Pontedeume - ORDENANZA FISCAL N.º 29, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL CHALET ROSA

Publicación provisional: 07/02/2003 BOP Nº: 31
Publicación definitiva: 07/02/2003 BOP Nº: 31
Aplicable dende: 25/11/2022

Artigo 1.-Fundamento legal.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, en relación co artigo 20 do Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, o Concello de Pontedeume establece a taxa pola prestación do servicio da escola infantil municipal ¿Chalé Rosa", que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.

Artigo 2.-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servicio da escola infantil municipal.

Artigo 3.-Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servicio que constitúe o feito impoñible desta taxa.

Tendo en conta que os usuarios do servicio gravado por esta taxa son menores de idade que non teñen capacidade de obrar, actuarán no seu nome, cos efectos previstos na Lei xeral tributaria, os seus pais, titores, ou calquera outro representante legal.

Artigo 4.-Responsables.

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas que son causantes ou colaboran na realización dunha infracción tributaria

Artigo 5.-Estimación das rendas, tarifas, descontos e exencións.

Este baremo reproduce/adáptase ás contías establecidas no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería (DOG n.º 17, do 25/01/2012), publicado pola Consellería de Traballo e Benestar, na súa redacción dada polo Decreto 91/2014, do 17 de xullo (DOG n.º 140-24/07/2014), os cales actualizaranse cada curso escolar na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia (IPC) no mes de xaneiro anterior ao do curso escolar en que se pretenda que produza efectos, mediante resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, do órgano de dirección competente en materia de familia e infancia.

Artigo 6.-Base impoñible e cota tributaria.

6.1. A base impoñible virá determinada pola renda per cápita mensual da unidade familiar, que se computará segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

I. Os/as filloas/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as país/nais, vivan independentes detes/as.

II. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

III. Os/as fillos /as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no 31 de decembro do ano a que se refiran os datos económicos a que se refiren as seguintes regras.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar, no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

6.2. A cota tributaria calcularase coas seguintes tarifas máximas:

6.2.1. Prezo da atención educativa.

O prezo pola atención educativa en xornada completa fíxase en 169.26 €

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente sobre este prezo apliaranse as reducións que se especifican no apartado 6.2.3.

Os ratios por horario reducido obtéñense con aplicacións porcentuais.

Todos/as os/as alumnos/as que teñan concedida unha praza na escola infantil deberán aboar unha matrícula anual dentro dos 10 días hábiles seguintes á publicación da relación definitiva de admitidos/as e da listaxe de espera no taboleiro do Concello e da Escola infantil municipal.

O importe da matrícula variará en función da renda per cápita mensual da unidade familiar; segundo se recolle no cadro resumo de cotas que figura no anexo I. Este prezo será de 60 €/ano nos primeiros seis tramos da táboa (inferior ao 150% do IPREM) e de 90 €/ano nos dous últimos (igual ou superior ao 150% IPREM).

Ninguén estará exento do pagamento da matrícula.

6.2.2. Prezo por servizos complementarios.

a) Servizo de comedor.

O prezo por este servizo fíxase en 74.05 € mensuais.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no apartado 6.2.3.

No caso de nenas/nenos que non utilicen habitualmente o servizo de comedor e que, excepcionalmente, desexen utilízalo algún día solto, o prezo será de 4.23 €.

O prezo do comedor por días soltos non estará suxeito a ningunha redución.

No caso de utilizar o servizo de comedor por días soltos, realizarase o pago deste servizo coa cota do mes seguinte.

b) Horario ampliado.

Con carácter excepcional os/as usuarios/as poderán ampliar a súa xornada de atención educativa mediante a solicitude de horas extraordinarias, sempre que acrediten a súa necesidade.

O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario da atención educativa adxudicado á usuaria ou usuario será de 21.16 €.

O prezo da hora extraordinaria non estará suxeito a ningunha redución.

6.2.3. Aplicación dos prezos mensuais segundo os tramos de renda per cápita da unidade familiar:

a) Rendas inferiores ao 30 por cento do IPREM:

Prezo da praza con servizo de comedor: 0 €; sen servizo de comedor: 0 €.

b) Rendas comprendidas entre o 30 e inferiores ao 50 por cento do IPREM:

Prezo da praza con servizo de comedor: 17.45 €; sen servizo de comedor: 0 €.

c) Rendas comprendidas entre o 50 e inferiores ao 75 por cento do IPREM:

Prezo da praza con servizo de comedor: 52.36 €; sen servizo de comedor: 34.91 €.

d) Rendas comprendidas entre o 75 e inferiores ao 100 por ento do IPREM:

Prezo da praza con servizo de comedor: 96.26 €; sen servizo de comedor: 69.81 €.

e) Rendas compredidas entre o 100 e inferiores ao 125 por cento do IPREM:

Prezo da praza con servizo de comedor: 149.15 €; sen servizo de comedor: 112.13 €.

f) Rendas comprendidas entre o 125 e inferiores ao 150 por cento do IPREM:

Prezo da praza con servizo de comedor: 186.18 €; sen servizo de comedor: 133.29 €.

g) Rendas comprendidas entre o 150 e o 200 por cento do IPREM:

Prezo da praza con servizo de comedor: 210.52 €; sen servizo de comedor: 147.05 €.

h) Rendas superiores ao 200 por cento do IPREM:

Prezo da praza con servizo de comedor: 243.31 €; sen servizo de comedor: 169.26 €.

6.2.4. Descontos.

A) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto no apartado anterior, aplicaranse os seguintes descontos que non son acumulables entre sí:

a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 por cento.

b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 por cento.

c) Cando asistan ao mesmo centro varios irmáns, o segundo e sucesivos terán un desconto dun 20 por cento.

Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Para a aplicación dos descontos teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF.

B) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.), o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50 por cento.

C) Bonificación do 100% da cota de atención educativa para os/as fillos/as da unidade familiar, a partir do comezo do curso escolar 2022/2023.

-Para os efectos da aplicación da bonificación do 100% é requisito a asistencia regular a escola durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, segundo a modalidade de xornada que elixan (completa ou media xornada, respectivamente).

- A inasistencia á escola infantil durante un período de 15 días sen xustificar, dará lugar á perda da bonificación e polo tanto da gratuidade da atención educativa do neno/a usuario/a.

6.2.5. Exencións de pagamento.

A) As familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 € anuais gozarán da exención total da cota a partir da segunda filla ou fillo que acuda á mesma escola infantil.

B) As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda gozarán, así mesmo, da exención total da cota.

6.2.6. Supensión temporal da cota.

Os suxeitos obrigados aos que fai referencia o artigo 3 non terán a obriga de aboar a cota correspondente á atención educativa e ao servizo de comedor durante os seguintes períodos:

A) Durante o mes de vacacións da/do nena/neno

B) Cando o centro permaneza pechado por un período superior a quince días naturais.

Nestes dous casos, a suspensión realizarase de oficio.

C) Falta temporal de asistencia á escola infantil por motivos de saúde debidamente xustificados durante un período superior a 45 días continuados: deberá solicitarse expresamente e acreditar documentalmente as circunstancias que a motivan.

Artigo 7.-Retribución e período impositivo.

A taxa retribuirase cando se inicie a prestación do servicio. O período impositivo coincide co ano natural, rateado por meses.

Artigo 8.-Liquidación, recadación e xestión.

8.1. A liquidación da cota tributaria practicarase por meses naturais e deberán aboala os interesados nos dez primeiros días de cada mes, na entidade ou entidades financeiras que indique o Concello ou, no seu caso, o concesionario do servicio. En calquera momento o suxeito pasivo terá a posibilidade de domicilia-los recibos.

8.2. Non se aboará a tarifa que corresponda ó mes de vacacións do neno. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

8.3. A non asistencia do usuario ó centro durante un período determinado non supón reducción ningunha, nin extinción da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Con carácter excepcional, poderá eximirse do pagamento da cota da atención educativa e do comedor a aquelas/aqueles usuarias/os que por motivos de saúde non poidan asistir ao centro durante un período superior a 45 días continuados.

Cando, por causa debidamente xustificada, o neno/a deixe de asistir temporalmente ó centro, o suxeito obrigado estará exento de aboa-la cota mensual do comedor dende o primeiro día do segundo mes natural seguinte ó da data de ausencia ó centro. A suspensión da cota durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a reincorporación do neno/a ó centro. Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ó día 15 do mes, a cota correspondente ó dito mes reducirase nun 50 por cento.

Estas mesmas condicións de duración da suspensión da cota do comedor e reincorporación, aplicaranse no caso especificado no parágrafo anterior a este con respecto á cota mensual pola atención educativa.

A solicitude de suspensión da cota, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante o señor alcalde, que resolverá sobre a procedencia da suspensión.

Nos casos de suspensión temporal da cota, o pagamento correspondente ó mes de reincorporación realizarase no prazo de dez días seguintes ó da data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que se acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresa-las cotas atrasadas no prazo de dez días seguintes ó da notificación da resolución denegatoria.

8.4. A falta de pago de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas, sen perxuízo da súa esixencia pola vía de apremio, orixinará a perda do dereito á praza.

8.5. Revisión da tarifa: durante o curso escolar poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, sempre que se produzan e xustifiquen variacións nas circunstancias familiares. Neste senso, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicar calquera variación que se produza ao respecto, e dende a Administración poderase citalo en calquera momento para proceder á revisión da tarifa que ven aboando.

Artigo 9.-Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións estarase ó disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

Disposición final

Esta ordenanza fiscal, unha vez aprobada polo pleno do Concello de Pontedeume, entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.