Camariñas - REGULAMENTO DO SERVIZO MUNICIPAL DE SUBMINISTRACIÓN DE AUGA POTABEL NO MUNICIPIO DE CAMARIÑAS
Capítulo I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1
O presente regulamento ten por obxecto regular a prestación do servizo de subministración de auga potable no municipio de Camariñas e os dereitos, deberes e obrigas das persoas usuarias.
Artigo 2
O servizo de subministración de auga potábel será prestado polo Concello de Camariñas directamente ou a través de calquera das modalidades de xestión recoñecidas legalmente.
Artigo 3
O servizo de subministración domiciliaria de auga potable comprende as funcións de captación, adución, tratamento e distribución de auga potable, instalación e mantemento de contadores, xestión de clientes, emisión de recibos, facturación e cobro dos mesmos, tanto en prazo voluntario como en vía de prema, de acordo co estabelecido na Ordenanza reguladora da taxa por subministración de auga do Concello de Camariñas.
Artigo 4
Considérase abonado ou abonada calquera usuario (persoa física, persoa xurídica, comunidade de bens ou entidade sen personalidade xurídica que sexa titular dun patrimonio susceptíbel de imposición) que reciba o servizo de abastecemento de auga en virtude dun contrato de subministración.
Artigo 5
Considérase xestor do servizo o órgano, entidade pública ou empresa responsábel pola súa prestación e contratación.
Artigo 6
Os tipos de subministración son os que a seguir se relacionan:
a) Doméstica: subministración de auga destinada a satisfacer as necesidades da vida e da hixiene privada como a bebida, preparación de alimentos, hixiene persoal, limpeza doméstica, rego de xardíns, limpeza de elementos comúns e enchido piscinas.
b) Agrícola: subministración de auga a instalacións agrícolas e gandeiras, con exclusión das vivendas e demais espazos destinados a uso doméstico.
c) Industrial: subministración de auga a locais e inmóbeis que non estean destinados a vivenda cando neles se desenvolva unha actividade comercial, industrial ou profesional distintas das de carácter agrícola ou gandeiro.
Artigo 6
Son obrigas das persoas usuarias:
a) Abonar puntualmente os cargos que se lle formulen pola Concello de Camariñas de acordo cos prezos e tarifas aprobados, así como os que se deriven da prestación dos servizos complementarios a que fai referencia o presente regulamento.
b) Respectar as instalacións que integran a infraestrutura dos servizos e redes de distribución de auga potable na súa condición de bens de servizo público, prohibíndose a manipulación ou alteración de calquera elemento das mesmas sen autorización do Concello de Camariñas.
c) Proporcionar ao Concello de Camariñas os datos precisos relativos ao contrato de subministración.
d) Manter as súas instalacións de forma que non se produzan perturbacións nas redes públicas de abastecemento. e saneamento, e utilizar de forma correcta as instalacións do servizo, adoptando as medidas necesarias para conservar as mesmas na forma adecuada, mantendo intactos os precintos que garanten a non manipulación do contador, absténdose de intervir sobre as instalacións de acometida, e garantindo as condicións idóneas para a toma de lecturas de consumo.
e) Comunicar calquera avaría ou perturbación (fugas, perdas de presión, usos indebidos de auga, manipulación das redes de abastecemento, etc.) que se produzan na rede de distribución pública ou nas instalacións privadas.
f) Cumprir as limitacións e prioridades que o Concello estabeleza no uso e consumo de auga de acordo coa lexislación hidráulica.
g) Facilitar o libre acceso ás instalacións ou recintos ás persoas autorizadas polo Concello para realizar lecturas, inspeccións, obras e reparacións.
h) Solicitar ao Concello a autorización pertinente para calquera modificación nas súas instalacións que implique modificación no número de receptores ou cambio no uso da auga.
j) Estabelecer instalacións interiores por onde circulen independentemente as augas cando nunha mesma parcela ou inmoble exista, xunto coa fornecida polo Concello de Camariñas, auga doutra procedencia.
Artigo 7
Son obrigas do xestor do servizo:
a) Admitir o acceso ao servizo a toda persoa que cumpra os requisitos dispostos regulamentariamente.
b) Prestar os servizos de acordo coa lexislación e as prescricións técnico-sanitarias vixentes.
c) Manter la regularidade do servizo.
d) Manter e reparar as instalacións do servizo.
e) Atender as reclamacións que formulen os usuarios. As reclamacións urxentes deben ser atendidas dentro do prazo máximo de 24 horas.
f) Aplicar as tarifas e taxas vixentes en cada momento.
g) Efectuar a facturación tomando como base as lecturas efectivas do contador ou, de ser o caso, as medicións correspondentes a outros sistemas de medida.
h) Todas as que deriven do presente regulamento, das disposicións legais vixentes e do contrato, encargo ou título que o habilite para prestar o servizo.
Artigo 8
Son dereitos das persoas usuarias:
a) Recibir nas súas instalacións auga que reúna os requisitos de potabilidade estabelecidos nas disposicións vixentes.
b) Dispor permanentemente da subministración de auga potábel, segundo as condicións que figuren no seu contrato, sen outra limitación que as derivadas do presente regulamento e demais disposicións de aplicación.
c) Ser informado de todas as cuestións derivadas da prestación e funcionamento do servizo en relación á súa subministración, así como recibir contestación por escrito, no prazo regulamentario previsto, ás consultas formuladas por idéntico procedemento.
Artigo 9
Son dereitos do xestor do servizo:
a) O cobro dos servizos prestados segundo os prezos, taxas ou tarifas vixentes.
b) A revisión das instalacións interiores dos abonados e abonadas ben como esixir, con carácter previo á contratación da subministración, as modificacións que sexan precisas a fin de evitar perturbacións nas redes do servizo.
c) A revisión das instalacións interiores dos abonados e abonadas mesmo despois da contratación da subministración se se constatasen perturbacións ou danos nas instalacións do servizo.
Artigo 10
1. O persoal do xestor do servizo irá provisto obrigatoriamente dun documento expedido por el, no que consten os datos de identificación persoal e a súa categoría profesional.
2. As reclamacións que se formularen por danos e prexuízos causados polo servizo de subministración de auga rexeranse pola lexislación aplicable, tendo en conta a súa natureza e o seu carácter contractual ou extracontractual.
Capítulo II. CONDICIÓNS DE PRESTACIÓN DO SERVIZO
Artigo 11
1. Os servizos de abastacemento de auga prestáranse con carácter permanente, salvo causas xustificadas de forza maior ou caso fortuíto.
2. A prestación do servizo poderase interromper tamén como consecuencia da execución de obras de ampliación, renovación ou reperación das redes e instalacións do servizo. Nestes casos, o xestor deberá comunicar a suspensión aos abonados con ao menos 24 horas de antecedencia por medio da publicación de anuncios en medios de comunicación e nas redes municipais, salvo que por motivos de urxencia a antecendencia deba ser menor.
Artigo 12
1. De conformidade co disposto na lexislación hidráulica, a subministración doméstica ten preferencia sobre a agrícola, a gandeira e a industrial.
2. Cando motivos de esgotamento de caudais, avarías ou calquera outro motivo xustificado así o esixiren, o xestor poderá reducir ou suspender o servizo para usos agrícolas, gandeiros e industriais a fin de garantir a subministración doméstica.
Artigo 13
A interrupción do servizo polas causas indicadas nos artigos anteriores non dará lugar a responsabilidade ningunha nin do Concello de Camariñas nin tampouco do xestor do servizo.
Capítulo III. RÉXIME DE CONTRATACIÓN
Artigo 14
O xestor do servizo prestará o servizo de abastecemento de auga potábel a instancia dos interesados, previa formalización dun contrato de subministración.
Artigo 15
1. Poden solicitar a acometida á rede de distribución de auga potábel, a alta no servizo e a celebración dun contrato de subministración de auga potábel as persoas físicas, xurídicas, comunidades de bens ou entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares dun patrimonio susceptíbel de imposición que teñan a condición de propietario dun inmóbel, vivenda ou local destinado a vivenda ou a unha actividade económica.
2. Tamén están lexitimadas as persoas promotoras, construtoras, contratistas ou donas dunha obra para a execución das obras que requiran da prestación do servizo. Neste caso, a acometida e a alta terán carácter provisional, a súa concesión requirirá da achega da correspondente licenza de obra e terán a duración desta.
3. Sempre que conte con autorización expresa do propietario, o inquilino ou inquilina dun inmóbel poden ser titulares do contrato de abastecemento. O propietario será responsable subsidiario dos recibos que o inquilino non pague ao xestor e dos danos e prexuízos causados á rede e instalacións dos servizo.
Artigo 16
1. Cando para a execución dunha acometida sexa necesario efectuar unha prolongación da rede xeral, correrán por conta do solicitante a totalidade dos gastos que se orixinen con motivo da devandita ampliación.
2. As acometidas ou obras de ampliación executaranse exclusivamente polo xestor do servizo ou por un contratista debidamente autorizado por el.
3. As prolongacións da rede deberán discorrer, con carácter xeral, por terreos de dominio público. Naquelas partes de rede que se sitúen excepcionalmente en terreos privados, os propietarios dos terreos afectados polo paso da tubaxe porán a disposición do concesionario unha franxa de dous metros de largo todo ao longo do percorrido da rede, sen que poidan obstaculizar, por ningún medio, o acceso do persoal ou maquinaria para reparación e inspeccións.
4. Nos casos en que o solicitante da prolongación da rede non fose propietario dos terreos por onde teña que discorrer a instalación, e non existise outra alternativa, aquel poderá convir co propietario a adquisición do terreo necesario ou constituír unha servidume de acueducto para o estabelecemento ou prolongación da rede, inscribíndoa no Rexistro da Propiedade.
5. Os inmobles que se constrúan xunto a viarios públicos nos que exista rede de abastecemento deberán conectarse obrigatoriamente á mesma, sempre que a distancia sexa igual ou inferior a cen metros.
Artigo 17
1. As instalacións das redes de abastecemento propias de urbanizacións, novas rúas ou polígonos, serán executadas polo promotor e ao seu cargo, de acordo co proxecto técnico previamente aprobado polo Concello.
2. Aos efectos deste regulamento, entenderase por urbanizacións e polígonos aqueles terreos sobre os que a actuación urbanística esixa a creación, modificación ou ampliación de infraestrutura viaria e de servizos, tanto se as obras se realizan para conexión entre as distintas parcelas ou soares nos que se divida o terreo, coma se se executan para unir a urbanización ou polígono con outra zona xa urbanizada e con servizos.
3. O permiso de acometida de subministración para o polígono ou urbanización, así como para os soares e inmobles alí situados, estará supeditado a que previamente se acredite o cumprimento das condicións seguintes:
- os esquemas das redes interiores de distribución, así como as demais instalacións relacionadas, deberán ter sido aprobados polo servizo municipal de augas e proxectados por técnico competente, debendo ser executados por conta do promotor ou propietario da urbanización ou polígono.
- as obras e instalacións previstas no proxecto aprobado e as modificacións que, previamente aprobadas polo Concello, sexan introducidas posteriormente, executaranse igualmente por conta do promotor ou propietario.
- o Concello poderá esixir, tanto durante o desenvolvemento das obras como na súa recepción ou posta en servizo, as probas e ensaios que estime convenientes a fin de garantir a idoneidade de execución e o cumprimento das especificacións de calidade que afecten aos materiais previstos no proxecto, sendo os gastos derivados de tales probas a cargo do promotor ou propietario da urbanización.
4. No proceso de recepción das novas redes por parte do Concello, o promotor deberá presentar os planos das redes e as probas correspondentes a presión interior e estanqueidade en redes de abastecemento. Estas probas serán realizadas por persoal especializado mediante empresas certificadas.
5. As acometidas de abastecemento nos edificios, soares ou parcelas da urbanización serán executadas polo xestor do servizo ou por contratistas debidamente homologados e executaranse a cargo da persoa promotora ou propietaria.
6. A ligazón das redes interiores coas conducións exteriores que forman a rede pública municipal, ben como as modificacións ou eventuais reforzos ás mesmas que houbesen de efectuarse como consecuencia das novas demandas impostas pola urbanización, quedarán perfectamente delimitadas no proxecto previo e executaranse a cargo do promotor ou propietario da urbanización.
7. Unha vez finalizadas as instalacións, serán verificadas polo Concello con carácter previo á súa integración na rede municipal.
Artigo 18
Á vista da solicitude e da documentación achegada, o xestor do servizo procederá á formalización del contrato de subministración.
Artigo 19
O xestor do servizo poderá negarse a contratar a subministración nos casos seguintes:
a) Cando o solicitante non acepte a totalidade do clausulado do contrato.
b) Cando a instalación do solicitante non cumpra coas condicións legais e técnicas. Nestes casos o xestor indicará as deficiencias advertidas ao obxecto da súa subsanación.
c) Cando o solicitante non achegue a documentación requirida.
Artigo 20
A duración dos contratos de subministración será a estipulada neles, sen prexuízo das prórrogas tácitas que por períodos iguais que se producen salvo que o abonado ou abonado avise, por escrito e con unha antecedencia mínima de 15 días respecto da data de finalización, da súa vontade de dar por concluído o contrato.
Artigo 21
Durante a vixencia do contrato de subministración entenderanse automaticamente modificados os seus termos cando así veña imposto por disposicións legais ou regulamentarias, en especial polo que se refire a tarifas e prezos.
Artigo 22
1. Os contratos de subministración de auga potábel serán personalísimos. O seu titular non poderá ceder ou transmitir os seus dereitos a terceiras persoas.
2. Cando se produza un cambio de titularidade no inmóbel obxecto de acometida, o novo titular está obrigado a cambiar a titularidade do contrato correspondente mediante subrogación, mantendo o mesmo número de póliza, no prazo de un mes a contar desde o día seguinte ao da transmisión. Este cambio de titularidade será gratuíto e non suporá cambio de contador.
3. Pasado ese prazo, o cambio de titularidade será realizado de oficio pola Alcaldía a instancias do xestor do servizo, unha vez.
Artigo 23.
O dereito á subministración de auga extínguese:
a) Polas causas previstas no contrato.
b) Polo uso indebido das instalacións, que conleve perigo para a seguridade do servizo ou danos a terceiros.
c) Por incumprimento das normas contempladas neste regulamento.
Capítulo IV. ACOMETIDAS
Artigo 24
1. Enténdese por acometida de abastecemento o tramo de tubaxe coas súas chaves de rexistro e de paso que, partindo da rede de distribución, se estende até a entrada principal do edificio ou inmoble, para o seu axuste á instalación particular. A válvula de rexistro de acometida instalarase como máximo a 50 cm do límite de propiedade privada. A conexión da instalación interna coa válvula de acometida será realizado en todo caso por persoal do servizo municipal de augas.
2. A acometida de abastecemento entrará necesariamente polo portal principal do edificio ou lugar de acceso ao terreo que resulte máis próximo á vía pública.
3. A contratación das acometidas, a súa instalación, conservación, renovación e manipulación serán competencia exclusiva do servizo municipal de augas, que realizará os traballos e instalacións a cargo do peticionario.
3. Denomínase rede de distribución de auga potábel o conxunto de tubaxes, cos seus elementos de manobra, control e accesorios, instalado en rúas, camiños e demais vías públicas para distribuír a auga á poboación.
Artigo 25
O Concello poderá denegar a acometida á rede de distribución de auga os inmobles que non estean dotados da infraestrutura necesaria para oferecer os servizos de abastecemento, con independencia das autorizacións ou licenzas de que puidese dispor o solicitante.
Artigo 26
1. A solicitude de acometida ás rede de distribución de auga potábel deberá presentarse de forma independente para cada parcela ou inmoble, debendo cada un deles satisfacer por separado as condicións previstas neste regulamento.
Aos efectos deste artigo, enténdese por inmóbel os edificios dun só portal ou cada un dos portais no caso de que existan varios nun mesmo edificio.
Unha acometida unicamente servirá para a unidade de edificación para a que fose solicitada, sen que se permita estendela a varias, aínda cando sexan contiguas ou pertenzan ao mesmo dono. Salvo conveniencias de distribución para o servizo, caso no que se faría a derivación fóra do terreo primitivo.
Se se dividise a propiedade, os novos donos estarían obrigados a executar unha toma independente para cada un.
2. Queda expresamente prohibida a utilización dunha subministración de auga por outro terreo ou propiedade distinto daquel para o que se contratou, aínda que pertenzan ao mesmo dono. No caso de segregacións, divisións ou acumulacións, aínda que non estivesen rexistradas oficialmente, deberán comunicarse estas circunstancias ao xestor do servizo para a modificación das condicións de acometida e, no seu caso, do contrato de subministración.
3. Previa autorización do xestor, a persoa titular do uso dun local comercial ou industrial de planta baixa dun inmoble, poderá contratar, á súa costa, acometidas independentes.
Artigo 27
1. A solicitude de acometidas deberá acompañarse necesariamente da acreditación da propiedade da leira ou local, así como a preceptiva licenza municipal, de obras ou a que poida proceder en cada caso, así como a documentación que se indique en cada momento regulamentada polo Concello.
2. O concesionario determinará, á vista dos datos que achegue o solicitante, das peculiaridades do inmóbel e do estado das súas redes, as características e condicións de contratación e execución das acometidas. O peticionario da acometida estará obrigado a fornecer ao concesionario cantos datos lle sexan solicitados en relación co inmóbel obxecto da petición.
3. O concesionario comunicará ao peticionario, tan axiña como lle sexa posible e, en todo caso, no prazo máximo de trinta días, a súa decisión de aceptar ou denegar a acometida solicitada, e neste caso, as causas da denegación.
Artigo 28
1. O xestor poderá denegar a solicitude de acometida ou acometidas ás súas redes polas causas ou circunstancias seguintes:
a) Por falta de presentación de calquera dos documentos esixidos.
b) Por incumprimento do estipulado neste regulamento no que se refire a requisitos previos para a conexión ás redes públicas.
c) Cando algunha parte das instalacións xerais deba discorrer por propiedade de terceiros, sen que se acredite a constitución da servidume de paso, inscrita no Rexistro da Propiedade ou non se adquira a franxa de terreo afectada.
d) Cando a presión no punto de acometida de abastecemento sexa insuficiente para un correcto servizo e non se instalara, a cargo do solicitante, o grupo de elevación e alxibe correspondentes.
e) Cando a presión no punto de acometida de abastecemento sexa excesiva para un correcto servizo, e non se instalaron, a cargo do cliente, as medidas de redución de presión axeitadas.
2. O xestor poderá, se o cliente o acepta expresamente, contratar o servizo sen responsabilizarse das deficiencias producidas pola falta de presión.
Artigo 29
1. A contratación, instalación, conservación, renovación e manipulación de acometidas serán competencia exclusiva do xestor, que realizará os traballos e instalacións correspondentes a cargo da persoa solicitante.
2. As obras de conexión ao sistema público de saneamento estarán suxeitas ás prescricións da normativa urbanística que resulte aplicable.
3. Todos os gastos derivados das actuacións de conexión ao sistema, así como os da súa conservación e mantemento, correrán a cargo da persoa usuaria, que é a responsable do seu mantemento.
4. O xestor confeccionará o orzamento para a execución das obras de acometida conforme ao cadro de prezos vixente e aprobado polo Concello.
5. No prazo máximo de noventa días a contar desde a data de notificación ao solicitante, este deberá facer efectivo o importe do orzamento sinalado na notificación, subscribindo o contrato de subministración. Pasado este prazo sen que se verifique o pagamento, entenderase que o peticionario desiste das acometidas solicitadas.
6. Aboados polo peticionario os importes regulamentarios e asinado o contrato de subministración de auga, o xestor ou o contratista ao seu cargo, executará as acometidas. A partir do momento de execución, e realizadas satisfactoriamente as probas de subministración, o concesionario pasará a facturarlle ao cliente as tarifas correspondentes.
Capítulo V. CONTADORES
Artigo 30
O servizo de subministración de auga potábel será controlado mediante contadores que rexistren a medición dos volumes de auga subministrada. Estes rexistros serán a base da correspondente facturación.
Artigo 31
Os contadores serán sempre de modelo oficialmente homologado, debendo estar debidamente verificados polo organismo oficial competente e precintados obrigatoriamente polo xestor unha vez instalados e postos en servizo. Os contadores poden ser achegados pola persoa abonada ou facilitados polo xestor. Neste último caso, o seu custo será soportado pola persoa abonada.
Artigo 32
Os contadores poden ser dos tipos seguintes:
a) Contador individual: o que mide os consumos dunha vivenda una vivenda, local ou instalación única destinada a unha mesma actividade.
b) Contador xeral: mide os consumos das instalacións interiores de inmóbeis en réxime de propiedade horizontal, de inmóbeis sen réxime de propiedade horizontal que conten con máis dun contador individual e dos complexos inmobiliarios privados con propietarios que participen en réxime de propiedade indivisíbel sobre elementos como viais privados, instalacións ou servizos comúns que conten con rede de distribución de auga con subministración desde a rede pública. Mide os consumos propios da comunidade que será a diferenza respecto da suma dos consumos individuais.
c) Batería de contadores: existe en inmóbeis en réxime de propiedade horizontal, de inmóbeis sen réxime de propiedade horizontal que conten con máis dun contador individual e dos complexos inmobiliarios privados con propietarios que participen en réxime de propiedade indivisíbel sobre elementos como viais privados, instalacións ou servizos comúns que conten con rede de distribución de auga con subministración desde a rede pública. As baterías de contadores miden os consumos individuais de cada vivenda ou local.
Artigo 33
1. Os contadores serán en todo caso instalados polo xestor do servizo, correndo o custo da instalación por conta da persoa abonada.
2. A substitución ou reparación dos contadores inutilizados ou avariados será realizada polo xestor correndo o custo destas operacións por conta da persoa abonada.
3. Os contadores estarán instalados en lugares de fácil acceso a fin de facilitar a súa lectura, reparación ou substitución. Nos terreos que comprendan varias vivendas ou industrias e, por conseguinte, varios clientes, faranse instalacións individuais a cada unha delas de forma que os contadores se poidan colocar en arquetas axeitadas ou todos xuntos en batería, e en lugar facilmente accesible do portal, patio ou baixo do edificio.
Artigo 34
O xestor do servizo está facultado para realizar nas instalacións interiores, incluídos os contadores, cantos traballos estime precisos para evitar usos ilegais ou restituír a subministración de auga. O custo destes traballos correrá por conta da persoa abonada.
Artigo 35
1. As persoas abonadas poderán solicitar a comprobación do contador por parte do xestor ou a súa verificación oficial pola administración competente. Se o contador estivese defectuoso, procederase á súa substitución ou reparación.
2. Os gastos decorrentes destas comprobacións serán por conta da persoa abonada salvo que se acredite a existencia de deficiencias no seu funcionamento, caso no cal correrán por conta do xestor.
Capítulo VI. CONSUMOS
Artigo 36
O cálculo do consumo de auga subministrado a cada persoa abonada será calculado polo xestor so servizo a través dos procedementos seguintes:
a) Por diferenza de lecturas no contador.
b) Por estimación, cando non sexa posíbel realizar a lectura do contador por imposibilidade de acceso, mal funcionamento ou calquera outra causa. A estimación realizarase tendo en conta o promedio dos consumos no mesmo período do ano anterior.
Artigo 37
O cobro das taxas será realizada polo xestor de acordo coas tarifas e nos períodos estabelecidos na correspondente ordenanza fiscal.
Capítulo VI. DOS USOS MUNICIPAIS
Artigo 38
1. O Concello de Camariñas disporá de acometidas e tomas especiais de auga destinadas a garantir o correcto funcionamento dos servizos municipais (instalacións deportivas, parques e xardíns, limpeza de contentores de lixo, etc.). Cada unha destas tomas disporá dunha billa con sistema de acceso restrinxido exclusivamente á persoa ou servizo autorizado ben como dun contador específico e individual.
2. O Concello de Camariñas poderá dispor de acometidas para redes de incendios de acordo co previsto na DB-SI do Código Técnico da Edificación, no caso das vivendas, e do Real Decreto 2267/2004, polo que se aproba o Regulamento de Seguridade contra Incendios, para o caso de edificios industriais.
Capítulo VII. RÉXIME SANCIONADOR
Artigo 39
1. As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves.
2. Terán a consideración de infraccións moi graves:
a) Realizar acometidas, tomas de auga e consumos sen contar coa debida autorización.
b) Romper ou manipular inxustificadamente o precinto dos contadores.
c) Subministrar auga procedente dunha subministración contratada a persoa que non a teña contratada ou permitir a súa derivación, cando se obteña un beneficio económico.
d) Os actos susceptíbeis de provocar un dano grave nas instalacións e redes do servizo.
3. Terán a consideración de infraccións graves:
a) Destinar a auga para usos diferentes a aqueles para os que fose contratada.
b) Incumprir o deber de conservar as instalacións e reparar as avarías.
c) Impedir inxustificadamente o acceso aos contadores ou ás instalacións interiores ao persoal do xestor.
d) Non comunicar as fugas, escapes ou anomalías detectadas na instalación.
f) Alterar ou modificar sen autorización a instalación interior.
g) Subministrar auga procedente dunha subministración a quen non a teña contratada ou permitir a súa derivación.
h) Realizar actividades ou utilizar substancias que contaminen ou perturben a salubridade e a calidade da auga subministrada.
i) Realizar actos susceptíbeis de causar dano ás instalacións e redes do servizo cando non constitúa unha infracción moi grave.
4. Terán a consideración de infraccións leves:
a) Omitir o deber de comunicar a cesión ou transmisión de dereitos a terceiros dentro do prazo indicado no artigo 22.2 deste regulamento.
b) Realizar calquera outra acción ou omisión que poda afectar negativamente á calidade da auga ou que poda deteriorar as redes e instalacións do servizo sen que constitúa unha infracción moi grave ou grave.
Artículo 49
1. A comisión das infraccións tipificadas no artigo anterior serán sancionadas con multa de até 1.000 euros para as leves, de entre 1.001 a 2.000 para as graves e de entre 2.001 a 10.000 para as moi graves.
2. As sancións imporanse sen prexuízo das indemnizacións que procedan en atención aos danos e prexuízos efectivamente causados.
Artículo 51.
A competencia para incoar e resolver os procedementos sancionadores corresponde á Alcaldía.
DISPOSICIÓN FINAL
O presente regulamento entrará en vigor unha vez aprobado definitivamente polo Pleno do Concello de Camariñas, publicado integramente no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e transcorrido o prazo disposto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de Bases do Réxime Local.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
O regulamento dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
¿El requerimiento deberá
ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en
el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del
acuerdo."
Ó no ter coñecemento da
fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia
Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo
de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.