Padrón - Ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras e toldos con finalidade lucrativa

Publicación provisional: 24/12/2001 BOP Nº: 293
Publicación definitiva: 24/12/2001 BOP Nº: 293
Aplicable dende: 25/07/2020

Artigo 1.-Fundamento e natureza.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, este Concello establece a taxa pola ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras e toldos con finalidade lucrativa a que se refire o artigo 20.3 1) da Lei 39/88, do 29 de decembro, reguladora das facendas locais, modificada pola Lei 25/98, do 13 de xullo, de modificación do réxime local das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.

Artigo 2.-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible a ocupación de terreos de uso público local con mesas, cadeiras e toldos con finalidade lucrativa.

Artigo 3.-Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da LXT, a favor das que se outorguen as licencias, así como aqueles que carecendo da oportuna autorización se beneficien do aproveitamento.

Artigo 4.-Base impoñible.

A base impoñible estará constituída polo número de metros cadrados de superficie de dominio público ocupado polas mesas, cadeiras e toldos.

Artigo 5.- COTA TRIBUTARIA E DEVENGO.

A cota tributaria será a resultante de multiplica-la tarifa de 10,87 euros/mes polo conxunto de mesa mais catro cadeiras que conste na correspondente autorización municipal.

A taxa devengarase co inicio a ocupación dos terreos de uso público e o seu importe deberá ser obxecto de depósito previo conxuntamente coa solicitude de autorización ou renovación. Para estes efectos por resolución do señor Alcalde aprobarase o formulario de autoliquidación que se porá a disposición das persoas interesadas nas oficinas municipais, na páxina web e na sede electrónica municipal. Sen o cumprimento deste requisito de depósito previo os servizos municipais non poderán dar trámite ás solicitudes que se formulen.

Polo mesmo motivo coa solicitude de autorización ou renovación deberá acreditarse non ter débedas pendentes co Concello de Padrón en período executivo por esta taxa de ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras e toldos con finalidade lucrativa. Este requisito será acreditado pola persoa solicitante mediante a presentación do correspondente certificado ou ben mediante a autorización aos servizos municipais competentes para a súa comprobación, autorización que se entende outorgada coa presentación da solicitude ou renovación.

Artigo 6.-Período impositivo.

O período impositivo coincide co ano natural no caso de ocupacións permanentes, excepto cando se trate de supostos do inicio da utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local; en tal caso abarcará dende a data da concesión e a autorización municipal ata o fin do ano natural.

No caso de ocupacións de temporada o período impositivo comezará o día da autorización municipal e estenderase durante o tempo previsto nesta.

Xérase a obriga do pagamento o un de xaneiro de cada ano nos supostos de autorizacións anuais e as cotas serán irreductibles, salvo que a data de inicio non coincida coa da xeración de obriga de pagamento, en tal caso as cotas calcularanse proporcionalmente ó número de trimestres naturais que resten para finaliza-lo ano, incluído o de inicio da utilización ou aproveitamento. No caso de cesamento prorratearase polo número de trimestres transcorridos, incluíndo no prorrateo aquel no que se produce o cesamento.

Artigo 7.-Infraccións e sancións.

Para todo o relativo á cualificación das infracción tributarías e a determinación das sancións correspondentes estarase ó previsto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA PRIMEIRA.

Con carácter exclusivo, debido á excepcionalidade da situación actual provocada pola crise do Covid19 na que os negocios de hostalería estiveron pechados e tendo en conta que a reapertura vai ser moi gradual, durante o ano 2020 os negocios aos que se lle autorice ou se lle tivera autorizado a ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras e toldos con finalidade lucrativa quedarán exentos do pago da taxa desde o 1 de xaneiro de 2020 ao 31 de decembro de 2020.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA SEGUNDA.

A modificación do artigo 5 será de aplicación ás solicitudes de mesas, cadeiras e toldos con finalidade lucrativa ou ás solicitudes de renovación que se formulen a partir do 1 de xaneiro de 2021.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA.

A presente modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras e toldos con finalidade lucrativa entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.