Carballo - ORDENANZA REGULADORA DAS FEIRAS E MERCADOS TRADICIONAIS DE CARBALLO E DA VENDA AMBULANTE
Capítulo I.- Disposicións xerais
Art 1.- Obxecto.
O obxecto desta ordenanza é a regulación do exercicio da venda ambulante no seu ámbito municipal, e nomeadamente nos seus mercados semanais e feiras tradicionais, ocupando o dominio público local, mais tamén en datas puntuais ou en oferta porta a porta.
Regúlase, así mesmo, a venda de produto hortofrutícula por parte dos pequenos produtores que acoden ó mercado tradicional da Praza do Concello
Art 2.- Títulos, competencias e réxime xurídico.
Esta ordenanza dítase en exercicio das competencias que se atribúen ao municipio pola Lei 7/1985, do 02 de abril, reguladora das bases do réxime local, e a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galiza.
Será de aplicación á regulación da venda ambulante no Concello de Carballo, ademais da ordenanza municipal, toda a lexislación de ámbito superior ao municipal e que teña relación coa materia de venda ambulante ou coa protección dos dereitos das persoas consumidoras, con especial referencia á Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galiza, e á Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galiza.
Art 3.- Concepto de venda ambulante.
A venda ambulante ou non sedentaria é unha modalidade especial de venda, cualificándose coma tal a realizada de xeito habitual, periódico, ocasional ou continuado, por comerciantes fóra dun establecemento comercial permanente e na vía pública ou en soares, espazos libres, en postos ou instalacións desmontables ou transportables, nos lugares ou perímetros debidamente autorizados, ou en vehículos, incluíndo os camións-tenda, ou sen a utilización de postos, mediante o carrexo persoal das mercadorías por parte dos/as vendedores/as, transitando polas vías públicas locais.
Non terá a consideración de venda ambulante a venda de excedentes da produción propia dos/as produtores/as agrícolas e artesáns/ás. Do mesmo xeito, tampouco terá a consideración de venda ambulante a realizada dentro dos locais ou recintos ocupados por un certame feiral.
Art 4.- Modalidades de venda.
A venda ambulante tan só se poderá levar a cabo baixo algunha das seguintes modalidades:
a) Venda ambulante en mercados periódicos: é aquela autorizada nos mercados sitos nos lugares determinados por este Concello nesta Ordenanza, cunha periodicidade habitual establecida. En concreto, será a realizada na praza do Concello todos os xoves e os segundos, cuartos e quintos domingos de cada mes, como anexa á actividade principal de venda da propia produción de orixe agraria dos/as produtores/as do termo municipal de Carballo e outros veciños, así como a realizada no contorno da praza da Capela da Milagrosa, os segundos, cuartos e quintos domingos de cada mes.
b) Venda ambulante en postos instalados na vía pública: será aquela que se autorice para un número de postos, situación e período determinado.
c) Venda ambulante en mercados ocasionais: é aquela autorizada en mercados esporádicos, que teñan lugar con motivo de festas, feiras ou acontecementos populares. Terán esta consideración as actividades de venda ambulante realizadas nas festas populares e romarías realizadas no termo municipal.
d) Venda ambulante mediante camións ou calquera outro tipo de vehículos-tenda, que será autorizada en lugares e períodos determinados.
e) Venda ambulante mediante o reparto e oferta persoal por vendedores/as que carrexen a súa mercadoría sen vehículo, a pé, percorrendo as vías públicas locais.
Art 5.-Suxeitos.
A venda ambulante poderá ser exercida por toda persoa física ou xurídica legalmente constituída que se dedique profesionalmente á actividade de comercio polo miúdo e reúna os requirimentos establecidos na presente ordenanza e demais normativa que fose de aplicación.
Excepcionalmente, tamén poderá exercerse por entidades sen ánimo de lucro que persigan fins de carácter social de interese xeral.
Art 6.- Produtos permitidos.
Compete ao Concello de Carballo determinar os produtos autorizados para a práctica desta venda. Os produtos deberán cumprir os requirimentos de etiquetaxe, procedencia, calidade e prezo esixido pola normativa xeral estatal e autonómica. Para o suposto de venda de produtos hortofrutícolas e alimenticios en xeral, destinados ao consumo humano, estes deberán cumprir coas esixencias da súa normativa específica.
Dependendo da modalidade de venda ambulante e tipo de mercado poderá autorizarse a venda de artigos de téxtil, artesanía, bisutería, marroquinería, calzado, confección, droguería, artigos de coiro ou pel, de ornato de pequeno volume, froitas, verduras, plantas, produtos de confeitería, froitos secos, produtos envasados, produtos alimenticios, así como calquera outros produtos nos que a súa venda en réxime de ambulancia estea autorizada pola normativa estatal ou autonómica.
Atendendo ás características concorrentes nos diferentes mercados e modalidades de venda ambulante, ao equipamento comercial da zona onde esta actividade se desenvolve, á demanda ou outra circunstancia que así o xustifique, o Concello poderá limitar os produtos de venda autorizados ou o número de vendedores/as dedicados á mesma especialidade comercial.
As persoas titulares de autorización de venda ambulante non poderán vender produtos diferentes aos expresamente autorizados. Calquera modificación ao respecto requirirá aprobación municipal.
Capítulo II.- Licenza de venda
Art 7.- Competencia.
Corresponde ao Concello de Carballo outorgar a autorización para exercer a venda ambulante dentro do municipio, que se resolverá a través de resolución da Alcaldía.
Outorgada a dita licenza, non se poderá exercer a venda fóra dos días e lugares fixados nesta. Non se outorgará a unha mesma persoa máis dunha licenza de venda por espazo feiral ou modalidade de venda.
Art 8.- Solicitudes.
A solicitude para o exercicio da venda ambulante deberá cursarse preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello de Carballo, ou ben a través de modelo oficial que se facilitará nas dependencias municipais para ese efecto.
A solicitude de autorización de venda ambulante, ademais dos datos persoais e dos precisos para a tramitación da autorización, incluirá unha declaración xurada de cumprimento de todas as obrigas legais de aplicación, así como unha autorización ao Concello de Carballo para obter, ben por requirimento á persoa interesada, ou preferentemente a través do intercambio de datos con outras administracións públicas, constancia do cumprimento de todas as condicións legalmente esixibles para o exercicio da venda ambulante.
Art 9.- Contido.
A licenza de venda ambulante, que deberá exhibirse en lugar visible ao público en xeral, conterá os seguintes datos, xunto á fotografía do/a titular:
A) Persoa titular e persoa substituta.
B) Número de expediente.
C) Días e períodos de venda.
D) Lugar en que se sitúa.
E) Produtos autorizados á venda.
F) Período de vixencia da autorización.
A licenza poderá ser substituída pola simple resolución administrativa de autorización de venda ambulante nos casos de postos de venda ambulante e atraccións feirais que se permitan instalar na vía pública en datas puntuais e illadas.
Art 10.- Natureza.
A licenza de venda terá a consideración de autorización demanial, enténdese concedida sen prexuízo de terceiros/as, orixina unha situación de posesión precaria e ten carácter revogábel e discrecional. Poderá revogarse ou anularse cando desaparezan ou se incumpran as circunstancias que motivaron a súa concesión, e no seu caso, se incorra en causa de infracción moi grave.
A licenza ten carácter persoal, e é transmisible unha única vez no período de vixencia da autorización, e unicamente a ascendentes ou descendentes directos/as (pai, nai, fillo, filla) ou persoas vinculadas por relación contractual acreditada.
En caso de falecemento, xubilación ou invalidez do/a titular poderá transmitirse a licenza de venda á persoa substituta indicada nesta, herdeiro/a, cónxuxe, parella de feito, parentes até segundo grao e, no seu caso, quen fora designado/a por disposición testamentaria. Se fosen varias persoas as interesadas, de entre as mencionadas, atenderase principalmente á que xustifique colaboración coa persoa titular nos dous últimos anos. En calquera caso, no prazo máximo de seis meses deberase de presentar ante o Concello solicitude de cambio de titular da licenza, que se autorizará sempre que se cumpran os requirimentos establecidos nesta ordenanza. De non existir interesados/as declararase extinguida a licenza de venda e vacante o posto que ocupaba.
Art 11.-Modificacións.
Calquera modificación sobre as condicións da licenza, deberá solicitarse por escrito dirixido á Alcaldía do Concello de Carballo, expresando as razóns que o xustifiquen, debendo acompañarse os documentos necesarios.
Art 12.- Prazo de vixencia.
As licenzas de venda concedidas en aplicación desta ordenanza teñen un prazo de duración dun máximo de cinco anos naturais, finalizando o prazo de vixencia, en todo caso, o 31 de decembro do ano anterior a cumprirse os cinco anos dende a súa concesión.
Exceptúase da previsión anterior a autorización para a venda ambulante en datas ocasionais ou a celebración de feiras e mercados de carácter excepcional.
A vixencia das licenzas queda condicionada ao pagamento das taxas municipais oportunas e ao mantemento de todas as condicións legais esixibles para o exercicio da venda ambulante.
Art 13.- Extinción e perda da licenza.
A licenza de venda extinguirase polas seguintes causas:
a) Por transcurso do prazo de vixencia.
b) Por morte, xubilación ou incapacidade da persoa titular, se no prazo de seis meses non se solicita a súa transmisión por algunha das persoas sinaladas na ordenanza.
c) Por renuncia escrita e expresa do/a titular.
d) Por falta de pago da taxa correspondente ou os tributos locais.
e) Por resolución xudicial.
f) Pola falta de asistencia de maneira continuada aos Mercados e Feiras Tradicionais, por prazo de dous meses consecutivos, ou catro meses alternos no mesmo exercicio, de tratarse dunha autorización para estes espazos.
g) Por incumprimento das obrigacións establecidas nesta ordenanza ou demais normativa reguladora da venda ambulante.
h) Pola comisión de infraccións administrativas moi graves cuxa sanción sexa a retirada da licenza de venda segundo esta ordenanza.
i) Pola comisión de infraccións administrativas en materia de saúde e hixiene, e aquelas que supoñan a alteración, adulteración e fraude dos produtos ofertados.
Previamente á adopción de resolución de extinción de licenza, deberá ser ouvida a persoa titular desta, podendo presentar os documentos e xustificacións que considere pertinentes en defensa do seu dereito.
Art 14.- Rexistro.
Concedida a licenza de venda, os/as seus/súas titulares serán incluídos/as no Rexistro de Vendedores Ambulantes do Concello de Carballo. Estes datos xunto coa localización do posto de venda ambulante será información de carácter público dispoñible para calquera persoa con interese lexítimo.
Art 15.- Dereitos das persoas vendedoras.
Os/as titulares dunha licenza de venda outorgada polo Concello de Carballo terán os seguintes dereitos:
a) Exercer a venda ambulante no lugar e días autorizados na licenza.
b) Non ser prexudicados/as no exercicio da súa actividade.
c) Exhibir a súa mercadoría no seu posto.
d) Usar e ocupar as vías públicas incluso as peonís durante o tempo de carga e descarga necesario para instalar o seu posto de venda.
e) Aqueloutros que se deriven desta ordenanza e demais disposicións aplicables.
Art 16.- Obrigacións das persoas vendedoras.
Os/as titulares dunha licenza de venda outorgada polo Concello de Carballo deberán cumprir as seguintes obrigacións:
a) Desenvolver a súa actividade de forma regular no espazo autorizado, e facelo de acordo coa normativa vixente.
b) Usar o espazo concedido, sen estenderse máis aló do autorizado.
c) Desprazarse provisionalmente a unha nova localización en caso de festas, certames e demais eventos especiais que afecten ao lugar onde ten autorizado o exercicio da venda ambulante.
e) Vender exclusivamente os produtos autorizados.
f) Conservar os postos, así como o espazo que ocupen, en perfecto estado de limpeza, e deixalo libre de restos e refugallos unha vez concluída a xornada.
g) Aboar as taxas que correspondan.
h) Observar modais adecuados nas súas relacións entre si e co público.
i) Aqueloutras que se deriven desta ordenanza e demais disposicións aplicables.
Capítulo III.- Venda ambulante en mercados periódicos
Art 17.- Concepto.
A venda ambulante en mercados periódicos é aquela autorizada nos mercados sitos nos lugares determinados por este Concello cunha periodicidade habitual establecida. En concreto, será a realizada na praza do Concello todos os xoves e os segundos, cuartos e quintos domingos de cada mes, como anexa á actividade principal de venda da propia produción de orixe agraria dos/as produtores/as do termo municipal de Carballo e outros veciños, así como a realizada no contorno da praza da Capela da Milagrosa, os segundos, cuartos e quintos domingos de cada mes.
Art 18.- Horario.
Os mercados periódicos desenvolverase entre as 9:00 e as 14:00 horas dos días fixados. Os/as vendedores/as deberán establecerse nos seus postos entre as 7:00 e 9:00 horas, e deberán retirarse entre a 13:00 e as 15:00 horas. En casos de forza maior ou necesidade poderán retirarse os postos antes do horario previsto, ou incluso suspenderse o mercado se razóns de seguridade ou interese público así o aconsellasen.
Art 19.- Regulación do tráfico.
Nos espazos e rúas públicas destinadas á actividade feiral durante a duración do mercado queda totalmente prohibido o estacionamento, a parada e a circulación de todo tipo de vehículos. Exceptúase, nos horarios de montaxe e desmontaxe, a presenza dos vehículos destinados á carga e descarga por parte das persoas que exercen a venda ambulante, así como os casos de forza maior ou necesidade, tales vehículos de emerxencia.
Art 20.- Lugares de venda.
O mercado tradicional da praza do Concello terá lugar todos os xoves, e os segundos, cuartos e quintos domingos de cada mes, e desenvolverase preferentemente no espazo da praza do Concello, podendo variarse ou ampliarse en función de decisión fundamentada.
A feira da praza da Milagrosa terá lugar os segundos, cuartos e quintos domingos de cada mes, e desenvolverase nas rúas anexas á praza da Milagrosa, e o seu ámbito de extensión virá determinado pola superficie que ocupen o conxunto de postos de venda ambulante autorizados.
O Concello de Carballo poderá variar ou aumentar os lugares de venda dos mercados e feiras tradicionais por causas de interese público.
Para as feiras, festexos e certames especiais, mesmo de forma excepcional, permitirase a súa celebración en calquera punto do concello.
Art 21.- Postos de venda.
A venda ambulante realizarase en vehículos ou en postos facilmente desmontables. As instalacións que se utilicen deberán reunir as condicións necesarias para que sirvan de soporte dos artigos que se expenden e deben reunir as debidas condicións de seguridade, estado de conservación, salubridade e ornato público, e terán as condicións hixiénicas, estéticas e de decoro suficientes para garantir a seguridade e dignidade dos usuarios e viandantes. Os apoios no chan non poderán conter ancoraxes nin ningún outro elemento que dane o pavimento.
Os postos ou vehículos destinados á venda ambulante situaranse nos emprazamentos sinalados para tal efecto polo Concello, sen sobrepasar nunca a superficie fixada para o posto. Non poderán situarse en accesos a edificios de uso público ou privado, nin diante dos escaparates comerciais e exposicións, nin en lugares que dificulten tales accesos ou a circulación peonil.
O Concello poderá establecer as características, deseño e materiais dos postos de venda co obxecto de adaptalos ao contorno da zona na que se sitúen ou ao deseño da imaxe corporativa dos mercados e feiras tradicionais de Carballo.
Os postos de venda terán, con caracter xeral, un máximo de 10m de longo, por 3m de ancho e por 3m de altura. Non se poderá ocupar un espazo superior ao autorizado e polo que se aboa a correspondente taxa. As mercadorías tampouco poderán sobresaír dos postos e espazo autorizado. Excepcionalmente poderanse autorizar outras medidas.
Os postos de venda deberán respectar na medida do posible a imaxe corporativa que se estableza.
Art 22.- Distribución dos postos nos espazos feirais.
A localización dos postos ambulantes realizarase de acordo cos produtos ofertados, de tal forma e maneira que se aglutinen de forma ordenada por tipo de mercadoría.
Respectarase a tradicional distribución de mercadorías existente, pola cal os produtos alimentarios destinados ao consumo humano céntranse na praza do Concello, sen prexuízo de que determinados produtos alimentarios, pola tradición do obxecto de venda, poidan ter cabida no espazo feiral da praza da Milagrosa. Se o espazo destinado a este tipo de mercadorías non fose suficiente o Concello de Carballo poderá habilitar novas zonas coas medidas que estime convenientes.
Art 23.- Outorgamento de posto de mercado.
Os postos de venda ambulante en mercados periódicos instalaranse no espazo indicado polo Concello de Carballo na licenza de venda, a cal indicará a zona de mercado e a área que lle corresponde ocupar segundo a distribución alfabetonumérica indicada nos mapas que se elaboren para cada espazo feiral.
Para outorgar un posto de venda terase en conta o tipo de mercadorías destinadas á venda e respectarase aos/ás vendedores/as nos seus postos na medida que sexa posible atendendo á antigüidade de pertenza aos mercados e feiras tradicionais de Carballo.
Cada persoa física ou xurídica poderá solicitar, como máximo, unha autorización de venda ambulante para cada espazo feiral, e no caso do mercado que se desenvolve na praza do Concello, poderá solicitar autorización para todos os días, ou ben só para xoves ou só para domingos.
De existir limitación no número de autorizacións, así como para establecer mecanismos para determinar preferencia na adxudicación de concretos postos dentro de cada mercado periódico, o Concello de Carballo articulará procedementos de concorrencia competitiva en cada ocasión que se determine a posibilidade de outorgar novas autorizacións de venda ambulante, ben sexa pola caducidade de licenzas preexistentes, ben sexa pola existencia de baixas, ben sexa pola decisión de ampliar algún dos espazos feirais.
A prioridade na adxudicación de postos e a prelación para a escolla de postos concretos farase conforme ao procedemento particular que se aprobe, e terá en conta, particularmente:
· Existencia de autorizacións previas, nos cinco anos anteriores á solicitude, a nome da mesma persoa solicitante nas feiras e mercados de Carballo e/ou no emprazamento concreto que se solicita.
· Experiencia demostrable no exercicio da profesión.
· Venda de produtos novedosos, inexistentes ou infrarrepresentados no espazo feiral para o que se solicita autorización.
· Non ter incorrido en sancións firmes en materia de venda ambulante.
O procedemento preverá que a adxudicación se resolva por sorteo en caso de empate entre varias solicitudes.
Art 24.- Venda de produtos hortofrutícolas.
A venda dos excedentes de produción por parte de labregos/as realizarase por eles/as mesmos/as ou familiares directos/as, e deberán manter unhas mínimas condicións de salubridade e hixiene e separación do chan dos seus produtos. Unha vez retirado o seu posto deberán deixar perfectamente limpo de residuos o lugar que ocupou.
Os/as pequenos/as produtores/as realizarán a venda dos seus excedentes de produción no mercado tradicional da praza do Concello, en localización non fixa e que non colisione cos espazos autorizados a vendedores/as ambulantes.
Para poder instalar o seu posto os pequenos/as produtores/as deberán inscribirse nun Rexistro de Vendedores non permanentes que se abrirá no mes de decembro do ano anterior, no que figurarán os seguintes datos: nome e apelidos, dni, domicilio e lugar de procedencia do produto. O espazo adicado a cada un dos postos será de 2 metros cadrados, aqueles que precisen maior superficie deberán reflectilo na solicitude e devengarán a taxa polo número de metros solicitados.
Unicamente poderán instalar o seu posto se figuran en dito rexistro e se teñen liquidada a taxa correspondente polas feiras ás que acudiran no trimestre anterior. A liquidación da taxa efectuarase trimestralmente unha vez recibido informe do encargado da xestión do mercado indicando o número de feiras ás que se acudiu.
As persoas inscritas no devandito rexistro terán dereito a gozar dunha autorización provisional nas condicións que se establecen:
Terase en conta a asistencia ao mercado de xeito regular, procurando ocupar sempre o mesmo lugar. Se a partir das 9:30 o lugar estivera sen ocupar pola persoa habitual entenderase como libre e poderá ser ocupado por outro vendedor/a de xeito ocasional.
Aquelas persoas que acoden moi ocasionalmente ocuparán os postos baleiros por rigorosa orde de chegada. Ocuparanse en primeiro lugar aqueles que non son utilizados habitualmente por vendedores que acoden con certa regularidade e a partir das 9:30 poderán ocupar estes si se atopan baleiros. Sempre baixo indicación do encargado do mercado.
Será competencia do Encargado do Mercado levar conta do Rexistro de Vendedores non permanentes, a colocación dos mesmos na Praza do Concello, que ocupen a superficie que consta no Rexistro, e o control do número de feiras ás que asistiron.
Será obriga do encargado do mercado manter actualizado o rexistro de vendedores non permanentes ó longo do ano comunicando ao Concello as solicitudes feitas polos interesados despois do período ordinario do mes de decembro, coa finalidade de ter un rexistro fidedigno de aqueles pequenos produtores que se instalan na Praza do Concello nas distintas épocas do ano, ditos datos incorporaránse ó Rexistro de Vendedores non permanentes unha vez que estes presenten por rexistro o modelo de solicitude que se habilitará na web do Concello e na Sede electrónica.
Capítulo IV.- Venda ambulante fóra dos mercados periódicos
Art 25.- Venda ambulante en postos instalados na vía pública.
O Concello de Carballo habilitará, a petición da parte interesada, a venda ambulante en postos instalados na vía pública e a instalación de atraccións feirais, para un número de postos, situación e período determinado.
A concesión da autorización de venda ambulante ou instalación de atraccións feirais en datas puntuais quedará sempre condicionada á compatibilidade coa normal actividade social, cultural e comercial da vida, á existencia de espazo suficiente, e vincularase especialmente á coincidencia con actividades na vía pública ou razóns de dinamización social ás que poida complementar e reforzar.
As persoas que desexen instalar postos de venda ambulante ou atraccións feirais na vía pública en datas concretas deberán solicitalo cando menos con 72 horas de antelación ao inicio solicitado de ocupación de vía.
Art 26.- Venda ambulante en mercados ocasionais.
O Concello de Carballo poderá promover a celebración de mercados de venda ambulante de forma ocasional, por motivo de interese público, ou aceptar a súa realización a petición de parte interesada, especialmente se esta provén do tecido asociativo local.
Os mercados ocasionais terán que contar, para a súa celebración, coa previa autorización municipal, e a solicitude deberá detallar claramente as datas previstas para a súa organización, o lugar onde prevé desenvolverse, a superficie a ocupar e o número e natureza dos postos que participarán.
Art 27.- Venda ambulante mediante camións ou vehículos-tenda.
A venda ambulante mediante camións ou vehículos-tenda poderá autorizarse só fóra do núcleo urbano, co obxectivo de permitir o subministro de produtos de consumo de primeira necesidade ao conxunto do territorio municipal.
A persoa que solicite exercer esta actividade deberá detallar na solicitude o produto obxecto de venda así como os lugares e datas nos que prevé realizar a súa actividade, coa finalidade de permitir a correcta ordenación da venda ambulante por parte do Concello de Carballo.
Art 28.- Venda ambulante mediante oferta persoal.
A venda ambulante mediante o reparto e oferta persoal por vendedores/as que carrexen a súa mercadoría sen vehículo, a pé, percorrendo as vías públicas locais, terá carácter excepcional, e requirirá a xustificación do carácter peculiar do produto obxecto de venda para a súa autorización.
Capítulo V.- Das taxas.
Art 29.- Establecemento.
O Concello de Carballo fixará as taxas correspondentes polo exercicio da actividade da venda ambulante. As taxas cobraranse pola ocupación da vía pública para o exercicio da venda ambulante, a razón de metros/euros/día.
O importe da taxa será o resultado de multiplicar o número de metros cadrados de cada posto de venda polo prezo fixado como taxa cada ano polo Concello de Carballo na correspondente ordenanza fiscal.
Con carácter xeral os postos serán das seguintes medidas:
Postos de venda ambulante:
3x3
6x3
10x3
Postos de venda de excedente de produto hortofrutícola: 2x1
Para poder instalar superficies maiores debe facerse constar na solicitude e atenderase en caso de que houbera espazo suficiente para manter as distancias mínimas exisidas e sen perxudicar a outros postos.
En caso de necesidade o Concello pode diminuír o tamaño do posto si é preciso por razóns de forza maior, axustándose a taxa devengada á superficie realmente ocupada.
Art 30 .- Forma de pagamento.
O aboamento da taxa correspondente á licenza para a venda ambulante nalgún dos espazos feiras de carácter regular efectuarase mediante domiciliación bancaria na que se liquidará con cotas anuais o importe correspondente segundo o espazo utilizado. O importe da dita taxa está previsto na Ordenanza fiscal nº 11 do Concello de Carballo, reguladora das taxas pola concesión de postos e pola prestación de servizos no Mercado Municipal de Abastos.
O aboamento da taxa pola autorización para a instalación de postos de venda ambulante en datas puntuais, así como a organización de mercados ocasionais, realizarase mediante ingreso bancario puntual.
No caso dos pequenos produtores vendedores de excedentes liquidarán as taxas trimestralmente segundo o número de feiras ás que realmente asistiran, mediante ingreso bancario puntual.
Dende o Concello xerarase un documento de pago antes do día 7 do mes seguinte ó trimestre a liquidar e o pago realizarase antes do día 15 dese mesmo mes.
Aos efectos de cálculo da taxa considerarase unha ocupación de 2 metros/día por cada feira á que se asistira. De necesitar máis metros deberán solicitalo no momento de inscribirse no Rexistro de vendedores non permanente e calcularase a taxa pola superficie solicitada.
O/a titular da licenza de venda é o suxeito pasivo e estará obrigado a satisfacer a taxa correspondente.
Art 31.- Falta de pagamento.
A falta de pagamento da taxa conlevará a retirada da licenza de venda e a imposibilidade de ocupar o espazo asignado, sen prexuízo da obrigación de satisfacer as taxas impagadas coas súas recargas correspondentes.
A non ocupación do espazo de venda ambulante asignado non exime do abono da taxa.
Aqueles produtores que acuden ocasionalmente e como tal figuren no Rexistro de Vendedores non permanentes aboarán as taxas trimestralmente, de non facelo non se lles autorizará a instalación dos seus postos.
Capítulo VI .- Réxime sancionador, infraccións e sancións
Art 32.- Competencia.
Corresponde ao Concello de Carballo a potestade sancionadora dentro do seu termo municipal, sempre en cumprimento do resto de normativa vixente autonómica e estatal.
Art 33.- Clasificación de infraccións.
O/a titular da licenza de venda será o/a responsable das infraccións que se cometan en relación co seu posto de venda, sen prexuízo das responsabilidades persoais nas que poida incorrer a persoa que sexa autora material.
As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves.
Art 34.- Infraccións leves.
Son infraccións leves as seguintes:
a) Os altercados, a non observación ou alteración das normas de convivencia cidadá.
b) A neglixencia respecto ao aseo e limpeza dos postos.
c) A inobservancia das instrucións dadas pola administración municipal.
d) Ocupar máis espazo do concedido e colocar mercadoría fóra deste ou nos corredores ou espazos entre postos de venda.
e) Incumprir os horarios establecidos.
f) Non exhibir a licenza de venda en lugar visible.
g) Utilizar aparellos de megafonía sen a debida autorización.
h) Calquera outra infracción que non este tipificada como grave ou moi grave.
Art 35.- Infraccións graves.
Son infraccións graves as seguintes:
a) A comisión reiterada de infraccións leves. Entenderase reiteración cando se cometa máis dunha infracción leve no prazo dun ano.
b) Os altercados con alteración da orde e escándalo público.
c) O desacato, a resistencia, coacción ou ameaza á autoridade municipal ou persoas designadas polo Concello de Carballo para a xestión do espazo.
d) A negativa ou resistencia a fornecer datos referentes á actividade que desenvolve.
e) Causar danos por neglixencia.
f) Defraudar en cantidade ou calidade de xénero vendido.
g) A venda de artigos distintos aos expresamente autorizados.
h) Instalar postos de venda non autorizados.
i) Non proceder á limpeza do espazo ocupado polo seu posto de venda e non deixalo libre de residuos en xeral.
j) A falta de pagamento da taxa ou tributos locais.
k) Non estar dado/a de alta no Imposto de Actividades Económicas.
l) A falta de pagamento das cotas da Seguridade Social ou mutua correspondente.
m) O desenvolvemento da actividade por persoa distinta do/a titular ou persoa substituta.
n) A realización de actos contra os bos costumes, a orde comercial, a imaxe do mercado ou feira e calquera outro que producir consecuencias graves.
Art 36.- Infraccións moi graves.
Son infraccións moi graves as seguintes:
a) A comisión reiterada de infraccións graves. Entenderase reiteración cando se cometa máis dunha infracción grave no prazo dun ano.
b) As ofensas graves de palabra e as agresións físicas.
c) Os danos causados dolosamente aos postos ou mobiliario público.
d) A cesión ou arrendamento de posto non autorizado.
e) A venda de produtos prohibidos, en mal estado ou condicións indebidas.
f) A ocupación dun posto sen licenza de venda.
h) A non asistencia a un mercado para o que se dispón de autorización sen causa xustificada nin comunicación escrita durante dous meses consecutivos ou catro meses alternos no mesmo ano natural.
Art 37.- Sancións.
As infraccións leves serán sancionadas con:
1. Apercibimento escrito.
2. Multa de 25 a 100€.
3. Suspensión do exercicio da actividade de venda até un máximo de 7 días.
As infraccións graves serán sancionadas con:
1. Multa de 101 a 200€.
2. Perda das condicións de antigüidade.
3. Suspensión do exercicio da actividade de venda até un máximo de 30 días.
As infraccións moi graves serán sancionadas:
1. Multa de 201 a 300€
2. Suspensión do exercicio da actividade de venda até un máximo dun ano.
3. Inhabilitación para o exercicio da venda ambulante no Concello de Carballo durante un máximo de 2 anos.
En calquera caso, a sanción levará aparellado o resarcimento dos danos e prexuízos causados.
Art 38.- Criterio de gradación das sancións.
A imposición das sancións poderá ser graduada atendendo aos seguintes criterios:
a) A gravidade e transcendencia social da infracción.
b) A neglixencia ou intencionalidade da persoa autora.
c) A natureza e contía dos danos causados.
d) A existencia de reincidencia. Enténdese por reincidencia a comisión de máis dunha infracción da mesma gravidade no prazo dun ano.
Art 39.- Potestade sancionadora.
Corresponde a potestade sancionadora e imposición das sancións á Alcaldía do Concello de Carballo.
Art 40.- Procedemento sancionador.
Para a determinación das infraccións e a imposición de sancións contempladas nesta ordenanza será de aplicación o procedemento administrativo sancionador, e, con carácter xeral, Lei 39/2015, de 01 de outubro, do Procedemento Administrativo Común, e demais normas concordantes.
Capítulo VII.- A inspección
Art 41.- Competencia para a inspección.
O Concello de Carballo exerce a competencia en materia de inspección, vixiando e garantindo, a través dos seus servizos municipais, o cumprimento polas persoas titulares de autorización para o exercicio da venda ambulante, de canto se dispón nesta ordenanza e, en particular, da orixe e identidade dos produtos comercializados, das condicións hixiénico-sanitarias dos artigos postos á venda, do cumprimento da normativa sobre prezos, etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos, seguridade do recinto e outros aspectos relacionados con policía de mercados e réxime de autorizacións.
Corresponderá ao/á facultativo/a veterinario/a e a aqueles outros organismos competentes a vixilancia sanitaria dos artigos que se expendan nos mercados. Á súa vez as persoas encomendadas da xestión dos espazos feiras por parte do Concello de Carballo e as forzas e corpos de seguridade poderán efectuar as inspeccións e comprobacións que sexan precisas para determinar o estado, calidade e procedencia dos produtos comercializados.
Os/as vendedores/as non poderán oporse á inspección nin ao comiso, por causa xustificada, das mercadorías.
A administración local poderá, tamén, en calquera momento durante a vixencia das autorizacións, requirir ás persoas autorizadas a presentar documentación acreditativa do cumprimento da lexislación, así como comprobar estas circunstancias mediante intercambio de datos con outras administracións, sempre co consentimento previo da persoa afectada.
Art 42.- Da incautación de produtos procedentes da venda ambulante.
Procederase á incautación dos produtos procedentes da venda en mercados e feiras da venda ambulante nos seguintes casos:
a) Cando os servizos veterinarios determinen a retirada da venda de produtos alimenticios.
b) Cando a venda ambulante se realice fóra das horas, días ou lugares establecidos, e se faga caso omiso á indicación de cese da actividade, ou sen a oportuna licenza municipal, ou cando se vendan produtos distintos dos autorizados.
c) Cando non se facilite, a petición de axentes da autoridade, factura ou calquera documento que acredite a orixe ou a procedencia do produto en venda.
d) Cando se perturbe gravemente o funcionamento da actividade feiral e se faga caso omiso ás indicacións dos/as axentes da autoridade ao respecto.
e) Cando por razóns extraordinarias se requira para a retirada do posto e se desobedezan as indicacións dos/as axentes da autoridade.
A incautación, cando proceda nalgún dos casos anteditos, realizarase polos servizos municipais, expedíndose a oportuna acta de incautación. Os produtos incautados serán depositados en dependencias municipais.
O destino dos produtos alimenticios incautados será decidido polos servizos veterinarios, quen determinarán a súa destrución, analítica ou calquera outra actuación respecto diso.
Os produtos que non se atopen referidos no parágrafo anterior serán devoltos aos/ás seus/súas vendedores/as, cando sexa solicitado e desaparezan as causas que motivaron a súa incautación, e unha vez aboada a sanción que, no seu caso, se impoña. Cando se dubide da súa procedencia, realizaranse as oportunas dilixencias para o esclarecemento da súa orixe.
DISPOSICIÓNS
DISPOSICIÓN ADICIONAL
O previsto nesta ordenanza enténdese sen prexuízo do que se estableza na lexislación sectorial ou xeral que sexa de aplicación en cada caso.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
A entrada en vigor da presente ordenanza conlevará a derrogación da redacción anterior da ¿Ordenanza municipal reguladora das feiras de mercados periódicos e da venda ambulante no termo municipal de Carballo" (texto definitivo publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 09 de febreiro de 2009).
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
Esta ordenanza entrará en vigor unha vez sexa publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e transcorra o prazo previsto no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez sexa publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e transcorra o prazo previsto no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:
¿¿..Las ordenanzas,
incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los
acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de
los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no
entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya
transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales
que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: ¿El
requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime
vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la
recepción de la comunicación del acuerdo."