Betanzos - ORDENANZA FISCAL Nº 9 REGULADORA DA TAXA POR OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO POR MESAS E CADEIRAS, TRIBUNAS, TABLADOS E OUTROS ELEMENTOS ANÁLOGOS CON FINALIDADE LUCRATIVA

Publicación provisional: 11/11/2003 BOP Nº: 259
Publicación definitiva: 27/12/2003 BOP Nº: 296
Aplicable dende: 16/11/2022

Artigo 1.º Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible desta taxa a ocupación de terreos de uso público local con mesas, cadeiras, veladores, paraventos, macetas, antucas, felpudos, tribunas, estrados e outros elementos análogos.

Artigo 2.º Suxeitos pasivos

Se os aproveitamentos se realizasen sen obter licenza, considerarase que ten a condición de suxeito pasivo o titular da empresa que explote a instalación á que esta afecto o elemento situado en terreo público.

Artigo 3.º Base impoñible e cota tributaria

A base impoñible e a cota tributaria determinarase de acordo coa seguinte tarifa:

1.Por cada mesa que se corresponderá con catro cadeiras ao mes ( Cando cada mesa exceda do metro de lonxitude, tributarán como dúas; se pasan de dous metros, tributarán como tres; e así sucesivamente:

1.1 Nas rúas e prazas do primeiro grupo (mínimo 37,05 €) 2,60 €

1.2 Nas rúas e prazas do segundo grupo (mínimo 31,35 €) 2,20 €

2. Terrazas, estrados e calquera outro elemento, ao mes:

2.1.Nas rúas e prazas do primeiro grupo (mínimo 37,05 €) 2,60 €

2.2.Nas rúas e prazas do segundo grupo (mínimo 31,35 €) 2,20 €

Artigo 4.º Devindicación

A taxa devindicarase na súa totalidade no momento de solicitarse a licenza ou de iniciarse o aproveitamento, cando non se obtivese a correspondente licenza. A taxa esixirase en réxime de autoliquidación. No momento de presentación das solicitudes a taxa ten que estar abonada polos suxeitos pasivos e débese presentar o xustificante xunto coa solicitude. Os escritos recibidos que non veñan debidamente cubertos serán admitidos provisionalmente, pero non poderá dárselles curso sen que se emende a deficiencia. Con este fin, requerirase ao interesado para que, nun prazo de 10 días abone as cotas correspondentes co apercibimento de que, transcorrido o devandito prazo sen efectualo, teranse os escritos por non presentados e será arquivada a solicitude.

Artigo 5.º Grupos de rúas

O primeiro grupo comprenderá: rúa Ferradores, praza Domingo Echeverría Naveira, cantón Claudino Pita, praza de Galicia, praza dos Irmáns García Naveira e cantón San Roque.

O segundo grupo comprenderá o resto de vías públicas.

Artigo 6º Bonificacións

Establecerase unha bonificación do 30% para os negocios situados no ámbito do PEPOCH e na zona ARICH, exceptuando os emprazados no grupo de rúas I.

Artigo 7º Exencións

Durante o ano 2020 quedan exentas todas as solicitudes debido á Pandemia do Covid-19.

Disposición final

A presente Ordenanza foi aprobada con data de vinte de decembro de 2001 e comezará a rexer efectos o día 1 de xaneiro de 2002 e producirá efectos en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación.