Vedra - ORDENANZA XERAL REGULADORA DE SUBVENCIÓNS

Publicación provisional: 02/08/2023 BOP Nº: 146
Publicación definitiva: 25/09/2023 BOP Nº: 183
Aplicable dende: 17/10/2023

ÍNDICE

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto

Artigo 2. Concepto de subvención

Artigo 3. Réxime xurídico das subvencións

Artigo 4. Ámbito de aplicación

Artigo 5. Órganos competentes

Artigo 6. Persoas beneficiarias

Artigo 7. Obriga persoas beneficiarias

Artigo 8. Compatibilidade de subvencións

Artigo 9. Solicitudes

Artigo 10. Gastos subvencionables

CAPÍTULO II. PROCEDEMENTO PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS

Artigo 11. Bases específicas e convocatorias

Artigo 12. Procedementos de concesión

Artigo 14. Procedemento de concesión directa de subvencións

CAPÍTULO III. XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO

Artigo 15. Xustificación

Artigo 16. Pagamento das subvencións

CAPÍTULO IV: REINTEGRO E RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 17. Reintegro das subvencións

Artigo 18. Réxime de infraccións e sancións

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

DISPOSICIÓN FINAL

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Unha parte significativa da actividade financeira das administración públicas canalízase a través de subvencións, dando apoio e resposta a demandas sociais e económicas de persoas e entidades públicas e privadas.

A aprobación da Lei 38/2003 do 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS) e o Real Decreto 887/2006, do 21 de xuño, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, xeral de subvencións (RLXS) supuxo un importante paso na determinación dun marco normativo xeral desta modalidade de gasto público.

O artigo 3.1.b) da LXS inclúe as entidades que integran a administración local no ámbito de aplicación subxectivo, impoñendo no artigo 9 a obriga de aprobar co carácter previo ao outorgamento de subvencións, as bases reguladoras de concesión. Conforme ao artigo 17.2 da Lei, as bases reguladoras das corporacións locais deberanse aprobar no marco das bases de execución do orzamento, a través dunha ordenanza xeral de subvencións ou mediante unha ordenanza específica para as distintas modalidades de subvencións.

Ademais de dar cumprimento ao citado mandato legal, esta iniciativa normativa atende a necesidade de conseguir unha maior seguridade xurídica, outorgándolle carácter normativo a aquelas prácticas e criterios seguidos por esta administración na aprobación das convocatorias, actos de concesión e formalización de convenios, xustificación e control das subvencións pagadas nos derradeiros anos.

Polo exposto, e no exercicio da potestade normativa que ten atribuída o Concello no artigo 4.1.a) da Lei 7/1985 reguladora das bases de réxime local, redáctase a presente ordenanza.

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto

A presente ordenanza ten por obxecto regular, con carácter xeral, o réxime e procedemento aplicable para o outorgamento de subvencións por parte do Concello de Vedra a favor de particulares, entidades e colectivos cidadáns con destino a realización de proxectos, actuacións e actividades que teñan por obxecto o fomento de accións de utilidade pública ou interese social ou de promoción dunha finalidade pública, dentro das competencias que correspondan á entidade local.

Artigo 2. Concepto de subvención

Enténdese por subvencións toda disposición diñeiraria realizada polo Concello de Vedra a favor de persoas públicas ou privadas, e que cumpra cos seguintes requisitos:

a) Que a entrega se realice sen contraprestación directa polas persoas beneficiarias.

b) Que a entrega estea suxeita ao cumprimento dun determinado obxectivo, a execución dun proxecto, a realización dunha actividade, a adopción dun comportamento singular, xa realizado ou por desenvolver, ou a concorrencia dunha situación, debendo o beneficiario cumprir as obrigas materiais e formais que se estableceran.

c) Que o proxecto, acción, conduta ou situación financiada teña por obxecto o fomento dunha actividade de utilidade pública ou interese social ou de promoción dunha finalidade pública.

Artigo 3. Réxime xurídico das subvencións

As subvencións que se outorguen polo Concello de Vedra rexeranse, no non previsto na presente ordenanza, polo disposto na:

- Lei 38/2003 do 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS) e o Real decreto 887/2006, do 21 de xuño, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, xeral de subvencións (RLXS) nos seus preceptos básicos.

- Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas Locais e na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e demais lexislación básica do estado en materia de réxime local.

- Lei 9/2007, de 13 de xuño de subvencións de Galicia.

- Preceptos non básicos da LXS e RLXS.

- As bases de execución dos vixentes orzamentos municipais e as restantes normas de dereito administrativo, e no seu defecto, as normas de dereito privado.

Artigo 4. Ámbito de aplicación

A presente ordenanza será de aplicación a todas as subvencións que conceda o Concello de Vedra sexan en metálico ou en especie e con independencia do procedemento específico que se siga para o seu outorgamento.

Non están comprendidas no ámbito de aplicación desta ordenanza:

- Os premios que se outorguen sen previa solicitude do beneficiario.

- As dotacións económicas aos grupos políticos municipais.

- As axudas económicas de emerxencia social que se rexerán pola súa regulación específica.

- As achegas que en concepto de cotas que se realicen a favor das asociacións ás que se refire a disposición adicional 5ª da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e demais lexislación básica do estado en materia de réxime local.

Artigo 5. Órganos competentes

1. É competencia do Pleno da Corporación a planificación da acción de fomento mediante a aprobación dun plan estratéxico de subvencións e a aprobación do orzamento municipal, no que consten os créditos necesarios para levar a cabo a acción de fomento nas distintas áreas de actuación.

2. É competencia da alcaldía a aprobación das convocatorias de subvencións, resolucións de concesións, aprobación das xustificacións e ordenación do pago, sen prexuízo das delegacións que se poidan acordar en cada momento a prol da Xunta de Goberno Local.

Artigo 6. Persoas beneficiarias

Terá a consideración de persoas beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que vaian realizar a actividade que fundamentou o seu outorgamento ou que se atope na situación lexitima para a súa concesión.

Cando a persoa beneficiaria sexa unha persoa xurídica, e sempre que así se prevexa expresamente na convocatoria, terá igualmente a consideración de beneficiarios os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión da subvención en nome e por conta deste último. Así mesmo, cando se prevexa expresamente na convocatoria, poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos actividades ou comportamentos ou se atopen en situación que motiva a concesión da subvención. Neses casos deberase nomear un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario corresponden á agrupación.

As convocatorias de subvencións determinarán os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes para participar no procedemento correspondente.

Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria as persoas nas que concorren algunha das circunstancias establecidas no artigo 13.2 da LXS. A acreditación de non incorrer nas prohibicións para ser beneficiaria realizarase mediante declaración responsable incluída no modelo de solicitude e deberá manterse ata o momento do pago.

Artigo 7. Obriga persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, as previstas na lexislación vixente, especialmente:

- Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade e adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

- Xustificar ante o concello o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou desfrute da subvención.

- Someterse á actividade de control do concello destinada a comprobar a veracidade dos actos consignados na documentación presentada, así como do cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda e colaborar co concello nas ditas actuacións.

- Adoptar as medidas de difusión e publicidade. A este respecto, estarán obrigados a facer constar en toda información ou publicidade que se efectúe da actividade ou obxecto da subvención que a mesma está subvencionada polo concello nos termos que se estableza na respectiva convocatoria, convenio ou resolución de concesión.

- Comunicar calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

- Reintegrar os fondos percibidos nos supostos legalmente establecidos.

Artigo 8. Compatibilidade de subvencións

As subvencións concedidas polo concello e salvo que na convocatoria específica, convenio ou resolución de concesión se sinale outra cousa, son compatibles coas achegas para a mesma finalidade procedentes doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, sempre que o seu importe, illadamente ou en concorrencia con estas, non supere o custo da actividade subvencionada.

Ao efecto, o beneficiario deberá comunicar ao órgano que concede a subvención a concesión doutras subvencións, axudas, ingresos e demais recursos que financien as actividades subvencionadas cando teña coñecemento e en calquera caso antes da súa xustificación.

Artigo 9. Solicitudes

As persoas físicas presentarán as solicitudes a través do Rexistro Xeral do Concello de Vedra ou no Rexistro Electrónico do Concello ou por calquera dos medios previstos no Art. 16.4 da Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

As persoas xurídicas presentarán as solicitudes electronicamente mediante instancia xeral na sede electrónica do Concello de Vedra, de conformidade co disposto no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, que dispón a obriga das persoas xurídicas de relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas. No suposto de presentar a solicitude presencialmente, requiriráselle ao interesado para que emende a través de su presentación electrónica. A estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se teña realizada a subsanación.

Si a solicitude non reúne os requisitos esixidos ou non se acompañasen os documentos preceptivos, requirirase ao interesado para que no prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixera, terase por desistido na súa petición. Este prazo só poderá ser ampliado nos procedementos de concesión directa.

Artigo 10. Gastos subvencionables

Consideraranse gastos subvencionables, os realizados no período subvencionable que respondan directa e indubidablemente á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios. En ningún caso o custe de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Considerarase gasto realizado o efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado nas convocatorias ou instrumento que regule a subvención.

Considérase así mesmo gastos subvencionables aqueles custos indirectos imputables á actividade e custos de funcionamento ordinarios cando así se estableza expresamente na convocatoria ou instrumento que regule a subvención. En ningún caso serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias; os xuros, recargas e sancións administrativas e penais e os gastos de procedementos xudiciais. Así mesmo non serán subvencionables os impostos indirectos que sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

Os tributos son gastos subvencionables cando o beneficiario da subvención o abone efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

CAPÍTULO II. PROCEDEMENTO PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS

Artigo 11. Bases específicas e convocatorias

A presente ordenanza constitúe as bases xerais de subvencións que será completada en cada ocasión coas correspondentes bases específicas e convocatorias que se aprobarán conxuntamente co contido mínimo esixido nos artigos 17.3 e 23.2 da LXS.

A publicación das bases específicas e convocatorias realizarase a través da Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) nos termos establecidos no artigo 20 da LXS e adicionalmente no taboleiro de anuncios.

Artigo 12. Procedementos de concesión

O procedemento ordinario de concesión será o de concorrencia competitiva, mediante a comparación de solicitudes ao obxecto de establecer unha prelación entre as mesmas de acordo cos criterios e valoración fixados na convocatoria e baseados na publicidade da convocatoria e nos principios de transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación. Igualmente procurarase a maior eficiencia na asignación e utilización dos fondos públicos.

Poderán concederse de forma directa as seguintes subvencións:

a) As nominativas previstas no orzamento municipal.

b) Aquelas cuxo outorgamento ou contía veña imposta a esta administración local por unha norma de rango legal.

c) Con carácter excepcional aquelas outras subvencións en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.

Artigo 13. Procedemento de concesión en réxime de concorrencia competitiva

O procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva iniciarase sempre de oficio mediante convocatoria pública aprobada polo órgano competente de acordo co disposto no artigo 5.

A publicidade das convocatorias realizaranse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a través da Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) así como na sede electrónica.

As convocatorias deberán incluír o contido ao que se refire o artigo 23.2 da LXS, especialmente:

- Indicación da presente ordenanza e do boletín no que se teña publicado.

- O interese público afectado e a competencia que exerce o Concello.

- Referencia ao Plan estratéxico de subvencións que prevé ou fundamenta a concesión da subvención.

- Normativa de aplicación.

- Obxecto e finalidade.

- Crédito orzamentario.

- Requisitos das persoas beneficiarias.

- Compatibilidade ou incompatibilidade con outras subvencións.

- Forma e prazo de presentación de solicitudes.

- Procedemento de tramitación das subvencións, con indicación dos órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento.

- Prazo de resolución e notificación.

- No seu caso, posibilidade de reformulación de solicitudes de conformidade co disposto no artigo 27 da LXS.

- Medio de notificación ou publicación.

- Contías das axudas.

- Posibilidade de efectuar pagos anticipados.

- Esixencia, no seu caso, de cumprir co trámite de aceptación.

- Período e gastos subvencionables.

- Criterios de valoración.

- Forma e prazo de xustificación das axudas concedidas.

- Obrigas das persoas beneficiarias.

- Réxime de infraccións e sancións.

- Reintegro das subvencións.

- Tratamento de datos de carácter persoal.

As convocatorias deberán incluír modelos normalizados, declaracións responsables e demais documentos que deban presentarse xunto coa solicitude e xustificación das subvencións.

A tramitación das subvencións en réxime de concorrencia competitiva rexerase polo disposto nesta ordenanza e na convocatoria aprobada ao efecto.

O órgano competente para a instrución realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos achegados polas persoas beneficiaras e emitirá informe relativo ás solicitudes que cumpran os requisitos para poder ser beneficiarias da subvención.

Por resolución da alcaldía designaranse así mesmo os membros dunha comisión avaliadora que emitirá informe onde se recolla a orde de concesión das axudas ás persoas beneficiarias.

O expediente de concesión de subvencións conterá o informe do órgano instrutor no que debe constar que, da información que obra no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás mesmas e que non se atopan incursos en ningunha das prohibicións establecidas para ser beneficiarios na lexislación vixente.

Con todo, e demais informes que no seu caso foran legalmente esixibles, o órgano competente de acordo co disposto no artigo 5, resolverá o procedemento. A resolución ademais de conter a concesión da subvención deberá conter de xeito motivado a desestimación, no seu caso, do resto das solicitudes.

A concesión de premios que teñan a natureza de subvención deberá efectuarse de acordo co disposto no presente artigo, admitindo aos efectos da súa xustificación, a aplicación do artigo 30.7 da LXS.

 

Artigo 14. Procedemento de concesión directa de subvencións

O procedemento de concesión de subvencións nominativas e a súa tramitación regularase anualmente nas bases de execución do orzamento do Concello de Vedra.

O convenio será o instrumento de canalización da concesión de subvencións nominativas.

O procedemento excepcional de concesión directa de subvencións consonte ao disposto no artigo 22.2.c) da LXS e a súa tramitación regularase anualmente nas bases de execución do orzamento do Concello de Vedra. Estas subvencións deberán solicitarse mediante modelo normalizado e canalizaranse mediante resolución, co mesmo contido que o previsto para os convenios das subvencións nominativas.

CAPÍTULO III. XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO

Artigo 15. Xustificación

A obriga de xustificación ten por obxecto acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, das condicións impostas e dos obxectivos previstos así como a aplicación dos fondos percibidos. A modalidade de xustificación deberá indicarse na convocatoria, convenio ou na resolución de concesión de entre as previstas no artigo 30.1 LXS.

Se a subvencións se concede en atención á concorrencia dunha determinada situación do perceptor, non requirirá outra xustificación que a acreditación da dita situación previamente á concesión.

A modalidade ordinaria de xustificación será a conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, que deberá conter:

1. Memoria da actuación con indicación das actividades realizadas e os obxectivos acadados e na que conste declaración expresa de que se cumpriu coa finalidade da subvención mediante a realización da actividade para a que foi concedida.

2. Memoria económica:

- Relación clasificada dos gastos da actividade con indicación do

o Provedor

o NIF

o Nº documento

o Concepto

o Data

o Importe

o Data de pago

Debendo indicarse se os importes abonados en concepto de IVE son ou non recuperables ou compensables.

Deberán achegarse todos os xustificantes acreditativos dos gastos incluídos nesta relación así como os xustificantes de pago.

Non se admitirán pagos en efectivo por importe superior ao fixado pola Lei 7/2012 do 29 de outubro de Prevención de fraude fiscal ou normativa que a substitúa.

No caso de gastos de persoal deberá achegarse unha relación onde conste:

o Nome e apelidos e NIF da persoa empregada

o Mensualidade

o Importe bruto

o Data de pagamento á persoa empregada

o Importe do custe de seguridade social a cargo da empresa

o Mensualidade

o Data de pagamento á seguridade social

Deberán achegarse os recibos de nóminas e xustificantes de pago á persoa empregada así como os documentos RNT, RLC e xustificante de pagamento a seguridade social.

3. Acreditación das medidas de difusión e publicidade adoptadas.

Deberán achegarse fotografías acreditativas da inclusión no material publicitario ou de difusión da actividade o logo do Concello de Vedra ou mención expresa da súa participación na actividade. Así mesmo, calquera información nos medios de comunicación (prensa escrita, radio, internet, boletíns ou notas internas do club, caso de existir, etc), deberán aludir á colaboración do Concello de Vedra.

- Relación detallada de ingresos ou subvencións percibidas para o financiamento da actividade indicando o importe e procedencia.

Artigo 16. Pagamento das subvencións

O pagamento das subvencións efectuaranse unha vez aprobadas as xustificacións das subvencións concedidas. Excepcionalmente, e sempre que así se estableza nas convocatorias das concesións en réxime de concorrencia, poderán efectuarse pagamentos anticipados. No caso de subvencións nominativas directas previstas no orzamento, o anticipo non poderá ser superior ao 75% do importe concedido. No suposto de subvencións directas de carácter excepcional do artigo 22.2.c) admitirase o anticipo de ata o 100% do importe concedido.

CAPÍTULO IV: REINTEGRO E RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 17. Reintegro das subvencións

Reintegraranse as cantidades percibidas, coa conseguinte esixencia de xuros de demora desde o aboamento da subvención ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos do artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións (LXS) referido á invalidez da resolución da concesión e nos supostos previstos con carácter xeral no dito artigo.

Tamén procederá o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia dos xuros de mora dende o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde o inicio do reintegro ou data en que o debedor ingresara ou reintegrara se fora anterior.

O procedemento de reintegro rexerase polas disposicións xerais sobre procedementos administrativos contidas no título IV da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coas especialidades da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións (LXS) e do Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

Artigo 18. Réxime de infraccións e sancións

As infraccións e sancións en que poidan incorrer as persoas beneficiarias destas axudas e o procedemento para a súa imposición estarase ao disposto no título IV da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións (LXS) e do Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

Aos procedementos de concesión de subvencións xa iniciados á entrada en vigor da presente ordenanza seralles de aplicación a normativa vixente no momento do seu inicio. Considerarase o procedemento iniciado para as subvencións de concorrencia competitiva dende o momento da publicación da convocatoria e para a concesión directa o momento en que se adopte a resolución de concesión ou se subscriba o convenio.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Quedan derrogadas todas as ordenanzas xerais reguladoras das distintas subvencións.

DISPOSICIÓN FINAL

Esta ordenanza, unha vez que sexa aprobada definitivamente polo Pleno da Corporación, publicarase integramente no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, de conformidade co establecido no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e entrará en vigor transcorrido o prazo de quince días hábiles previsto no artigo 65.2 do citado texto legal.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2  da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.