Sada - Ordenanza reguladora da venda ambulante do concello de Sada
Artigo 1. Obxecto
A presente Ordenanza ten por obxecto regular o exercicio da venda ambulante dentro do termo municipal de Sada e apróbase de conformidade co disposto nos artigos 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, 1.2.° do Decreto do 17 de xuño do 1955, polo que se aproba o Regulamento de Servizos das Corporacións Locais, a Lei 7/1996, do 15 de xaneiro, de Ordenación do Comercio Minorista, a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do Comercio Interior de Galicia, e o Real Decreto 199/2010, do 26 de febreiro, polo que se regula o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria. Así mesmo, tivéronse en conta os principios da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.
Artigo 2. Definición
1. Considérase venda ambulante ou non sedentaria a realizada por comerciantes fóra dun establecemento comercial permanente de forma habitual, ocasional, periódica ou continuada, nos perímetros ou lugares autorizados, en instalacións comerciais desmontables ou transportables, incluíndo os camións-tenda.
2. A organización, intervención e inspección da venda ambulante correspóndelle ó Alcalde Presidente ou concelleiro en quen delegue.
Artigo 3. Emprazamentos
1. A venda ambulante só poderá levarse a cabo nos mercados fixos, periódicos ou ocasionais, así como nas zonas da vía pública que autorice o Concello.
2. Con carácter excepcional a Alcaldía poderá autorizar a venda ambulante noutros emprazamentos con motivo de festas, acontecementos populares ou celebracións especiais. Cando ditos motivos así o aconsellen, ou por causa de orde pública, a Alcaldía poderá suspender ou modificar a data de celebración do mercado.
3. Tamén con carácter excepcional, por necesidades de espacio, a Alcaldía poderá cancelar postos habituais desprazándoos a zonas vacantes o de reserva previstas.
4. Os postos de venda ambulante non poderán situarse en acceso a edificios públicos, establecementos comerciais ou industriais, nin diante dos seus escaparates e exposicións, nin en lugares que dificulten estes accesos e a circulación peonil ou de vehículos.
Artigo 4. Feirón
1. Autorízase o exercicio da venda ambulante exclusivamente no mercado denominado Feirón a celebrar semanalmente os sábados de 17:00 horas a 20:00 horas na localidade de Sada.
2. O ámbito territorial onde se desenvolve este mercado semanal comprende a praza de España e as rúas de Linares Rivas, de Oleiros, de Pontedeume, de Bergondo, e do Pintor Vaamonde; distribuíndose o ámbito territorial en seis zonas tal e como segue:
Zona 00: Praza de España
Zona 01: Rúa de Linares Rivas
Zona 02: Rúa de Bergondo
Zona 03: Rúa do Pintor Vaamonde
Zona 04: Rúa de Pontedeume
Zona 05: Rúa de Oleiros
3. As operacións de descarga e instalación dos postos haberán de efectuarse entre as 14.30 horas e as 17.00 horas. Co fin de evitar, na medida do posible, molestias aos veciños e comercio local, a instalación dos postos farase de forma graduada, e por zonas:
Zonas 00, 01, 05: das 14.30 ás 15.00 h.
Zona 04: das 15.15 ás 15.45 h.
Zonas 02, 03: das 16.00 ás 16.30 h.
O desmonte e retirada dos postos efectuarase a partir das 20.00 horas no outono, inverno e primavera, e a partir das 21.00 horas no verán, no prazo máximo dunha hora, deixando o lugar en perfecto estado de limpeza.
4. Os postos distribuídos nas rúas en que se celebra o Feirón pertencerán a algunha das seguintes catro modalidades de posto:
Tipo A): 3x2 m.
Tipo B): 5x2 m.
Tipo C): 8x2 m.
Tipo D): Tipo especial.
5. As dimensións dos postos desmontables non excederán en ningún caso de 2 3 m de fondo e 8 metros de fronte, a excepción dos postos situados na rúa Oleiros, que debido ao ancho de vía non poderán exceder de 1,5 m de fondo.
Os comerciantes que opten pola modalidade de posto Tipo especial, deberán acreditar na súa solicitude a necesidade de optar a este tipo xustificando sus dimensións.
6.- O Concello reservará determinada superficie de solo para a instalación de postos adxudicados temporalmente, atendendo a criterios de orixinalidade do produto ofertado, razón de tempada por cultivo, interese xeral ou necesidade pública.
Artigo 5. Artigos autorizados
1.- Poderán ser ofrecidos á venda artigos téxtiles, de artesanía, bixutería, marroquinería, calzado, confección, droguería, artigos de coiro ou pel, de ornato de pequeno volume, así como produtos alimenticios que non estean expresamente prohibidos pola normativa vixente.
2.- Autorízase a venda en camións-tenda de pan, froita, queixos, produtos envasados, peixe fresco e conxelado, así como outros produtos alimenticios nos que a súa venda en réxime de ambulancia estea autorizada pola normativa estatal ou autonómica aplicable,cando se cumpran as condicións sanitarias e hixiénicas que establece a Lexislación sectorial sobre a materia para cada tipo de produto.
3.- Non poderá vender produtos destinados ao consumo humano quen careza do carné de manipulador de alimentos.
Artigo 6. Requisitos para a venda ambulante
Para o exercicio da venda ambulante esixirase o cumprimento dos seguintes requisitos:
- Estar dado ou dada de alta no réxime correspondente de Seguridade Social, e no seu caso, no Imposto de Actividades Económicas.
- Cumprir cos requisitos das regulamentacións de cada tipo de produtos.
- Estar en posesión, no seu caso, do certificado acreditativo de ter recibido formación en materia de manipulación de alimentos.
- Satisfacer as taxas e os tributos fixados nas Ordenanzas fiscais deste municipio.
- Dispor dos permisos de residencia e traballo que, en cada caso, fosen esixibles, se se tratase de persoas estranxeiras.
- As persoas xurídicas deberán acreditar os seguintes extremos: o CIF, acta de constitución, estatutos e escritura de poder outorgada á persoa que asina a solicitude de autorización en representación da empresa.
- Dispor de seguro de responsabilidade civil.
Artigo 7. Autorización municipal
1. O exercicio da venda ambulante requirirá a previa autorización municipal para cada emprazamento concreto e por cada unha das modalidades de venda ambulante que o comerciante se propoña exercer.
2. A autorización municipal para o exercicio da venda ambulante ten as seguintes características:
a) A súa concesión ten carácter discrecional, estando supeditada ao interese xeral.
b) Pode ser revogada unilateralmente por incumprimento das condicións do seu outorgamento ou da normativa vixente.
c) Terá unha duración máxima de un ano, que coincidirá co natural. As autorizacións bienais poderán renovarse de forma expresa por idéntico período. As autorizacións cuxo período de validez sexa inferior a un ano, extinguiranse na data sinalada expresamente na autorización.
d) É persoal e será transmisible previa comunicación ao Concello. O novo titular terá que reunir os requisitos esixidos nesta Ordenanza para o exercicio da actividade, quedando subrogado nos dereitos e obrigacións que corresponderían ao titular cedente. A transmisión dunha autorización non afectará o seu período de vixencia, que se manterá polo tempo que reste ata a finalización do prazo de duración.
No caso de que o impedimento para o exercicio da venda que autoriza a licenza municipal sexa temporal ou transitorio, o titular, mantendo tal condición, poderá ser substituído, previa autorización municipal, polos familiares en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, sempre que o familiar proposto non sexa titular doutra autorización e que estea dado de alta na seguridade social, cando proceda, todo o cal deberá documentarse adecuadamente.
e) Os titulares da autorización ou licenza, nos mercados periódicos, poderán designar a un suplente, cuxos datos persoais se farán constar na autorización. Exclusivamente estará habilitado para o exercicio da venda ambulante cando por causa de enfermidade, por atender a obrigacións públicas ou oficiais de carácter inescusable, por circunstancias de forza maior ou outras de carácter excepcional, o titular estea imposibilitado para o exercicio da actividade, e só poderá substituílo durante o tempo no que concorran tales circunstancias. O suplente non poderá ser titular de licenza deste Concello para o exercicio da venda ambulante. A condición de suplente non xerará dereito algún de cara á ulterior concesión de licenzas para o exercicio da venda ambulante.
f) O titular da autorización poderá contratar persoal que lle asista na atención do posto.
Artigo 8. Contido da Autorización municipal
A autorización municipal de exercicio da venda ambulante terá como mínimo o seguinte contido:
a) Nome e apelidos ou denominación social, domicilio e DNI/CIF do titular da autorización.
b) Modalidade de venda ambulante que se autoriza.
c) Determinación dos artigos que poden ser obxecto de comercialización, especificando as condicións particulares de hixiene ou seguridade especialmente necesarias para o caso.
d) Determinación dos lugares e dimensións, así como os días, horario e frecuencia para os que se autoriza o exercicio da venda ambulante.
e) Determinación do número de persoas habilitadas para a venda baixo a dependencia do titular da autorización.
f) Referencia á obrigación de coñecer e cumprir a normativa xeral de ordenación do comercio, a disciplina do mercado e a protección do consumidor.
g) Condicións particulares ás que, no seu caso, quede suxeito en titular da autorización.
h) Período de vixencia da autorización.
Artigo 9. Solicitudes
1. As solicitudes de autorización ou licenza para o exercicio da venda ambulante presentaranse, con carácter xeral, polo menos cunha antelación dun mes respecto da data fixada ou prevista para o inicio da actividade.
2. Ditas solicitudes formularanse no modelo normalizado que se proporcionará nas oficinas municipais, no que se especificará os seguintes datos:
a) Para as persoas físicas: nome, apelidos e documento nacional de identidade do interesado e, no seu caso, da persoa que o represente, así como a identificación do domicilio que se sinale a efectos de notificacións.
b) Para as persoas xurídicas: nome, apelidos e documento nacional de identidade do representante legal, así como a identificación do domicilio que se sinale a efectos de notificacións, teléfono, fax; móbil e dirección de correo electrónico.
c) Para os cidadáns estranxeiros: nome, apelidos, documento nacional de identidade ou pasaporte e permiso de residencia e traballo que en cada caso sexan esixidos, así como a identificación do domicilio que se sinale a efectos de notificacións.
d) A identificación no seu caso da/s persoa/s con relación laboral ou familiar que vaian colaborar no desenvolvemento da actividade.
e) Modalidade de venda ambulante para a que solicita autorización, con descrición da actividade, oficio e/ou produtos obxecto de venda e características das instalacións (medidas, estrutura, etc).
f) Lugar e datas de exercicio da venda ambulante.
g) A matrícula, marca, modelo e cor do vehículo que se utiliza para a venda.
h) Lugar, data e firma do solicitante.
3. Xunto coa solicitude referida, o solicitante presentará:
- Dúas fotografías de tamaño carné do titular e/ou do traballador autorizado pola sociedade que exercerá a actividade comercial
- Unha declaración responsable asinada, na que manifeste:
a. O cumprimento dos requisitos establecidos.
b. Estar en posesión da documentación que así o acredite a partir do inicio da actividade.
c. Manter o seu cumprimento durante o prazo de vixencia da autorización.
d. Estar dado de alta no epígrafe correspondente do imposto de actividades económicas e estar ao corrente no pago da tarifa ou, en caso de estar exentos, estar dado de alta no censo de obrigados tributarios.
e. Estar ao corrente no pago das cotizacións da Seguridade Social
f. Os procedentes de terceiros países deberán acreditar o cumprimento das obrigacións establecidas na lexislación vixente en materia de autorizacións de residencia e traballo.
g. Reunir as condicións esixidas pola normativa reguladora do produto ou produtos obxecto da venda ambulante ou non sedentaria.
h. Ter subscrito póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra calquera clase de risco derivado do exercicio da súa actividade comercial.
i. Declaración expresa de que o solicitante coñece a normativa sectorial aplicable no termo municipal.
4. A circunstancia de estar dado de alta e ao corrente do pago do imposto de actividades económicas ou, no seu caso, no censo de obrigados tributarios, deberá ser acreditada, a opción do interesado, ben por el mesmo, ben mediante autorización ao concello para que verifique o seu cumprimento.
Artigo 10. Concesión das autorizacións
1. As autorizacións, que serán concedidas pola Alcaldía, están suxeitas á comprobación polo Concello do cumprimento polo peticionario dos requisitos esixidos por esta Ordenanza e pola restante normativa de aplicación.
2. A concesión das autorizacións efectuarase pola orde de presentación de solicitudes, consonte coa dispoñibilidade de espazo existente.
3. Non se concederá máis dunha autorización ao nome dunha mesma persoa física ou xurídica.
4. Antes da adxudicación nun mercado periódico dun posto a un novo titular, deberán resolverse as peticións de traslado ou permuta de postos que formulen os vendedores xa situados, evitándose, en todo caso, a concentración de postos dun mesmo tipo e debendo constar, no caso das permutas, o consentimento dos titulares do postos obxecto da mesma.
5. Os comerciantes que solicitasen un posto nun mercado periódico e non se ¡les concedeu pasarán a formar parte dunha bolsa para cubrir de forma provisional as baixas que se produzan ao longo do ano natural, ata a nova adxudicación.
Artigo 11. Taxas
A venda ambulante devindicará as taxas que o Concello teña establecido mediante a ordenanza fiscal numero 29.
Artigo 12. Distribución dos postos
1. Por Decreto da Alcaldía fixarase a orde e a distribución dos postos nos mercados, que se fará en función do número de postos, as súas dimensións e especialidades.
2. Nos mercados periódicos e ocasionais poderá ser autorizada polo Concello a permuta de postos a solicitude dos titulares das correspondentes licenzas ou autorizacións, solicitude que se presentará por escrito ao Concello, asinada por ambos interesados, e que non producirá efecto ata que non conte coa debida aprobación municipal e abono, no seu caso, da taxa correspondente.
Artigo 13. Revogación y extinción das autorizacións
1. As autorizacións para o exercicio da venda ambulante teñen carácter discrecional e, por conseguinte, poderán ser revocadas polo Concello cando se considere conveniente en atención á desaparición das circunstancias que as motivaron, sen que isto dea lugar a indemnización ou compensación algunha, agás no seu caso, a devolución da parte proporcional das taxas pagadas.
2. Son causas de revogación da autorización, previa audiencia do titular e resolución da Alcaldía, entre outras as seguintes:
a) Desaparición das circunstancias que motivaron o seu outorgamento ou a aparición doutras que, de existir, xustificarían a súa denegación.
b) Concorrencia de causas de utilidade pública ou interese xeral, tales como a execución de obras ou reestruturación dos emprazamentos nos que se sitúe o mercado, ou por incompatibilidade sobrevida da instalación con outros servizos e obras que se estean executando na zona.
c) Por supresión do propio mercado ou feira ou redución da súa capacidade.
d) O incumprimento das condicións fixadas na licenza que dean lugar á súa revogación, previa tramitación do expediente administrativo, con audiencia ao interesado.
e) A non utilización do posto durante 3 días de feirón consecutivos ou 8 alternos nun ano, sen causa xustificada.
f) A reiterada falta de limpeza do posto e do seu entorno, unha vez finalizado o mercado.
g) A ocupación do posto por persoa non autorizada conforme ao disposto nesta Ordenanza.
h) A falta de pago das taxas municipais correspondentes á autorización.
i) Suporá a perda da autorización de forma inmediata temporalmente o feito de estar inmerso en dilixencias policiais pola comisión dun presunto delito relativo á propiedade industrial do artigo 274.2 da Le¡ Orgánica 1/2015, de 30 de marzo, do Código Penal.
3. As autorizacións para a venda ambulante extinguiranse polas seguintes causas:
a) A finalización do período polo que se autoriza a venda, sen prexuízo da posibilidade de renovación, cando as circunstancias e o tipo de venda ambulante así o permita.
b) Renuncia ou abandono do titular.
c) Por imposición de sanción moi grave prevista nesta Ordenanza.
d) A morte do titular da licenza, podendo, neste caso, concederse nova licenza polo tempo que quede ata completar o período autorizado, aos seus familiares en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, tendo preferencia a falta de designación polo titular, aquel dos anteriores parentes que veña colaborando no exercicio da venda.
e) A extinción da personalidade xurídica da entidade ou sociedade titular da licenza, podendo neste caso concederse nova licenza, polo tempo que restase, a calquera dos socios integrantes da mesma, que deberá, en todo caso, reunir os requisitos esixidos para o exercicio da venda ambulante.
f) A constitución por parte do titular, por si só ou con terceiros, dunha entidade ou forma asociativa cuxa finalidade sexa o exercicio da venda ambulante, podendo neste caso concederse nova licenza polo tempo que restase, á nova persoa resultante, que deberá cumprir os requisitos esixidos para o exercicio da venda ambulante.
Artigo 14. Obrigas dos titulares
Son obrigas dos titulares das licencias:
a) Pagar as taxas correspondentes ao aproveitamento especial da vía pública dentro dos prazos establecidos.
b) Exercer a actividade ou vender exclusivamente os produtos ou xéneros para os que fosen autorizados.
c) De utilizaren pesas ou medidas, telas debidamente homologados pola autoridade competente.
d) Observar as normas sanitarias que establezan as disposicións vixentes.
e) Cumprir cantas obrigas impoñan as disposicións aplicables por razón da actividade que exerzan, especialmente en materia de disciplina de mercado e comercialización.
f) Manter as instalacións, postos e demais elementos de venda nas debidas condición de seguridade, hixiene, conservación e limpeza. Deberán, o remate da xornada comercial, deixar limpos de residuos os espazos ocupados.
g) Reparar os danos ocasionados na vía pública e instalación tanto durante o aproveitamento coma ao remate do mesmo.
h) Ter exposto para o público e para as autoridades que realicen actuacións inspectoras, en forma facilmente visible os seus datos persoais, a autorización municipal e unha dirección para a recepción das posibles reclamacións durante o exercicio da actividade.
No caso de venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda e de postos desmontables cubertos, a identificación e o domicilio do comerciante deberá figurar tamén nas portas ou bandas laterais daqueles, ben sexa impresos directamente ou mediante carteis adheridos, e coas dimensións e caracteres necesarios para que resulten perfectamente visibles para o público.
i) Mostrar a factura de compra dos produtos cando sexa requirido polas autoridades competentes e amosar os xustificantes do pagamento das taxas aos axentes municipais cando o requiran.
j) Cumprir as demais disposicións desta Ordenanza.
Artigo 15. Cumprimento da ordenanza
A Policía Local e os Vixiantes do Feirón velarán polo mantemento da orde e polo cumprimento do disposto nesta ordenanza e na restante normativa aplicable.
Artigo 16. Procedemento sancionador
1. 0 incumprimento das normas establecidas na presente Ordenanza orixinará a incoación do correspondente procedemento sancionador. As faltas clasifícanse en leves, graves e moi graves.
2. Son faltas leves:
a) O incumprimento das datas e dos horarios establecidos para a venda.
b) Falta de ornato ou limpeza das instalacións de venda e da súa zona circundante.
c) A non exhibición, durante o exercicio da actividade e en lugar perfectamente visible, da autorización municipal dispoñendo dela.
d) A ocupación para a venda dunha superficie ou espazo maior que o autorizado.
e) Colocar as mercadorías á venda no chan
f) Colocar a mercadoría nos espazos destinados a corredores e espazos entre postos.
g) Non retirar o posto dentro do horario establecido.
h) Producir ruídos, gritos, música ou empregar megafonía para anunciar a venda de produtos reclamando a atención do público.
i) Causar aos usuarios ou aos outros vendedores molestias evitables, ou facelos obxecto de trato irrespectuoso ou indecoroso.
j) Calquera outra acción ou omisión que constitúa incumprimento dos preceptos desta Ordenanza e que non estea tipificada como infracción grave ou moi grave.
3. Son faltas graves:
a) A reiteración por dúas veces nun ano en faltas leves.
b) Non cumprir as normas de seguridade das instalacións e dos seus elementos.
c) A venda de produtos distintos dos autorizados.
d) A instalación de posto en lugar distinto do autorizado.
e) O exercicio da actividade por persoa distinta ás autorizadas.
f) Non acreditar mediante factura ou autorización a procedencia da mercadoría.
g) A desobediencia ás normas de orde e indicacións da autoridade municipal e dos seus axentes.
h) Carecer de follas de reclamacións ou a negativa a entregalas.
i) Dificultar ou estorbar a circulación peonil e o acceso ás vivendas ou locais particulares.
4. Son faltas moi graves:
a) A reiteración por dúas veces nun ano en faltas graves.
b) Incumprimento das obrigas establecidas nos apartados a), c) e e) do artigo 14.
c) Incumprimento das disposicións sanitarias.
d) A instalación de postos sen autorización.
e) Carecer dalgún dos requisitos esixidos para o exercicio da venda ambulante.
f) A resistencia, coacción ou ameaza á autoridade municipal, funcionarios e axentes da mesma.
g) A venda de artigos prohibidos pola ordenanza ou pola restante normativa, así como de produtos defectuosos que poidan entrañar riscos para a saúde ou para a seguridade dos consumidores.
h) A transmisión da autorización sen previo coñecemento do Concello.
i) A non utilización do posto durante 3 días de feirón consecutivos ou 8 alternos nun ano, sen autorización do Concello por causa xustificada.
Artigo 17. Réxime sancionador
1. As infraccións leves poderán ser sancionadas con apercibimento ou multa de ata 300 euros.
As infraccións graves sancionaranse con multa de 301 a 900 euros e prohibición do exercicio da venda ambulante durante dúas xornadas.
As faltas moi graves sancionaranse con multas de 901 a 1.500 euros.
Como sanción accesoria poderá acordarse a revogación da autorización para exercer a venda ambulante para o caso de infraccións graves e moi graves.
2. Corresponde á Alcaldía a imposición das sancións previstas nesta ordenanza, previa a instrución do correspondente procedemento sancionador.
3. As responsabilidades administrativas que se deriven do procedemento sancionador serán compatibles coa esixencia ao infractor da reposición da situación alterada polo mesmo ao seu estado orixinario, así como coa indemnización polos danos e prexuízos causados nos bens de dominio público ocupado.
Disposición derrogatoria.
Á entrada en vigor desta Ordenanza quedan derrogadas cantas disposicións municipais anteriores regularan a mesma materia.
Disposición final.
Esta ordenanza, que foi aprobada polo Pleno da Corporación na sesión ordinaria celebrada o día 25 de maio do 2023, entrará en vigor logo de se ter publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e logo de ter transcorrido o prazo de quince días ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local.
Anexo
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo de 15 días previsto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
¿¿..Las ordenanzas,
incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los
acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de
los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no
entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya
transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas
fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Ó no ter coñecemento da
fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia
Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo
de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.