Malpica de Bergantiños - ORDENANZA REGULADORA DO BANCO DE ALIMENTOS DO CONCELLO DE MALPICA DE BERGANTIÑOS

Publicación provisional: 02/06/2022 BOP Nº: 104
Publicación definitiva: 26/08/2022 BOP Nº: 162
Aplicable dende: 16/09/2022

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, encomenda aos poderes públicos de Galicia a obriga de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, debendo remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitando a participación de todos os galegos e todas as galegas na vida económica, cultural e social.

O artigo 27 da norma estatutaria no seu apartado 23, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter exclusivo, a competencia en materia de asistencia social. Por outra banda, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de Réxime Local, establece no seu artigo 25.2 como competencia municipal a avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 4, establece que o sistema galego de servizos sociais rexerase, entre outros, polos principios de prevención, acción integral e personalizada, autonomía persoal e vida independente, integración e normalización, coordinación e planificación. Ademais no capítulo II do título I da devandita Lei faise referencia ao catálogo de servizos sociais, e concretamente, no artigo 21.2 b) inclúense dentro das prestacións económicas as axudas de emerxencia e necesidade social.

A presente ordenanza ten como obxectivo determinar dunha maneira clara e precisa as condicións de acceso e requisitos para ser beneficiario/a do banco de alimentos municipal; establecer un procedemento estandarizado/regrado para a resolución das axudas solicitadas; establecer o réxime de obrigas e dereitos dos/das beneficiarios/as e o establecemento dun réxime de seguimento pola administración.

Estas cuestións deben ser reguladas por ordenanza xa que os destinatarios (os/as perceptores/beneficiarios/as da axuda) son unha pluralidade indeterminada de persoas, sendo a actuación municipal susceptible de sucesivas aplicacións. Polo tanto, debe ser coñecido de ante man polos potenciais beneficiarios/as as condicións/requisitos de acceso; o dereito que lles asiste de acceder ao banco de alimentos; ser coñecedores dos dereitos/deberes que se derivarán de ser beneficiarios, así como, ser coñecedores dos trámites e o procedemento a seguir por esta administración ata ditar a oportuna resolución e o seguimento que se realizará.

De acordo cos principios de necesidade e eficacia, esta iniciativa normativa se encontra xustificada por unha razón de interese xeral, sendo o instrumento axeitado para solucionar os problemas detectados ao establecer un marco normativo no que se definen os dereitos e deberes dos solicitantes/beneficiarios/as e se establece o correspondente procedemento regrado/estandarizado que permita ditar a oportuna resolución a esta administración, así como, establecer o seguimento que se realizará por esta. Estes aspectos/obxectivos fan que quede descartada unha solución non regulatoria.

Artigo 1.- Obxecto

O obxecto da presente ordenanza é regular o acceso e requisitos para ser beneficiario do reparto dos alimentos que se reciben varias veces ao ano da Unión Europea, xunto cos que o Concello poida entregar cada quincena.

Artigo 2.- Beneficiarios/as

Poderán beneficiarse das axudas citadas no punto anterior as persoas individuais ou unidades familiares do Concello de Malpica de Bergantiños.

Entenderase por unidade familiar o núcleo de convivencia composto por dúas ou máis persoas vinculadas por matrimonio ou calquera outra relación análoga de afectividade por adopción, acollemento ou parentesco de consanguinidade e afinidade ate o terceiro grao.

Artigo 3.- Requisitos dos/das solicitantes

Os/as solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

1.- Ser maior de idade ou menor emancipado/a.

2.- Estar empadroado e ter residencia efectiva no Concello de Malpica de Bergantiños de forma ininterrompida ao menos cun ano de antigüidade no momento da solicitude.

3.- Acreditar a situación de necesidade de alimentos.

4.- Que a unidade familiar non dispoña dos ingresos suficientes para afrontar a cobertura desta necesidade básica, segundo o establecido na táboa que a continuación se presenta.

NÚMERO DE CONVIVENTES

LÍMITE DE INGRESOS

1

IPREM

2

Ata o 1.25% do IPREM

3

Ata o 1.50% do IPREM

4

Ata o 1.75% do IPREM

5

Ata o 2.00% do IPREM

6

Ata o 2.25% do IPREM

7 ou máis

Ata o 2.25% do IPREM

O IPREM de referencia será o IPREM anual formado por 14 pagas.

Para o cálculo teranse en conta os ingresos que perciba no momento da solicitude a persoa solicitante ou as persoas que constitúan a unidade familiar en concepto de retribucións, rendas, prestacións, axudas, subsidios por calquera outro concepto .

Artigo 4.- Tipoloxía da axuda

As axudas consisten no reparto directo ás persoas ou familias beneficiarias dos alimentos.

Artigo 5.- Incompatibilidades

Ter percibidas, aprobadas ou pendentes de aprobación outras axudas polo mesmo concepto, por parte doutros organismos, entidades ou administracións públicas, que cubran esta necesidade.

Artigo 6.- Procedemento

6.1.-Inicio

O procedemento iniciarase mediante impreso de solicitude presentado no rexistro do Concello coa debida documentación relativa a todos os membros da unidade familiar:

· Fotocopia do DNI/NIE e/ou do libro de familia se é o caso.

· Declaración das axudas recibidas polos mesmos conceptos no ano en curso.

· Declaración da renda do último exercicio ou certificado de imputación de rendas.

· Xustificantes dos ingresos económicos actuais a través de certificados de pensións, nóminas dos últimos doce meses, tarxeta de demanda de emprego e/ou certificado do Servizo Público de Emprego das prestacións por desemprego, extractos das cantas bancarias dos últimos doce meses, etc.

· Declaración responsable do solicitante ou membro afectado da unidade familiar na que se faga constar, no seu caso, a carencia absoluta de ingresos.

6.2.-Instrución

Darase traslado da solicitude ao departamento de servizos sociais onde un/unha traballador/ a social procederá á comprobación dos datos proporcionados e á valoración técnica da necesidade, podendo solicitar canta información considere precisa para o correcto diagnóstico da situación e emitirá un informe social coa valoración correspondente.

No procedemento de valoración, teranse en conta dous factores:

Valoración económica: Procederase ao cálculo da capacidade económica segundo o baremo do solicitante e dos demais membros que compoñan a unidade familiar.

Entenderanse como ingresos da unidade familiar todos os ingresos obtidos por cada un dos membros da mesma en relación aos últimos 12 meses (rendementos do traballo, prestacións de desemprego, pensións, etc...) o total dos ingresos anuais dividiranse entre o número de integrantes da unidade familiar obtendo así os ingresos per capita desta.

Excepcionalmente, cando existan cambios substanciais na renda familiar dentro dos últimos doce meses cunha previsión de permanencia no tempo, poderanse ter en conta unicamente os ingresos relativos ao último trimestre da unidade familiar pola dita situación.

Valoración social: O órgano instrutor procederá á comprobación dos datos proporcionados e á valoración técnica da necesidade, a través das técnicas e instrumentos propios da profesión coa finalidade de emitir un correcto diagnóstico social da situación. Unha vez efectuada a valoración, o/a traballador/a social emitirá informe social coa valoración correspondente.

Artigo 7.- Resolución

O prazo para ditar resolución será de tres meses desde a presentación da solicitude.

A resolución deberá ser notificada ao beneficiario xunto co réxime de recursos correspondente. A notificación cursarase no prazo de dez días a partir da data de resolución no que deberá constar datos identificativos do expediente e a motivación da concesión ou denegación.

Artigo 8.- Repartos

Unha vez se reciban no Concello os alimentos designados a tal efecto, procederase á preparación dos paquetes, por traballadores/as municipais, para a distribución dos mesmos entre os beneficiarios/as do programa, que deberán pasar a recollelos nas datas e horarios segundo se lles notifique.

En casos excepcionais, para aqueles usuarios do programa que xustifiquen importantes dificultades de desprazamento para recoller os alimentos, realizarase un reparto a domicilio, sempre e cando as posibilidades e recursos desde o Concello o permitan.

Artigo 9.- Seguimento

Levarase a cabo un seguimento do programa unha vez ao ano, no último trimestre, no cal enviarase a cada beneficiario un escrito no que se requirirá a documentación necesaria para a comprobación de que segue tendo dereito ao servizo.

Artigo 10.- Obrigas dos/das beneficiarios/as

Os/as beneficiarios/as das axudas estarán abrigados/as a:

- Destinar a axuda ao fin para o que foi concedida.

- Escolarizar aos menores que estean en idade escolar obrigatoria garantindo a súa asistencia ao centro correspondente.

- Non exercer a mendicidade nin a prostitución, nin inducir á practica de calquera delas a ningún membro da unidade de convivencia.

- Permitir e facilitar o labor do/a traballador/a social para verificar a súa situación familiar e económica.

- Cumprimento das condicións que se establezan para a concesión das axudas destinadas a superar a situación de necesidade (formación, busca activa de emprego, etc).

- Comunicar ao departamento de servizos sociais as variacións sobrevidas que poidan dar lugar á modificación ou extinción da axuda .

- No momento da entrega dos alimentos terán a obriga de cargar e/ou descargar os alimentos que lle pertenzan, o concello non disporá de traballadores/as para ese fin.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.