Lousame - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR LICENZAS URBANÍSTICAS, COMUNICACIÓNS PREVIAS E OUTROS SERVIZOS URBANÍSTICOS
Artigo 1º.- Fundamento e natureza.
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade con o disposto nos artigos 15 a 19 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a ¿Taxa por Licenzas Urbanísticas, comunicacións previas en materia de urbanismo e outros servizos urbanísticos" que se rexerá tanto pola presente Ordenanza Fiscal como no seu caso pola a xeral de Xestión, Recadación e Inspección, de acordo ao previsto no artigo 57 e concordantes do citado Real Decreto Lexislativo 2/2004.
Artigo 2º.- Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible da Taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, tendente a verificar que os actos de edificación e uso do solo e subsolo suxeitos a licencia municipal ou ao trámite de comunicación previa sinalados na Lei 2/2016, do 10 de febreiro do Solo de Galicia e que se realicen no termo municipal axústanse ás normas urbanísticas, de edificación e policía previstas na normativa vixente de aplicación. Tamén están suxeitos outros servizos urbanísticos de planeamento contemplados na lexislación vixente.
Artigo 3º.- Suxeito pasivo.
1.- Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria que sexan propietarios ou posuidores, ou, no seu caso, ocupantes dos inmobles nos que se realicen as construcións ou instalacións ou se executen as obras.
2.- En todo caso, terán a condición de substitutos do contribuínte os construtores e contratistas das obras.
Artigo 4º.- Responsables.
A responsabilidade, solidaria ou subsidiaria, das obrigas tributarias do suxeito pasivo, aplicarase nos supostos e co alcance que se sinala nos artigos 41 a 43 da Lei Xeral Tributaria.
Artigo5º.- Base impoñible.
Constitúe a base impoñible da taxa:
A) O valor catastral asignado ós terreos e construcións no IBI en vigor, nos casos de parcelacións urbanísticas e derrubo de construcións.
B) O custo real e efectivo da obra civil, cando se trate de movemento de terras, obras de nova planta e modificación de estruturas ou aspecto exterior das edificacións.
C) O custo real e efectivo da vivenda, local ou instalación, cando se trate de primeira utilización dos edificios ou da modificación do uso destes.
D) A superficie dos carteis de propaganda na vía pública.
Artigo 6º.- Cota tributaria.
A cota tributaria resultará de aplicar a Base Impoñible, coas seguintes especificacións:
a) Nas denominadas e cualificadas obras menores, non necesitadas de proxecto técnico para a súa tramitación; a cota consistirá nunha cantidade fixa que se cifra en 12,00 euros.
b) En obras nas que a tramitación esixe proxecto técnico ou valoración pericial; a cota establécese no 0,1 % do presuposto de execución material, cun mínimo de 12,00 euros.
c) En comunicacións previas de primeira ocupación de vivendas e uso de edificios ou a súa modificación; a cota establecese no 0,20% do presuposto de execución material, cun mínimo de 12,00 euros.
d) Nos supostos parcelacións ou derrubes; a cota aplicable será o 2% do valor catastral do terreo ou inmoble establecido a efectos do IBI, cun mínimo de 12,00 euros.
e) En carteis de propaganda, trinta (30,00) euros por m2 ou fracción de cartel.
Artigo 7º.- Exencións e bonificacións.
So se admitirán os beneficios fiscais que veñan establecidos nas normas con rango de Lei ou deriven de tratados ou acordos internacionais.
Artigo 8º.- Devindicación.
1.- Devindícase a Taxa e nace a obriga de contribuír cando se inicie a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible. Para estes efectos, entenderase iniciada a devandita actividade na data de presentación da oportuna solicitude da licenza urbanística ou da comunicación previa correspondente.
2.- A obriga de contribuír, unha vez nacida, non se verá afectada en modo ningún pola denegación da licenza solicitada ou pola concesión desta condicionada á modificación do proxecto presentado, nin pola declaración de documentación incompleta nas comunicacións previas, nin pola renuncia ou desestimiento do solicitante unha vez iniciado o trámite correspondente.
Artigo 9º.- Declaración.
1.- As persoas interesadas na obtención dunha licenza de obras ou iniciar o trámite de comunicación previa presentarán no Rexistro Xeral a oportuna solicitude, acompañada da documentación visada polo Colexio Oficial respectivo, no seu caso, con especificación detallada da natureza da obra e lugar de localización na que se faga constar o importe estimado da obra, medicións e o destino do edificio.
2.- Cando se trate de licenzas ou comunicacións previas para aqueles actos en que non sexa esixible a formulación de proxecto subscrito por técnico competente, á solicitude acompañarase dun orzamento das obras a realizar, unha descrición detallada da superficie afectada, número de departamentos, materiais a empregar e, en xeral, das características da obra ou acto cos datos que permitan comprobar o custo daqueles.
3.- Se despois de formulada a solicitude se modificase ou ampliase o proxecto ou a obra, deberá poñerse en coñecemento da Administración municipal, acompañando o novo orzamento ou o reformado e, no seu caso, planos e memorias da modificación ou ampliación.
Artigo 10º.- Liquidación e ingreso.
1.- De conformidade co previsto no artigo 26.1.a) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei reguladora das Facendas Locais e o artigo 8 desta ordenanza a taxa devindicarase cando se inicie a actividade municipal que constitúe o feito impoñible.
2.- A tales efectos, o importe da taxa regulada na presente Ordenanza será esixida en réxime de liquidación tributaria, unha vez que se tome razón da comunicación previa ou se outorgue a licenza polo órgano competente. No citado acordo, será aprobada a correspondente liquidación tributaria.
3.- En todo caso, unha vez iniciado o expediente, a Administración municipal poderá comprobar a realidade dos datos achegados polo interesado así como calquera outros que haxan de servir de base para o cálculo dos dereitos correspondentes e, á vista dos resultados de tal comprobación, practicará a liquidación oportuna.
4. A práctica da devandita liquidación o é sen prexuízo da potestade administrativa para a inspección dos datos declarados ou da actividade desenvolvida realmente polo suxeito pasivo e para a aplicación de sancións se houbese lugar.
5. Todas as liquidacións que se practiquen como consecuencia do regulado nos apartados anteriores serán notificadas aos obrigados ao pagamento, para o seu ingreso nas arcas municipais a través de entidade colaboradora correspondente, utilizando os medios de pagamento e os prazos que sinala a Lei Xeral Tributaria e normas ditadas no seu desenvolvemento.
Artigo 11º.- Infraccións e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que por estas correspondan en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei Xeral Tributaria e na normativa regulamentaria ditada en desenvolvemento desta última.
Disposición final I
A entrada en vigor da presente ordenanza derroga a Ordenanza fiscal reguladora da Taxa por licenzas urbanística publicada o día 02.02.2008 (BOP nº. 27) e vixente ata dito momento.
Disposición final II
A presente modificación da Ordenanza Fiscal entrará en vigor e será de aplicación a partir do día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.