Oroso - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR ACTIVIDADES ADMINISTRATIVAS RELATIVAS Á APERTURA DE ESTABLECEMENTOS, INSTALACIÓNS E ACTIVIDADES DO CONCELLO DE OROSO

Publicación provisional: 11/04/2023 BOP Nº: 68
Publicación definitiva: 13/06/2023 BOP Nº: 111
Aplicable dende: 13/06/2023

ARTIGO 1.- FUNDAMENTO E NATUREZA.

1.- En uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 4 e 106 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 e 20.4 h) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, o Concello de Oroso establece a Taxa por actividades administrativas relativas a apertura de establecementos, instalacións e actividades que se rexera pola presente Ordenanza Fiscal.

ARTIGO 2.- FEITO IMPOÑIBLE.

1. Constitúe o feito impoñible desta taxa o desenvolvemento da actividade municipal, técnica e administrativa de control e comprobación a efectos de verificar se a actividade realizada ou que se pretende realizar se axusta ao cumprimento dos requisitos establecidos na lexislación sectorial, urbanística e medioambiental que resulte aplicable en cada momento a calquera establecemento industrial, comercial, profesional, de servizos e espectáculo público ou actividade recreativa, así como as súas modificacións, xa sexan da actividade ou do titular da actividade.

2.- Todo isto de acordo coas facultades de intervención administrativa conferidas polo artigo 84 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e os artigos 5 e 22.1 do Regulamento de servizos das corporacións locais, aprobado por Decreto de 15 de xuño de 1955, modificado polo Real decreto 2009/2009, de 23 de decembro.

3. Estarán suxeitos a esta taxa todos os supostos de exercicio de actividade e de apertura de establecementos suxeitas ó réxime de declaración responsable ou comunicación previa así como aqueles outros nos que resulte obrigatoria a solicitude e obtención de licenza ou, no seu caso, a realización da actividade de verificación ou control posterior do cumprimento dos requisitos establecidos na lexislación sectorial e, entre outros, os seguintes:

a) A primeira instalación dun establecemento ou actividade industrial, comercial, profesional ou de servizos.

b) A variación ou ampliación da actividade autorizada no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.

c) A ampliación do establecemento onde se desenvolve a actividade autorizada.

d) E calquera alteración que se leve a cabo en este e que afecte as condicións sinaladas no número 1 deste artigo requirindo nova verificación das mesmas.

4.- Entenderase por establecemento industrial ou mercantil, toda edificación habitable, estea ou non aberta ó público, que non se destine exclusivamente a vivenda, e que:

a) Se dedique ó exercicio dalgunha actividade empresarial fabril, artesana, da construcción, comercial e de servizos que estea suxeita ó Imposto sobre Actividades Económicas.

b) Aínda sen desenvolverse ditas actividades, sirvan de auxilio ou complemento para as mesmas, ou teñan relación con elas en forma que lles proporcionen beneficios ou aproveitamento, como, por exemplo, sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de persoas xurídicas, escritorios, oficinas, despachos ou estudos.

ARTIGO 3.- SUXEITO PASIVO.

1.- Son suxeitos pasivos da taxa, a título de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, e o artigo 23.1 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da lei reguladora das facendas locais, titulares ou responsables da actividade que se pretende desenvolver ou que xa se estea a desenvolver en calquera establecemento industrial, mercantil ou de servizos en xeral, que inicien expediente de solicitude de licenza para a mesma ou, no seu caso, presenten comunicación previa ou declaración responsable.

2. Terán a condición de substitutos do contribuínte as persoas físicas ou xurídicas a que se refire o artigo 23.2 a) do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, propietarios dos inmobles en que se pretende desenvolver ou xa se estea a desenvolver a actividade industrial, mercantil ou de servizos en xeral.

3.- O substituto poderá requirir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.

ARTIGO 4.- RESPONSABLES.

1.- Son responsables solidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades a que se refire o artigo 41.1 e 42.1.a) e b) da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.

2.- Serán responsables subsidiarios os administradores de feito ou de dereito das persoas xurídicas, os integrantes da administración concursal, os liquidadores de sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.

ARTIGO 5.- COTA TRIBUTARIA

1.- A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a actividade, modulada en función da superficie do local, de acordo coa tarifa que contén o apartado seguinte.

2.- As cotas tributarias determinaranse de acordo coa seguinte tarifa:

Superficie

Actividades non suxeitas a incidencia ambiental

Actividades suxeitas a incidencia ambiental

Ata 25m2

90 euros

120 euros

De 26 a 100 m2

120 euros

180 euros

De 101 a 200 m2

200 euros

280 euros

De 201 a 400 m2

350 euros

450 euros

Máis de 400 m2

500 euros

650 euros.

3.- A cota tributaria esixirase por unidade de local.

4.- Nos casos de ampliación da superficie do establecemento adicada a desenvolver a actividade, da cota que resulte por aplicación dos apartados anteriores deste artigo, deducirase o devengado por este concepto tributario con ocasión da primeira apertura e de ulteriores variacións ou ampliacións do local sendo a cantidade a ingresar a diferencia resultante.

ARTIGO 6. EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS.

1.- De conformidade co disposto no artigo 9 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais non se concederán máis exencións ou bonificacións que as que expresamente se prevexan nas leis ou as que se deriven da aplicación dos tratados internacionais.

ARTIGO 7. DEVEÑO.

1.- Deivindicase a taxa e nace a obriga de contribuir cando se inicie a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. A estes efectos, entenderase iniciada dita actividade:

a) En actividades suxeitas a licenza de apertura, na data de presentación da oportuna solicitude da licenza.

b) En actividades non suxeitas a autorización ou control previo, no momento de presentación da declaración responsable ou comunicación previa de inicio da actividade.

2.- Cando as actividades se iniciasen sen obter a oportuna licenza ou sen haberse presentado a oportuna declaración responsable ou comunicación previa a Taxa deveñase cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixibles, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para autorizar a apertura no seu caso.

3.- A obriga de contribuir unha vez nacida non se verá afectada en modo algún pola denegación da licencia solicitada.

4.- No caso de renuncia ou desistimento formulado polo solicitante con anterioridade á concesión da licenza, no seu caso, ou con anterioridade ao inicio da actividade, nos demais casos, as cotas a liquidar, sempre que a actividade municipal se iniciase efectivamente, será do 50% da establecida nesta Ordenanza.

ARTIGO 8. DECLARACIÓN E INGRESO.

1.- A Taxa esixirase en réxime de autoliquidación, cando se realice a petición do interesado e, no suposto de que se preste de oficio, por liquidación practicada pola Administración Municipal.

2.- Ó solicitarse a realización da actividade administrativa que constitúe o feito impoñible da taxa, deberá acreditarse mediante a presentación da declaración-liquidación, o ingreso das cantidades correspondentes.

3.- O pago da taxa non presupón nen outorga a autorización urbanística, ata ter obtido a correspondente resolución administrativa.

4.- Se despois de formulada a solicitude de licenza de apertura, comunicación ou declaración de inicio e practicada a autoliquidación e o seu ingreso, se variase ou ampliase a actividade a desenvolver no establecemento ou se ampliase o local inicialmente previsto, estas modificacións haberán de poñerse en coñecemento da Administración municipal, nos termos establecidos na normativa aplicable, achegando unha nova autoliquidación non seu caso.

5. As autoliquidacións presentadas polo contribuínte, para os efectos desta Ordenanza, están sometidas a comprobación administrativa. Finalizada a actividade municipal e unha vez ditada resolución administrativa, practicarase, no seu caso, a liquidación definitiva que será notificada ao suxeito pasivo

6.- Cando os servizos municipais comproben que se está exercitando calquera actividade sen obter a previa licencia preceptiva ou sen presentar a correspondente declaración responsable ou comunicación previa para o seu ulterior control segundo sexa o réxime xurídico aplicable, considerase o acto de comprobación como a iniciación do trámite de estas últimas, coa obriga do suxeito pasivo de aboar a taxa establecida , sen prexuizo da imposición das sancións ou medidas cautelares que procedan.

ARTIGO 9.- COMPROBACIÓN E INVESTIGACIÓN

A Administración Municipal poderá, por calquera dos medios previstos nos artigos 57 e 131 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, levar a cabo os procedementos de verificación de datos, comprobación de valores e comprobación limitada.

ARTIGO 10. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

Nos casos de incumprimento das obrigacións establecidas na presente Ordenanza, aplicarase o réxime de infraccións e sancións regulado na Lei Xeral Tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA.

Esta Ordenanza derroga expresamente a Ordenanza fiscal reguladora da taxa por licencia de apertura de establecementos, instalacións e actividades na súa redacción dada por acordo do Pleno da Corporación adoptado en sesión plenaria de data 28 de agosto de 2003 e cuxa aprobación definitiva foi obxecto de publicación no Boletín Oficial de Provincia número 206 de data 8 de setembro de 2003.

DISPOSICIÓN FINAL.

A presente Ordenanza Fiscal, entrará en vigor no momento da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia e, en todo caso, unha vez transcurridos os prazos a que se refire o artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.