Ponteceso - Ordenanza fiscal nº 11, reguladora da taxa por postos, barracas, casetas de venda, espectáculos ou atraccións situadas en terreos de uso público e industrial na rúa e ambulantes
Artigo 1.º .-Fundamento e natureza.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 27 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, modificada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, este Concello establece a taxa por postos, barracas, casetas de venda, espectáculos ou atraccións situadas en terreo de uso público e industrias na rúa e ambulantes, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, na que as súas normas atenden ó previsto no artigo 58 da citada Lei 39/1988.
Artigo 2.º .-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible da taxa a instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos ou atraccións situadas en terreo de uso público e industrias na rúa e ambulantes, de conformidade co disposto no artigo 20.3 n) da Lei 39/1988.
Artigo 3.º .-Suxeito pasivo.
Son suxeitos pasivos da presente taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, que gocen, utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local, a favor das cales se outorguen as licencias, ou quen se beneficie do aproveitamento, se se procedeu sen a oportuna autorización.
Artigo 4.º .-Responsables.
1. Responderán solidariamente das obrigas do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.
2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.
Artigo 5.º .-Cota tributaria
1. A cota tributaria correspondente á taxa regulada na presente ordenanza será a que resulte da aplicación das seguintes tarifas:
Epígrafe | Euros | |
Diario | Anual | |
1.-Licencias para a ocupación de terreos destinados a tómbolas, rifas, vendas rápidas e similares. Por cada m2 ou fracción | 0,97 | 219,37 |
2.-Licencias para a ocupación de terreos dedicados a bambáns, aparellos voadores, casetas de tiro, carruaxes, xogos de cabaliños, coches de choque e, en xeral, calquera clase de aparello de movemento. Por cada m2 ou fracción | 0,97 | 219,37 |
3.-Licencia para a ocupación de terreos destinados a teatros, circos e, en xeral, calquera clase de espectáculos. Por cada m2 ou fracción | 0,97 | 219,37 |
4.-Licencias para a ocupación de terreos destinados á instalación de restaurantes, bares, polbeiras, tabernas e similares. Por cada m2 ou fracción | 0,97 | 219,37 |
5.-Licencias para a ocupación de terreos con camións ou vehículos para a venda de bocadillos, hamburguesas, chocolates, refrescos, bebidas, froitas, etc. Por cada m2 ou fracción | 0,97 | 219,37 |
A superficie computable será a que realmente ocupe o vehículo máis unha franxa de terreo de un metro de anchura, paralela ó fronte da liña exterior ó mostrador ou instalación que se utilice para o uso ou servicio do público | 0,97 | 219,37 |
6.-Licencias para a ocupación de terreos destinados á instalación de chocolatería, masa fritida, patacas fritidas, xelados e algodón en doce. Por cada m2 ou fracción | 0,97 | 219,37 |
7.-Licencias para a ocupación de terreos destinados á instalación de postos para a venda de turróns, melindres, doces, froitos secos, froitas e hortalizas, queixos, ovos, patacas e calquera outro producto comestible. Por cada m2 ou fracción | 0,97 | |
8.-Licencias para a ocupación de terreos destinados á instalación de casetas ou postos para a venda de xoguetes, cerámicas, quincalla e calquera outro producto ou artigo non comestible. Por cada m2 ou fracción | 0,97 | |
9.-Fotógrafos, debuxantes e caricaturistas | 0,97 | |
Os artefactos que se utilicen como complemento das súas actividades pagarán por m2 ou fracción | 0,30 | |
10.-Licencias para a venda ambulante, ó brazo, de globos, bastóns, barquiños e calquera outra clase de artigos | 0,30 | |
11.-Licencias para a ocupación de terreos destinados a despachos para a venda de entradas das instalacións de aparellos, espectáculos, teatros, circos, etc., sempre que estean colocados fóra da superficie subhastada ou adxudicada. Por cada m2 ou fracción | 0,30 | |
12.-Licencias para a instalación de aparellos automáticos accionados por moedas para entretemento, recreo ou venda. Por cada m2 ou fracción | 0,15 | |
13.-Licencia para ocupacións de terreos con postos para a venda de libros, revistas, etc. Por cada m2 ou fracción | 0,30 | |
14.-Pola ocupación da vía pública ou terreos de uso público para a rodaxe de películas. Por cada m2 ou fracción | 1,20 | |
Cota mínima deste epígrafe |
O Concello poderá establecer, para determinada tempada, os terreos municipais de uso público nos que permitirá a instalación de teatros, cinematógrafos, circos ou outros espectáculos e adxudica-los ditos terreos mediante licitación, conforme ás vixentes normas de contratación municipal.
As adxudicacións faranse por tempada concreta, con expresión de data a data e, se a ocupación continuase pasado o último día, liquidaranse os días de prórroga proporcionalmente ó prezo ó que fose adxudicado.
Os dereitos fixados na tarifa anterior, así como o importe da adxudicación mediante subhasta, enténdense pola concesión da ocupación, independentemente de que a actividade se leve ou non a cabo, polo que non se poderá conceder bonificación ningunha por causas de choivas, restriccións na subministración de enerxía eléctrica ou calquera outra de forza maior.
As instalacións terán que ser montadas e desmontadas no prazo máximo de dous días, antes e despois respectivamente, do tempo polo que se faga a adxudicación ou se conceda a licencia, percibindo, noutro caso, os dereitos correspondentes por cada día de exceso.
2.-Normas de aplicación das tarifas:
A) As contías esixibles de acordo coa tarifa liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou efectivamente realizado.
B) As persoas interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta ordenanza fiscal deberán solicitar previamente a correspondente licencia e realiza-lo depósito previo a que se refire o artigo 26.1 a) da Lei 39/1988, do 28 de decembro, na redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo.
C) As licencias para os aproveitamentos regulados na presente ordenanza concederanse inicialmente polo prazo indicado na solicitude de licencia. Unha vez autorizada a ocupación, entenderase prorrogada por días naturais, mentres non se presente a declaración de baixa.
D) A presentación da baixa terá efectos a partir do día seguinte ó da súa presentación. Sexa cal sexa a causa que se alegue en contrario, a non presentación da baixa determinará a obriga de continuar aboando a taxa.
Artigo 6.º .-Exencións e bonificacións.
Non se concederá exención nin bonificación ningunha na exacción da presente taxa.
Artigo 7.º .-Percepción e período impositivo.
A percepción da presente taxa prodúcese:
A) Tratándose de novos aproveitamentos da vía pública: no momento de inicia-lo aproveitamento do dominio público local, previa solicitude e concesión da correspondente licencia.
B) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados: o día un de xaneiro de cada ano natural e o período impositivo comprenderá o ano natural, agás nos supostos de inicio ou cese na utilización privativa ou aproveitamento especial, nos que o período impositivo se axustará a esa circunstancia co conseguinte rateo da cota por meses naturais.
Artigo 8.º .-Normas de xestión
1.-De conformidade co previsto no artigo 24.5 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na súa redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo, cando a utilización privativa ou aproveitamento especial regulados na presente ordenanza leve aparellada a destrucción ou deterioro do dominio público local, o beneficiario, sen prexuízo do pagamento da taxa a que houbera lugar, estará obrigado ó reintegro do custo total dos respectivos gastos de reconstrucción ou reparación e ó depósito previo do seu importe.
Se os danos fosen irreparables, o Concello será indemnizado en contía igual ó valor dos bens destruídos ou ó importe do deterioro dos danados.
O Concello non poderá condonar total ou parcialmente as indemnizacións e reintegros a que se refire o presente apartado.
2.-As cantidades esixibles de conformidade coas tarifas liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado.
3.-As persoas interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta ordenanza deberán solicitar previamente a correspondente licencia mediante instancia dirixida ó alcalde. Os Servicios técnicos do Concello comprobarán e investigarán as declaracións que formulen os interesados, concedéndose as autorizacións no caso de non atopar diferencias coas peticións de licencias. De darse diferencias, notificaranse ós interesados e xiraránselles, de se-lo caso, as liquidacións complementarias que procedan. Unha vez emendadas as diferencias, concederanse as autorizacións e, de se-lo caso, os interesados farán os ingresos complementarios que procedan.
No caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicitar ó Concello a devolución do ingresado.
4.-Non se consentirá ningunha ocupación de terreos de uso público ata que non se teña aboado o correspondente importe e ata que os interesados non obteñan a licencia correspondente, de conformidade co previsto no artigo 26.1 b) da Lei 39/1988, do 28 de decembro.
5.-As autorizacións terán carácter persoal e non poderán ser cedidas ou subarrendadas a terceiros. O incumprimento deste mandato dará lugar á anulación da licencia, sen prexuízo das contías que teñan que aboa-los interesados.
Artigo 9.º .-O pagamento.
O pagamento da presente taxa realizarase:
a) Tratándose de autorizacións de novos aproveitamentos ou de aproveitamentos con duración limitada, o depósito previo efectuarase mediante transferencia bancaria, sempre antes de retira-la correspondente licencia, de conformidade co establecido no artigo 26.1.a) da Lei 39/1988, do 28 de decembro.
b) Tratándose de autorizacións xa concedidas e prorrogadas sen duración limitada, unha vez incluídas nos correspondentes padróns ou matrículas deste taxa, as cotas serán obxecto de liquidación de ingreso por recibo nas entidades colaboradoras sinaladas para tal efecto e durante o prazo establecido polo Concello no seu calendario fiscal.
As cotas liquidadas e non satisfeitas no período voluntario faranse efectivas pola vía de constrinximento, consonte coas normas do Regulamento xeral de recadación.
Artigo 10.º .-Infraccións e sancións.
No relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como ás sancións que as mesmas correspondan de se-lo caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria, conforme ordena o artigo 11 da Lei 39/1988, do 28 de decembro.
Disposicións finais.
1.-Dereito supletorio.-No non expresamente previsto na presente ordenanza rexerán os preceptos contidos na sección terceira, do capítulo III, título I da Lei 39/1988, concordantes e complementarios desta, e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións dictadas para o seu desenvolvemento.
2.-Vixencia.-A presente ordenanza entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, comezará a aplicarse a partir do 1 de xaneiro de 2002 e permanecerá en vigor en tanto non se acorde a súa derrogación ou modificación expresa.
3.-Aprobación.-A presente ordenanza consta de 10 artigos e unha disposición final e foi aprobada polo Concello en pleno na sesión celebrada o día 15 de novembro de 2001.
4.-Queda derrogada expresamente a Ordenanza fiscal número 11, reguladora do prezo público por postos, barracas, casetas de venda, espectáculos ou atraccións situadas en terreos de uso público e industrias da rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica, aprobada polo Concello pleno na sesión do 13 de novembro de 1989 e publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia número 298 bis, do 30 de decembro de 1989, que quedará sen efectos no momento da entrada en vigor da presente ordenanza fiscal.