Sada - REGULAMENTO DO USO DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DO CONCELLO DE SADA
CAPÍTULO I. NORMAS XERAIS.
Artigo 1.
1. Os usuarios das instalacións deportivas municipais están obrigados a respectar e coidar as mesmas, o seu mobiliario e o equipamento deportivo, utilizando os mesmos conforme o seu destino propio, e ordenando o material unha vez utilizado, seguindo en todo momento as indicacións do persoal adscrito á instalación
2. Para o acceso de ¿uso libre" ás instalacións deportivas municipais é requisito indispensable ter cumpridos 14 anos, exceptúase os casos en que a normativa específica da instalación indique outra idade. Os menores desa idade só poderán acceder e permanecer nas instalacións acompañados dun maior de idade, que será responsable do uso das instalacións feito polo menor.
3. Para acceder ás instalacións é requisito imprescindible a presentación do talón de pago, ou do documento ou tarxeta que habilite o Concello para o efecto, e o Documento Nacional de Identidade (ou documento que o substitúa). En calquera momento, o persoal da instalación poderá requirir a súa presentación.
4. O acceso e a permanencia na instalación respectará os horarios concedidos, a instalación e categoría asignadas, atendendo en todo momento as indicacións do persoal do Servizo Municipal de Deportes ou, no seu caso, da empresa prestataria do servizo. Non se poderá permanecer nas instalacións deportivas municipais fose dos horarios concedidos.
5. Queda reservado o dereito de admisión.
Artigo 2.
1. Os usuarios de instalacións (xogadores, adestradores, persoal auxiliar etc) deberán utilizar a vestimenta deportiva acorde coa actividade, e calzado específico en atención ás características especiais de cada pavimento.
2. O usuario deberá satisfacer as taxas correspondentes antes de acceder á instalación, que se axustarán á Ordenanza Reguladora correspondente vixente en cada momento, salvo que exista convenio ou patrocinio. Non procede a reserva, excepto: As que destine o Concello e o Servizo Deportivo para as actividades promovidas por eles mesmos.
3. O pago das taxas para a utilización de instalacións deportivas municipais poderase realizar directamente nos Servizos Económicos do Concello (Edificio Administrativo), ou noutros medios ou lugares que se habiliten para iso.
4. Os pagos de taxas para usos de instalacións por parte de menores de 16 anos serán emitidos a nome do pai/nai ou titor.
5. O pago das taxas correspondentes implica o uso das instalacións, exclusivamente, pola persoa ou entidade para a que foron emitidas, para a instalación, actividade e horarios recolleitos no documento de pago. Esta persoa ou a entidade serán os responsables do uso da instalación.
Artigo 3
1. O Servizo Municipal de Deportes resérvase o dereito para realizar modificacións dos horarios, instalacións, cursos, e outras actividades concedidas por causas de programación e organizativas, comunicándose aos interesados, o máis axiña posible.
2. Terán prioridade competicións regradas sobre adestramentos ou calquera outra actividade.
3. En casos de anulacións de usos previamente concedidos por causas imputables á administración, os interesados poderán optar por:
- Solicitar devolución da taxa, acreditando a realización do pago e con indicación do nº de conta.
- Solicitar o cambio con data do, e/ou hora, e/ou instalación presentando o recibo nas oficinas dos Servizos Económicos do Concello.
En ningún caso devolverase o importe das taxas por causas non imputables á administración.
4. As comunicacións, avisos, e calquera outra información aos usuarios realizaranse a través do Taboleiro de anuncios das Instalacións Deportivas e/ou páxina web e/ou RRSS do Concello, segundo sexa procedente en función do volume e contido das mesmas.
5. O Concello de Sada non se fará responsable da desaparición de obxectos persoais dos usuarios dentro das instalacións deportivas municipais. As pezas de vestir esquecidas ou extraviadas que non sexan reclamadas en 15 días, serán destruídas por motivos de hixiene. Os obxectos de valor serán entregados na Oficina Municipal da Policía Local.
6. O incumprimento das normas xerais e específicas de instalacións, escolas e entidades, e instrucións que dite o Servizo Municipal de Deportes ou, no seu caso empresa prestataria do servizo, por si ou a través do persoal da instalación, poderá ocasionar o cesamento no uso da instalación con carácter inmediato, sen prexuízo da sanción correspondente, imposta conforme ao establecido neste regulamento e na normativa aplicable.
7. Nos vestiarios respectarase a orde e instrución do persoal do SMD. Non poderán utilizarse tinguiduras, afeitados ou depilacións, nin similares. Non debendo mostrar actitudes indecorosas ou molestas para o resto dos usuarios. En beneficio de todos recoméndase utilizar os vestiarios e duchas coa maior rapidez posible.
8. Prohíbese tirar calquera tipo de desperdicios no chan no transcurso das actividades deportivas, tanto para os deportistas como para o público en xeral.
Artigo 4.
Para realizar cursos, clases, e outras actividades organizadas deberá solicitarse a través das oficinas de rexistro municipal, ou aplicacións que sinale o concello, facilitando cando sexa requirida a relación de participantes, identificando o responsable, o seguro de accidentes con inclusión de atención sanitaria e hospitalaria e de responsabilidade civil para cada un dos participantes, descrición do evento, e/ou a ficha federativa correspondente ademais doutros documentos que se soliciten.
Artigo 5.
Para efectos de aplicación da presente normativa e da aplicación da ordenanza fiscal, será o Concello quen clasifique o tipo de actividade: adestramento federado, competición federada, uso libre, actividades físico-deportivas, festivais e actos non deportivos.
Enténdese como ¿adestramento federado" a práctica da modalidade deportiva coa finalidade de participación en competición federada organizada por entidades deportivas. Será necesario acreditalo coa licenza federativa correspondente.
Enténdese como ¿competición federada" toda competición das modalidades deportivas recoñecidas polo Consello Superior de Deportes, ou a Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, organizada por entidades deportivas. Será necesario acreditar certificación correspondente de participación en competición federada.
Enténdese como ¿actividades físico deportivas": campus, cursos, competición non federada, práctica de calquera modalidades deportivas e outras actividades de tipo docente, organizada por entidades deportivas.
Enténdese como ¿uso libre" partidos, xogos deportivos, e práctica deportiva en xeral por persoas físicas e non profesionais. Enténdese como ¿festivais e actos non deportivos" todos aquel non recolleitos nos supostos anteriores.
CAPÍTULO II. NORMAS PARA ESCOLAS DEPORTIVAS E DEMAIS ACTIVIDADES.
Artigo 6.
Ademais das xerais e das específicas da instalación as seguintes:
- Os pais, nais, titores ou acompañantes, non terán acceso aos locais onde se desenvolven as clases, ao obxecto de non entorpecer a organización e ensino destas.
As comunicacións ao profesor, adestrador ou monitor deberán realizarse en horario de titorías dispoñible para iso.
- As clases e actividades darán comezo e finalizarán segundo o horario establecido, salvo modificacións por causa de forza maior.
Esíxese puntualidade.
- As faltas de asistencia: As faltas non xustificadas dun mes poderá ser causa da perda dos dereitos adquiridos coa inscrición na actividade correspondente.
Un 33% de faltas de asistencia en relación á totalidade do curso, (1 de cada 3), sen xustificación, poderá ser causa da perda dos dereitos adquiridos coa inscrición na actividade correspondente.
- Aqueles usuarios que se inscriban por prescrición médica, achegarán a documentación facultativa así como, o tipo de actividade a realizar selada e asinada por un técnico facultativo en prevención de lesións, rehabilitación ou similar.
- O material deportivo de uso persoal (raquetas, lentes de natación..) necesario para a práctica deportiva que deberá ser achegado polo usuario. O material será indicado polo profesor ao comezo do curso.
CAPÍTULO III. DEREITOS.
Artigo 7.
Establécense os seguintes dereitos dos usuarios:
1. A ser admitido ao uso do servizo a condición de que se cumpran os requisitos esixidos pola súa regulamentación e haxa prazas suficientes para todos os solicitantes. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas ofertadas, a admisión realizarase por sorteo.
2. A renovar a praza ocupada nas Escolas Deportivas Municipais, sempre que se asistiu ao curso, exista dispoñibilidade de prazas e as razóns pedagóxicas e organizativas permítano.
CAPÍTULO IV. DEBERES.
Artigo 8.
Establécense as seguintes obrigacións dos usuarios:
1. Cumprir o normativa xeneral e específica de uso instalacións.
2. Asistir ás actividades, cumprindo o horario do curso ou actividade para o que foi admitido.
3. Realizarse un recoñecemento médico que permita a práctica deportiva, sempre que sexa preceptivo debido a patoloxías previas ou prescrición médica.
4. Presentar xustificante de pago cando sexa requirido.
5. Utilizar tarxeta ou outro documento ou aplicación habilitada para o efecto para o acceso ás instalacións.
6. Seguir as indicacións dos socorristas, profesores e persoal da instalación.
7. Os cambios de horario ou de grupo solicitaranse a través das oficinas do rexistro municipal. Concederanse a condición de que sexa posible por razón de cocientes, niveis, dispoñibilidade de prazas, etc.
8. Non se poderá permanecer nas instalacións fóra do horario concedido.
9. Os prazos para a solicitude de admisión dos alumnos das Escolas Deportivas Municipais formalizaranse nos períodos que determine o Servizo Municipal de Deportes.
CAPÍTULO V. NORMAS PARA USUARIOS DA PISCINA.
Artigo 9.
1. Non se permite a entrada libre a menores de 14 anos que non vingan acompañados por unha persoa maior de idade, que será ell responsable dos menores durante a súa permanencia na piscina. Este adulto deberá identificarse ante o socorrista .
2. Resérvase o dereito de admisión e o límite de usuarios por rúa, segundo a lexislación vixente.
3. Prohíbese a entrada na zona de praia con roupa ou calzado non idóneo, así como comer e beber, e introducir obxectos de cristal.
4. Por razóns de seguridade queda prohibido lanzarse á auga polos laterais do vaso, correr pola zona da praia e sentar nas corcheras, así como uso de pendentes, cadeas, aneis e outros obxectos que leven consigo risco.
5. O emprego de colchóns, flotadores, aletas, ou calquera outro elemento que poida orixinar risco para os demais usuarios, deberá ser regulado polos socorristas.
6. As persoas que non saiban nadar ou padezan algunha patoloxía que conleve risco, deberán advertilo previamente aos socorristas.
7. Ao obxecto de facilitar un maior aproveitamento da instalación, deberán seguir as instrucións dos socorristas.
8. Por motivos de hixiene é obrigatorio ducharse previamente á entrada no vaso, así como utilizar gorro de baño, e emprego de zapatillas de auga. Recoméndase o uso de lentes de natación.
9. Por motivos de hixiene está prohibido soarse, cuspir, ouriñar ou defecar na auga, así como acudir ao vaso con maquillaxes, cremas ou apósitos de calquera tipo.
10. Respectarase en todo momento, o uso da rúa asignada a cada actividade.
CAPÍTULO VI. NORMAS PARA USO DOS CAMPOS DE FÚTBOL.
Artigo 10.
Ademais do sinalado como normas xerais, os usuarios dos campos de fútbol deberán cumprir as seguintes:
1. Non se permite o uso de zapatillas de taco metálico.
2. Nos campos de herba artificial só se permite o uso de zapatillas específicas, multitacos ou botas de tacos de goma.
3. Só poderán acceder ao terreo de xogo aqueles xogadores, adestradores, árbitros, auxiliares, participantes na actividade.
4. Non se permite acceder aos espazos deportivos, incluído vestiarios e bancadas, con botellas de vidro.
CAPÍTULO VII. NORMAS PARA O USO DE SALAS DE MUSCULACIÓN E FITNESS.
Artigo 11.
Ademais do sinalado como normas xerais, os usuarios das salas de musculación e fitness deberán cumprir as seguintes:
1. É obrigatorio o uso de vestimenta e calzado deportivo. Non está permitida a entrada con chanclas.
2. Nas máquinas e actividades, por motivos de hixiene é obrigatorio o uso de toalla.
3. Deixar no seu lugar calquera elemento utilizado tras o seu uso.
4. Non golpear maquinaria nin instalación tras a utilización da pesada, podendo ser motivo de apercibimento e/ou expulsión.
CAPÍTULO VIII. NORMAS PARA O USO DA PISTA DE PATINAXE DE VELOCIDADE.
Artigo 12.
1. Os deportistas deben estar federados na Federación de Patinaxe, e ser maiores de 16 anos.
2. Os clubs/clubs poderán solicitar o uso da instalación segundo as normas xerais.
3. Non se permite o uso de ningún tipo de medio de locomoción, bicicletas, patinetes, motocicletas, etc; poderá ser motivo de expulsión da instalación.
4. É obrigatoria a presentación da correspondente licenza federativa en Patinaxe de Velocidade en vigor, DNI ( ou doc. Legal similar), e recibo de abono de taxas, e no seu caso tarxeta de acceso municipal correspondente, que poderá ser requirido polo persoal da instalación.
5. Non se permite circular polo óvalo de patinaxe, debendo utilizarse as zonas de paso. Non cruzar sen mirar. Teñen preferencia os patinadores. O sentido da carreira será deixando a corda á esquerda.
6. Non se permite a carreira a pé polo óvalo, se na zona de escapatoria interior. 7. Por motivos de seguridade non se permite o uso de gomas, arrastres, etc. no óvalo, salvo os adestramentos específicos de Entidades Federadas no horario autorizado para o seu uso.
CAPÍTULO IX. NORMAS PARA ENTIDADES E CLUBS.
Artigo 13.
1. Todos os clubs e entidades que soliciten uso de instalación deben estar inscritos no Rexistro de Asociacións do Concello. A inscrición deberá de solicitarse nos rexistros municipais.
2. A entidade que non vaia utilizar unha instalación previamente concedida, deberá comunicalo ao Servizo Municipal de Deportes cun mínimo de 48 horas de anticipación.
3. As instalacións no horario concedido non poderán cederse a terceiros salvo que exista excepcionalmente autorización do Servizo Municipal de Deportes.
4. O uso será concedido para un motivo ou actividade determinada, categoría e/ou categorías. Calquera cambio excepcional deberá ser comunicado e autorizado polo Servizo Municipal de Deportes.
5. O uso da instalación durante unha ou varias tempadas, non establece dereito ningún para a concesión da instalación na seguinte tempada.
6. A entidade ha de dispoñer dun seguro de responsabilidade civil e seguro accidentes incluída a asistencia sanitaria ou licenza federativa de cada un dos participantes. O club ou entidade usuaria farase responsable das posibles deterioracións da instalación durante o uso da mesma, así como dos accidentes deportivos.
7. En horarios de adestramento, as bancadas non se abren ao público salvo que exista excepcionalmente autorización do Servizo Municipal de Deportes. Non podendo estar nas pistas deportivas máis nada que aqueles deportistas técnicos, directivos e outro persoal auxiliar oficialmente autorizado.
8. É obrigatorio a asistencia do adestrador, delegado, directivo, profesor ou responsable do club debidamente autorizado, durante o desenvolvemento do adestramento ou outras actividades físico-deportivas, así como a presenza dun responsable maior de idade durante o uso dos vestiarios.
CAPÍTULO X. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
Artigo 14.
1. Consideraranse faltas leves as seguintes condutas:
- A desobediencia das instrucións e advertencias que o persoal da instalación determine co fin de cumprir o presente regulamento.
- As accións que causen danos nas instalacións ou equipamento.
- Calquera infracción deste regulamento non cualificada como falta grave ou moi grave.
2. Consideraranse faltas graves as seguintes condutas:
- A falta de respecto aos traballadores das instalacións ou demais usuarios.
- As accións que impliquen deterioración grave das instalacións ou equipamento.
- A reiteración de faltas leves.
3. Consideraranse faltas moi graves:
- As accións que prexudiquen gravemente ou supoñan riscos para a saúde das persoas usuarias ou traballadores/as da instalación.
- As accións que impliquen unha deterioración moi grave ou irreversible nos equipamentos da instalación.
- A reiteración de faltas graves.
Artigo 15. Sancións.
1. As sancións que se impoñerán pola comisión das faltas sinaladas nos artigos anteriores serán as seguintes:
- As faltas leves sancionaranse con multa de ata 500 € e coa expulsión das instalacións por un período de 1 a 3 meses, que se determinará en función da gravidade do acto. Estas sancións impoñeranse por resolución de alcaldía, despois de audiencia á persoa usuaria.
- As faltas graves sancionaranse con multa de ata 1000 €, e coa expulsión das instalacións por un período de 3 meses a 6 meses, que se determinará en función da gravidade do acto. Estas sancións impoñeranse por resolución de alcaldía, despois de audiencia á persoa usuaria.
- As faltas moi graves sancionaranse cunha multa de ata 2000 € e coa expulsión das instalacións por un período de 6 meses a 1 ano, que se determinará en función da gravidade do acto ou expulsión definitiva se é que o infractor xa estivo expulsado anteriormente máis de 6 meses.
Estas sancións impoñeranse por resolución de alcaldía, despois de audiencia á persoa usuaria.
2. A potestade para sancionar exercerase mediante o procedemento establecido no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade de sancionar.
3. Para graduar a contía da sanción atenderase á gravidade da infracción, á culpabilidade do autor/a, á entidade dos prexuízos causados ao Concello ou a terceiras persoas e á reiteración por parte da persoa responsable.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA.
Por resolución de alcaldía nomearanse, para público coñecemento, as instalacións deportivas incluídas no ámbito de aplicación deste regulamento.
Sempre que exista un cambio nalgunha instalación, de forma que se exclúa do ámbito de aplicación deste regulamento ou que se trate dunha nova adquisición ou uso que non estaba contemplada actualizarase por solución de alcaldía, para público coñecemento.
Esta resolución publicarase no portal de transparencia e nos taboleiros físicos correspondentes.
DISPOSICIÓN FINAL. Entrada en vigor.
O presente Regulamento entrará en vigor ao día seguinte da publicación da súa aprobación definitiva no Boletín oficial da provincia da Coruña.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
O regulamento dispón a súa entrada en vigor ao día seguinte a súa publicación no B.O.P., pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:
¿¿..Las ordenanzas,
incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los
acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de
los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no
entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya
transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales
que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: ¿El
requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime
vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la
recepción de la comunicación del acuerdo."