Boqueixón - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DOS PREZOS POLA PRESTACION DOS SERVIZOS DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL RAIÑA LUPA DE BOQUEIXON

Publicación provisional: 08/06/2017 BOP Nº: 107
Publicación definitiva: 28/07/2017 BOP Nº: 142
Aplicable dende: 27/09/2023

Artigo 1. Fundamento legal

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española, o artigo 105 da Lei das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, en relación co artigo 47 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da lei reguladora das facendas locais (TRLRFL), e así mesmo conforme o Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, este concello establece o prezo pola prestación do servizo público da Escola Infantil Municipal Raíña Lupa de Boqueixón, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.

Artigo 2. Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible do prezo a prestación dos servizos da Escola Infantil Municipal Raíña Lupa (en adiante EIM), entre os que se encontran a atención asistencial e educativa dos nenos e nenas menores de 3 anos, o comedor e outros servizos de carácter básico.

Artigo 3. Suxeitos pasivos

3.1 - Son suxeitos pasivos deste prezo, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servizo.

3.2 - Tendo en conta que as persoas usuarias do servizo gravado por este prezo son menores de idade que non teñen capacidade de obrar, actuaran no seu nome, cos efectos previstos na lei xeral tributaria, os seus/súas pais/nais, titores/as legais ou calquera outro a quen corresponda o exercicio da patria potestade.

Artigo 4. Regras e definicións para a determinación do importe a pagar

Para os efectos da determinación dos prezos a pagar, a renda per cápita mensual da unidade familiar, computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

- os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

- os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

- os/as fillos/as maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente a 31 de decembro do ano ao que se refiran os datos económicos aos que se refiren as seguintes regras.

 b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración Tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.

 c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar á que se refire a letra a) cando formara parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

 d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior entre 12 meses.

Artigo 5. Prezos

1º. - Os servizos e conceptos polos que se establecen as diferentes cotas tributarias son os seguintes:

a) Matrícula: Un pago único, e cobre os gastos vinculados ás tarefas administrativas, algúns gastos fixos da EIM e o seguro escolar, esta taxa pasarase a cobro ao inicio do curso (setembro) as prazas que se cubran ao longo do ano, dita prezo farase efectivo nos primeiros dez días do mes seguinte.

b) Mensualidade a xornada completa: abrangue os servizos básicos de atención educativa e asistencial por 8 horas diarias, en cálculo mensual.

c) Hora extraordinaria: abrangue os servizos básicos de atención por 1 hora, de forma excepcional, a maiores da modalidade de xornada escollida, en cálculo diario.

d) Servizo de comedor para o xantar: abrangue a distribución e o servizo de alimentos durante a hora do xantar, en cálculo mensual.

e) Servizo de comedor en día solto: abrangue a distribución e o servizo de alimentos, de forma excepcional, durante cada unha das comidas, en cálculo individual para cada comida.

 

2º. - Os prezos polos devanditos servizos serán en todo momento os que estipule o DECRETO 49/2012 do 19 de xaneiro, modificado pola Resolución do 10 de maio de 2017, polo que se actualizan os prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da actual Consellería de Política Social.

a) Os prezos aplicables por tarifa quedan como segue:

CONTIAS EN FUNCIÓN DO IPREM

ASISTENCIA

COMEDOR

TOTAL

Do 0 % ao 30 % IPREM: 0,00 € a 180,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

Do 30 % ao 50 % IPREM: 180,01 € a 300,00 €

0,00 €

17,45 €

17,45 €

Do 50 % ao 75 % IPREM: 300,01 € a 450,00 €

34,91 €

17,45 €

52,36 €

Do 75 % ao 100 % IPREM: 450,01 € a 600,00 €

69,81 €

26,45 €

96,26 €

Do 100 % ao 125 % IPREM: 600,01 € a 750,00 €

112,13 €

37,02 €

149,15 €

Do 125 % ao 150 % IPREM: 750,01 € a 900,00 €

133,29 €

52,89 €

186,18 €

Do 150 % ao 200 % IPREM: 900,01 € a 1.200,00 €

147,05 €

63,47 €

210,52 €

IPREM máis de 200 % Máis de 1.200,01 €

169,26 €

74,05 €

243,31 €

*O prezo pola atención educativa fixase en 169,26 €

*O prezo do servizo de comedor fíxase en 74,05 €

*Horario ampliado hora 21,16 €

Sobre estes prezos aplícanse as reducións correspondentes segundo o nivel de renda da unidade familiar (IPREM)

Tarifa por matrícula: 50,00 €/ano

Tarifa material: dúas cotas de 15,00 € ao ano (novembro e marzo)

 

b) Servizos básicos:

- No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de comedor e que excepcionalmente e por motivos xustificados desexen utilizalo algún día solto, o prezo será de 4,23 €/día.

- No caso do horario amplo, o prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario de atención educativa adxudicado ao usuario será de 21,16 €/hora. Enténdese por horario amplo a atención aos/as nenos/as por parte da EIM polo menos durante 10 horas diarias ininterrompida. Non obstante, evitarase que o/a neno/a alongue a estancia na EIM máis de 8 horas diarias, excepto que circunstancias excepcionais, que se deberán en todo caso xustificarse, o determinen.

- Os prezos por días soltos non están suxeitos a ningunha redución.

3º. - Os/as nenos/as que utilicen o servizo de comedor deberán estar na EIM media hora antes da asinada para o xantar, si un usuario habitual de dito servizo non o vai utilizar deberá avisar antes das 11:00 horas.

4º. - As comidas serán elaboradas polo persoal de cociña da EIM e o servizo será atendido por educadoras co fin de que os/as nenos/as adquiran hábitos relacionados coa educación e coa autonomía persoal.

5º. Os prezos incluídos nesta ordenanza fiscal actualizárense anualmente segundo o índice de prezos ao consumo (IPC) publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 6. Bonificacións e exencións de pagamento

6.1. - Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto na táboa anterior, aplicaranse os seguintes descontos que non son acumulables entre si.

a) Nenos/as que pertencen a familias numerosas, descontos do 20%

b) Nenos/as que pertencen a familias monoparentais, desconto do 20%

c) Cando asistan a EIM varios/as irmá/s, o segundo e sucesivos terán un desconto do 20%.

d) Pola matriculación do segundo fillo/a e sucesivos/as da unidade familiar aplicarase o desconto do 100% sobre o prezo público que encontren en vigor en cada momento.

Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Para a aplicación dos descontos teranse en conta as circunstancia concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na EIM 0-3, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias á data do devindico da declaración do IRPF.

6.2. - Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fora de prazo, traslado de residencia...), o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes, terá un desconto do 50 por cento.

6.3. - As familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais gozarán da exención total da cota a partir da segunda filla ou fillo que acuda a EIM.

6.4. - As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda gozarán, así mesmo, da exención total da cota.

Artigo 7. Remuneración e período impositivo

A remuneración ou obriga de pagamento do prezo público prodúcese no momento de alta na EIM Raíña Lupa, e dicir, coa formalización da inscrición ou matrícula oficial, do/a neno/a para cada curso, xurdindo en este momento concreto a obriga de contribuír.

Artigo 8. Revisión de prezos

Ao longo do curso poderase revisar o prezo fixado inicialmente, nos seguintes casos:

a) Modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) Diminución ou incremento dos ingresos en máis do 20 % en cómputo anual respecto aos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración dun mínimo de seis meses para ser tomadas en consideración e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola AEAT ou por calquera outra documentación que, a xuízo do concello de Boqueixón, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) A variación no número de membros da unidade familiar.

Neste senso, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.

A modificación do prezo será resolta pola comisión de baremación, seguimento e control e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 9. Normas de xestión

9.1. - As solicitudes para acceder ós servizos que se prestan na EIM formalizaranse por escrito a través de instancias dirixidas ó Sr./a alcalde/sa-presidente/a da corporación municipal, xuntando a documentación sinalada no regulamento de réxime interno da Escola Infantil Municipal Raíña Lupa de Boqueixón. Así mesmo o procedemento de admisión e os dereitos e obrigas dos/as usuarios/as serán os establecidos no citado regulamento.

9.2. - O pagamento dos prezos, realizarase mensualmente nos dez primeiros días naturais do mes ao que correspondan. Nos casos en que o ingreso no centro se produza con posterioridade ao día primeiro do mes, o prezo correspondente a dito mes ingresarase nos dez días naturais seguintes á data de ingreso.

9.3. - No caso de utilizar os servizos básicos (xantar e atención educativa e asistencial) por días soltos, realizarase o pagamento deste servizo xunto coa cota do mes seguinte.

9.4 - A non asistencia do/a neno/a durante un período determinado non supón ningunha redución nin exención do pagamento da cota, agás nos casos establecidos no artigo 5 do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, mentres non se formalice a baixa correspondente.

9.5. - A falta de pagamento de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas, sen prexuízo da súa esixencia polo procedemento administrativo de constrinximento, orixinará a perda do dereito á praza.

9.6. - Os suxeitos pasivos aos que fai referencia o artigo 3, non terán a obriga de aboar a cota que corresponda durante os seguintes períodos:

- o mes de vacacións anual do/a neno/o.

- cando por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais o centro permaneza pechado por un período superior a quince días naturais.

Artigo 10. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións aterase ao disposto na lei xeral tributaria e nas disposicións que a complemente e desenvolvan.

Artigo 11. Protección de datos

De acordo co establecido pola Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, informámoslle que os seus datos serán incluídos nun ficheiro do que é titular concello de Boqueixón e poderán ser utilizados para prestarlle o servizo solicitado a través desta instancia. Informámoslle ademais que poderá exercitar os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no domicilio de concello de Boqueixón en correo@boqueixon.es.

Disposición adicional

Para o non previsto nesta ordenanza fiscal estarase ao disposto no texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, lei xeral tributaria e disposicións concordantes.

Disposición derrogatoria

Quedarán derrogados aqueles artigos da ordenanza fiscal actualmente en vigor que se opoñan ó disposto na nova redacción da ordenanza fiscal da EIM Raíña Lupa de Boqueixón.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez aprobada definitivamente e publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP), permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.