Padrón - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POR UTILIZACIÓN DE LOCAIS MUNICIPAIS EN HORARIO NOCTURNO
Artigo 1.- CONCEPTO
De conformidade co previsto no artigo 41 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais, este Concello establece o prezo público por utilización privativa ou aproveitamento especial por parte de persoas físicas ou xurídicas, dos locais e instalacións municipais existentes no municipio, para pasa-la noite, sempre e cando se trate de grupos organizados numerosos de cincuenta persoas ou máis. Os locais a utilizar serán as instalacións deportivas municipais e os locais sociais ou outras instalacións. So se poderá solicitar dúas noites por persoa ou grupo de persoas. O horario permitido de estancia será dende trece trinta horas dun día ás nove horas do día seguinte.
Artigo 2.- FEITO IMPOÑIBLE
Constitúe o feito impoñible a utilización dos locais municipais existentes no municipio para pasa-la noite co cumprimento das normas de uso de cada un dos establecementos.
Artigo 3.- SUXEITO PASIVO
Son suxeitos pasivos da taxa en concepto de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades as que se refire o artigo 35.4 da LXT que soliciten, provoquen ou que no seu interese redunden as prestacións a que se refire a presente ordenanza.
Artigo 4.- RESPONSABLES
Responden solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 42 e 43 da LXT.
Artigo 5.- BASE IMPOÑIBLE E COTA TRIBUTARIA
1.- A cota tributaria será a resultante de aplica-las seguintes tarifas:
A) Por utilización dos locais municipais mencionados, en concepto de limpeza, gastos de auga, luz: 4 Euros por persoa.
As tarifas deberá aplicárselle os coeficientes anuais de actualización, mantendo con elo o principio de equivalencia e actualizaranse cada anualidade na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo (IPC) para a Comunidade Autónoma de Galicia
Artigo 6.- NORMAS DE XESTIÓN
Deben remitir un listado nominal con DNI das persoas que van a pernoctar na instalación. Este listado debe estar asinado pola persoa responsable do grupo, que en todo caso terá que ser maior de idade.
O aboamento da taxa realizarase mediante autoliquidación, con carácter previo ao momento da entrada no local a que se refire a presente ordenanza, a partir das trece trinta horas, a cuxo efecto deberá achegarse copia do ingreso correspondente polos medios que poña a disposición o Concello.
A persoa reponsable do grupo, asinará unha declaración de uso responsable da instalación, asumindo ao seu cargo calquera desperfecto que se poida ocasionar.
O órgano competente determinará as temporadas anuais nas que se poderá facer uso das instalacións citadas para a finalidade descrita no artigo 2.
Artigo 7.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Para o tocante as infraccións e sancións rexerá o disposto nos artigos 181 e seguintes da LXT.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e será de aplicación unha vez que transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación posterior.