Neda - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL DE NEDA

Publicación provisional: 30/09/2022 BOP Nº: 187
Publicación definitiva: 22/11/2022 BOP Nº: 221
Aplicable dende: 22/11/2022

Artigo 1. FUNDAMENTO LEGAL

De conformidade co establecido no artigo 127 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba a Lei Reguladora das Facendas Locais, o Concello de Neda establece o prezo público pola prestación do servizo de atención educativa do primeiro ciclo de educación infantil que se regulará segundo o disposto nos artigos 41 a 47 da citada Lei e polo preceptuado na presente Ordenanza.

Artigo 2. OBXECTO

A presente Ordenanza ten por obxecto regular, con carácter xeral, o establecemento e cobro do prezo público pola prestación de servizos dirixidos ao Primeiro Ciclo de Educación Infantil polo Concello de Neda, mediante xestión indirecta, da Escola Infantil Municipal.

Artigo 3. OBRIGACIÓN DE PAGO

A obrigación de pago do prezo público regulado por esta Ordenanza nace desde a data en que o neno cause alta na Escola Infantil, unha vez formalícese a matrícula ou inscrición.

Artigo 4. OBRIGADOS AO PAGO

Están obrigados ao pago do prezo público e as cotas mensuais os pais, nais e titores ou representantes legais ou quen exerza a patria potestade sobre os menores aos que se lles presta o servizo que constitúe o obxecto deste prezo público.

Artigo 5. TARIFAS

O Concello de Neda, en base á ORDE do 22 de xullo de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia de titularidade municipal para o curso 202/23, aplicará o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Xunta de Galicia, de acordo co seguinte detalle:

1) Prezo da atención educativa.- O prezo pola atención educativa en xornada completa na escola infantil de Neda fíxase en 169,26 € mensuais.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as seguintes reducións:

Rendas inferiores ao trinta por cento do indicador público de renda de efectos múltiples, en diante IPREM. Prezo da praza con servizo de comedor 0 €, sen servizo de comedor 0 €.

a) Rendas comprendidas entre o 30 e inferiores ao 50 por cen do IPREM. Prezo da praza:

con servizo de comedor 17,45 €; sen servizo de comedor 0 €.

b) Rendas comprendidas entre o 50 e inferiores ao 75 por cen do IPREM. Prezo da praza:

con servizo de comedor 52,36 €; sen servizo de comedor 34,91 €.

c) Rendas comprendidas entre o 75 e inferiores ao 100 por cen do IPREM. Prezo da praza:

con servizo de comedor 96,26 €; sen servizo de comedor 69,81 €.

d) Rendas comprendidas entre o 100 e inferiores ao 125 por cen do IPREM. Prezo da praza: con servizo de comedor 149,15 €; sen servizo de comedor 112,13 €.

d) Rendas comprendidas entre o 125 e inferiores ao 150 por cen do IPREM. Prezo da praza con servizo de comedor 186,18 €; sen servicio de comedor 133,29 €.

e) Rendas comprendidas entre o 150 e o 200 por cen do IPREM. Prezo da praza: con servizo de comedor 210,52 €; sen servizo de comedor 147,05 €.

f) Rendas superiores ao 200 por cen do IPREM. Prezo da praza: con servizo de comedor 243,31 €; sen servizo de comedor 169,26 €.

2) Prezo dos servizos complementarios:

a) Servizo de comedor: fíxase un importe de 74,05 euros mensuais. Para o caso dos/as nenos/as que non empreguen habitualmente o servizo e que desexen utilizalo algún día con carácter solto aboarán a contía de 4,23 euros por día. O prezo de comedor por días soltos non estará suxeito a ningunha redución.

b) Horario ampliado: o prezo mensual de cada hora solta en que se incremente o horario normal será de 21,16 euros. O prezo da hora extraordinaria non estará suxeito a ningunha redución.

As familias que desexen acollerse puntualmente ao servizo da escola infantil en horario ampliado deberán comunícalo á Dirección da Escola con suficiente antelación e polo menos á primeira hora da mañá dese mesmo día.

Artigo 6. PAGO

1.- O pago do importe do prezo público realizarase a través do recibo do mes en curso, mediante domiciliación bancaria que se cargará durante a primeira semana de cada mes. En caso dun recibo impagado ou devolto, procederase a notificarse ao obrigado ao pago a débeda pendente que ten contraída, requiríndose a cancelación da mesma o máis axiña posible.

Se transcorrido o prazo de SETE DÍAS, a contar desde o seguinte ao requirimento, non a satisfixese, procederase á baixa provisional, que será definitiva desde o momento que se deban dúas mensualidades.

As altas que se produzan dentro dos primeiros sete días de cada mes, deberán abonar o 100% da cota. No caso de que estas se produzan despois desa data, deberase pagar a parte proporcional da cota mensual.

1. A non asistencia non é causa de exención, nin de redución ou rateo do importe da cota, non xerando, por tanto, devolución de ingresos indebidos.

2.- As baixas voluntarias que se produzan durante o curso deberán comunicarse por escrito á Dirección da Escola Infantil polo menos con QUINCE DÍAS de antelación, e esta deberá notificalo de inmediato á Consellería de Servizos Sociais deste Concello, sen que se teña dereito á devolución ou desconto da parte proporcional da cota do mes en curso.

3.- Non se procederá en ningún caso á devolución da matrícula.

Artigo 7. BONIFICACIÓNS, EXENCIÓNS, REDUCIÓNS E SUSPENSIÓN TEMPORAL DA COTA

A) Atendendo á posta en marcha pola Xunta de Galicia, da medida de gratuidade da atención educativa para todo o alumnado das escolas infantís a partir do comezo do curso académico 2022/2023, o Concello de Neda bonificará o 100% do prezo público pola atención educativa na xornada ordinaria para os/as fillos/as da unidade familiar, a partir do curso escolar 2022/2023, e durante un máximo de 11 meses do curso escolar.

Esta bonificación manterase no caso de ser concedida a subvención establecida na Orde anual da Consellería de Política Social e Xuventude para o funcionamento e gratuidade das escolas infantís, en aras do establecido para cada ano pola Lei de medidas fiscais e administrativas de Galicia.

B) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto no punto 5, aplicaranse os seguintes descontos en comedor e horario ampliado, que non son acumulables entre si:

Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 por cento.

a) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 por cento.

b) Cando asistan ao mesmo centro varios irmáns, o segundo e sucesivos terán un desconto dun 20 por cento.

c) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.) o menor ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar do dito mes terá un desconto do 50%.

Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Para a aplicación dos descontos teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF.

C) Exencións

a) As familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais desfrutarán da exención total da cota a partires da segunda filla ou fillo que acuda á mesma escola infantil.

b) As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda desfrutarán, así mesmo, da exención total da cota.

D) Suspensión temporal da cota:

1.-O mes de vacacións anual da/o nena/o. En aqueles casos en que as vacacións sexan desfrutadas por quincenas o desconto farase efectivo cando se teña desfrutado a segunda quincena.

2.-Cando por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais o centro permaneza pechado por un período superior a quince días naturais.

En ambos os dous casos a suspensión realizarase de oficio.

Os suxeitos obrigados a que fai referencia o artigo 4 non terán a obriga de aboar a cota correspondente ao servizo de comedor no seguinte suposto:

a) Cando por causa debidamente xustificada a/o nena/o deixe de asistir temporalmente ao centro.

Neste caso, a suspensión da cota terá lugar desde o primeiro día do mes natural seguinte á data de inasistencia ao centro e durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a reincorporación da/o nena/o ao centro. Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ao día 15 do mes, a cota do comedor correspondente ao dito mes reducirase nun 50 por cento.

A solicitude de suspensión da cota correspondente a este servizo, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante o concello, que resolverá sobre a procedencia da exención.

Nos casos de suspensión temporal da cota correspondente ao servizo de comedor, o pagamento correspondente ao mes de reincorporación realizarase no prazo dos dez días naturais seguintes á data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que o órgano competente do concello acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresar as cotas atrasadas no prazo dos dez días naturais seguintes á notificación da resolución denegatoria.

Artigo 8. REMISIÓN INFORMATIVA

O presente prezo público se rexerá, en todo o non previsto no presente texto regulador, pola Ordenanza Xeral de Prezos Públicos do Concello de Neda, polo Regulamento do servizo da Escola Infantil municipal, e supletoriamente a efectos interpretativos, a regulación aplicable ao réxime de prezos nas escolas infantís dependentes da administración autonómica.

Artigo 9. DISPOSICIÓN DEROGATORIA.

Á entrada en vigor da presenta Ordenanza quedará derrogada no seu anterior texto a Ordenanza aprobada polo Concello de Neda en sesión ordinaria do día 29 de maio de 2017 e publicada no Boletín Oficial da Provincia nº 140 do 26 de xullo de 2017.

Artigo 10. DISPOSICIÓN FINAL E ENTRADA EN VIGOR.

A presente modificación entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, e continuará en vigor ata a súa modificación ou derrogación.