Cee - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DA GARDERÍA MUNICIPAL

Publicación provisional: 05/02/2012 BOP Nº: 44
Publicación definitiva: 27/04/2012 BOP Nº: 80
Aplicable dende: 01/09/2022

Artigo 1.-Fundamento legal.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo art. 106 da Lei 7/85, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 e 19, en relación co art. 20 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, o Concello de Cee establece a taxa por prestación do servizo da escola infantil municipal, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.

Artigo 2.-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo da escola infantil municipal.

Artigo 3.-Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servicio que constitúe o feito impoñible desta taxa.

Artigo 4.-Responsables.

Responderán solidariamente das obrigacións tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas ou xurídicas que son causantes ou colaboran na realización dunha infracción tributaria.

Artigo 5.- Prezo da atención educativa

5.1 Prezo

Taxa por matrícula de ingreso por neno/a: 30€.

O prezo da atención educativa en xornada completa (8 horas) fíxase, como máximo, en 169,26€.

O prezo da atención educativa en media xornada (4 horas, horario de mañá ou tarde) fíxase, como máximo, en 84,63€.

Segundo o nivel de renda da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no punto 5.3

5.2 Horario ampliado

O prezo mensual de cada hora no que se incremente o horario de atención educativa adxudicado ó usuario ou usuaria será de 21,16€.

O prezo da hora extraordinaria non estará suxeito a ningunha redución.

5.3 Reducións

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre estas tarifas, a excepción da taxa de matrícula e o prezo da hora extraordinaria, aplicaranse os seguintes prezos mensuais reducidos segundo os tramos de renda per cápita da unidade familiar:

a) Rendas inferiores ao 50% do IPREM: 0€ /mes

b) Rendas comprendidas entre o 50% e inferiores ao 75% do IPREM: 34,91€/mes (17,45€ para media xornada, 4 horas)

c) Rendas comprendidas entre o 75 % e inferiores ao 100% do IPREM: 69,81€/mes (34,90 para media xornada, 4 horas)

d) Rendas comprendidas entre o 100% e inferiores ao 125% do IPREM: 112,13€ (56,06€ para media xornada, 4 horas)

e) Rendas comprendidas entre o 125% e inferiores ao 150% do IPREM: 133,29€ (66,64 para media xornada, 4 horas)

f) Rendas comprendidas entre o 150% e o 200% do IPREM: 147,05€ (73,52€ para media xornada, 4 horas)

g) Rendas superiores ao 200% do IPREM: 169,26€ (84,63€ para media xornada, 4 horas)

5.4 Descontos

A) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto no punto anterior, aplicaranse os seguintes descontos que non son acumulables entre sí:

a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 por cento.

b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 por cento.

c) Cando asistan ao mesmo centro varios irmáns, o segundo e sucesivos terán un desconto dun 20 por cento

Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de Novembro, de protección as familias numerosas.

Para a aplicación dos descontos teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude da praza na escola infantil, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da presentación da declaración do IRPF.

B) Cando por circunstancias sobrevidas a nena o unen ingrese no centro con posterioridade ó día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50%.

5.5 Exencións

a) As familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais desfrutarán da exención total da cota a partires da segunda filla ou fillo que acuda á mesma escola infantil.

b) As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda desfrutarán, así mesmo, da exención total da cota»

Para o cálculo do IPREM tómase como base a renta per cápita resultante.

Establécese unha bonificación da cota do 100% no caso de ser concedida a subvención establecida na Orde anual da Consellería de Política Social e Xuventude para o funcionamento e gratuidade das escolas infantís, en aras do establecido para cada ano pola Lei de medidas fiscais e administrativas de Galicia. A bonificación será para un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias.

Artigo 6.-Revisión da tarifa

Ó longo do curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, sempre que se produzan e xustifiquen variacións nas circunstancias económicas ou familiares. A comisión revisará a tarifa anualmente.

Artigo 7.-Retribución e período impositivo.

A taxa retribuirase cando se inicie a prestación do servicio. O período impositivo coincide co ano natural, rateado por meses.

Artigo 8.-Liquidación, recadación e xestión.

A liquidación da cota tributaria practicarase, se precede, por meses naturais e deberanas aboa-los interesados nos dez primeiros días de cada mes, en calquera oficina bancaria na que teña conta este Concello ou nas oficinas municipais (so en casos excepcionais a criterio da tesourería).

As baixas durante o curso deberán notificarse ó Concello antes do día 15 do mes anterior á baixa.

Non se aboará a tarifa que corresponda ó mes en que o centro permaneza pechado por razóns de vacacións de verán. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

A inasistencia do usuario ó centro durante un período determinado, non supón redución ningunha, nin extinción da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Artigo 9.-Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións estarase ó disposto na Lei Xeral Tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

Disposicións

Disposición Adicional

As taxas establecidas na presente ordenanza entrarán en vigor unha vez publicada está íntegramente no BOP da provincia e transcorrido o prazo establecido na Lei de Bases de Réxime Local, aplicándose con efectos retroactivos dende o 1 de setembro de 2022, no caso de ser concedida a subvención establecida anualmente pola Consellería de Política Social e Xuventude para o funcionamento e gratuidade das escolas infantís.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia e comezará a rexer a partir do curso escolar 2022 - 2023, sen prexuízo do indicado na disposición Adicional.