Monfero - ORDENANZA REGULADORA DE EXPEDICIÓN DE TARXETAS ESTACIONAMENTO PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE QUE PRESENTEN MOBILIDADE REDUCIDA DO CONCELLO DE MONFERO

Publicación provisional: 26/12/2022 BOP Nº: 243
Publicación definitiva: 20/02/2023 BOP Nº: 35
Aplicable dende: 14/03/2023

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.

A Constitución Española, no seu artigo 9.2, establece que os poderes públicos promoverán as condicións para que a liberdade e a igualdade das persoas e dos grupos nos que se integran sexan reais e efectivas, removerán os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitarán a participación de toda a cidadanía na vida política, económica, cultural e social.

Asemade, no artigo 49 encoméndalles aos poderes públicos a realización dunha política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración das persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial, ás que prestarán a atención específica que requiran e ás que ampararán especialmente para o goce dos dereitos que a Constitución lle outorga a toda a cidadanía.

Dende entón a regulamentación das tarxetas de estacionamento sufriu cambios que viñeron marcados pola aprobación de nova normativa estatal e autonómica, entre os que se encontran, a nivel estatal, o Real decreto lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral dos dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social; o Real decreto 1056/2014, do 12 de decembro, polo que se regulan as condicións básicas de emisión e uso da tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade; e a nivel autonómico o Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.

Esta normativa supuxo un avance importante na mellora da calidade de vida de toda a poboación e, especialmente, das persoas con mobilidade reducida. Aínda así, segue a ser necesario avanzar de cara a conseguir unha sociedade máis inclusiva e accesible, capaz de garantir a autonomía das persoas, evitar a discriminación e favorecer a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía, poñendo o foco naquelas persoas que teñen unha discapacidade física, sensorial e/ ou intelectual, as persoas maiores ou as que teñen calquera outra forma de diversidade aparellada a unha dependencia funcional.

O Concello de Monfero, como poder público e no ámbito das súas competencias, debe promover a calidade de vida dos seus veciños e veciñas, poñendo especial atención nas persoas que se atopan con dificultades.

A finalidade da presente ordenanza é establecer unha regulación municipal acorde coa normativa actual e trazar os requisitos e procedemento para a expedición da tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida.

TÍTULO PRELIMINAR: DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º. Obxecto.

Esta ordenanza ten por obxecto establecer as condicións básicas do réxime xurídico aplicable á tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida.

Artigo 2º. Definición da tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida.

A tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida, de aquí en diante, tarxeta de estacionamento, é un documento público acreditativo do dereito das persoas que cumpran os requisitos previstos nesta normativa municipal, para estacionar os vehículos automóbiles nos que se despracen, o máis cerca posíbel do lugar de acceso ou de destino.

Artigo 3º. Titulares da tarxeta.

1. Poderán obter a tarxeta de estacionamento aquelas persoas físicas empadroadas no Concello de Monfero e que teñan recoñecida oficialmente a condición de persoa con discapacidade, conforme ao establecido no artigo 4.2 do texto refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, e que se atopen nalgunha das seguintes situacións:

a) Que presenten mobilidade reducida e teñan recoñecida a imposibilidade do uso do transporte público polos equipos de valoración e orientación (EVO) dependentes das seccións de cualificación e valoración de discapacidades.

b) As persoas que teñan recoñecida unha discapacidade visual e que amosen no mellor ollo unha agudeza visual igual ou inferior ao 0.1 con corrección, ou un campo visual reducido a 10 graos ou menos, conforme ao establecido no artigo 3.1 b) do Real Decreto 1056/2014 de 12 de decembro.

2. Asemade, poderán obter a tarxeta de estacionamento as persoas físicas ou xurídicas titulares de vehículos destinados exclusivamente ao transporte colectivo de persoas con discapacidade que presten servizos sociais de promoción da autonomía persoal e de atención á dependencia, ás que se refire a Lei 39/2006 de 14 decembro, de promoción da autonomía persoal e atención as persoas en situación de dependencia, así como aos servizos sociais aos que se refire o texto refundido da Lei Xeneral de dereitos das persoas con discapacidades e da súa inclusión social, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro.

Artigo 4º. Ámbito territorial da tarxeta de estacionamento.

As tarxetas de estacionamento concedidas terán validez en todo o territorio español sen prexuízo da súa utilización nos Estados membros da Unión Europea, nos termos que os respectivos órganos competentes teñan establecido en materia de ordenación e circulación de vehículos.

Artigo 5º. Condicións de uso.

1. A tarxeta de estacionamento expedida a favor e en beneficio dunha persoa, a título particular, para a súa utilización nos vehículos que use para o seus desprazamentos, será persoal e intransferible, e utilizada unicamente cando a persoa titular conduza un vehículo ou sexa transportada nel.

2. A tarxeta de estacionamento expedida a favor de persoa física ou xurídica á que se refire o artigo 3.2 será persoal e intransferible, estará vinculada exclusivamente ao transporte colectivo de persoas con mobilidade reducida e será eficaz unicamente cando o vehículo sexa destinado a tal fin.

3. O uso da tarxeta de estacionamento está subordinado a que a persoa titular manteña os requisitos esixidos para o seu outorgamento.

4. A tarxeta, unha vez asinada pola persoa titular, deberá colocarse na parte dianteira do vehículo, de xeito que unicamente o anverso da tarxeta sexa claramente visible para o seu control.

Artigo 6º. Dereitos das persoas titulares.

1. As persoas titulares da tarxeta de estacionamento terán os seguintes dereitos en todo o territorio nacional, sempre e cando exhiban de forma visíbel a tarxeta no interior do vehículo:

a) Estacionamento nos lugares habilitados para as persoas con discapacidade

b) Parada en calquera lugar da vía, por motivos xustificados e polo tempo indispensable, sempre que non ocasionen prexuízos as/aos peóns ou ao tráfico e de acordo coas instrucións da autoridade.

c) Acceso a vías, áreas ou espazos urbanos con circulación restrinxida a residentes, sempre que o destino se encontre no interior de dita zona.

2. A posesión da tarxeta de estacionamento en ningún caso suporá autorización para estacionar en zonas peonís, en pasos peonís, nos lugares e supostos nos que estea prohibido parar, lugares que obstrúan vaos ou saídas de emerxencia, zonas coutadas por razóns de seguridade pública e espazos que reduzan carrís de circulación.

Artigo 7º. Obrigas das persoas titulares.

1. A persoa titular da tarxeta de estacionamento está obrigada a:

a) A correcta utilización da mesma, conforme as condicións de uso previstas nos puntos anteriores.

b) Colocar a tarxeta de estacionamento no cadro de mandos do vehículo ou pegada ao parabrisas dianteiro polo interior, sempre co documento orixinal, de forma que resulte claramente visíbel e lexible desde o exterior.

c) Identificarse cando así o requira a autoridade, acreditando a súa identidade co Documento Nacional de Identidade, Número de identificación Fiscal, Tarxeta de residencia ou calquera outro documento oficial identificador, sen o cal non poderá facer uso da tarxeta de estacionamento. As persoas menores de 14 anos poderán acreditar a súa identidade mediante a exhibición do documento de recoñecemento do grao de discapacidade.

d) Colaborar coa autoridade para evitar, no maior grado posíbel, os problemas de tráfico que puideran ocasionar ao exercitar os dereitos que lles confire a utilización da tarxeta de estacionamento.

e) Proceder á renovación da tarxeta de estacionamento previamente á data de finalización da súa validez.

f) Comunicar no prazo de trinta (30) días, calquera variación dos requisitos esixidos para a concesión da tarxeta.

g) Devolver a tarxeta de estacionamento caducada no momento da renovación, tamén no caso de falecemento da persoa beneficiaria ou ao rematar a súa vixencia.

2. O incumprimento destas obrigas poderá dar lugar á cancelación da tarxeta de estacionamento ou á súa retirada temporal, sen prexuízo das sancións previstas polo ordenamento xurídico.

TÍTULO PRIMEIRO: TRAMITACIÓN E VIXENCIA

Artigo 8º. Procedemento para o seu outorgamento.

A solicitude de tarxeta de estacionamento para persoas con mobilidade reducida debe presentarse no Rexistro Xeral do Concello para a súa remisión ao Departamento de Servizos Sociais.

Recibida a solicitude e revisada a documentación, o Departamento de Servizos Sociais procederá a emisión do correspondente Informe proposta para a concesión/denegación da tarxeta. Este informe elevarase á Alcaldía, ou no seu caso a Xunta de Goberno Local, que ditará a resolución pertinente.

Esta resolución será notificada á persoa interesada de acordo co procedemento establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administración Públicas.

Artigo 9º. Documentación que se deberá presentar coa solicitude.

1. Solicitudes de persoas físicas:

a) Solicitude tipo cumprimentada.

b) DNI da persoa beneficiaria.

c) Se a persoa beneficiaria fose menor de idade, DNI/NIE do pai, nai ou titor/a.

d) Se a solicitude se realiza a través de representante legal, deberá achegarse a copia da resolución xudicial de incapacitación ou calquera outra documentación acreditativa de dita condición, así como o DNI/NIE da persoa que ostente a súa representación legal.

e) No caso de mobilidade reducida: resolución do recoñecemento do grao de discapacidade ou certificado do grao de discapacidade, definitiva ou provisional, na que se lle recoñeza a dificultade de mobilidade para utilización de transportes colectivos, emitida polo equipo de valoración da sección de Cualificación e Valoración de Discapacidades (EVO).

f) No caso de discapacidade visual: certificado sobre o cumprimento dos requisitos para o acceso ás tarxetas de accesibilidade, emitido pola Sección de Cualificacións e Valoración de Discapacidades.

g) Certificado de empadroamento.

h) Dúas fotografías de tamaño carné.

Nos casos de concesión excepcional de tarxeta de estacionamento previstos no artigo 10 deberá achegarse, segundo o caso:

- Informe médico que xustifique a excepcionalidade nos termos previstos no artigo 10.

- Xustificante de presentación de solicitude de discapacidade ante a Administración competente.

2. Solicitudes de persoas físicas ou xurídicas ás que se fai referencia no artigo 3.2:

a) Solicitude tipo cumprimentada.

b) Tarxeta de identificación fiscal da asociación/entidade.

c) Estatutos da asociación/entidade.

d) Documentación oficial do vehículo para o cal se solicita a tarxeta.

Artigo 10º. Concesión excepcional da tarxeta de estacionamento.

1. Excepcionalmente poderá concederse a tarxeta extraordinaria de estacionamento con carácter provisional nos seguintes supostos:

a) Atendendo a razóns humanitarias, excepcionalmente concederase unha tarxeta de estacionamento de carácter provisional de vehículos automóbiles ás persoas que presenten mobilidade reducida, aínda que esta non fora ditaminada oficialmente, por causa dunha enfermidade ou patoloxía de extrema gravidade que supoña de forma veraz unha redución substancial da esperanza de vida que se considera normal para a súa idade e demais condicións persoais, e que razoablemente non permita tramitar en tempo a solicitude ordinaria da tarxeta de estacionamento (ou os documentos que permiten acceder a ela).

b) Presentación da solicitude de recoñecemento de discapacidade ante a Xunta de Galicia, transcorridos tres (3) meses dende o rexistro da solicitude sen que recaese resolución ao respecto.

2. Ás persoas titulares da tarxeta de estacionamento provisional seranlle de aplicación os dereitos, obrigas e condicións de uso regulados nesta norma, durante o tempo que dure a súa concesión.

3. A validez da tarxeta será de seis (6) meses, prorrogable outros seis (6) meses máis de persistir as circunstancias que dan lugar á concesión excepcional da tarxeta. No caso do apartado 1.b), a resolución da Xunta de Galicia da solicitude de discapacidade dará lugar á extinción da validez da tarxeta extraordinaria de estacionamento.

4. O Concello poderá realizar as actuacións necesarias para a comprobación da concorrencia dos requisitos previstos nesta disposición.

Artigo 11º. Período de vixencia da tarxeta de estacionamento.

1. O período de vixencia da tarxeta de estacionamento virá condicionado polo carácter definitivo ou provisional da resolución na que se recoñece o grao de discapacidade polos equipos profesionais de cualificación e recoñecemento do grao de discapacidade de conformidade cos criterios de valoración establecidos no Real Decreto 1971/1999 de 23 de decembro:

- Serán concedidas por períodos renovables de dez (10) anos para aquelas tarxetas de estacionamento nas que o recoñecemento do grao de discapacidade sexa definitivo.

- No caso en que, o grao de discapacidade sexa provisional, a tarxeta de estacionamento caducará cando transcorra o prazo que indique a resolución provisional.

2. A concesión da tarxeta extraordinaria de estacionamento terá unha duración máxima de un (1) ano.

En todo caso, a validez do documento extinguirase polo falecemento da persoa titular ou perda dos requisitos que deron lugar á concesión da mesma. Nestes casos deberá presentarse unha instancia no Rexistro do Concello indicando a causa da devolución da tarxeta e achegar a mesma.

Artigo 12º. Renovación da tarxeta de estacionamento

1. Para a renovación da tarxeta deberá seguir o mesmo procedemento de outorgamento inicial.

2. O trámite de renovación poderá iniciarse nos trinta (30) días naturais previos á data de validez que consta na tarxeta de estacionamento a renovar.

3. A persoa beneficiaria da tarxeta ten a obriga de entregar a tarxeta de estacionamento con data de validez vencida no intre de recibir a tarxeta renovada.

Artigo 13º. Duplicado da tarxeta de estacionamento por extravío ou roubo

O procedemento para a solicitude de emisión dun duplicado da tarxeta de estacionamento, por extravío ou roubo, será:

1. No caso de extravío da tarxeta de estacionamento, a persoa beneficiaria deberá presentar unha solicitude de duplicado da tarxeta no rexistro do Concello, no que detallará dita situación; achegando unha ¿Declaración responsable da perda da tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade".

2. No caso de roubo, a persoa beneficiaria deberá presentar unha solicitude de duplicado da tarxeta no rexistro do Concello, achegando a correspondente denuncia.

TÍTULO SEGUNDO: PROCEDEMENTO SANCIONADOR

Artigo 14º. Responsabilidade.

1. Son responsables das infraccións tipificadas nesta ordenanza, todas aquelas persoas que participasen na comisión do feito que constitúa a infracción por calquera título, sexan persoas físicas ou persoas xurídicas, agás nos supostos nos que sexan menores de idade, onde responderán os pais, as nais ou as persoas que exerzan a titoría ou aquelas que dispoñan da custodia legal.

2. Son responsables, subsidiariamente, en caso de que non se poida identificar ás persoas autoras, as persoas titulares ou propietarias dos vehículos cos que se realice a infracción.

3. Son responsables as persoas titulares das licenzas ou autorizacións (tarxetas), cando por motivo do exercicio dunha actividade concedida nestas, se realice algunha das infraccións tipificadas na presente ordenanza.

4. As responsabilidades administrativas que se deriven do procedemento sancionador serán compatibles co requirimento á persoa infractora da indemnización polos danos e polas perdas que se causaron, que poderán ser determinados polo órgano competente, debendo neste caso comunicarse á persoa infractora para a súa satisfacción no prazo que para o efecto se determine, habilitándose no caso de que non o faga o uso dos medios de execución forzosa dos actos administrativos dos que dispón a administración.

Artigo 15º. Réxime de infraccións e sancións.

Infraccións

1. Norma xeral.

As infraccións ao previsto nesta ordenanza serán sancionadas pola Alcaldía ou pola Concellería na que este órgano delegue, dentro do ámbito das súas competencias, coa incoación previa do oportuno expediente no que se terán en conta as circunstancias que concorran en cada caso.

Todo iso, sen prexuízo de pasar o tanto de culpa ao Xulgado que corresponda ou remitir as actuacións practicadas ás autoridades competentes, cando así o determine a natureza da infracción.

2. Gradación.

a) As infraccións tipificadas na lexislación específica serán sancionadas coas medidas e coas multas nela fixadas.

b) As infraccións referidas nesta ordenanza clasifícanse en:

· Leves

· Graves

· Moi graves

3. Infraccións leves.

Cualificaranse como infraccións leves as seguintes:

a) O incumprimento de calquera das condicións de uso da tarxeta de estacionamento que se estipulan na presente ordenanza, que non sexa tipificado como infracción grave ou moi grave.

b) Calquera outra infracción a esta ordenanza que non estea expresamente cualificada como falta grave ou moi grave.

4. Infraccións graves.

Cualificaranse como infraccións graves as seguintes:

a) O estacionamento nos lugares habilitados para persoas con discapacidade contando con tarxeta por parte dunha persoa que non teña dereito ao seu uso.

b) A falla de identificación cando así o requira a autoridade pertinente, acreditando a súa identidade co Documento Nacional de Identidade, Número de identificación Fiscal, Tarxeta de residencia ou calquera outro documento oficial identificador, sen o cal non poderá facer uso da tarxeta de estacionamento. As persoas menores de 14 anos poderán acreditar asúa identidade mediante a exhibición do documento de recoñecemento do grao de discapacidade.

c) O uso da tarxeta de estacionamento logo de que a persoa titular perdese os requisitos esixidos para o seu outorgamento.

d) O uso da tarxeta de estacionamento logo da súa caducidade.

e) Deixar de comunicar a modificación das circunstancias persoais do titular da tarxeta facilitadas para a obtención da mesma.

f) A fotocopia da tarxeta de estacionamento para o seu uso.

g) A reincidencia na comisión de infraccións leves nos últimos tres anos.

5. Infraccións moi graves.

Cualificaranse como infraccións moi graves as seguintes:

a) A realización de actividades encamiñadas ou conducentes á obtención da tarxeta de estacionamento de xeito fraudulento, por non contar cos requisitos para elo, ou telos perdido, sen prexuízo de pasar o tanto de culpa que corresponda aos Xulgados competentes.

b) O uso da tarxeta extraordinaria provisional de estacionamento, tras recibir notificación da Xunta de Galicia da resolución da solicitude de discapacidade sen recoñecer a imposibilidade para o uso do transporte colectivo.

c) A reincidencia na comisión de faltas graves nos últimos tres anos.

d) O uso da tarxeta de estacionamento dun familiar falecido.

Sancións

1. Apercibimento.

a) A autoridade municipal poderá apercibir verbalmente ás persoas que infrinxan calquera das disposicións contidas na presente ordenanza, co fin de que de forma inmediata cesen a actividade prohibida ou realicen a obriga debida, iso sen prexuízo da incoación de expediente sancionador cando corresponda.

b) A autoridade municipal será competente para, no caso de identificar un uso indebido da tarxeta, proceder á súa retirada de forma cautelar durante a instrución dun procedemento sancionador. En todo caso, apercibirá da retirada da tarxeta no caso de que se incumpran as condicións de uso ou perda dos requisitos preceptivos para a súa obtención, sen prexuízo da instrución do expediente que corresponda para a retirada definitiva da mesma ou a do expediente sancionador que corresponda.

2. Sancións

a) A comisión dunha infracción administrativa das tipificadas no capítulo anterior determinará, logo da instrución do correspondente procedemento sancionador, de acordo coa normativa sobre o procedemento administrativo común, a imposición das sancións sinaladas neste artigo.

b) As infraccións leves serán sancionadas cunha multa de ata 100 euros

d) As infraccións graves serán sancionadas con multas de ata 300 euros e a retirada por un período de tres meses da tarxeta de estacionamento.

e) As infraccións moi graves serán sancionadas con multa de ata 1.000 euros, e a retirada da tarxeta de estacionamento por un tempo superior a tres meses e inferior a dous anos e/ou a revogación da tarxeta de forma indefinida, non podendo volver a solicitarse a mesma.

f) O feito de que se incoe e instrúa un procedemento sancionador por unha das condutas tipificadas como infracción, non exclúe a posibilidade de que se a infracción se reproduce se poidan incoar e instruír novos procedementos sancionadores polas novas infraccións cometidas, aínda que garden identidade na tipificación. A comisión de infraccións de uso da tarxeta en termos municipais diferentes do de Monfero lexitimará a imposición de sancións, sen prexuízo das competencias que poidan exercitar as demais administracións.

g) En ningún caso a sanción será inferior ao beneficio económico que a infracción supoña para o infractor.

Artigo 16º. Gradacións das sancións.

Na gradación das sancións deberase gardar a axeitada adecuación entre a gravidade da infracción cometida e a sanción aplicada. Valorarase a existencia de intencionalidade, a natureza dos prexuízos causados, a reincidencia na comisión dos feitos e a intensidade dos danos causados a bens públicos ou ás perturbacións ocasionadas ás demais persoas usuarias da vía pública.

Disposición Final

Entrada en vigor

Esta ordenanza entrará en vigor unha vez publicada no BOP e unha vez que transcorra o prazo de 15 días ao que se refire o artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e manterá a súa vixencia ata que se aprobe a súa modificación ou derrogación.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo de 15 días previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.