Malpica de Bergantiños - ORDENANZA REGULADORA DA CESIÓN DE ARTIGOS DE APOIO TÉCNICO A DEPENDENTES PROPIEDADE DO CONCELLO DE MALPICA DE BERGANTIÑOS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, encomenda aos poderes públicos de Galicia a obriga de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, debendo remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitando a participación de todos os galegos e todas as galegas na vida económica, cultural e social.
O artigo 27 da norma estatutaria no seu apartado 23, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter exclusivo, a competencia en materia de asistencia social. Por outra banda, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de Réxime Local, establece no seu artigo 25.2 como competencia municipal a avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 4, establece que o sistema galego de servizos sociais rexerase, entre outros, polos principios de prevención, acción integral e personalizada, autonomía persoal e vida independente, integración e normalización, coordinación e planificación. Ademais no capítulo II do título I da devandita Lei faise referencia ao catálogo de servizos sociais, e concretamente, no artigo 21.2 b) inclúense dentro das prestacións económicas as axudas de emerxencia e necesidade social.
A presente ordenanza ten como obxectivo determinar dunha maneira clara e precisa as condicións de acceso e requisitos para ser beneficiario/usuario/a da cesión/préstamo de artigos de apoio técnico a persoas dependentes; establecer un procedemento estandarizado/regrado para a resolución das cesións/préstamos solicitados; establecer o réxime de obrigas e dereitos dos beneficiarios/usuarios/as e o establecemento dun réxime de seguimento pola administración.
Estas cuestións deben ser reguladas por ordenanza xa que ten como destinatarios (os/as beneficiarios/usuarios/as da cesión/préstamo dos artigos de apoio técnico) son unha pluralidade indeterminada de persoas, sendo a actuación municipal susceptible de sucesivas aplicacións. Polo tanto, debe de ser coñecido de ante man polos/as potencias beneficiarios/as as condicións/requisitos de acceso: o dereito que lles asiste de acceder a dita cesión/préstamo; ser coñecedores dos dereitos/deberes que se derivarán de ser beneficiarios/usuarios/as da cesión/préstamo dos citados artigos, así como, ser coñecedores dos trámites e o procedemento a seguir por esta administración ata ditar a oportuna resolución e o seguimento que se realizará.
De acordo cos principios de necesidade e eficacia, a iniciativa normativa se encontra xustificada por unha razón de interese xeral, sendo o instrumento axeitado para solucionar os problemas detectados ao establecer un marco normativo no que se definen os dereitos e deberes dos solicitantes/beneficiarios/usuarios/as e se establece o correspondente procedemento regrado/estandarizado que permita ditar a oportuna resolución a esta administración, así como, establecer o seguimento que se realizará por esta. Estes aspectos/obxectivos fan que quede descartada unha solución non regulatoria.
Artigo 1.- Obxecto
O obxecto da presente ordenanza é regular as condicións e requisitos de uso temporal dos artigos de axuda técnica dos que é propietario o Concello de Malpica.
O Concello opta por destinar o citado mobiliario/artigos para o uso inmediato e provisional do mesmo, a condición de que estea dispoñible, asegurando ás persoas dependentes que presentan unha situación económica con recursos insuficientes para a adquisición deste recurso en beneficio do seu coidado e de mellorarlle a calidade de vida.
Artigo 2.- Beneficiarios/as
Poderán beneficiarse da cesión/préstamo da axuda citada no punto anterior as persoas individuais ou unidades familiares do Concello de Malpica de Bergantiños. Entenderase por unidade familiar o núcleo de convivencia o composto por dúas ou máis persoas vinculadas por matrimonio ou calquera outra relación análoga de afectividade, por adopción, acollemento ou parentesco por consanguinidade e/ou afinidade ata o terceiro grao.
Artigo 3.- Requisitos dos solicitantes
Os/as solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
1.- Ser maior de idade ou menor emancipado/ a.
2.- Estar empadroado e ter residencia efectiva no Concello de Malpica de Bergantiños de forma ininterrompida, ao menos, con un ano de antigüidade no momento da solicitude.
3.- Acreditar a situación de dependencia.
4.- Que a unidade familiar non dispoña dos ingresos suficientes para afrontar o custe da axuda técnica.
NÚMERO CONVIVENTES | LÍMITE DE INGRESOS |
1 | Ata o 75% do IPREM |
2 | Ata o 90% do IPREM |
3 | Ata o 105% do IPREM |
4 | Ata o 120% do IPREM |
5 | Ata o 135% do IPREM |
6 | Ata o 150% do IPREM |
7 | Ata o 165% do IPREM |
8 | Ata o 180% do lPREM |
9 ou máis | Ata o 195% do IPREM |
O IPREM de referencia será o IPREM anual formado por 14 pagas.
Para o cálculo teranse en conta os ingresos que perciba no momento da solicitude a persoa solicitante e as persoas que constitúan a unidade familiar en concepto de retribucións, rendas, prestacións, axudas ou subsidios.
Artigo 4.- Tipoloxía da axuda
A axuda consisten en dotar á persoa solicitante da axuda técnica necesaria acorde ao seu grao de dependencia (andador, cadeira de rodas, cama articulada, grúa....)
As camas serán cedidas sen colchón, sendo asumido o custe do mesmo polo beneficiario.
Artigo 5.- Incompatibilidades
Ter recibido axudas polo mesmo concepto, por parte doutros organismos entidades ou administracións públicas, que cubran esta necesidade.
Artigo 6.- Procedemento
6.1.- Inicio
O procedemento iniciarase mediante impreso de solicitude presentado no rexistro do Concello coa debida documentación relativa a todos os membros da unidade familiar:
- Fotocopia do DNI/NIE e/ou do libro de familia se é o caso.
- Declaración da renda do último exercicio ou certificado de imputación de rendas.
- Xustificantes dos ingresos económicos actuais a través de certificados de pensións, nóminas dos últimos doce meses, tarxeta de demanda de emprego e/ou certificado do Servizo Público de Emprego das prestacións por desemprego, extractos das contas bancarias dos últimos doce meses, etc.
- Declaración responsable do solicitante ou membro afectado da unidade familiar na que se faga constar, no seu caso, a carencia absoluta de ingresos.
6.2.- Instrución
Darase traslado da solicitude ao departamento de servizos sociais onde un/unha traballador/ a social procederá á comprobación dos datos proporcionados e á valoración técnica da necesidade, podendo solicitar canta información considere precisa para o correcto diagnóstico da situación e emitirase un informe social coa valoración correspondente.
No procedemento de valoración, teranse en canta dous factores:
Valoración económica: Procederase ao cálculo da capacidade económica segundo o baremo indicado con anterioridade, do solicitante e dos demais membros que compoñan a unidade familiar.
Entenderanse como ingresos da unidade familiar todos os ingresos obtidos por cada un dos membros da mesma en relación aos últimos 12 meses (rendementos do traballo, prestacións de desemprego, pensións, etc...) o total dos ingresos anuais dividiranse entre o número de integrantes da unidade familiar obtendo así os ingresos per capita desta.
Excepcionalmente, cando existan cambios substanciais na renda familiar dentro dos últimos doce meses cunha previsión de permanencia no tempo, poderanse ter en conta unicamente os ingresos relativos ao último trimestre da unidade familiar pola dita situación.
Valoración social: O órgano instrutor procederá á comprobación dos datos proporcionados e á valoración técnica da necesidade, a través das técnicas e instrumentos propios da profesión coa finalidade de emitir un correcto diagnóstico social da situación. Unha vez efectuada a valoración, o/a traballador/a social emitirá informe social coa valoración correspondente.
Artigo 7.- Resolución
O prazo para ditar resolución será de tres meses desde a presentación da solicitude.
A resolución deberá ser notificada ao beneficiario xunto co réxime de recursos correspondente. A notificación cursarase no prazo de dez días a partir da data de resolución no que deberá constar datos identificativos do expediente e a motivación da concesión ou denegación.
Artigo 8.-Dotación do equipo técnico solicitado
Unha vez se reciban no Concello a petición para a cesión/préstamo dos apoios técnicos e sexa avaliada por o/a traballador/a social, un/uns operario/s transportarán á dirección indicada os artigos solicitados, sempre que estean dispoñibles, senón quedará en lista de agarda.
En casos excepcionais, para aquel usuario e/ou convivinte que xustifique importantes dificultades para axudar a carga e descarga dos artigos e a colocación e montaxe dentro da vivenda, realizarano os operarios, sempre e cando as posibilidades e recursos desde o Concello o permitan.
Artigo 9- Seguimento
Levarase a cabo un seguimento unha vez ao ano, no último trimestre, no cal enviarase a cada beneficiario un escrito no que se requirirá a documentación necesaria para a comprobación de que segue tendo dereito ao servizo.
Artigo 10.- Obrigas dos/das beneficiarios/as
Os/as beneficiarios/as da cesión/préstamo estarán abrigados/as a:
· Permitir e facilitar o labor do/a traballador/a social para verificar a súa situación familiar e económica.
· No momento de que o beneficiario deixe de necesitar o apoio técnico, sexa por melloría, cambio de domicilio a outro municipio, falecemento, etc..., deberá de ser devolto na maior brevidade posible aos servizos sociais municipais.
· Responsabilizarse do bo uso do apoio técnico, así como mantelo en óptimas condicións. Se o artigo mostra algunha deficiencia por un mal uso, o concello reservase o dereito de demandar o custe da reparación ou da substitución do mesmo ao beneficiario ou convívente.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
¿El requerimiento deberá
ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en
el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del
acuerdo."
Ó no ter coñecemento da
fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia
Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo
de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.