Corcubión - Ordenanza fiscal nº 1, reguladora do imposto sobre construccións, instalacións e obras do Concello de Corcubión

Publicación provisional: 22/11/2023 BOP Nº: 223
Publicación definitiva: 29/01/2024 BOP Nº: 21
Aplicable dende: 30/01/2024

Artigo 1.-Natureza e fundamento.

De conformidade co disposto nos artigos 59.2 e 100 e seguintes do Real decreto lexislativo, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Concello de Corcubión establece o Imposto sobre construcións, instalacións e obras, nos termos regulados na presente Ordenanza.

Artigo 2.-Feito Impoñible.

Constitúe o feito impoñible do imposto a realización dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase ou non dita licenza, ou para a que se esixa a presentación de declaración responsable ou comunicación previa, presentáranse ou non, sempre que a expedición da licenza ou actividade de control corresponda a este Concello.

Quedan tamén incluídas no feito impoñible do imposto, as construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal ou aquelas outras que requiran a previa existencia dun acordo aprobatorio ou dunha concesión. Nestes supostos a licenza aludida no apartado anterior, considerarase outorgada unha vez ditada a orde de execución, adoptado o acordo ou adxudicada a concesión polos órganos municipais competentes, con cumprimento da tramitación preceptiva, e legalmente notificado o acto administrativo o interesado.

Artigo 3.-Exencións.

Está exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa propietario o Estado, as Comunidades autónomas ou as Entidades locais, que estando suxeita ao imposto, vaia a ser directamente destinada a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto si se trata de obras de inversión nova como de conservación.

Artigo 4.-Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas xurídicas ou as entidades locais do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que sexan propietarios da construción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela. Aos efectos previstos neste artigo terá a consideración de propietario da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou o custe que comporte a súa realización.

No suposto de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte quen solicite a correspondente licenza ou presenten a correspondente declaración responsable ou comunicación previa ou realicen as construcións, instalacións ou obras.

O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.

Artigo 5.-Base impoñible, cota, tipo de gravame e devengo.

1.-A base impoñible deste imposto está constituída polo custe real e efectivo da construcións, instalación ou obra.

Non forman parte da base impoñible o Imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estritamente, o custe de execución material.

2.-A cota do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.

3.-O tipo de gravame será o 3,25% da base impoñible indicada no parágrafo primeiro.

4.-A obriga de contribuír nace no intre de comezar a construción, instalación ou obra, mesmo nos casos en que comece sen ter obtido a licenza que proceda.

Os efectos deste imposto, entenderanse iniciadas as construcións, instalacións ou obras, salvo proba en contrario, cando fora concedida a preceptiva licenza municipal; no momento no que sexa retirada a devandita licenza polo interesado ou o seu representante, ou noutro caso, ó mes da data da resolución.

Artigo 6.-Normas de xestión.

1.-Os suxeitos pasivos virán obrigados a presentar solicitude de licenza urbanística, declaración responsable ou comunicación previa, acompañada dos correspondentes presupostos, nos casos e modos que sinala a normativa aplicable ao solo e a edificación, tanto estatal, como autonómica e local. A solicitude de licenza urbanística, declaración responsable ou comunicación previa terá o valor de declaración tributaria, por canto dos presupostos que se acompañen a aquela deducirase a base impoñible do imposto. De non mediar solicitude de licenza, declaración responsable ou comunicación previa antes do inicio das obras, a conduta, sen prexuízo das súas repercusións urbanísticas, constituirá unha infracción tributaria, nos termos do artigo 11 da presente ordenanza fiscal.

2.-Os suxeitos pasivos que inicien a construción, instalación ou obra e non tiveran presentado unha comunicación previa ou declaración responsable, nin tiveran concedida aínda a licenza preceptiva teñen a obriga de presentar, no prazo máximo dun mes, a contar dende o inicio da construción, instalación ou obra a declaración tributaria que permita practicar a esta administración a correspondente liquidación provisional a conta.

3.-A base impoñible para a autoliquidación e liquidación do imposto, determinarase en función do presuposto presentado polos interesados, salvo que se estime que o presentado é manifestamente inferior ó custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, en cuxo caso farase a determinación da base impoñible atendendo os custes reais de execución material determinados polos servizos técnicos municipais en base ós prezos medios de mercado.

4.-O procedemento de xestión do tributo será diferenciado, así:

a) Réxime de autoliquidación:

Establécese o réxime de autoliquidación do imposto para o suposto de realización de construción, instalacións e obras para cuxa realización se esixa declaración responsable ou comunicación previa. Así, o suxeito pasivo está obrigado a presentar xunto ca declaración responsable ou comunicación previa, a autoliquidación no modelo normalizado facilitado polo Concello e o xustificante de ter ingresado nas contas municipais a cota resultante. No suposto de que na autoliquidación presentada se detectaran erros aritméticos, formais ou de aplicación dos elementos determinantes da base impoñible ou do tipo de gravame a Administración tributaria poderá ditar unha liquidación complementaria modificando a citada autoliquidación.

No caso de que a corresponde declaración responsable ou comunicación previa non obtivera o visto bo, e se deixará sen efecto en aplicación do procedemento establecido no artigo 26 da Lei 9/2013 de emprendemento e competitividade económica de Galicia, os suxeitos pasivos terán dereito a devolución das cotas satisfeitas, previa solicitude.

b) Réxime de liquidación de ingreso directo:

Establécese o réxime de liquidación de ingreso directo para o suposto de realización de construción, instalación e obras para cuxa realización se esixa a obtención de licenza de obra ou urbanística. Cando se conceda a licenza preceptiva, practicarase unha liquidación provisional que será notificada ao suxeito pasivo para o seu pago nos prazos fixados pola lexislación tributaria.

Este mesmo réxime será o aplicable para os supostos de que a realización de construción, instalación e obras derive do cumprimento dunha orde de execución municipal ou aquelas outras que requiran a previa existencia dun acordo aprobatorio ou dunha concesión.

5.-O pagamento da autoliquidación presentada ou modificada ou da liquidación provisional aprobada terán carácter provisorio e serán a conta da liquidación definitiva que se practique unha vez realizadas as construción, instalación ou obras. Así, unha vez rematadas estas, e tendo en conta a obra realizada e o seu custo real e efectivo, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, poderá modificar, no seu caso, a base impoñible a que se refire o apartado primeiro deste artigo, facendo a correspondente liquidación definitiva, e esixindo ou reintegrando ao suxeito pasivo a cantidade que resulte.

6.-No suposto de que non se inicien as construcións, instalacións e obras, o interesado terá dereito a devolución das cantidade, que no seu caso tivera satisfeitas en concepto de imposto sobor de instalación, construción e obras, sempre e cando formule renuncia expresa a licenza, ou sexa declarada a caducidade mediante resolución administrativa. Do mesmo xeito terá dereito a devolución do ingresado logo da renuncia expresa a realización das obras nos supostos de presentación dunha comunicación previa ou declaración responsable.

Artigo 7.-Bonificacións.

Para os efectos do disposto no artigo 103 do Real decreto lexislativo, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, establécense as seguintes bonificacións:

a) Unha bonificación do 95 por cento a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.

Se a construción, instalación e obra a realizar está destinada exclusivamente á instalación de sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo para o cálculo da cota tomarase enconsideración o orzamento total da obra. No resto de construcións, instalacións e obras, únicamente computaranse para o cálculo da cota con dereito a bonificación as partidas correspondentes á instalación de sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo. Para iso será necesario que o orzamento se presente desglosado na parte que corresponda a devanditas obras.

En todo caso para a aplicación desta bonificación non se terán en conta as construcións, instalacións e obras cuxa instalación sexa preceptiva de acordo co Código Técnico da Edificación (CTE) ou outras normas vixentes na materia.

b) Unha bonificación do 50 por cento a favor das construcións, instalacións ou obras referentes a vivendas de protección oficial.

A bonificación prevista neste parrafo aplicarase a cota resultante de aplicar, no seu caso, a bonificación a que se refire o parrafo anterior.

c) Unha bonificación do 90 por cento a favor das construcións, instalacións ou obras en edificios ou vivendas comunitarias, que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados en zonas de uso común, extremo que será apreciado polos servizos técnicos municipais.

Tomarase en consideración o orzamento total da obra para o cálculo da cota, sempre que a obra a realizar estea destinada unicamente á adaptación do edificio para favorecer as condicións de acceso e habilitabilidade dos discapacitados.

No caso de que as obras estean destinadas á reforma da edificación, comprendendo no orzamento máis partidas ademais da adaptación de devandita edificación para favorecer as condicións de acceso e habilitabilidade dos discapacitados, unicamente computaranse para o cálculo da cota con dereito a bonificación as partidas correspondentes. Para iso será necesario que o orzamento se presente desglosado na parte que corresponda a obras que favorezan devanditas condicións.

Artigo 8.-Inspección e recadación.

A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 9.-Infraccións e sancións.

A cualificación das infraccións tributarias e a determinación das sancións que polas mesmas correspondan, rexerase polo disposto na Lei xeral tributaria e disposicións que a complementes e desenvolvan, coas especificacións que resulten do texto refundido da Lei reguladora de facendas locais.

Disposición derrogatoria

Coa entrada en vigor da presente Ordenanza fiscal queda derrogada a anterior Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras deste Concello.

Disposición final

A presente ordenanza e entrará en vigor o día seguinte da súa publicación, permanecendo en vigor en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.