Curtis - ORDENANZA REGULADORA DE PRESTACIÓN E AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL DO CONCELLO DE CURTIS
Introducción
Os poderes públicos deberán asegurar a protección social, económica e xurídica da familia, así como a protección das persoas en situación de necesidade, desamparo, circunstancias graves ou de urxente necesidade por carencias económicas e socio-familiares. A Constitución española atribúe a competencia nesta materia a través do artigo 148.1.20 ás Comunidades autónomas e estas, no marco dos seus estatutos, promulgaron as leis de servizos sociais en Galicia, a Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
Pola súa banda, a Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e a lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establecen as competencias dos municipios na prestación de servizos sociais e de promoción e inserción social.
A lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia, establece como principio de responsabilidade pública, entre outros, dispensar especial atención ás familias con dificultades derivadas da súa estrutura ou das súas circunstancias e mais a aquelas que se atopan en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.
Afondando nas competencias que a Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, atribúe aos concellos, sinálase significativamente o disposto no artigo 60 (competencias para a creación, xestión e mantemento de servizos sociais comunitarios básicos), artigo 18 c. (prestacións económicas destinadas a satisfacer necesidades pecuniarias valoradas dos individuos ou das familias e a estimular a súa incorporación social e laboral), artigo 18.3. (recoñecemento efectivo do dereito a unha intervención, un programa, un servizo ou unha prestación de carácter esencial).
As axudas deberán concederse unicamente seguindo os criterios establecidos no presente regulamento, e, tal e como se ven facendo na actualidade, mediante unha valoración profesional que teña en conta a tipoloxía do problema ou a necesidade social que se vaia a cubrir, a pertinencia da axuda económica para dar resposta á demanda ou necesidade, o seu grao de urxencia, a non existencia doutros medios ou recursos para solucionala, a prevención da situacións de risco e/ou desprotección para persoas maiores e a necesidade de evitar deterioración de situacións persoais que poidan rematar en procesos de exclusión social.
Artigo 1. Obxecto.
1. Esta ordenanza ten por obxecto a regulación das axudas municipais destinadas á atención de necesidades sociais, entendendo por tales o conxunto de axudas e prestacións económicas de carácter non periódico destinadas a paliar ou resolver, por sí mesmas ou complementariamente con outros recursos, situacións de emerxencia social, previr situacións de exclusión social e favorecer a plena integración de sectores de poboación que carezan de recursos económicos para a atención das súas necesidades básicas.
2. Estas axudas caracterízanse por:
- o seu carácter finalista, debendo destinarse para satisfacer a necesidade especificamente sinalada no acordo de recoñecemento da axuda, feito que debe quedar acreditado.
- o seu carácter subsidiario, respecto doutras prestacións económicas recoñecidas ou recoñecibles segundo a lexislación vixente.
- o seu carácter personalísimo e intransferíbel.
- o seu carácter transitorio e non periódico.
Artigo 2. Réxime xurídico.
A concesión polo Departamento de Servizos Sociais das prestacións municipais, rexeranse polo disposto na normativa e nas disposicións que se adopten para a súa aplicación e desenvolvemento. En concreto, a presente Ordenanza desenvólvese ao abeiro das facultades que confire a este Concello a normativa vixente, en particular o artigo 25.2.e) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, así como nos artigos 25.1, 27.1, 27.3 c) da mesma Lei, exercitando a potestade normativa que regula o artigo 84.1 da citada Lei 7/1985.
Artigo 3. Beneficiarios.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas individuais ou unidades familiares que carezan de medios económicos e nas que concorran factores de risco social e precisen dunha axuda para satisfacer as súas necesidades básicas, sempre como un apoio á intervención social.
2. Para os efectos desta ordenanza municipal, enténdese por unidade familiar de convivencia ás persoas que vivan soas ou ó conxunto de persoas que convivan no mesmo marco físico e se atopen vinculadas co solicitante por matrimonio ou calquera outra forma de relación estable análoga á conxugal, por adopción ou acollemento ou por parentesco ata o 4.º grao, por consanguinidade, ou ata o 2.º grao, por afinidade.
Cando, por causa de forza maior, accidente ou desafiuzamento, unha familia se vexa obrigada a residir con outra, non perderá a condición de unidade de convivencia independente.
3. Nunha unidade familiar un dos seus membros terá a condición de persoa beneficiaria das axudas, aínda que se outorguen en beneficio da unidade familiar.
Artigo 4. Requisitos dos beneficiarios.
Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) ser maior de idade ou menor emancipado/a.
b) estar empadroado neste municipio cunha antigüidade dun ano. Deste período mínimo están exentos:
- Os/as solicitantes que acrediten unha situación de emigrante retornado.
- Os que anteriormente estivesen acollidos en recursos de aloxamento institucional, sempre e cando fixen a súa residencia no termino municipal.
- As vítimas de violencia de xénero que cambian o seu domicilio por motivos de seguridade.
- As persoas refuxiadas ou con solicitude de asilo en trámite, así como as que teñan autorizada as súa estancia por razóns humanitarias, sempre que en todos os casos cumpran o resto dos requisitos para solicitar a axuda.
- Aqueles supostos distintos dos anteriores que, de modo xustificado, sexan informados favorablemente pola traballadora social de servizos sociais comunitarios.
c) persoas non empadroadas pero que se atopen nesta localidade nunha situación de urxencia persoal, familiar ou social, poderán acceder a aquelas prestacións do sistema de Servizos Sociais que permitan atender dita situación. Esta situación será valorada polo departamento de Servizos Sociais en función da súa gravidade, precariedade e perentoriedade, emitindo o correspondente informe.
d) non ter concedidas axudas para a mesma finalidade por parte doutro organismo, entidade ou administración pública que cubran a totalidade da necesidade pola que se solicita a prestación.
e) non ter solicitado ningún outro membro da unidade familiar de convivencia unha axuda de emerxencia social municipal para mesma finalidade, nos últimos doce meses, agás en casos excepcionais nos que a necesidade sobrevida requira atención urxente e inmediata. Isto sen prexuízo do previsto no artigo 7.
f) Carecer de medios económicos para facer fronte á necesidade de urxencia, de acordo cos baremos do Artigo 5.
g) Atoparse en situación de necesidade avaliada favorablemente pola traballadora social de servizos sociais comunitarios.
Artigo 5. Requisitos económicos dos beneficiarios.
Polo que respecta ás axudas de emerxencia considerase que non se dispón de ingresos suficientes para atender, total ou parcialmente, os gastos específicos de carácter básico cando os recursos económicos mensuais, unha vez descontados, os gastos procedentes da vivenda habitual (préstamo hipotecario ou aluguer) ata un máximo de 300 euros mensuais, non sexan superiores ás porcentaxes o IPREM mensual que se indican:
· O 75% do importe do IPREM por unidade familiar de 1 membro.
· O 85% do importe do IPREM por unidade familiar de 2 membros.
· O 95% do importe do IPREM por unidade familiar de 3 membros.
· O 105% do importe do IPREM por unidade familiar de 4 membros.
· O 115% do importe do IPREM por unidade familiar de 5 membros.
· A partir de unidades familiares de 6 membros, incrementarase o límite económico no 10% do IPREM por cada membro de acordo coa seguinte progresión: unidade familiar de 6 membros: 125 % do IPREM; unidade familiar de 7 membros: 135% do IPREM; e así sucesivamente.
Artigo 6. Cómputo de medios económicos.
Os recursos económicos medios calcularanse de conformidade coas seguintes regras:
a) O total de ingresos que reciba no mes anterior á formulación da solicitude o/a solicitante e as persoas que constitúan a unidade de convivencia en concepto de salarios, rendas, pensións, retribucións, prestacións, axudas, subsidios ou calquera outra. Os ingresos derivados de capital mobiliario valoraranse segundo os datos que figuren a efectos do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) do último exercicio. En caso de haber variacións estas deberán estar debidamente xustificadas.
b) Valoraranse como recursos económicos para a concesión de axudas os bens mobles e inmobles sobre os que se posúan dereitos de propiedade, usufruto, ou calquera outro, que polas súas características, valoración, posibilidade de explotación ou venda, indiquen a existencia de medios económicos da unidade de convivencia, exceptuando a vivenda habitual.
Artigo 7. Tipo de cobertura
1. As Axudas de Emerxencia Social destinaranse á satisfacción dunha necesidade primaria e esencial para a subsistencia da persoa e da súa unidade familiar.
2. Distínguense dentro das axudas de Emerxencia Social dúas modalidades:
a) Axudas de pago único: son de carácter transitorio e motivado por causas excepcionais, de carácter puntual, urxente e debidamente xustificadas, e ata un máximo de unha solicitude por semestre. Este apartado inclúe:
- Falta de cobertura mínima das necesidades básicas de carácter persoal (alimentación, vestido) e débedas ocasionadas por este mesmo concepto.
- Débedas adquiridas por pagos de aluguer, hipoteca, fianza, cotas comunitarias ordinarias e aquelas que por valoración técnica se estimen necesarias no referente ao mantemento e conservación da vivenda.
- Débedas por impagos puntuais de subministros de auga, luz e outras.
- Gastos asociados a altas de contratos de subministración nunha nova vivenda.
- Gastos asociados a débedas de comunidade de propietarios por gastos ordinarios cando exista un requirimento por parte da Comunidade de propietarios con risco de desafiuzamento por este motivos.
- para a adquisición de equipamento básico para o fogar: mobiliario e/ ou electrodomésticos de primeira necesidade.
- para a adquisición de medicinas e débedas ocasionadas por este mesmo concepto, na porcentaxe non cuberta polo sistema público sanitario.
- Falta de capacidade económica para o pago dun aloxamento alternativo (hostal, pensión...) cando sexa imposible a permanencia da persoa no seu domicilio habitual por situación de catástrofe, e/ou situación persoal, familiar, sanitaria ou social.
- Falta de capacidade económica para afrontar os gastos para levar a cabo desenvolvemento do proxecto de intervención social realizado coa persoa ou unidade familiar beneficiaria, incluíndo os desprazamentos encamiñados a reinserción social ou laboral ou por motivos académicos formativos.
- Gastos derivados do risco inminente de imposibilidade de continuar na vivenda habitual e de posibilidade de afrontar os gastos que permitan conservar o dereito ao uso da mesma, sexa cal fose a causa: situacións de emerxencia ou sinistro, tales como incendio, inundación, ruína, desafiuzamento ou outras causas imprevisibles ou inevitables que obrigasen ao abandono da vivenda.
- Gastos relativos á educación de menores da unidade familiar en idade escolar, sempre que non estivesen cubertos por outras axudas públicas e fosen fundamentais para a continuidade da súa asistencia.
- Adaptación funcional da vivenda para persoas que teñan recoñecida a condición sobrevida de discapacidade, ou para aquelas que, aínda non tendo tal condición, teñan graves problemas de mobilidade, sempre que se trate de gastos non Icubertos ou cubertos de forma insuficiente por outras axudas públicas e que se consideren imprescindibles e de primeira necesidade para o desenvolvemento normal da súa vida, sempre que a súa falta de atención puidesen supor un risco para a súa vida e a súa saúde.
- Obras necesarias para a habitabilidade da vivenda, como son reparacións extraordinarias e urxentes necesarias para manter a vivenda en condicións de seguridade, hixiene e salubridade de carácter primario, sempre que a súa falta de atención puidesen supor un risco para a súa vida e a súa saúde, así como instalacións de carácter básico que resulten imprescindibles para a subsistencia en condicións mínimas de habitabilidade da vivenda.
- Outros gastos excepcionais derivados da cobertura de necesidades non recollidos nos anteriores apartados previa valoración do/a traballador/a social do departamento de servizos sociais.
b) Axudas de carácter periódico para a cobertura de necesidades básicas (alimentación, vestido e gastos farmacéuticos, alugueres, p.e.): terán unha duración e periodicidade determinadas que serán fixadas na resolución de concesión, a proposta da traballadora social atendendo o seguimento e evolución de cada caso.
3. Non son susceptibles desta axuda:
- Os gastos derivados de obrigacións tributarias e débedas coa Seguridade Social.
- Os gastos derivados de multas e outras sancións pecuniarias debidas ao incumprimento de Ordenanzas Municipais.
- Os gastos derivados do cumprimento dunha sentencia xudicial condenatoria.
Artigo 8. Contía das axudas
1.- A contía máxima das axudas de emerxencia social será a seguinte:
a) Axudas de pago único: ata un máximo do 100 % do IPREM mensual por solicitude.
b) Axudas de carácter periódico: mediante pagos mensuais, cada un deles de un máximo do 35% do IPREM mensual, ata un máximo de seis mensualidades.
2.- O contido das axudas en concepto de necesidades básicas é pechado e limítase aos produtos recollidos no documento que facilitará a Traballadora Social, agás naquelas situacións nas por prescrición médica ou por razóns doutra natureza debidamente xustificadas e acreditadas, a axuda de alimentos sexa adaptada pola entidade que os subministre, seguindo as instrucións da Traballadora Social de servizos sociais comunitarios.
3.- A concesión das axudas en concepto de necesidades básicas será por un período máximo de seis meses, determinando de xeito motivado a traballadora social a súa duración concreta.
De xeito extraordinario, a duración das axudas poderase prorrogar ata un máximo de tres meses, sempre e cando concorran circunstancias excepcionais apreciadas pola traballadora social de servizos sociais comunitarios.
Artigo 9. Procedemento para concesión de axudas
1. As solicitudes presentaranse ante o Rexistro Municipal do Concello, segundo modelo que será facilitado ao efecto, sen prexuízo do establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
2. De forma excepcional, os expedientes poderán ser incoados de oficio, mediante informe social emitido polo persoal técnico de servizos sociais, cando concorran circunstancias extraordinarias ou urxentes que así o aconsellen.
3. As solicitudes das axudas de emerxencia social poderán presentarse en calquera momento do ano
4. Cando se produza o esgotamento do crédito orzamentario, o órgano concedente acordará a inadmisión de posteriores solicitudes, debendo publicarse o devandito acordo nos mesmos medios que a convocatoria.
Artigo 10. Presentación de solicitudes
1. Xunto á solicitude que se presentará no modelo oficial as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:
a) copia compulsada do DNI de todos os membros da unidade familiar maiores de idade. No suposto de estranxeiros/as, documento acreditativo da súa identidade.
b) copia compulsada do libro de familia ou documentación equivalente e demostrativa da filiación.
c) Copia da sentenza de separación ou divorcio ou do convenio regulador ou documento regulador das relacións paterno-filiais, se é o caso.
d) Certificado de empadroamento e de convivencia no que conste a data de alta.
e) Último recibo aboado do IVTM (no caso de ser titulares de bens).
f) Certificado de bens rústica e urbana
g) Copia do contrato de alugueiro ou do préstamo hipotecario, e os seis últimos xustificantes de pagamento. (se a axuda é por impago, xustificante da débeda contraída)
h) Xustificación de ingresos de todas as persoas integrantes da unidade familiar que se atopen en idade laboral. Para esta xustificación compre presentar a seguinte documentación acreditativa:
- Nóminas
- Declaración da renda
- Certificación de percibir ou non prestacións económicas por parte do Servizo Público de Emprego.
- Certificación de percibir ou non prestacións ou pensións por parte da Seguridade Social.
- Extracto das entidades bancarias nas que confiasen as contas ou depósitos sobre os movementos bancarios existentes nos doce meses anteriores á petición da axudaBOLETÍN OFICIAL DA PROVINCIA DA
i) Declaración xurada de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas polo mesmo concepto polas distintas administracións públicas competentes ou institucións privadas
j) no caso de padecer enfermidade, informe médico emitido polo sistema público de saúde que acredite tal circunstancia
k) certificado de grao de discapacidade e/ ou de dependencia, se é o caso
l) Documentación acreditativa da situación de necesidade determinantes da solicitude. Esta documentación debe ser orixinal, así como o xustificante do custo ou orzamento nos casos que proceda.
m) Certificación da conta bancaria na que deba efectuarse o ingreso, de ser o caso.
2. A situación de emerxencia social acreditarase mediante informe social correspondente. Este informe será elaborado polos/as traballadores/as sociais dos servizos sociais comunitarios básicos. Nel valorarase e verificarase se os datos presentados se axustan aos requisitos establecidos na presente ordenanza e, ademais, terá que conter a proposta de concesión ou denegación da axuda. O informe social será preceptivo e vinculante.
3. Os Servizos Sociais municipais poderán solicitar calquera outro documento que unha vez estudado o expediente, considere necesario para a súa adecuada resolución.
4. Garantirase a confidencialidade dos datos e o seu adecuado procesamento, debendo respectarse en todo caso o establecido na Lei Orgánica de Protección de Datos. A persoa solicitante deberá asinar autorización expresa de tratamento de datos de carácter persoal.
Artigo 11. Instrución e resolución do expediente.
1, Se a solicitude non reúne todos os datos e documentos aludidos anteriormente requirirase á persoa interesada para que, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administrativo Común, no prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, arquivándose esta sen máis trámite nos termos establecidos no artigo 21 da devandita lei.
2, A solicitude e documentación presentada será estudada e valorada polo Departamento de Servizos Sociais do Concello. O persoal técnico emitirá un informe escrito no que se porá de manifesto se a persoa interesada cumpre os requisitos sinalados para percibir as prestacións solicitadas e contempladas no departamento.
3, A Alcaldía, visto o informe social, resolverá a adxudicación das axudas de emerxencia social no prazo máximo dun mes (1 mes). Se transcorrido este prazo non obtén contestación, considerarase desestimada.
Artigo 12. Xustificación.
1, Na resolución de concesión expresarase a obriga da persoa beneficiara de xustificar a aplicación da axuda á situación de necesidade á que se orientaba.
2, A xustificación da axuda realizarase no prazo máximo dun mes (1mes) dende a súa concesión, mediante a presentación de facturas, recibos ou xustificantes que acrediten de forma fidedigna os gastos realizados.
3, No caso de pagos fraccionados o prazo de xustificación será de quince días (15 días) dende o momento de cada pago parcial.
4, As facturas e xustificantes presentados a efectos da xustificación deberán ser orixinais e conter, como mínimo, os datos do seu emisor e destinatario, facendo constar o seu número de identificación fiscal, o ben ou servizo obxecto da contraprestación e o importe do mesmo, con expresión da parte correspondente ao IVE, e a data de expedición da mesma.
5, Dado o carácter destas axudas, excepcionalmente admitiranse outras formas de xustificación que serán valoradas polos Servizos Sociais e a Secretaría-intervención Municipal.
Artigo 13. Denegación da prestación.
A denegación das solicitudes que deberá ser motivada, procederá por algunha das seguintes causas:
- Non cumprir os requisitos esixidos.
- Negativa a subscribir e negociar un proxecto de inserción.
- Poder satisfacer adecuadamente as necesidades por si mesmo e/ou co apoio dos seus familiares, representante legal ou gardadores de feito.
- Corresponder a atención ao solicitante a natureza da prestación ou por razón de residencia a outra administración pública.
- Por constar no seu expediente persoal non ter cumprido noutras ocasións en que se concedesen axudas puntuais de emerxencia coas obrigacións mínimas impostas no acordo de concesión.
- Por calquera outra causa debidamente motivada.
Artigo 14. Abono da axuda.
O abono da axuda farase efectiva ao beneficiario, sen prexuízo de que este ceda o seu dereito de cobro ao provedor, que figurará como endosatario.
Artigo 15. Reintegro.
Procederá o reintegro das cantidades obtidas en concepto de Axuda de Emerxencia Social, coa esixencia do interese de demora establecido legalmente, nos seguintes casos:
- Ter obtido a axuda falseando ou ocultando datos que determinasen a súa denegación.
- Destinar a axuda a outros fins distintos daqueles que se especificasen na resolución de concesión.
- Non xustificar a aplicación da Axuda ou xustificar fora de prazo.
Artigo 16. Procedemento de urxencia.
En aqueles supostos na que a situación do/a beneficiario/a sexa de extrema urxencia e gravidade, o alcalde resolverá o expediente nun prazo máximo de 72 horas, a contar dende a presentación da solicitude con todos os documentos preceptivos , considerando vinculante o informe da traballadora social, que terá que conter a mesma información que no procedemento ordinario e gozando estes expedientes de preferencia para a súa tramitación en todos os departamentos municipais. Posteriormente o expediente continuará o trámite habitual.
Artigo 17.-Confidencialidade.
Garántese a confidencialidade dos datos obtidos na tramitación dos expedientes. Estarase ao disposto na lexislación de protección de datos de carácter persoal.
Artigo 18. Seguimento das axudas.
Serán os Servizos Sociais os que fagan o seguimento das situacións de necesidade protexida polas axudas de emerxencia social, así como o destino dado ás mesmas podendo requirir ás persoas beneficiarias a información ou documentación necesaria para o exericico da devandita función de forma adecuada.
Disposición final única
A presente ordenanza, entrará en vigor a partir da publicación da súa aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia, unha vez transcorrido o prazo establecido no artigo 70.2 en, relación co artigo 65.2, da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime local, e continuará vixente en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas,
incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los
acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de
los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no
entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya
transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas
fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: ¿El
requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime
vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la
recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da
fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia
Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo
de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.