada polos metros de distancia dende o límite da propiedade privada ata a rede xeral de saneamento. Inclúese a execución de tódolos gastos da acometida, en zona pública, así como a reposición do pavimento.
Artigo 6.-Cota tributaria.
Establécense como optativas as acometidas de 160 mm ou 200 mm, para a que se empregará o PVC reforzado para 4 atmosferas e irán con carácter xeral dende unha arqueta situada ó pé da propiedade do usuario ata o pozo de rexistro da rede xeral. Só se realizará unha única acometida dende cada edificio, sen prexuízo de considera-la existencia de máis dun abonado, sempre que exista máis dunha vivenda, ou se utilice para actividade comercial ou industrial o baixo da edificación.
1.-Dereito de enganche: 60 euros.
2.-Uso anual de servicio:
A) Por cada abonado particular: 12 euros.
B) Establecementos comerciais ou industriais: computarase a superficie cuberta ata 100 m2: 24 euros e 0,24 euros máis por m2.
C) Bares, cafés, restaurantes, igual ó anterior.
D) Hoteis, pensións, acampamentos, e lugares de aloxamento en xeral, 4 euros por praza.
3.-Para acometidas de 160 mm de diámetro nas que se inclúen as obras necesarias ata un total de 4 m de lonxitude, establécese unha taxa de 294 euros e 60 euros máis por metro ou fracción engadida.
4.-Para as de 200 mm as cantidades serán de 313 euros e 65 euros respectivamente.
Artigo 7.º .-Exencións e bonificacións:
Non se concederá exención nin bonificación ningunha na presente taxa.
Artigo 8.º .-Xeración de obrigas.
1.-Xerarase a obriga do pagamento da taxa e nace a obriga de contribuír, cando se inicie a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible, entendéndose iniciada:
a) No intre de presentación da solicitude de acometida á rede xeral.
b) Para a presentación do servicio de sumidoiros e depuración, no seu caso, retribuiranse periodicamente en cada exercicio, tendo carácter obrigatorio, unha vez conste a instalación e funcionamento do servicio.
Artigo 9.º .-Declaración, liquidación e ingreso.
a) A inclusión inicial no padrón de contribuíntes efectúase de oficio e terá efectividade dende que polos servicios municipais se emita a ficha de conexión a cada usuario do servicio.
b) No suposto de licencia de acometida, cando se conceda a correspondente licencia.
Artigo 10.º .-Infraccións e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarías, así como das sancións que correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.
Disposición final.
Comezará a rexer unha vez publicada no BOP a excepción do relativo ó uso do servicio, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2003, e permanecerá en vigor ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.
O que se fai público para os efectos de vixencia e coñecemento xeral.