Cabanas - ORDENANZA FISCAL NÚMERO 25, REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DO PUNTO DE ATENCIÓN DA INFANCIA AS VIÑAS.

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 25/11/2022 BOP Nº: 224
Aplicable dende: 25/11/2022

Artigo 1. Fundamento legal.

De conformidade co previsto no artigo 127, en relación co artigo 41, do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece o prezo público pola prestación do servizo público do punto de atención á infancia que se rexerá pola presente ordenanza.

Artigo 2. Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servicio do Punto de atención á infancia As Viñas.

Artigo 3. Suxeitos pasivos

1. Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servizo que constitúe o feito impoñible desta taxa.

2. Tendo en conta que as persoas usuarias do servizo gravado por esta taxa son menores de idade que non teñen capacidade de obrar, actuarán no seu nome, cos efectos previstos na Lei xeral tributaria, os seus pais, nais, titores ou calquera outra persoa representante legal a quen corresponda o exercicio da patria potestade.

Artigo 4. Persoas responsables

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas que sexan causantes ou colaboren na realización dunha infracción tributaria.

Artigo 5. Regras e definicións para a determinación da base impoñible

Para a determinación da base impoñible terase en conta a renda per cápita mensual da unidade familiar, a cal se computará segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

I. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

II. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

III. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no 31 de decembro do ano a que se refiran os datos económicos a que se refiren as seguintes regras.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar, no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Artigo 6. Contía / Cota tributaria

6.1. Aplicarase o réxime de prezos equivalente ao regulado polo Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, coas actualizacións publicadas da variación interanual positiva experimentada polo índice Xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos seguintes termos:

a) Atención educativa: O prezo pola atención educativa en xornada completa fíxase en 169,26 €. En función da renda e das circunstancias da unidade familiar, sobre este prezo se deberán aplicar as reducións, descontos e exencións que se recollen nesta ordenanza. Cando a familia teña solicitada e concedida unha praza en réxime de media xornada, o prezo da atención educativa reducirase no cincuenta por cento do prezo que lle corresponda aboar de acordo coa renda per cápita da unidade familiar

b) Matrícula: Engadirase en concepto de matrícula anual o importe de 95 € para a primeira matrícula no centro e 60 € para a renovación en exercicios posteriores.

6.2. A aplicación dos prezos públicos mensuais segundo os tramos de renda per cápita da unidade familiar será a seguinte:

a) Rendas inferiores ao 50 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 0 €.

b) Rendas comprendidas entre o 50 e inferiores ao 75 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 34,91 €.

c) Rendas comprendidas entre o 75 e inferiores ao 100 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 69,81 €.

d) Rendas comprendidas entre o 100 e inferiores ao 125 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 112,30 €.

e) Rendas comprendidas entre 125 e inferiores ao 150 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 133,29 €.

f) Rendas comprendidas entre o 150 e o 200 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 147,05 €.

g) Rendas superiores ao 200 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 169,26 €.

6.3. Descontos:

a) Bonificación do 100% da cota de atención educativa e matrícula a partir do comezo do curso escolar 2022/2023. Aplicarase unha bonificación do 100% na cota tributaria correspondente á taxa por atención educativa e matrícula de conformidade co establecido na Disposición Adicional 9ª da Lei 13/2018 de Servizos Sociais de Galicia e no artigo 9 do Real Decreto Lexislativo 2/2004 de Facendas Locais. A citada bonificación terá efectos para o curso escolar 2022/2023 e sucesivos en tanto se manteña a liña subvencionable pola Xunta de Galicia e sexa aplicable no Punto de Atención As Viñas.

Para os efectos da aplicación da bonificación do 100% é requisito a asistencia regular ao PAI segundo a modalidade de xornada concedida.

b) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que correspondera aplicar segundo o disposto neste artigo, aplicaranse os seguintes descontos que non son acumulables entre si:

- Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 por cento.

- Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 por cento.

- Cando asistan ao mesmo centro varios irmáns, o segundo e sucesivos terán un desconto dun 20 por cento.

Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Para a aplicación dos descontos teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza no PAI, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF.

c) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.), a/o nena/o ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50 por cento.

6.4. Exencións de pagamento:

a) As familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais gozarán da exención total da cota a partir da segunda filla ou fillo que acuda á mesma escola infantil.

b) As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda gozarán, así mesmo, da exención total da cota.

Artigo 7. Suspensión temporal da cota

Os suxeitos aos que fai referencia o artigo 3 non terán a obriga de aboar a cota correspondente á atención educativa durante os seguintes períodos:

a) O mes de vacacións anual da/o nena/o.

b) Cando por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais o centro permaneza pechado por un período superior a quince días naturais.

En ambos os dous casos a suspensión realizarase de oficio.

Artigo 8. Retribución e período impositivo

A taxa retribuirase cando se inicie a prestación do servicio. O período impositivo coincide co ano natural, rateado por meses.

Artigo 9. Liquidación, recadación e xestión

9.1. A liquidación/compensación da cota tributaria practicarase por meses naturais e deberán aboala os interesados nos dez primeiros días de cada mes, na entidade ou entidades financeiras que indique o Concello ou, no seu caso, o concesionario do servicio.

9.2. Non se aboará/recadará a tarifa que corresponda ao mes de vacacións da nena ou neno. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

9.3. A non asistencia do usuario ao centro durante un período determinado non supón redución ningunha, nin extinción da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente, agás nas circunstancias e períodos recollidos no artigo 6.

9.4. Cando, por causa debidamente xustificada, a nena ou neno deixe de asistir temporalmente ao centro, o suxeito obrigado estará exento de aboar a cota mensual da atención educativa dende o primeiro día do segundo mes natural seguinte ó da data de ausencia ó centro. A suspensión da cota durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a reincorporación do neno/a ó centro. Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ó día 15 do mes, a cota correspondente ó dito mes reducirase nun 50 por cento.

A solicitude de suspensión da cota, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante a alcaldía/ servizos sociais, que resolverá sobre a procedencia da suspensión.

Nos casos de suspensión temporal da cota, o pagamento correspondente ao mes de reincorporación realizarase no prazo de dez días seguintes ó da data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que se acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresa-las cotas atrasadas no prazo de dez días seguintes ao da notificación da resolución denegatoria.

9.5. A falta de pago de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas, sen perxuízo da súa esixencia pola vía de apremio, orixinará a perda do dereito á praza.

Artigo 10º. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións estarase ao disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

Disposición adicional

Para o non previsto nesta ordenanza fiscal estarase ao disposto no texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, Lei xeral tributaria e disposicións concordantes.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez aprobada definitivamente e publicada no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.