Boqueixón - REGULAMENTO ORGÁNICO MUNICIPAL DO CONCELLO DE BOQUEIXÓN

Publicación provisional: 18/05/2023 BOP Nº: 93
Publicación definitiva: 10/07/2023 BOP Nº: 130
Aplicable dende: 01/08/2023

Índice

Preámbulo

Título Preliminar

Artigo 1. Obxecto e natureza.

Artigo 2. Prelación de fontes.

Artigo 3. Interpretación do Regulamento Orgánico Municipal.

Título I. Da organización municipal

Artigo 4. Órganos municipais necesarios e complementarios.

Artigo 5. O Pleno.

Artigo 6. A Alcaldía.

Artigo 7. Tenencias de Alcaldía.

Artigo 8. A Comisión Especial de Contas.

Artigo 9. As concellarías delegadas.

Artigo 10. A Xunta de Goberno Local.

Artigo 11. As Comisións Informativas.

Título II. O Pleno

Capítulo I. Grupos Políticos, Concelleiros e Concelleiras.

Sección I. Dos grupos políticos municipais.

Artigo 12. Grupos políticos municipais. Constitución.

Artigo 13. Dotación económica dos grupos, medios materiais e persoais.

Artigo 14. Voceiros e voceiras.

Artigo 15. Concelleiros e concelleiras non adscritos/as.

Sección II. Dereitos e deberes dos Concelleiros e Concelleiras.

Artigo 16. Dereito e deber de asistencia.

Artigo 17. Retribucións dos concelleiros e concelleiras pola asistencia ás sesións plenarias.

Artigo 18. Abstencións e recusacións.

Artigo 19. Comportamento dos concelleiros e concelleiras.

Artigo 20. Deber de reserva das informacións.

Artigo 21. Responsabilidades dos concelleiros e concelleiras.

Artigo 22. Dereito á información dos concelleiros e concelleiras.

Artigo 23. Exame dos expedientes incluídos na orde do día.

Capítulo II. Clases de sesións, convocatoria e orde do día.

Artigo 24. Clases de sesións plenarias.

Artigo 25. Sesións ordinarias.

Artigo 26. Sesións extraordinarias.

Artigo 27. Sesións extraordinarias urxentes.

Artigo 28. Convocatoria do Pleno.

Artigo 29. Notificación da convocatoria do Pleno.

Artigo 30. A orde do día.

Capítulo III. Celebración das sesións do Pleno.

Sección I. Da Presidencia e da Secretaría.

Artigo 31. A Presidencia do Pleno.

Artigo 32. A Secretaría do Pleno.

Sección II. Lugar de celebración, orde de colocación, unidade de acto, quórum e carácter público.

Artigo 33. Lugar de celebración das sesións do Pleno.

Artigo 34. Orde de colocación dos grupos.

Artigo 35. Unidade de acto.

Artigo 36. Carácter público das sesións.

Artigo 37. Quórum.

Sección III. Actas.

Artigo 38. Actas e contido.

Artigo 39. Libros de actas do Pleno.

Sección IV. Intervencións dos concelleiros e concelleiras.

Artigo 40. Uso da palabra.

Artigo 41. Intervención dos grupos municipais.

Artigo 42. Intervencións por alusións.

Artigo 43. Chamadas á cuestión e chamadas á orde.

Sección V. Tratamento dos asuntos incluídos na orde do día.

Artigo 44. Aprobación da acta anterior.

Artigo 45. Debate e votación dos asuntos incluídos na orde do día.

Artigo 46. Asuntos retirados ou sobre a mesa.

Artigo 47. A nomenclatura.

Artigo 48. Das mocións.

Artigo 49. Das emendas e os votos particulares.

Sección VI. Adopción de acordos e sistemas de votación.

Artigo 50. Adopción dos acordos.

Artigo 51. Sentido do voto.

Artigo 52. Clases de votacións.

Artigo 53. Vez de explicación de voto.

Artigo 54. Declaracións institucionais.

Sección VII. Control da acción de goberno nas sesións plenarias.

Artigo 55. Control do goberno.

Artigo 56. Das comparecencias.

Artigo 57. Desenvolvemento das comparecencias.

Artigo 58. Dos rogos.

Artigo 59. Das preguntas.

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA.

DISPOSICIÓN ADICIONAL TERCEIRA.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA.

DISPOSICIÓN FINAL.

Preámbulo

O artigo 140 da Constitución española garante a autonomía dos municipios e provincias, dentro da estrutura territorial do Estado. Esta garantía da autonomía administrativa dos municipios desenvólvese, principalmente e entre outras, na Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, que outorga potestades aos municipios, que deben exercer nas materias da súa competencia.

Dúas destas potestades son a potestade regulamentaria e a potestade de autoorganización, cuxo maior expoñente é o Regulamento Orgánico Municipal, previsto na lexislación como a ferramenta máis eficaz para a adaptación da normativa estatal e autonómica á realidade municipal.

Deste Regulamento Orgánico depende a existencia de diversos órganos complementarios da estrutura municipal, así como cubrir os baleiros legais existentes na lexislación autonómica e estatal de réxime local.

Título Preliminar

Artigo 1. Obxecto e natureza.

O presente regulamento orgánico ten por obxecto adaptar a normativa estatal e autonómica sobre o réxime local á realidade municipal do Concello de Boqueixón, regulando o estatuto dos concelleiros/as, a existencia dos órganos municipais complementarios, e a organización e funcionamento do Pleno do Concello de Boqueixón.

O regulamento ten natureza orgánica e dítase ao abeiro do previsto nos artigos 20 e 22.2.d) da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local (LRBRL).

Artigo 2. Prelación de fontes.

A organización e o funcionamento do Concello de Boqueixón axustarase á seguinte orde de prelación de fontes normativas:

a) A Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local (LRBRL).

b) O articulado básico do Real Decreto Lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido das disposicións legais vixentes en materia de Réxime Local (TRRL).

c) A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia (LALGA).

d) O articulado básico do Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e réxime xurídico das Entidades Locais (ROF).

e) O presente Regulamento Orgánico Municipal do Concello de Boqueixón (ROM).

f) Resto de normativa supletoria de carácter non básico.

Artigo 3. Interpretación do Regulamento Orgánico Municipal.

Correspóndelle á Alcaldía do Concello realizar as interpretacións e aclaracións do presente regulamento para a súa aplicación, mediante instrucións e circulares. De toda actuación tendente a establecer o criterio interpretativo deberase dar conta ao Pleno na seguinte sesión que se celebre, independentemente do carácter desta, constituíndo un punto independente na orde do día.

Título I. Da organización municipal

Artigo 4. Órganos municipais necesarios e complementarios.

1. Os órganos municipais, conforme ao artigo 20 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, son complementarios ou necesarios.

2. Son órganos necesarios no Concello de Boqueixón:

a) O Pleno.

b) A Alcaldía.

c) As Tenencias de Alcaldía.

d) A Comisión Especial de Contas.

3. Son órganos complementarios do Concello de Boqueixón:

a) As Concellerías delegadas.

b) A Xunta de Goberno Local.

No que se refire ás competencias e atribucións de cada órgano, estarase ao disposto na lexislación de Réxime Local, no presente Regulamento Orgánico e, no seu caso, aos decretos de delegación.

Artigo 5. O Pleno.

1 O Pleno está integrado por todos os Concelleiros e Concelleiras, e está presidido pola Alcaldía do Concello. É o órgano de representación política da cidadanía no Goberno municipal.

2 As atribucións e competencias do Pleno son as previstas no artigo 22 da LRBRL, 64 da LALGA e demais normativa que resulte de aplicación. Así mesmo, poderá realizar delegacións de competencias na Xunta de Goberno Local e na Alcaldía, nos termos previstos na lexislación aplicable.

3 Así mesmo, en consonancia co previsto no artigo 22.2.k) da LRBRL, que prevé a competencia do Pleno para a declaración de lesividade dos actos do Concello, corresponderalle tamén a resolución das revisións de oficio de disposicións e actos nulos.

Artigo 6. A Alcaldía.

1 O Alcalde ou Alcaldesa ocupa a presidencia da Corporación e do Pleno, ostenta a máxima representación do municipio e exerce as atribucións que lle confiren as leis e os regulamentos.

2 As súas competencias son as previstas nos artigos 20 da LRBRL, 61 da LALGA e demais normativa aplicable. Poderá realizar delegacións de competencias nas Tenencias de Alcaldía, Concellarías delegadas e na Xunta de Goberno Local, coas limitacións expresadas na normativa de aplicación.

3 Igualmente, competerá á Alcaldía, en desenvolvemento da cláusula residual de competencia prevista no artigo 21.1s) da LRBRL:

a) A iniciación de oficio dos procedementos de responsabilidade patrimonial.

b) A resolución das solicitudes de responsabilidade patrimonial presentadas contra o Concello.

As competencias sinaladas no apartado anterior serán delegables na Xunta de Goberno Local.

Artigo 7. Tenencias de Alcaldía.

1 As Tenencias de Alcaldía son concelleiros ou concelleiras que substitúen ao alcalde ou Alcaldesa, pola súa orde de nomeamento e nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

2 Son libremente nomeados e cesados por Decreto da Alcaldía de entre os membros da Xunta de Goberno Local. Deberase dar conta do nomeamento ao Pleno na seguinte sesión que se celebre, independentemente do carácter desta.

3 O Decreto de nomeamento deberá notificarse persoalmente ás persoas designadas. En todo caso, estas deberán aceptar expresamente a designación, e o Decreto publicarase no Boletín Oficial da Provincia, no taboleiro de edictos do Concello e na sede electrónica municipal.

4 A condición de Tenente de Alcalde pérdese polo cese, renuncia expresa da persoa designada ou pola perda da condición de membro da Xunta de Goberno Local.

Artigo 8. A Comisión Especial de Contas.

1 A Comisión Especial de Contas non ten atribucións resolutivas, correspondéndolle o exame, o estudo e o informe2 da Conta xeral e das demais contas anuais. Para o exercicio axeitado das súas funcións, a Comisión poderá requirir, por medio do alcalde, a documentación complementaria que considere precisa e a presencia dos membros e funcionarios da Corporación especialmente relacionados coas contas que se analicen.

2 A Comisión constituirase polos membros dos distintos grupos políticos da Corporación, de xeito proporcional á súa representatividade no Pleno. O nomeamento dos seus membros corresponde ao Pleno.

3 No non previsto, aplicarase de xeito supletorio o establecido para as comisións informativas.

Artigo 9. As concellarías delegadas.

1 A Alcaldía poderá delegar o exercicio das súas funcións, coas limitacións establecidas na lexislación de aplicación, nos concelleiros e concelleiras membros da Xunta de Goberno Local, sen prexuízo das delegacións especiais que se poidan realizar a favor de calquera concelleiro ou concelleira.

2 As concellarías con delegación terán as atribucións que se especifiquen no decreto ou acordo de delegación, que deberán expresar as potestades e funcións concretas que se deleguen. En ningún caso poderán delegarse as competencias relativas á resolución dos recursos nos órganos administrativos que diten os actos obxecto do recurso.

3 Os actos e as resolucións administrativas ditados por delegación farán constar esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e consideraranse ditados polo órgano delegante.

4 Non se poderán delegar as competencias que se exerzan por delegación.

5 A delegación será revogable en calquera momento pola Alcaldía.

6 A perda da condición de concelleiro/a delegado/a pérdese nos casos de renuncia expresa, que deberá ser formalizada por escrito e presentada a través do Rexistro do Concello; ou por revogación da delegación por parte da Alcaldía, coas mesmas formalidades previstas para o seu outorgamento, agás a aquiescencia por parte do concelleiro/a.

Artigo 10. A Xunta de Goberno Local.

1 A Xunta de Goberno Local estará integrada polo Alcalde ou Alcaldesa e un número de concelleiros non superior ao terzo do número legal de membros da Corporación, nomeados e separados libremente pola Alcaldía, dando conta ao Pleno na seguinte sesión que se celebre.

2 Corresponden á Xunta de Goberno Local as atribucións que seguen:

1) A asistencia á Alcaldía no exercicio das súas atribucións.

2) As competencias que lle poidan delegar a Alcaldía ou o Pleno e as que lle atribúan as leis.

Artigo 11. As Comisións Informativas.

1 As Comisións Informativas teñen por función o estudo, informe ou consulta dos asuntos que vaian ser sometidos a decisión do Pleno e da Xunta de Goberno Local, cando esta actúa con competencias delegadas do Pleno, agás que haxa que adoptar acordos urxentes.

Igualmente, poderán informar os asuntos da competencia da Xunta de Goberno Local e da Alcaldía cando así expresamente o soliciten.

2 Así mesmo, corresponderanlles o seguimento da xestión do Alcalde, a Xunta de Goberno Local e os Concelleiros que exerzan delegacións (sen prexuízo das competencias de control que corresponden ao Pleno).

3 As Comisións Informativas poden ter un carácter permanente ou seren especiais. Son permanentes as que se constitúen con este carácter para informar os asuntos de competencia do Pleno, procurando no posible a súa correspondencia coas áreas nas que se estruturan os servizos da Corporación.

Son especiais aquelas que decida constituír o Pleno para un asunto concreto e que se extinguen unha vez que se ditamina ou informa o asunto que as motivou.

4 O Pleno da Corporación disporá a creación das Comisións Informativas que estime oportunas. O réxime das sesións ordinarias fixarase no acordo plenario de creación.

5 Serán convocadas con dous días hábiles de antelación, agás as extraordinarias de carácter urxente.

6 A Presidencia de tódalas comisións informativas corresponde Alcaldía; con todo, a Presidencia efectiva poderá delegala en calquera membro da Corporación, a proposta da propia Comisión, tras a correspondente elección efectuada no seu seo.

7 Cada Comisión estará integrada de xeito que a súa composición acomódese á proporcionalidade existente entre os distintos grupos políticos representados na Corporación. Os concelleiros e concelleiras non adscritos participarán nas Comisións Informativas en proporción á súa presenza no Pleno da Corporación.

8 A adscrición concreta a cada Comisión dos membros da Corporación que deban formar parte da mesma en representación de cada grupo, realizarase mediante escrito do voceiro ou voceira do mesmo dirixido ao alcalde ou presidente, e do que se dará conta ao Pleno. Poderá designarse, de igual forma, un suplente por cada titular.

9 Poderán solicitar a celebración de comisións extraordinarias a cuarta parte dos seus membros. Toda sesión extraordinaria deberá ratificar o seu carácter como primeiro punto da orde do día, abondando maioría simple para a devandita ratificación. De non ratificarse, levantarase a sesión.

10 A válida celebración require a asistencia da maioría absoluta dos seus compoñentes. De non acadarse esta maioría celebrarase en segunda convocatoria unha hora máis tarde. Nesta segunda convocatoria será suficiente a asistencia dun terzo dos seus membros, entre os que necesariamente deberá constar a presidencia, ou quen legalmente a substitúa.

11 Os ditames das comisións informativas teñen carácter preceptivo pero non vinculante. Serán adoptados pola maioría simple. De existir empate, dirimirase polo voto de calidade da presidencia.

En todo o non previsto aplicarase de xeito supletorio a normativa de funcionamento do Pleno.

Título II. O Pleno

Capítulo I. Grupos Políticos, Concelleiros e Concelleiras.

Sección I. Dos grupos políticos municipais.

Artigo 12. Grupos políticos municipais. Constitución.

1 Aos efectos da actuación corporativa, os concelleiros e concelleiras constituiranse en grupos políticos municipais. Necesariamente deberán corresponderse coas listas electorais dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que obtivesen representación na Corporación, coa excepción dos concelleiros e concelleiras que teñan a condición de non adscritos/as.

2 Cada partido político, federación, coalición ou agrupación constituirá un único grupo, non podendo ningún concelleiro ou concelleira pertencer a máis dun grupo. Para constituír un grupo político municipal requirirase un mínimo de dous concelleiros/as.

3 Aqueles partidos, federacións, coalicións ou agrupacións que non obtivesen un mínimo de dous concelleiros integraranse no Grupo Mixto. No suposto de que non existise grupo mixto, este quedará constituído polo membro do partido político, federación, coalición ou agrupación que obtivese un único escano, tal e como prevé o artigo 74.4 da LALGA, e poderá adoptar a denominación específica da súa candidatura.

4 Os grupos políticos constituiranse mediante escrito dirixido á Presidencia da Corporación, subscrito por todos os seus membros, que se presentará na Secretaría da Corporación dentro dos cinco días hábiles seguintes á constitución da Corporación, debendo designarse voceiro/a, podendo incluír voceiros/as suplentes.

Se algún concelleiro ou concelleira non asinase o escrito de constitución do grupo, isto non impedirá a súa constitución e os non asinantes consideraranse non adscritos/as.

5 A Presidencia, transcorrido o prazo dos cinco días hábiles dende a constitución da Corporación, dará conta ao Pleno da constitución dos grupos políticos e dos seus integrantes e voceiros/as na primeira sesión que se celebre, independentemente do carácter desta.

6 Os membros da Corporación que adquiran a súa condición con posterioridade á sesión constitutiva da Corporación deberán incorporarse aos grupos municipais consonte ás normas acordadas pola Corporación.

Artigo 13. Dotación económica dos grupos, medios materiais e persoais.

1 O Pleno, vía bases de execución do orzamento, asignará con cargo aos orzamentos anuais unha dotación económica que deberá contar cun compoñente fixo para todos os grupos e outro variable, en función do número de membros de cada grupo, respectando, en todo caso, os límites que poidan establecerse ao respecto nas Leis de Orzamentos Xerais do Estado.

2 Esta dotación económica non poderá destinarse ao pagamento de remuneracións de persoal de calquera tipo ao servizo da Corporación, nin á adquisición de bens que poidan constituír activos fixos de carácter patrimonial. Poderase destinar ás seguintes clases de gastos, que deberán inescusablemente estar relacionados coa actividade municipal do grupo:

1) Arrendamento de edificios e outras construcións.

2) Aluguer de material de transporte.

3) Aluguer de mobiliario e eventos.

4) Adquisición de equipos para procesos de información.

5) Material de escritorio común non inventariable.

6) Prensa, revistas, libros e outras publicacións.

7) Material informático non inventariable.

8) Comunicación Transportes.

9) Atencións protocolarias e representativas.

10) Publicidade e propaganda. Xurídicos.

11) Reunións e conferencias.

12) Traballos de valoracións e peritaxe.

13) Estudos e traballos técnicos.

3 Os grupos políticos, en relación a esta dotación económica, deberán:

1) Dispor dun CIF propio, distinto do da formación política á que pertenzan os seus integrantes.

2) Todos os pagos efectuados con cargo á asignación terán que aboarse mediante un medio de pago que permita súa constancia na propia conta (transferencia bancaria, cargo en conta, pago mediante tarxeta de crédito).

3) Cada pago efectuado con cargo a esta asignación terá que sustentarse na correspondente factura que cumprirá o previsto no Real Decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

4) Os grupos conservarán a documentación e os rexistros contables relativos á aportación municipal durante un período mínimo de catro anos.

5) Os grupos poñerán dita información a disposición do Pleno cada vez que este llo requira. En todo caso, deberá poñerse a disposición do Pleno antes do remate do segundo trimestre do ano seguinte a aquel sobre o que se realice o control, a fin de que o órgano interventor emita informe de control financeiro sobre os gastos e as asignacións antes da fin do terceiro trimestre do ano seguinte a aquel sobre o que se realice o control, que deberá remitirse ao Pleno.

6) Esta asignación non será compatible co financiamento público ou privado para a mesma finalidade, nin se aplicará ao financiamento dos partidos políticos presentes na Corporación.

4. Para o desenvolvemento das súas funcións os grupos políticos municipais disporán do soporte técnico necesario. Os grupos políticos poderán facer uso de locais municipais de reunión da Corporación para realizar xuntanzas e sesións de traballo con asociacións para a defensa dos intereses colectivos, xerais ou sectoriais da poboación. Estas xuntanzas non se permitirán se coinciden con sesións do Pleno ou porque a dispoñibilidade de espazos para outros actos político-administrativos da Corporación o impida.

Artigo 14. Voceiros e voceiras.

1 Será voceiro ou voceira de cada grupo municipal a persoa designada por cada grupo no momento da súa constitución, ou pola persoa designada pola maioría dos compoñentes da lista respectiva. O voceiro ou voceira de cada grupo será a persoa encargada de intervir normalmente nas deliberacións dos asuntos. Cabe que os grupos dispoñan de voceiros/as suplentes.

2 O grupo poderá modificar a designación de voceiros/as titulares e suplentes. A modificación adoptarase mediante votación interna do grupo, abondando a os votos a favor da maioría simple. As modificacións serán efectivas dende a súa presentación por escrito no Rexistro Municipal.

3 O Grupo mixto poderá establecer unha quenda rotativa para o desempeño da función de voceiros ou ben distribuír os seus compoñentes o tempo que corresponda ao grupo.

Artigo 15. Concelleiros e concelleiras non adscritos/as.

1 Terán a consideración de non adscritos/as os concelleiros e concelleiras que non se integrasen no grupo político que constitúa a formación electoral pola que foron elixidos, ou que abandonasen ou fosen expulsados do grupo de procedencia. Igual consideración terán os concelleiros e concelleiras que abandonasen ou fosen expulsados da formación política pola que concorreron ás eleccións.

2 Se a maioría dos membros abandonase a formación política que presentou a candidatura pola que concorreron ás eleccións, ou fosen expulsados dela, serán os concelleiros e concelleiras que permanezan na citada formación política os lexítimos integrantes do citado grupo político a todos os efectos.

3. A consideración como concelleiro ou concelleira non adscrito/a non suporá unha diminución nos dereitos e obrigas que lle corresponden pola posición de concelleiro ou concelleira, no que á participación na organización municipal se refire.

4. O previamente disposto non será de aplicación no suposto das candidaturas das coalicións electorais cando algún dos partidos políticos que a integran decidan abandonala.

5. Os concelleiros e concelleiras non adscritos/as non terán dereito a percibir o compoñente fixo da dotación económica dos grupos, e percibirán o 50% da variable.

6. Para o desenvolvemento das súas funcións, os concelleiros e concelleiras non adscritos/as poderán facer uso dos locais municipais de reunión e dos equipamentos nos mesmos termos que os grupos políticos.

7. Os dereitos económicos e políticos dos concelleiros e concelleiras non adscritos/as non poderán ser nunca superiores aos que terían percibido de pertenceren ou adscribírense ao grupo que lle correspondese. Nomeadamente, os concelleiros e concelleiras non adscritos/as non poderán recibir delegacións de competencias por parte da Alcaldía.

8. Participarán nas comisións informativas e demais órganos existentes ou que se constitúan en proporción á súa presenza na Corporación.

Sección II. Dereitos e deberes dos Concelleiros e Concelleiras.

Artigo 16. Dereito e deber de asistencia.

Os concelleiros e concelleiras teñen o deber e o dereito de asistir con voz e voto ás sesión do Pleno do Concello, agás xusta causa que o impida. A devandita causa deberá comunicarse á Alcaldía con antelación suficiente.

Así mesmo, as ausencias fóra do territorio municipal que excedan de oito días deberán porse en coñecemento da Alcaldía mediante escrito, na medida do posible previamente ao inicio da ausencia.

Artigo 17. Retribucións dos concelleiros e concelleiras pola asistencia ás sesións plenarias e de comisións informativas.

Os concelleiros e concelleiras teñen dereito a percibir as retribucións que se determinen nas Bases de Execución do Orzamento pola súa asistencia ás sesións do Pleno do concello, da Comisión Especial de Contas e, no seu caso, Xunta de Goberno Local , agás que o desempeño do seu cargo se realice con dedicación exclusiva ou parcial.

Artigo 18. Abstencións e recusacións.

1 Sen prexuízo das causas de incompatibilidade establecidas na lexislación, os concelleiros e concelleiras deberán absterse de participar na deliberación, votación, decisión e execución de todo asunto cando concorra algunha das causas ás que se refire o artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do Réxime Xurídico do Sector Público.

2 A actuación dos concelleiros e concelleiras en que concorresen motivos de abstención suporá a invalidez dos actos nos que interviñesen, sempre que a súa actuación fose determinante.

3 Así mesmo, os interesados poderán promover a recusación dos concelleiros e concelleiras cando estimen que concorre algunha causa de abstención. Corresponderá ao Pleno resolver sobre as recusación que se formulen contra o alcalde ou alcaldesa e contra os concelleiros e concelleiras.

4 Os concelleiros e concelleiras que deban absterse deberán abandonar o salón mentres se discute e vote o asunto, agás que se trate de debater a súa actuación como corporativo, suposto no que terán dereito a permanecer e defenderse.

Artigo 19. Comportamento dos concelleiros e concelleiras.

Os concelleiros e concelleiras están obrigados a observar a cortesía debida e respectar as normas de orde e funcionamento das sesións plenarias, so pena de ser expulsados/as do salón.

Artigo 20. Deber de reserva das informacións.

Os concelleiros e concelleiras están obrigados a gardar a debida reserva das informacións que se lles faciliten para o desenvolvemento da súa función, nomeadamente aqueles datos que poidan afectar aos dereitos e liberdades da cidadanía e das que deban servir de antecedente para decisións pendentes de adopción.

Artigo 21. Responsabilidades dos concelleiros e concelleiras.

1 Os concelleiros e concelleiras están suxeitos á responsabilidade civil e penal polos actos e omisións realizados no exercicio do cargo, nos termos establecidos no ordenamento xurídico.

2 Son responsables dos acordos do Pleno os membros da Corporación que votasen a favor da súa adopción.

3 O Concello poderá esixir responsabilidades aos seus membros cando, por dolo ou culpa grave, causen danos e prexuízos á Corporación ou a terceiros, se estes fosen indemnizados por aquela.

Artigo 22. Dereito á información dos concelleiros e concelleiras.

1 Na súa condición de membros da Corporación, todos os concelleiros e concelleiras teñen dereito a obter da Alcaldía e da Administración municipal todos aqueles antecedentes, datos e informacións que obren en poder dos servizos municipais e sexan necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

2 A solicitude de información presentarase formalmente e por escrito, debendo resolverse e notificarse nos cinco días naturais seguintes á súa presentación. Se neste prazo non se resolve e notifica, entenderase autorizada por silencio administrativo positivo, nos termos do artigo 24 da Lei 39/20915, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común.

3 A información facilitarase por medio dunha copia da documentación solicitada ou, no seu caso, por medio do acceso do concelleiro ou concelleira solicitante á dependencia en que se atope depositada, se é que o volume de información ou a natureza da mesma así o aconsella.

4 Os concelleiros e concelleiras teñen dereito a obter copia dos expedientes, así como dos documentos que estes conteñan. Agora ben, aos efectos de non estorbar o normal funcionamento dos servizos municipais, non se admitirán as peticións indiscriminadas de copias dos expedientes.

5 É requisito indispensable para recibir a información que os concelleiros e concelleiras faciliten un domicilio habilitado ao efecto no territorio do municipio.

6 En ningún caso os expedientes, libros ou documentación poderán saír da Casa Consistorial ou das correspondentes dependencias e oficinas locais.

7 A consulta dos libros de actas e os libros de resolucións do Presidente deberá efectuarse no arquivo ou na Secretaría Xeral.

Artigo 23. Exame dos expedientes incluídos na orde do día.

1 Dende o momento da convocatoria, os membros da Corporación poderán examinar a documentación correspondente aos asuntos incluídos na orde do día.

2 O exame dos expedientes incluídos na orde do día terá lugar no horario de apertura das oficinas municipais, segundo dispoña a Alcaldía, en días laborables. Os devanditos expedientes depositaranse na Secretaría Xeral. As propostas de Alcaldía e os informes dos expedientes remitiránselles aos concelleiros e concelleiras por vía telemática, e do mesmo xeito remitiranse o resto dos documentos que figuren en formato dixital.

O horario e lugar do exame dos expedientes poderá modificarse ou ampliarse por parte da Alcaldía, sempre que existan razóns fundadas para iso.

3 Procurarase que, na medida do posible, as copias da información demandada se remitan mediante documentos escaneados que se faciliten preferentemente por medios telemáticos.

Se varios concelleiros e concelleiras desexan examinar os expedientes á vez, distribuiranos entre eles mesmos. De non poñérense de acordo, someterase a decisión da Alcaldía, que resolverá distribuíndo o tempo e os expedientes de xeito que poidan ser revisados por quen desexase facelo.

Capítulo II. Clases de sesións, convocatoria e orde do día.

Artigo 24. Clases de sesións plenarias.

O funcionamento e as clases de sesións do Pleno serán as previstas na lexislación de Réxime Local, polo que as sesións poden ser de tres tipos:

a) Ordinarias.

b) Extraordinarias.

c) Extraordinaria de carácter urxente.

Artigo 25. Sesións ordinarias.

1 As sesións ordinarias do Pleno son aquelas cuxa periodicidade está fixada polo propio Pleno na sesión extraordinaria que debe ser convocada aos trinta días seguintes da sesión constitutiva. Caberá realizar posteriormente modificacións nos acordos adoptados ao respecto.

2 Celebrarase sesión ordinaria, como mínimo, cada tres meses. O acordo que se adopte ao respecto deberá fixar o día, ou no seu defecto, o período de sete días no que se deba celebrar. Potestativamente poderá fixarse tamén a hora de celebración.

3 En cada sesión ordinaria a Alcaldía deberá dar conta sucinta das resolucións que tivese adoptado dende a última sesión plenaria.

Artigo 26. Sesións extraordinarias.

1 Son sesións extraordinarias do Pleno aquelas que se convoquen pola Presidencia con tal carácter ou a solicitude, como mínimo, da cuarta parte do número legal de membros da Corporación. En ambos casos só poderán convocarse ou solicitarse se se trata de materias de competencia plenaria conforme ao reparto desta segundo a lexislación de réxime local.

2 Neste último caso, a solicitude deberase realizar por escrito, presentado ante a Sede Electrónica (preferentemente) ou o Rexistro Xeral do Concello, asinada polos concelleiros e concelleiras que promovan a convocatoria, motivando a necesidade da sesión, os asuntos propostos para a orde do día e o texto das propostas de acordos que se pretendan adoptar.

3 Ningún concelleiro ou concelleira asinante poderá solicitar máis de 3 plenos extraordinarios anualmente, non computándose aquelas solicitudes que non chegasen a tramitarse por ausencia dos requisitos para a súa admisión. O cómputo anual terá o seu dies a quo na data da constitución da Corporación.

4 A celebración da sesión extraordinaria non poderá ter lugar máis alá dos quince días hábiles dende a súa solicitude, e non caberá incluír os asuntos que nela se traten na orde do día dunha sesión ordinaria ou doutra sesión extraordinaria sen a expresa autorización dos solicitantes da convocatoria.

De a Presidencia non convocar o Pleno extraordinario, solicitado como mínimo pola cuarta parte do número legal de membros da Corporación, nos quince día hábiles dende que foi solicitado, quedará automaticamente convocado para o décimo día hábil posterior á finalización do devandito prazo.

En ausencia da persoa que ocupe a Presidencia, ou de quen legalmente a substitúa, a sesión extraordinaria do Pleno convocado segundo o establecido no apartado anterior será presidida polo membro da Corporación de maior idade entre os asistentes. Porén, en todo momento deberán adoptarse as normas de quórum.

5 Nas sesións extraordinarias non se adoptarán acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día, nin se poderán incluír asuntos que non se tivesen incluído previamente na orde do día. Os acordos que contraveñan esta norma serán nulos de pleno dereito.

Artigo 27. Sesións extraordinarias urxentes.

Son sesións extraordinarias de carácter urxente as que se convoquen pola Presidencia cando a urxencia do asunto ou asuntos a tratar non permita convocar sesión extraordinaria coa antelación mínima de dous días hábiles. Nestes casos o primeiro punto da orde do día deberá ser a ratificación polo Pleno da urxencia da convocatoria, que se apreciará por maioría simple. De non apreciarse a urxencia, levantarase a sesión.

Artigo 28. Convocatoria do Pleno.

1 Agás as sesións extraordinarias urxentes, as sesións plenarias serán convocadas, como mínimo, con dous días hábiles de antelación. No caso das sesións extraordinarias convocadas pola Presidencia, a urxencia debe ser motivada na convocatoria.

2 O día, hora e lugar da sesión plenaria poderá modificarse por parte da Alcaldía, a iniciativa propia ou por peticións dos voceiros ou voceiras dos grupos políticos municipais, sempre con causa xustificada que deberá motivarse na convocatoria.

Artigo 29. Notificación da convocatoria do Pleno.

As convocatorias notificaranse aos concelleiros e concelleiras por vía telemática, conforme ao disposto para as notificacións electrónicas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común. En todo caso, á convocatoria débea acompañar a correspondente orde do día.

Artigo 30. A orde do día.

1 A orde do día será fixada pola Alcaldía, con asistencia da Secretaría.

2 De existires Comisión Informativa, só poderán incluírse na orde do día os asuntos que tivesen sido deliberados e ditaminados pola Comisión Informativa correspondente. Porén, a Presidencia, por razóns de urxencia debidamente motivadas, a iniciativa propia ou por solicitude dalgún dos voceiros ou voceiras dos grupos municipais ou dos concelleiros ou concelleiras, poderá incluír na orde do día asuntos que non tivesen sido ditaminados pola Comisión Informativa. Neste suposto, o Pleno debe ratificar a súa inclusión na orde do día, por maioría simple.

3 Na orde do día que se elabore para as sesións ordinarias deberá incluírse necesariamente un apartado de control da acción de goberno.

Capítulo III. Celebración das sesións do Pleno.

Sección I. Da Presidencia e da Secretaría.

Artigo 31. A Presidencia do Pleno.

A Presidencia do Pleno ostentaraa a persoa que ocupe a Alcaldía. Nesta condición asegurará a boa marcha dos traballos, convocará e presidirá as sesións, dirixirá os debates e manterá a orde destes, así como desempeñará o resto de funcións que lle confiran as leis e o presente regulamento.

Artigo 32. A Secretaría do Pleno.

1 O Pleno debe contar cunha Secretaría, que será ostentada pola persoa que ocupe a Secretaría-Intervención da Corporación ou funcionario ou funcionaria que legalmente a substitúa conforme ás normas de substitución dos funcionarios de Administración Local con habilitación de carácter nacional

2 As funcións da Secretaría do Pleno son

1) A fe pública das actuacións do Pleno e das súas Comisións Informativas, se estas existen.

2) A redacción e custodia das actas, a autorización destas co visto e prace da Presidencia e a expedición, co visto e prace da Presidencia, das certificacións e acordos adoptados.

3) A asistencia á Presidencia para asegurar a convocatoria das sesións, así como a colaboración no normal desenvolvemento dos traballos do Pleno e a correcta celebración das votacións.

4) A comunicación, publicación e execución dos acordos adoptados, incluída a remisión á Administración Xeral do Estado e á Xunta de Galicia da acta da sesión do Pleno.

5) O asesoramento legal do Pleno e das Comisións Informativas, se estas existen.

6) Custodiar, dende o momento mesmo da convocatoria, a documentación íntegra dos expedientes incluídos na orde do día do Pleno e das Comisións Informativas, manténdoas a disposición dos seus membros.

Sección II. Lugar de celebración, orde de colocación, unidade de acto, quórum e carácter público.

Artigo 33. Lugar de celebración das sesións do Pleno.

O Pleno celebrará as súas sesións no Salón de Plenos da Casa Consistorial, sede da Corporación, no lugar do Forte.

A Alcaldía, previa consulta cos voceiros e voceiras dos grupos políticos, poderá dispor a celebración do Pleno noutro edificio municipal, sempre que na convocatoria se motiven as razóns e causas que o xustifiquen.

Artigo 34. Orde de colocación dos grupos.

A Alcaldía disporá a colocación dos grupos, oídos os voceiros e voceiras, tendo preferencia o grupo formado polos membros da lista que obtivese o maior número de votos. O último lugar, na orde de preferencia, será para os concelleiros e concelleiras non adscritos/as. En todo caso, a orde de colocación debe facilitar a emisión e reconto dos votos.

Artigo 35. Unidade de acto.

1 Independentemente do tipo de sesión plenaria de que se trate, esta debe respectar, necesariamente, o principio de unidade de acto, polo que a sesión debe rematar o mesmo día do seu comezo.

2 Chegadas as doce da noite, se non fosen debatidos e resoltos todos os asuntos incluídos na orde do día, a Presidencia poderá levantar a sesión. Neste caso os asuntos non debatidos deberán incluírse na orde do día da seguinte sesión que corresponda.

3 Durante o transcurso da sesión a Presidencia, de oficio ou a solicitude dos voceiros e voceiras dos grupos municipais, ou dos concelleiros e concelleiras non adscritos/as, poderá acordar a interrupción que estime conveniente para permitir as deliberacións dos grupos municipais, dos concelleiros e concelleiras ou por outros motivos. Poderá acordar, así mesmo, un período de descanso cando a duración da sesión así o aconselle. En todo caso, ningunha sesión poderá ter unha duración superior a 3 horas.

Artigo 36. Carácter público das sesións.

1 As sesión do Pleno do Concello de Boqueixón son públicas. Porén, poderán ser secretos os debates e votación daqueles asuntos que puidesen afectar aos dereitos fundamentais á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, sempre que así o acorde a maioría absoluta do número legal de membros da Corporación.

2 Para ampliar a difusión do desenvolvemento das sesións plenarias poderán usarse sistemas de megafonía, circuítos pechados de televisión ou redes de comunicación coma internet.

3 Durante o desenvolvemento das sesión plenarias o público asistente non poderá intervir de ningún xeito, nin realizar manifestacións de agrado ou desagrado. A Presidencia poderá proceder, de ser necesario, á expulsión do Salón de Plenos da persoa ou persoas que impidan o desenvolvemento da sesión, así como decidir sobre a continuidade da sesión.

4 Por autorización ao efecto da Presidencia poderase permitir o acceso dos medios de comunicación, que poderán efectuar gravacións de imaxe e son. A devandita autorización poderá ser extensiva á totalidade do mandato. As gravacións permitiranse aos únicos efectos da súa difusión por parte dos medios de comunicación.

Artigo 37. Quórum.

1 O quórum requirido para a válida constitución do Pleno será dun terzo do número legal de membros da Corporación e deberá manterse durante toda a sesión. En todo caso, require da asistencia da Presidencia e da Secretaria, ou de quen legalmente as substitúan.

2 De non acadarse o quórum previsto no apartado anterior, a sesión quedará automaticamente convocada en segunda sesión á mesma hora, dous días hábiles despois. Se tampouco se acada o quórum, a Presidencia deixará sen efecto a convocatoria e propoñerá a inclusión dos asuntos para a primeira sesión que se celebre con posterioridade, sexa ordinaria ou extraordinaria.

Sección III. Actas.

Artigo 38. Actas e contido.

1 As actas das sesións do Pleno deberán constar en documentos asinados electronicamente pola persoa titular da Secretaría-Intervención e pola persoa titular da Presidencia, ou polas persoas que legalmente as substitúan. As sinaturas deben manter as garantías exixidas pola normativa reguladora dos documentos electrónicos.

2 A acta incorporará a gravación audiovisual e terá o seguinte contido:

1) Consignación expresa do lugar de reunión, data e hora de inicio e remate da sesión.

2) Indicación do carácter da sesión.

3) Persoas asistentes e expresións dos cargos correspondentes, así como dos membros que se escusasen.

4) Orde do día.

5) Acordos acadados, se for o caso, e expresión do voto dos membros, agás que a votación fose segreda.

6) A gravación da sesión cun arquivo de son e vídeo, que recollerá a literalidade das intervencións.

7) Sinatura electrónica da persoa que exerza a Secretaría, que outorgará fe pública a efectos de dereito do documento, e da persoa que exerza a Presidencia.

3 O titular da Secretaría-Intervención emitirá un extracto comprensivo dos anteriores extremos, agás a literalidade das intervencións, para o que se remitirá ao arquivo audiovisual.

Artigo 39. Libros de actas do Pleno.

1 As actas das sesións do Pleno e os seus libros son instrumentos públicos e solemnes, que constarán en soporte electrónico e estarán formados pola agregación cronolóxica e numerada correlativamente das correspondentes actas en soporte electrónico. Cada libro abranguerá un período dun ano natural e poderá incluír un índice numerado dos arquivos incluídos.

2 A aplicación informática que soporte tales libros debe garantir a integridade, autenticidade, calidade, confidencialidade, protección e conservación dos ficheiros electrónicos correspondentes.

3 As actas incorporaranse ao libro de actas unha vez aprobadas.

Sección IV. Intervencións dos concelleiros e concelleiras.

Artigo 40. Uso da palabra.

1 Os concelleiros e concelleiras da Corporación teñen dereito á palabra, máis só poderá facerse uso dela tras autorización debida da Presidencia.

2 Unha vez obtida a autorización, estando no uso da palabra, non poderá realizarse interrupción algunha na intervención, agás por parte da Presidencia para aterse á cuestión debatida, se é que o concelleiro ou concelleira se desvíe do asunto ou pretenda tratar cuestións debatidas e votadas.

3 A Presidencia tamén poderá chamar á orde aos concelleiros e concelleiras durante a súa intervención; advertir que se esgotou o tempo ou para retirar a palabra. Procederá retirar a palabra tras dúas advertencias previas.

Artigo 41. Intervención dos grupos municipais.

1 De promoverse o debate, as intervencións serán ordenadas pola Presidencia, consonte ás seguintes regras:

1) O uso da palabra só procederá tras autorización da Presidencia.

2) O goberno municipal ou o concelleiro ou concelleira propoñente poderá facer uso dunha primeira intervención de presentación do asunto, cunha duración máxima de tres minutos, así como doutra de peche que se limitará a dous minutos.

3) Durante o debate os diversos grupos consumirán unha primeira quenda. En primeira quenda, a intervención de cada grupo ou concelleiro ou concelleira non adscrito/a non poderá exceder de cinco minutos.

4) Se fose necesaria unha segunda quenda, esta non poderá exceder, en ningún caso, de tres minutos.

5) Quen se considere aludido ou aludida por unha intervención poderá solicitar á Presidencia unha quenda por alusións, que deberá ser breve e sucinta, non excedendo dun único minuto.

6) Non se admitirán máis interrupcións que as da Presidencia para chamar á orde, advertir a consumición do tempo outorgado ou a necesidade de cinxirse ao asunto a tratar.

7) Os membros da Corporación poderán, en calquera momento do debate, pedir a palabra para formular unha cuestión de orde, invocando a norma que se entendese incumprida. A Presidencia resolverá o procedente, sen iniciarse nunca por este motivo un debate.

8) Os concelleiros e concelleiras solicitarán permiso para abandonar o Salón de Plenos.

2 As intervencións dos distintos grupos serán a través do correspondente voceiro ou voceira, na orde inversa á representación na Corporación. De existires concelleiros e concelleiras non adscritos/as, procederán estes a intervir en primeiro lugar.

3 Se varios concelleiros e concelleiras dun mesmo grupo desexasen intervir para un mesmo asunto, repartiranse o tempo. Nestes supostos o tempo de intervención en primeira quenda será de catro minutos, e de dous minutos en segunda quenda.

4 A Presidencia, se a natureza dos asuntos a tratar ou a súa complexidade o requirise, poderá acordar unha duración superior das intervencións, sen que en ningún caso a duración total das quendas de cada grupo supere os dez minutos.

5 O Pleno de Organización, o Pleno dos Orzamentos e aqueles extraordinarios cun único asunto terán unha duración superior nas intervencións, que será como segue:

1) Explicación ou presentación do asunto: dez minutos.

2) Primeira quenda: quince minutos.

3) Segunda quenda: dez minutos.

4) Peche: cinco minutos.

Artigo 42. Intervencións por alusións.

1 Cando a xuízo da Presidencia, durante o debate plenario se realicen alusións que impliquen xuízos de valor ou inexactitudes que afecten ao decoro ou dignidade da persoa, ou á conduta dun concelleiro ou concelleira, poderá concederse o uso da palabra á persoa aludida, por un tempo nunca superior a un minuto para que conteste estritamente ás alusións realizadas, sen entrar no fondo do asunto obxecto do debate.

2 Se a alusión supuxese unha aldraxe, vexación ou insulto, non procederá a intervención por alusión, se non a chamada á orde da Presidencia e rectificación por parte do concelleiro ou concelleira responsable.

Artigo 43. Chamadas á cuestión e chamadas á orde.

1 A Presidencia poderá chamar á orde a calquera membro da Corporación. Tras tres chamadas á orde, sempre con advertencia na segunda das consecuencias dunha nova chamada, a Presidencia poderá ordenarlle ao concelleiro ou concelleira chamado/a á orde que abandone o Salón de Plenos, adoptando as medidas oportunas para facer efectiva a expulsión. Se fose necesaria a asistencia das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Presidencia poderá acordar a suspensión temporal da sesión ate a chegada das devanditas Forzas e Corpos e posterior expulsión do concelleiro ou concelleira correspondente, continuando posteriormente a sesión.

2 A Presidencia poderá chamar á orde nos seguintes supostos:

1) Se un concelleiro ou concelleira proferise palabras ou conceptos ofensivos ao decoro da Corporación, dos seus membros, das institucións políticas ou calquera outra persoa ou entidade.

2) Se un concelleiro ou concelleira interrompese ou alterase o normal desenvolvemento das sesións.

3) Se un concelleiro ou concelleira pretendese facer uso da palabra sen que se lle concedese o uso da palabra, ou unha vez lle fose retirada.

Sección V. Tratamento dos asuntos incluídos na orde do día.

Artigo 44. Aprobación da acta anterior.

1 As sesións ordinarias, por norma xeral, terán como primeiro punto na orde do día, para deliberación e acordo, a aprobación da acta da sesión anterior. A Presidencia preguntará se algún membro da Corporación ten que formular algunha observación á acta ou actas distribuídas coa convocatoria. De haber observacións debateranse e decidiranse as rectificacións que fosen procedentes.

2 En ningún caso caberá modificar o fondo dos acordos adoptados, pudendo soamente emendar erros materiais ou de feito.

Artigo 45. Debate e votación dos asuntos incluídos na orde do día.

1 Corresponden á Presidencia dirixir os debates e manter a orde. Na administración do tempo de debate estarase ao disposto no presente Regulamento.

2 Todos os asuntos serán debatidos e votados pola orde na que estivesen relacionados na orde do día. Non obstante, a Presidencia poderá alterar a orde dos asuntos.

3 Se varios asuntos tivesen relación entre si, poderán debaterse conxuntamente, se así o decidise a Presidencia, previa consulta aos voceiros e voceiras dos grupos. Porén, a votación de cada asunto debe realizarse por separado.

4 A consideración de cada punto incluído na orde do día comezará coa lectura por parte da Presidencia, ou concelleiro ou concelleira que corresponda, do ditame formulado pola Comisión Informativa correspondente, se existise, ou, de ser un asunto urxente non ditaminado, da proposición que se somete a Pleno.

5 Á solicitude de calquera concelleiro ou concelleira a Presidencia poderá autorizar a lectura íntegra daquelas partes do expediente que se consideren convenientes para unha mellor comprensión.

6 De ningún concelleiro ou concelleira ou grupo político solicitaren a palabra, o asunto someterase directamente a votación.

7 De existiren emendas ou votos particulares, someteranse a votación en primeiro lugar as emendas e votos particulares, e en último lugar os ditames e proposicións.

8 Rematada a votación, a Presidencia declarará o acordado.

Artigo 46. Asuntos retirados ou sobre a mesa.

1 A Presidencia poderá retirar da orde do día un asunto cando a súa aprobación exixa unha maioría especial e esta non poida obterse no momento previsto inicialmente na orde do día.

2 Se con posterioridade ao momento ao que a Presidencia dispuxo a retirada do asunto fose posible obter o quórum especial exixido e ningún dos membros asistentes á sesión se ausentase do Salón de Plenos, a Presidencia poderá proporlle ao Pleno que se pronuncie sobre o devandito asunto na mesma sesión. A proposta da Presidencia será sometida a votación e, se alcanzase a maioría simple, o Pleno entrará a debater e pronunciarse sobre o asunto inicialmente retirado da orde do día.

3 Calquera concelleiro ou concelleira poderá pedir durante o debate a retirada dalgún expediente dun asunto incluído na orde do día para que se incorporen a el documentos ou informes, e tamén que o expediente quede sobre a mesa e se aprace a súa discusión para a seguinte sesión, para o seu maior estudo. Nestes casos a petición será votada tras rematar o debate e antes de proceder á votación sobre o fondo do asunto. Se a maioría simple votase a favor da petición, non procederá votar o fondo do asunto.

4 No suposto no que se trate de asuntos non incluídos na orde do día que requiran de informe preceptivo da Secretaría-Intervención, que non puidesen seren emitidos no acto, deberá solicitárselle á Presidencia quen se aprace o seu estudo e que quede sobre a mesa ate a seguinte sesión. Se esta petición non fose atendida, a Secretaria farao constar expresamente na acta.

Artigo 47. A nomenclatura.

Para os efectos do normal desenvolvemento das sesións e para definir o carácter das intervencións dos membros da Corporación, así como dos escritos que en relación cos asuntos se poidan presentar, utilizarase a seguinte nomenclatura:

1) Proposición: Proposta que a Alcaldía somete ao Pleno, sen ditame da respectiva Comisión Informativa, de existires. Conterá unha parte expositiva ou de xustificación e un acordo para adoptar. Non se poderá entrar nin a debater nin votar sen que previamente se ratifique a súa inclusión na orde do día por maioría simple.

2) Ditame: Informe favorable ou desfavorable formulado por unha Comisión Informativa á proposta que consta nun expediente.

3) Proposta: Proposición de acordo para Pleno que se somete a Comisión Informativa, previamente formado o correspondente expediente e que dará lugar ao correspondente ditame. A iniciativa das propostas poderá corresponder tanto ao goberno coma á oposición.

4) Emenda: Proposta de modificación dun ditame, proposición ou moción presentada por calquera membro da Corporación, mediante un escrito dirixido á Presidencia, a través da Secretaría Xeral, cando menos, trinta minutos antes de iniciarse a sesión na que deba tratarse o asunto.

As emendas poderán ser á totalidade, alternativas ou parciais, en función de que propoñan alteracións substanciais do texto, un texto alternativo que manteña a esencia e o espírito do orixinario ou modificacións, engadidos ou supresións puntuais do texto orixinario.

As emendas parciais de escasa entidade poderán presentarse in voce na sesión plenaria.

5) Declaracións institucionais: Expoñen o posicionamento político ou social do Concello de Boqueixón respecto de asuntos de interese xeral. Non poderán ter en ningún caso carácter normativo.

6) Mocións: Propostas que se someten directamente ante o Pleno por razóns de urxencia. Deberán formularse por escrito e presentarse no Rexistro de entrada como mínimo 48 horas antes da celebración do Pleno.

Cada grupo municipal poderá presentar un máximo de dúas mocións e cada concelleiro ou concelleira non adscrito/a unha.

7) Mocións de urxencia: Propostas que se someten directamente a coñecemento do Pleno por razóns de urxencia e deberán formularse por escrito á Presidencia como mínimo 8 horas antes da celebración do Pleno.

Cada grupo municipal poderá presentar un máximo de dúas mocións de urxencia e cada concelleiro ou concelleira non adscrito/a unha.

Se a urxencia está motivada por acontecementos relevantes e imprevisibles, poderán presentarse mocións in voce que serán anunciadas á Presidencia durante a celebración da sesión plenaria. De requirirse informe da Secretaría-Intervención para o tratamento da moción, trasladarase a cuestión á seguinte sesión plenaria ordinaria.

8) Rogo: Proposta de actuación formulada no punto correspondente das sesións ordinarias do Pleno por un concelleiro ou unha concelleira ou por grupo municipal, que se dirixe ao goberno.

9) Pregunta: Calquera cuestión relativa á actividade municipal, dirixida ao goberno, e presentada no punto correspondente das sesións ordinarias do Pleno por un concelleiro ou concelleira ou por un grupo político municipal.

Artigo 48. Das mocións.

1 As mocións formularanse por escrito, agás as in voce, e dirixiranse á Presidencia. Darase traslado dunha copia destas aos voceiros e voceiras dos grupos municipais, e aos concelleiros e concelleiras non adscritos/as. Deben, necesariamente, versar sobre materias de competencia plenaria, resultando inadmitidas motivadamente pola Presidencia aquelas mocións que invadan as competencias doutras Administracións Públicas ou doutros órganos municipais.

2 En todas as mocións deberá xustificarse a urxencia por parte de quen a propón. A ratificación da urxencia será por maioría absoluta. De non prosperar a xustificación da moción, esta non se reflectira na acta da sesión.

3 A xustificación da urxencia non excederá dun minuto.

4 A Presidencia poderá limitar ata un máximo de catro a totalidade das mocións de urxencia que se presenten nun Pleno ordinario.

5 As emendas ás mocións deberán ser aceptadas expresamente por quen propoña a moción.

Artigo 49. Das emendas e os votos particulares.

1 As emendas presentaranse no Rexistro Xeral da Corporación, mediante escrito dirixido á Presidencia e subscritas por calquera membro da Corporación. Deberán presentarse cunha antelación mínima dunha hora con respecto da sesión plenaria.

2 A Secretaría-Intervención dará traslado destas aos voceiros e voceiras dos grupos políticos e aos concelleiros e concelleiras non adscritos/as.

3 Admitiranse aquelas emendas in voce durante a sesión cando teñan a intención de emendar erros materiais ou aritméticos, incorreccións técnicas ou semánticas ou simples omisións cando respondan a acontecementos relevantes e imprevisibles.

4 No debate das emendas intervirá o relator ou a relatora destas ate un máximo dun minuto. Igualmente, cada grupo político e concelleiro ou concelleira non adscrito/a disporá dun único minuto.

5 Os votos particulares son a proposta da modificación dun ditame formulada por un membro da Comisión Informativa, que deberá votar en contra do ditame. O voto particular poderase anunciar na comisión, pero será formulado por escrito e entregado á Presidencia da Comisión Informativa antes da convocatoria do Pleno. A exposición do voto particular non excederá dun minuto.

Sección VI. Adopción de acordos e sistemas de votación.

Artigo 50. Adopción dos acordos.

1 Finalizado o debate do asunto ou se non existise debate, procederase á votación. Antes de comezar a votación, a Presidencia formulará clara e concisamente os termos desta, e a forma de emitir o voto.

2 Nos supostos de votación ordinaria, iniciarase a votación, preguntando a Presidencia os votos afirmativos, despois os negativos e por último as abstencións. A Presidencia proclamará o acordo adoptado.

3 Nos supostos de votación nominal ou secreta, unha vez rematada esta, computaranse os votos emitidos, anunciaranse en voz alta os resultados e a Presidencia proclamará o acordo adoptado.

4 Iniciada a votación, non poderá interromperse por ningún motivo. O Pleno da Corporación adoptará os seus acordos, como regra xeral, por maioría simple, isto é, cando os votos afirmativos son máis que os negativos.

5 Nos supostos que se prevexan na lexislación os acordos adoptaranse por maioría absoluta. Existe maioría absoluta cando os votos afirmativos son máis da metade do número legal de membros da Corporación.

Artigo 51. Sentido do voto.

1 O voto dos concelleiros e concelleiras é persoal e indelegable. Poderá emitirse en sentido afirmativo ou negativo, ou caberá que os membros da Corporación se absteñan de votar.

2 Para os efectos de computo de voto, enténdese que se absteñen so concelleiros e concelleiras que se ausenten do Salón de Plenos unha vez iniciada a consideración do asunto e que non estivesen presentes no momento da votación. De regresaren ao Salón de Plenos antes de iniciarse a votación, poderán tomar parte nela.

3 Cando un concelleiro ou concelleira ou un grupo político manifeste que non vota, tal posición terá a consideración de abstención.

4 No suposto de votación con resultado de empate, realizarase unha segunda votación. De persistires o empate, se fose un asunto que requirise maioría simple para a súa aprobación, decidirá o voto de calidade da Presidencia. Se o voto da Alcaldía ten o sentido de abstención e non se poida decidir o desempate, o asunto entenderase desestimado.

Artigo 52. Clases de votacións.

As votacións poden ter o seguintes sistemas:

a) Ordinarias: o sentido do voto manifestarase a man alzada.

b) Nominais: chamarase, por orde alfabética de apelidos, a todos os membros da Corporación, correspondendo o último chamamento en todo caso á Presidencia. Ao seren nomeados, cada membro da Corporación responderá si, non ou abstéñome.

c) Secretas: o voto emitirase por escrito, en papeleta depositada polos concelleiros e concelleiras nunha furna ou bolsa.

Artigo 53. Vez de explicación de voto.

Trala proclamación do acordado, os grupos que non interviñesen no debate ou que, após este, modificasen o sentido do seu voto poderán solicitar da Presidencia unha quenda de explicación do voto. A Presidencia terá a facultade de outorgala ou denegala, e terá unha duración máxima dun minuto.

Artigo 54. Declaracións institucionais.

O Pleno poderá aprobar declaracións institucionais, que deben reunir os seguintes requisitos:

a) Expresen o posicionamento político ou social do Concello de Boqueixón a respecto de calquera asunto de interese xeral.

b) Deben presentarse ante o rexistro do Concello e trasladarse aos voceiros e voceiras dos grupos municipais e concelleiros e concelleiras non adscritos/as.

c) En ningún caso poden dar lugar a debate.

d) A súa aprobación deberá ter lugar por unanimidade da Corporación.

Sección VII. Control da acción de goberno nas sesións plenarias.

Artigo 55. Control do goberno.

Nas sesión plenarias ordinarias, unha vez finalizado o tratamento dos asuntos incluídos na parte de deliberación e acordo e de mocións, iniciarase a parte de control do goberno, conformada polos rogos, preguntas, comparecencias e calquera outro medio legalmente previsto.

Artigo 56. Das comparecencias.

1 Os concelleiros e concelleiras que teñan asumido responsabilidades de goberno están obrigados a comparecer perante o Pleno cando este así o acorde, ao obxecto de responder a preguntas concretas que se formulen no correspondente escrito de comparecencia sobre a súa actuación.

2 Acordada a comparecencia polo Pleno, esta debe ser incluída pola Presidencia na orde do día da seguinte sesión ordinaria ou extraordinaria que celebre o Pleno. O acordo de comparecencia debe ser notificado ao interesado ou interesada, indicando a data na que se celebrará a sesión na que deba comparecer.

3 Entre a notificación e a comparecencia deberán transcorrer, cando menos, dez días hábiles. Unicamente poderá tramitarse, como límite máximo, unha solicitude de comparecencia por Pleno ordinario. De existires varias solicitudes, procederase por orde de rexistro de entrada.

Artigo 57. Desenvolvemento das comparecencias.

1 O desenvolvemento das comparecencias axustarase aos trámites seguintes:

a) Exposición oral do concelleiro ou concelleira ou grupo municipal que solicitase a comparecencia, cuxa duración non poderá exceder de cinco minutos, ao único obxecto de precisar as razóns que motivasen a solicitude e formular as preguntas nas que se concrete.

b) Intervención da persoa comparecente por un tempo máximo de dez minutos.

c) Intervencións dos representantes dos grupos municipais e concelleiros e concelleiras non adscritos/as, por un tempo máximo de cinco minutos, para fixar posicións, facer observacións ou formular preguntas.

d) Contestación do comparecente por un tempo máximo de dez minutos.

2 Baixo ningún concepto poderá acaer a adopción de acordos derivada da comparecencia, sen seguirse os trámites legalmente establecidos.

3 Ningún concelleiro ou concelleira poderá asinar durante o seu mandato máis de catro solicitudes de comparecencia referidas á mesma persoa, agás que varíe a súa área de responsabilidade.

Artigo 58. Dos rogos.

1 Os rogos son propostas de actuación formuladas polos concelleiros e concelleiras ou polos grupos municipais a través dos seus voceiros e voceiras, dirixidas ao goberno municipal e os seus membros. Os rogos poderán ser debatidos, mais en ningún caso sometidos a votación.

2 Cada concelleiro ou concelleira poderá formular en cada Pleno ordinario, e como máximo, un rogo. A duración máxima do rogo será dun minuto, e outro minuto disporase para a contestación. De promoverse debate, a réplica terá unha duración máxima de medio minuto, e a contrarréplica outro medio minuto.

3 Se algún concelleiro ou concelleira non desexa facer ningún rogo, poderá ceder a súa vez a outro concelleiro ou concelleira.

Artigo 59. Das preguntas.

1 Calquera concelleiro ou concelleira poderá formular preguntas no Pleno dirixidas ao equipo de goberno.

2 As preguntas presentadas por escrito con cinco días hábiles de antelación ao de celebración da sesión plenaria serán contestadas no Pleno. A contestación das preguntas será por rigorosa orde de entrada. Cada grupo municipal poderá presentar en cada pleno ordinario un máximo de tres preguntas escritas, e cada concelleiro ou concelleira non adscrito/a, unha.

3 As preguntas que se atopen nos seguintes supostos non serán admitidas nin tratadas:

a) As que se refiran a asuntos alleos ás competencias municipais.

b) As que se refiran ao exclusivo interese de calquera persoa singularizada.

c) As que, en cuxos antecedentes ou formulación, se profiran palabras ou vertan conceptos contrarios ás normas elementais de cortesía e decoro.

d) As que supoñan unha consulta de índole estritamente xurídica.

e) As que sexan reiterativas doutra pregunta de resposta oral tramitada no mesmo trimestre.

4 A tramitación das preguntas de resposta oral en Pleno dará lugar á concisa formulación da pregunta por parte do concelleiro ou concelleira que a formulou, á que contestará a persoa que forme parte do equipo de goberno encargada de darlle resposta. Para cada unha das intervencións sinaladas neste apartado disporase un único minuto cada unha.

5 O concelleiro ou concelleira que formulase a pregunta poderá intervir a continuación para replicar, contestando seguidamente o membro do equipo de goberno, o que pecha o debate. A réplica e a súa contestación non excederán de medio minuto cada unha.

6 As preguntas formuladas oralmente no Pleno contestaranse por escrito, agás que se desexe dar resposta inmediata, en cuxo caso a contestación non poderá exceder dun minuto, o mesmo que a formulación da pregunta oral.

7 A contestación por escrito deberá ter lugar antes do seguinte Pleno ordinario.

8 O número máximo de preguntas orais en cada sesión plenaria será de unha por cada concelleiro ou concelleira. Se algún concelleiro ou concelleira non desexa realizar ningunha pregunta, poderá ceder a súa quenda a outro concelleiro ou concelleira.

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA.

A participación cidadá será obxecto de tratamento nun regulamento específico.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA.

O este Regulamento orgánico municipal está adecuado á Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do Réxime Local, conforme á última modificación realizada o 29 de decembro do 2021, e será de aplicación preferente ás disposicións normativas anteriores que conteñan previsións que contradigan á devandita Lei de Bases.

En particular, no referente á regulación do funcionamento do Pleno, as disposicións do presente Regulamento serán de aplicación preferente ás disposicións sobre esta materia contidas no Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, que carezan de carácter básico.

DISPOSICIÓN ADICIONAL TERCEIRA.

No non previsto nesta Regulamento estarase, con carácter supletorio, ao previsto na normativa vixente en materia de Réxime Local.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA.

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións normativas e actos administrativos de carácter xeral aprobadas polo Concello de Boqueixón que se opoñan, contradigan ou sexan incompatibles co presente Regulamento Orgánico.

DISPOSICIÓN FINAL.

Este Regulamento entrará en vigor unha vez sexa publicado o texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e teña transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

O regulamento dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.