Oroso - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS DO CONCELLO DE OROSO

Publicación provisional: 11/04/2023 BOP Nº: 68
Publicación definitiva: 13/06/2023 BOP Nº: 111
Aplicable dende: 14/06/2023

Artigo 1. Fundamento Legal e natureza.

1.- De conformidade co disposto nos artigos 59.2 e 100 e seguintes do Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de Marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei das Facendas Locais, e segundo o disposto nos artigos 15 e seguintes da mesma Lei, O Concello de Oroso establece o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, sendo o mesmo un tributo indirecto.

Artigo 2. Feito impoñible.

1.- O Feito Impoñible do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras está constituído pola realización, dentro do termo municipal de Oroso, de calquera construción, instalación ou obra para á que se esixa a obtención da correspondente licencia de obras ou urbanística, obtivérase ou non dita licencia ou para a que se requira a presentación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a súa expedición ou a actividade de control corresponda a este Concello.

2.- As construcións, instalacións ou obras a que se refire o apartado anterior poderán consistir, entre outras, en:

a) Obras de construción de edificacións e instalacións de toda clase de nova pranta.

b) Obras de ampliación de edificios e instalacións de tódalas clases existentes.

c) Obras de Modificación ou reforma que afecten á estrutura dos edificios e instalacións de tódalas clases existentes.

d) Obras de modificación do aspecto exterior dos edificios e instalacións de todas as clases existentes.

e) Obras que modifiquen a disposición interior dos edificios.

f) Obras e usos que se teñan que realizar con carácter provisional no caso en que estean xustificadas, que deberán demolerse cando o acorde o Concello, se dereito a indemnización.

g) Movementos de terra, tales coma desmontes, explanacións, escavacións e terrapléns, obras de instalacións de servizos públicos e, en xeral, as relacionadas coa urbanización, excepto que estes actos fosen detallados e programados como obras a executar nun proxecto de urbanización definitivamente aprobado ou de edificación que dispoña de licencia outorgada.

h) A demolición das construcións, agás nos casos declarados de ruína inminente.

i) As instalacións subterráneas adicadas a estacionamentos, actividades industriais, mercantís ou profesionais, servicios públicos ou calquera outro uso a que se destine o subsolo.

j) As obras de construción de infraestrutura civil, (entre elas as urbanizacións de vías) agás que estes actos fosen detallados e programados como obras a executar nun plan especial ou nun instrumentos de ordenación territorial, sen prexuízo do disposto na lexislación sectorial aplicable. Agás as de mantemento das obras públicas.

k) As construcións nas zonas de dominio público, sen prexuizo do disposto na lexislación sectorial aplicable.

l) A instalación ou radicación de casas prefabricadas e instalacións similares, provisionais ou permanente, agás que se efectúen dentro de campamentos legalmente autorizados e nas zonas expresamente previstas para dita finalidade.

m) A instalación de invernadoiros.

n) A colocación de carteis e paneis de propaganda visibles desde a vía pública, sempre que non estean en locais pechados.

o) Os cerramentos e valados de predios.

p) Aliñacións e rasantes.

q) Obras de fontanería e sumidoiros.

r) Instalación de elementos permanentes, tales coma postes, torretas, transformadores, liñas aéreas ou subterráneas, xeradores eólicos etc..., de subministro e xeración de enerxía, e de telefonía móbil, transmisións e similares, sobre parcelas e inmobles.

s) Obras nos cemiterios.

t) Calquera outra construción, instalación ou obra que requira licencia urbanística ou de instalación ou se someta ó réxime de declaración responsable ou comunicación previa, segundo o previsto na lexislación e normativa vixente sobre o solo sectorial ou de desenvolvemento.

Artigo 3. Exención.

1.- Exímese do pagamento do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexan donos o Estado, as Comunidades Autónomas ou as entidades locais que, estando suxeitas ó mesmo, vaian ser directamente destinadas a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamentos de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a xestión se leve a cabo por Organismos Autónomos, tanto se se trata de obras de inversión nova como de conservación.

Artigo 4. Suxeitos pasivos.

1.- Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuínte, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre os que se realice aquela.

2.- A efectos do disposto no parágrafo anterior terán a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou o custo que comporte a súa realización.

3.- Terán a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte aqueles que soliciten as correspondentes licencias, presenten as declaracións responsables ou comunicacións previas ou realicen as construcións, instalacións ou obras, no suposto en que non sexan realizadas polo suxeito pasivo contribuínte.

4.- O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da conta tributaria satisfeita.

Artigo 5. Base impoñible.

1.- A base impoñible deste imposto está constituída polo custe real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal, a estes efectos, o custe de execución material de aquela.

2.- Non forman parte de base impoñible o Imposto sobre o Valor Engadido e demais impostos análogos propios de rexímenes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local, nen tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calque outro concepto que non integre estritamente o custe de execución material.

Artigo 6. Cota e tipo de gravame.

1.- A cota do imposto será o resultado de aplicarlle á base impoñible o tipo de gravame.

O tipo de gravame queda fixado no 4 por cento.

Artigo 7. Deveño.

1.- A obriga de contribuír nace no momento de iniciarse a obra, mesmo nos casos en que comece sen a licencia pertinente; ou no momento en que se presente a declaración responsable ou comunicación previa.

2.- Os efectos do imposto, entenderanse iniciadas ás construcións, instalacións ou obras, salvo proba en contrario:

a) Cando teña sido concedida a preceptiva licencia municipal, ou ditado o acto administrativo que autorice a execución da construción, instalación ou obra na data en que sexa notificada dita concesión ou autorización ou, no caso de que non poida practicarse a notificación, ós 30 días da data do Decreto polo que se concede a licencia ou autoriza o acto.

b) Cando se trate de actuacións sometidas ó réxime de declaración responsable ou comunicación previa na data en que a mesma teña entrada no Rexistro do Concello de Oroso.

c) Cando sen haberse concedido polo Concello a preceptiva licencia ou o acto administrativo autorizante a que se refire a letra a) anterior, nin presentada declaración responsable ou comunicación previa se efectúe polo suxeito pasivo calquera clase de acto material ou xurídico tendente á realización das construcións, instalacións ou obras.

Artigo 8.- Liquidación Provisional.

1.- O imposto esixirase en réxime de autoliquidación, excepto para os supostos en que as actuacións solicitadas impliquen obras na vía ou dominio público nas que se xestionará aquel de acordo co disposto no artigo 103.1 do Texto Refundido da Lei reguladora das Facendas Locais.

2.- Os suxeitos pasivos están obrigados a practicar autoliquidación polo imposto, no impreso habilitado ó efecto pola Administración municipal, e a abonala:

a) No prazo dun mes dende a data de notificación da concesión da licencia urbanística ou do acto administrativo que autorice a execución da construción, instalación e obra.

b) No momento en que se presente a declaración responsable ou a comunicación previa.

c) En todo caso, a autoliquidación aboarase dentro do prazo máximo dun mes contado a partir do momento en que se inicie a construción, instalación ou obra, incluso cando non se solicitase, concedese ou denegase a licencia ou presentada a declaración responsable ou comunicación previa, sen que o pago realizado conleve ningún tipo de presunción ou acto declarativo de dereitos a favor dos suxeitos pasivos.

3.- O pago da autoliquidación presentada terá carácter provisional e será a conta da liquidación definitiva que se practique unha vez terminadas as construcións, instalacións ou obras, determinándose en aquela a base impoñible en función do presuposto presentado polos interesados, sempre que o mesmo fose visado polo Colexio Oficial correspondente. Cando o visado non constitúa un requisito preceptivo dita base determinarase en función dos módulos que se establecen no Anexo da presente ordenanza ou, cando esto non resulte factible, en función do orzamento presentado polo interesado.

4.- Cando se modifique o proxecto da construción, instalación u obra e elo implique incremento do orzamento, unha vez aceptada a modificación pola Administración municipal, os suxeitos pasivos deberán presentar autoliquidación complementaria pola diferencia entre o orzamento inicial e o modificado con suxeción ós prazos, requisitos e efectos indicados anteriormente.

5.- Cando os suxeitos pasivos non aboasen a correspondente autoliquidación polo imposto, nos prazos anteriormente sinalados, ou se presentase e aboase por contía inferior a cuota que resulte do orzamento aportado, o Concello de Oroso poderá practicar e notificar unha liquidación provisional pola cantidade que proceda.

Artigo 9.- Liquidación definitiva.

1.- Unha vez finalizadas as obras, construcións ou instalacións, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa terminación os suxeitos pasivos deberán presentar no Concello declaración do custo real e efectivo de aquelas, acompañando os documentos que consideren oportunos a efectos de acreditar o expresado custe.

2.- Cando o custo real e efectivo das construcións, instalacións ou obras sexa superior ou inferior ao que serviu de base impoñible na autoliquidación ou autoliquidacións anteriores que fosen presentadas e pagas con carácter provisional, o Concello procederá a practicar liquidación complementaria pola diferencia, positiva ou negativa, que se poña de manifesto, que se practicará no impreso que a tal efecto se determine e será debidamente notificada ó interesado.

3.- Se como resultado da liquidación complementaria a diferencia é positiva, esta será ingresada, polo suxeito pasivo, na forma e prazos establecidos no artigo anterior e se a diferencia é negativa será reintegrada polo Concello no prazo dun mes.

4.- Os suxeitos pasivos están igualmente, obrigados a presentar a declaración do custo real e efectivo das construcións, instalacións ou obras finalizadas e a abonar a autoliquidación que corresponda, aínda cando non se pagou por aquelas, con anterioridade, ningunha autoliquidación polo imposto, o que deberán realizar no prazo sinalado nos apartados anteriores deste artigo.

5.- Para os efectos dos precedentes apartados, a data de finalización das construcións, instalacións e obras será a que se determine por calquera medio de proba admisible en dereito e, en particular, a que resulte segundoa normativa urbanística.

6.- Cando non se puidese presentar en prazo a documentación sinalada, no apartado 1 anterior, poderá solicitarse, dentro do mesmo período de tempo, unha prórroga dun mes para realizar a súa achega.

7.- Naqueles supostos nos que, durante a realización da construción, instalación ou obras, se produzan cambios nas persoas ou entidades que puideran ser suxeitos pasivos do imposto, a liquidación definitiva practicarase ó que ostente a condición de suxeito pasivo no momento de terminarse aquelas.

Artigo 10.- Comprobación administrativa.

1.- Á vista da documentación achegada ou de calquera outra relativa a estas construcións, instalacións ou obras e das efectivamente realizadas así como do custo real e efectivo das mesmas, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, modificará, no seu caso, a base impoñible aplicada anteriormente, practicando a correspondente liquidación definitiva e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, segundo proceda, a cantidade que resulte, sen prexuízo da imposición das sancións que sexan aplicables de acordo co disposto nesta ordenanza.

Artigo 11. Bonificacións na cota.

1. Ao abeiro do disposto no artigo 103.2 do TR 2/2004 da lei reguladora das facendas locais, que establece a posibilidade de regular unha bonificación de ata o 95% da cota do imposto das construcións, instalacións e obras a favor de aquelas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais histórico-artísticas ou de fomento do emprego, gozarán de dita bonificación no seu importe máximo do 95% as seguintes obras:

a. As dedicadas á construción, rehabilitación ou reparación da vivenda habitual das persoas en situación de emerxencia social.

Consideraranse en situación de emerxencia social, aquelas que requiren urxente atención de carácter paliativo, derivadas da inadecuación ou dotación da vivenda habitual de aquelas persoas que carecen de medios económicos suficientes para facer fronte a esta situación. A documentación a presentar será a seguinte:

A) Informe social que acredite a situación de emerxencia social.

B) Informe do técnico competente sobre a situación de emerxencia social relativo a súa localización, características, estado de deterioro, servicios, salubridade, seguridade e distribución.

C) Fotocopia do DNI do solicitante e do resto da Unidade Familiar de convivencia e do libro de familia.

D) Certificado de empadroamento que especifique que os membros da unidade familiar residen na vivenda en cuestión.

E) Certificación acreditativa da propiedade da vivenda.

F) Xustificantes dos ingresos familiares, mediante a oportunas declaracións da renda ou certificados de imputacións que acrediten os ingresos da unidade familiar, incluíndo axudas públicas. O importe máximo da renda dispoñible da unidade familiar ponderada segundo os coeficientes do seguinte párrafo, entendida como a parte xeral e especial da Base Impoñible regulada na lei sobre o imposto sobre a renda das persoas físicas, antes de proceder as deducións por mínimo persoal e familiar non poderá superar o importe anual do salario mínimo interprofesional. Os coeficientes aplicables segundo o número de membros da unidade familiar son os seguintes:

Nº membros unidade familiar: Coeficiente

1: 1

2: 0,9

3: 0,8

4: 0,7

5 ou máis: 0,5

b. Aquelas outras instalacións u obras diferentes das sinaladas anteriormente e que cumpran os seguintes requistos:

a. Os donos das obras deberán ser obrigatoriamente:

1. Administracións públicas ou organismos dependentes das mesmas, que conforme a lexislación de contratación administrativa estean incluídos dentro do concepto de administración pública.

2. Entidades ou asociacións sen ánimo de lucro.

b. As obras deberán referirse obrigatoriamente a equipamentos dirixidos á comunidade ou rehabilitación ou conservación do patrimonio histórico-artístico, catalogado coma tal segundo a lexislación correspondente.

A documentación a presentar será a seguinte:

a) Acreditación do cumprimento dos requisitos previstos no apartado anterior, presentando unha memoria acreditativa.

b) As edificacións, instalacións u obras dedicadas á gandería, agropecuarias e o sector forestal produtivo (non transformación) que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración.

A documentación a presentar será a seguinte:

a) Acreditación do cumprimento dos requisitos previstos no apartado anterior, presentando unha memoria acreditativa do número de postos de traballo a crear ou a manter no seu caso, axuntando copia do boletíns de cotizacións TC-2 á Seguridade Social dos traballadores.

b) Acreditamento de estar ao corrente coas obrigas tributarias co Estado, Concello e Comunidade Autónoma, así coma coa Seguridade Social.

c) As edificacións, instalacións u obras dedicadas á implantación ou ampliación dunha nova actividade económica ou empresarial nos Polígonos Industriais do concello de Oroso, que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración, cumprindo as seguintes condicións mínimas:

a. As actividades económicas deberán estar implantadas nos Polígonos Industriais do concello de Oroso, delimitados como aquelas parcelas cualificadas coma de solo de uso industrial segundo o Plan Xeral do Concello de Oroso.

b. Unicamente procederá a declaración de interese municipal para a implantación dunha nova actividade económica, entendendo por tal aquela que conleve a edificación en solares baleiros, ou ben á ampliación de instalacións ou edificacións de industrias existentes, sempre e cando conleve a creación de novo emprego.

c. Acreditar el alta en el Censo de actividades económicas, mediante presentación de modelo 036 ou equivalente.

d. A actividade deberá contar con todas as licencias ou permisos de actividade sectoriais precisos, así coma en todo caso contar con licencia de obra das edificacións obxecto de bonificación e de primeira ocupación (licencia ou comunicación previa).

e. Deberá acreditarse ter solicitada a alta das novas construcións ou instalacións no Catastro.

f. Estar ao corrente no pago de todos os tributos municipais e estatais así coma o corrente no pago das súas obrigas coa Seguridade Social.

Para o desfrute desta bonificación, os interesados deberán presentar xunto coa solicitude de licencia de obra ou declaración responsable ou comunicación previa, a correspondente de concesión de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego na Sede Electrónica municipal, acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa da solicitude na que se explique entre outros aspectos:

a. Situación da actividade, indicando o número de referencia catastral.

b. Descrición da actividade económica e das obras previstas, indicando someramente os procesos produtivos que se desenvolven na parcela, así coma a utilidade das obras e instalacións proxectadas para a creación de postos de traballo.

c. Número previsto de creación de postos de traballo da actividade que teñan coma centro de traballo as instalacións na parcela indicada. No suposto de solicitarse a bonificación por ampliación de instalacións, indicarase o número previsto de traballadores existentes antes e despois da mesma. A porcentaxe de bonificación a que dará lugar a concesión da declaración de utilidade de especial interese ou utilidade municipal será a seguinte en función do acreditamento do número de novos postos de traballo creados:

Ata 10 postos de traballo creados 50 %

De 11 a 20 postos de traballo creados 75 %

Máis de 20 postos de traballo creados 95 %

O importe da bonificación aplicarase no momento da aprobación da liquidación definitiva do imposto, unha vez rematada a obra e obtida a preceptiva licencia de primeira ocupación ou comunicación previa, para o cal, o suxeito pasivo deberá presentar xunto coa documentación acreditativa do custe real da obra, a seguinte documentación que acredite a creación efectiva dos novos postos de traballo:

a) Certificado en vigor expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria de que a empresa está ao corrente coas súas obrigas tributarias.

b) Certificado en vigor expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social de que a empresa está ao corrente coas súas obrigas.

c) Acreditamento da presentación do modelo de alta das novas construcións e instalacións no Catastro, se no se presentase anteriormente.

d) Indicación e descrición das autorizacións sectoriais posuídas para o desenvolvemento da actividade económica, indicando no seu caso o número de inscrición en Rexistros autonómicos ou estatais.

e) Acreditamento do número de postos de traballo creados mediante a aportación de:

a. Copia dos contrato de traballo dos novos traballadores, no que quede acreditado que o centro de traballo correspóndese co inmoble para o que se solicita a bonificación.

b. Copia modelos ¿TC2" do derradeiro exercicio económico dos novos traballadores.

c. Certificado de vida laboral dos traballadores.

Non dará lugar a aplicación da bonificación concedida:

1º) O non acreditamento suficiente da creación dos novos postos de traballo comprometidos na solicitude inicial.

2º) A prescrición do prazo para practicar a liquidación definitiva do Imposto.

3º) A declaración da caducidade da licencia de obra concedida ou o transcurso do prazo máximo de vixencia da mesma.

4º) A denegación da concesión da licencia de primeira ocupación das obras obxecto de licencia por non cumprir as condicións da licencia concedida ou incumprimento das condicións establecidas na comunicación previa.

2. Para gozar dalgunha das bonificacións do párrafo anterior, que non serán acumulativas, será necesario que se solicite polo suxeito pasivo a declaración de especial interese ou utilidade municipal, o que deberá facerse, antes do inicio das construcións, instalacións ou obras, mediante escrito separado, ó tempo de presenta-la solicitude de licencia municipal que autorice a súa realización.

3. Unha vez informada a solicitude e a licencia municipal, formularase proposta ó Pleno da Corporación os efectos de determinar se concorren as circunstancias para a declaración de especial interese ou utilidade municipal, o cal decidirá por maioría simple.

4.- Outorgada se procede a declaración, notificarase o suxeito pasivo.

2. Gozarán de unha bonificación do 90% as construcións, instalacións ou obras que favorezan as condiciones de acceso e habitabilidade dos discapacitados, sempre e cando as mesmas non formen parte de un proxecto de obra nova e se realicen de forma independente.

3. Gozarán dunha bonificación de ata o 50% da cuota as construccións de nova planta de vivendas suxeitas ó réxime de protección pública ( VPP ou VPA)

A bonificación prevista neste artigo só alcanzará ás vivendas de protección pública contempladas na Lei 8/2012, de 29 de xuño, de vivenda de Galicia. Para ese efecto, no suposto de promocións mixtas que inclúan locais ou vivendas libres e vivendas protexidas, a porcentaxe de bonificación aplicarase á parte de cota correspondente ás construcións, instalacións e obras destinadas estritamente á construción das vivendas protexidas a que se refire este precepto. Igual prevención terá lugar no caso de que a promoción comprenda vivendas suxeitas a réximes de protección pública distintos dos referidos neste artigo.

En ambos os casos, para gozar da bonificación, deberase achegar polo interesado unha desagregación do orzamento no que se determine razoadamente o custo que supón a construción dunhas e outras vivendas. No caso de que non fose posible a súa desagregación, a efectos da bonificación se prorrateará o orzamento en proporción ás respectivas superficies. Así mesmo, será necesario presentar, en todo caso, copia da cualificación provisional das vivendas, expedida polo organismo competente da Comunidade de Galicia.

4.- Gozarán dunha bonificación do 50% da cuota as construccións, instalacións ou obras consistentes na instalación de sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo.

A aplicación desta bonificación estará condicionada a que se acredite que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente. En ningún caso se concederá esta bonificación cando a implantación de este tipo de sistemas sexa obrigatoria a tenor da normativa específica na materia.

3.- En ningún caso deivindicarán intereses as cantidades que houbera que reembolsar ó suxeito pasivo como consecuencia de autoliquidacións ingresadas a conta sen terse practicado as bonificacións reguladas nesta ordenanza, por causa da falla de acreditación dos requisitos esixidos para a súa aplicación no momento da autoliquidación e ingreso a conta.

Artigo 11. Procedemento de concesión das bonificacións.

1.- Non procederá outorgar as bonificacións reguladas nos puntos anteriores a aquelas construcións, instalacións ou obras que empezasen ou rematasen sen haber solicitado a correspondente licencia de obras municipal.

2.- As bonificacións establecidas anteriormente non serán compatibles entre si. No caso de que algunha construción, instalación u obra puidera incluírse en varios supostos de bonificación, o interesado deberá optar pola que desexe que lle sexa aplicable, entendéndose, en caso de indicarse máis de unha que elixe aquela a que se atribúa maior importe de bonificación.

3.- Sen prexuizo do sinalado no artigo anterior respecto dos prazos e documentación específica a presentar con cada solicitude o procedemento será o seguinte:

a) A bonificación ten carácter rogado e a solicitude entenderase efectuada cando o suxeito pasivo practique a autoliquidación do imposto deducíndose o importe da bonificación.

b) Á solicitude deberá acompañarse a seguinte documentación:

a. Aquela que xustifique a pertinencia do beneficio fiscal.

b. Identificación da licencia de obras ou urbanística, declaración responsable ou comunicación previa.

c) Orzamento desglosado das construcións, instalacións ou obras ou de aquela parte das mesmas para as que se insta o beneficio fiscal.

3. Se a inclusión das devanditas construcións, instalacións ou obras nalgún dos supostos bonificables dependese de actos ou cualificacións que houberen de producirse necesariamente con posterioridade, será suficiente coa xustificación do inicio dos trámites encamiñados á súa obtención. En tal suposto, a bonificación quedará condicionada á súa oportuna xustificación, o que deberá efectuarse no prazo dun mes desde a obtención da cualificación ou documento acreditativo da súa inclusión no correspondente suposto.

4. Se a solicitude de bonificación non reunise os requisitos indicados ou estes fosen insuficientes para a adopción da resolución que proceda, requirirase ao solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou acompañe a documentación preceptiva, con indicación de que se así non o fixese, teráselle por desistido da súa solicitude e procederase ao arquivo, sen máis trámite, das actuacións, nos termos do artigo 89 do Regulamento Xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, aprobado por Real Decreto 1065/2007, do 27 de xullo.

Neste caso, procederase, polos órganos de xestión do imposto, no seu caso, a practicar liquidación provisional polo importe da bonificación indebidamente aplicada e cos intereses e recargas pertinentes, sen prexuízo das sancións a que houber lugar se se apreciase a existencia de infracción tributaria.

5. Se se denega a bonificación ou resultaren inadecuados as porcentaxes de bonificación aplicados polo obrigado tributario na autoliquidación presentada, procederase a virar de oficio liquidación provisional sen a bonificación ou coa porcentaxe que proceda e cos intereses ou recargas que correspondan; todo iso, sen prexuízo das sancións a que houber lugar se se apreciase a existencia de infracción tributaria.

6. O establecido nos apartados 4 e 5 non será de aplicación nos supostos de bonificacións cuxa apreciación corresponde ó Pleno da Corporación en cuxo caso de denegarse a mesma practicarase de oficio unha liquidación provisional sen a bonificación entendéndose a mesma en período voluntario.

7. A concesión da bonificación ou, no seu caso, a liquidación provisional que conteña o recoñecemento implícito da devandita bonificación, estarán condicionadas ao establecido na licenza municipal ou ao manifestado na declaración responsable ou na comunicación previa e á acreditación ou obtención das cualificacións ou actos esixibles para ter dereito á correspondente bonificación, quedando aquela automaticamente sen efecto, sen necesidade de novo acordo en contrario, tanto no suposto de incumprimento de tales condicións como no de denegación da licenza ou ineficacia da declaración responsable ou comunicación previa.

Artigo 12. Inspección e recadación.

A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei Xeral Tributaria e nas demáis Leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 13. Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias, así como a determinación das sancións que polas mesmas correspondan en cada caso, se aplicará o réxime regulado na Lei Xeral Tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

Disposicións

Disposición Adicional Única.

As modificacións que se introduzan na regulación do imposto, polas Leis de Orzamentos Xerais do Estado ou por calquera outra Lei ou disposición, e que resulten de aplicación directa, producirán, no seu caso, a correspondente modificación tácita da presente Ordenanza fiscal.

Disposición Derogatoria.

Queda derogada a Ordenanza Fiscal do Imposto sobre Construcións, Instalación e Obras na súa redacción dada polo acordo do Pleno adoptado na súa sesión de data 25 de xaneiro de 2018 e cuxa aprobación definitiva foi obxecto de publicación no BOP número 59 de data 27 de marzo de 2018.

Disposición Final.

A presente modificación da ordenanza fiscal, aprobada a súa redacción definitiva polo Pleno do Concello, entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.

ANEXO

MÓDULOS UNITARIOS DE VALORACIÓN A EFECTOS DO ORZAMENTO OU COSTE DE OBRAS, INSTALACIÓNS,

CONSTRUCCIÓNS E REFORMAS, PARA APLICACIÓN DO PORCENTAXE CORRESPONDENTE Ó IMPOSTO SOBRE

CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS.

Como punto de partida se establece un módulo básico de construción (M), de maneira que sobre este módulo básico de construción, se aplica un coeficiente de uso e de tipoloxía, en función do tipo de obra e/ou edificación de que se trate. O módulo básico de construción (Mb),expresado en €/m² será o vixente no Colexio de Arquitectos de Galicia no momento da presentación da solicitude de licencia, declaración responsable ou comunicación previa, ou no caso de non presentarse estas, no momento en que os servicios municipais inicien o expediente de liquidación do imposto. No caso de non existencia do devandito módulo ou de manifesta falta de adecuación do mesmo ós valores de mercado, o valor do mesmo será aprobado polo Alcalde-Presidente en base a informe dos servicios técnicos municipais de acordo a estudios de mercado.

Para o cálculo da base á que aplicar o ICIO, determinarase o valor do modulo de construción (Mc), como resultado de aplicar ó Módulo base (M), o coeficiente tipolóxico Ct, e o coeficiente de uso predominante (Cu) á superficie construída da edificación ou da parte da mesma sobre a que se interveña.

Mc = Mb × Ct × Cu × Superficie

O valor dos coeficientes de tipoloxía e uso obtense do seguinte:

Coeficiente tipoloxía (Ct):

1. En edificacións de nova planta e adicións.

1,20 Edificación illada (4 fachadas). Vivenda unifamiliar illada. Sótanos a partir de 3º.

1,10 Agrupación en fila ou ringleira. Sótanos 1º y 2º.

1,00 Edificio en mazá pechada. Edificación aberta vivenda colectiva.

2. En obras de reforma e rehabilitación.

1,20 Rehabilitación total incluíndo desmontaxe de fachadas.

1,00 Adecuación interior de plantas baixas e entreplantas.

0,65 Reforma interior de instalacións e acabados conservando a estrutura existente.

0,50 Reformas de elementos estruturais.

0,35 Rehabilitación de fachadas. Substitución de carpintería e pechamentos (aplicada á superficie da fachada). Reforma interior instalacións.

0,30 Reforma de acabados interiores.

0,08 Substitución material cobertura.

0,02 Pintado de fachadas. Demolicións e derribos.

3. En obras non edificatorias.

1,00 Parcelas cámpings. Acondicionamento de terreos.

0,15 Peches de parcelas de mampostería, formigón, sillería ou similar.

0,10 Peches de zócalo, postes y arame.

0,04 Peches de poste e arame.

0,02 Tallos.

Coeficiente de usos (Cu):

1,65 Auditorios. Museos. Teatros. Hoteis 5*. Edificios bancarios.

1,55 Hospitais. Laboratorios. Iglesias.

1,45 Bibliotecas. Facultades e Escolas Universitarias. Hoteis 4*. Edificios penitenciarios. Terminais Marítimas e Aéreas.

1,35 Clubes sociais. Cines. Centros de Saúde. Balnearios. Hoteis 3*. Salas de festas. Discotecas. Colexios con Residencia.

1,25 Casas de Cultura. Casas Consistoriais. Locais Bancarios. Consultorios. Residencias 3ª idade. Aparta hoteis. Tanatorios. Centros de culto. Cuarteis. Matadoiros.

1,15 Vivenda. Hoteis de 2*. Residencias Universitarias. Moteis.

1,05 Residencial VPO. Oficinas. Gardarías. Centros docentes. Hoteis de 1*. Ambulatorios. Hostais-Residencias. Restaurantes. Estacións de Autobuses. Salas de exposicións. Piscinas cubertas. Demolicións e derribos. Peches de parcela.

0,95 Bares. Mercados.

0,85 Centro comercial. Pavillóns deportivos cubertos. Vestiarios. Bungalows. Servicios cámpings. 0,70 Edificios de aparcamentos. Local comercial. Establecementos comerciais industria escaparate.

0,55 Piscinas descubertas. Cemiterios.

0,50 Naves industriais e comerciais.

0,45 Locais en planta baixa ou semisótano sen uso específico. Garaxes e Aparcamentos. Estacións de Servicio.

0,40 Trasteiros. Porches e terrazas abertas.

0,35 Almacéns. Instalacións deportivas descubertas.

0,25 Proxectos de urbanización.

0,20 Acondicionamento de naves con obras mínimas.

0,15 Proxectos de urbanización (adscritos á edificación). Parcelas cámpings.

0,10 Xardíns. Pistas de terra e formigón. Tratamento de espacios exteriores. Acondicionamento de terreos.