Índice

Cambre - Ordenanza municipal reguladora da posesión de animais domésticos e de animais salvaxes en catividade, da licencia para a posesión de animais potencialmente perigosos e do seu rexistro

Publicación provisional: 18/03/2003 BOP Nº: 63
Publicación definitiva: 13/05/2003 BOP Nº: 108
Aplicable dende: 13/05/2003

Exposición de motivos

A proliferación da posesión doméstica de animais de compaña, e especialmente no caso dos potencialmente perigosos, fai preciso a regulación do seu réxime de posesión co fin de minimiza-los riscos de molestias e ataques ás persoas, bens e outros animais, favorecendo a pacífica convivencia entre todos. Igualmente, e de xeito complementario, faise necesario establecer un réxime de protección axeitado co fin de garantir uns mínimos de bo trato ós animais.

A Lei 50/1999, do 23 de decembro, dictada ó amparo do artigo 149.1.29 da Constitución española, que atribúe ó Estado as competencias en materia de seguridade pública, asigna no artigo 3.º ós concellos a competencia para concede-la licencia administrativa que habilite para a posesión de animais potencialmente perigosos. Ademais, no seu artigo 6, establece que en cada Concello existirá un Rexistro de animais potencialmente perigosos.

A Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade impón á súa vez ós concellos a obriga de recollida dos animais abandonados e o artigo 27 do Decreto 1537/1998 que a desenvolve obriga a censar a nivel municipal a tódolos animais da especie canina.

A Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolve as dúas leis de forma harmónica, no Decreto 90/2002, do 28 de febreiro.

En consecuencia, e vista a competencia municipal nesta materia derivada dos artigos 25.2.a) e h) da Lei reguladora das bases do réxime local, do 2 de abril de 1985, e 80.2.a) e h) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, a Corporación aprobou esta ordenanza.

Título I.-Ámbito de aplicación

Artigo 1.-Obxecto

1.-Este regulamento ten por obxecto establece-las normas para a posesión e protección dos animais domésticos e dos animais salvaxes en catividade no territorio municipal do Concello de Cambre, a regulación da concesión e renovación das licencias administrativas para a posesión de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso, ós que se refire o Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a posesión de animais potencialmente perigosos na comunidade autónoma de Galicia, así como a regulación do Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos e o censo de animais de compañía.

2.-Quedan excluídos da aplicación da presente ordenanza os cans e animais pertencentes ás Forzas Armadas, forzas e corpos de seguridade do Estado, corpos da Policía das comunidades autónomas, Policía Local e empresas de seguridade con autorización oficial.

3.-Sen prexuízo do esixido nas demais disposicións que sexan aplicables, estarán suxeitos á obtención de previa licencia municipal nos termos que determina no seu caso o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, as actividades seguintes:

a) Os establecementos hípicos, sexan ou non de temporada con instalacións fixas ou non, que garden cabalos para a práctica da equitación con fins deportivos, recreativos ou turísticos.

b) Os Centros para animais de compaña e os destinados á reproducción, aloxamento temporal ou permanente e/ou subministro de animais para vivir domesticados nas casas, principalmente cans, gatos e aves e outros cánidos destinados á caza e do deporte e que se dividen en:

- Lugares de cría: para a reproducción e subministro de animais a terceiros.

- Residencias: establecementos destinados a aloxamento temporal.

- Canceiras deportivas: establecementos destinados á práctica do deporte en canódromos.

- "Xaurías": establecementos destinados a gardar animais para a caza.

c) Centros ou agrupacións diversas non comprendidas entre os anteriores. Se clasifican en:

- Tenda de paxaros: para a reproducción e/ou subministro de pequenos animais, principalmente pequenas aves, con destino ós domicilios.

- Provedores de Laboratorios: para a producción e/ou subministro de animais con fines de experimentación científica.

- Zoos ambulantes, circos e entidades asimiladas.

- Comercios dedicados á venda de animais de acuario ou terrario, como peces, arácnidos e réptiles.

- Instalacións dedicadas á cría de animais para aproveitamento das súas peles.

Artigo 2.-Definicións.

1.-Para os efectos deste regulamento enténdense por:

a) Animais domésticos os que se crían, reproducen e conviven co home e que non son susceptibles de ocupación.

b) Animais salvaxes en catividade os que sendo libres pola súa condición foron obxecto de apresamento no seu medio natural e mantéñense nunha situación absoluta e permanente de dominación polo home.

c) Animais potencialmente perigosos tódolos que pertencendo á fauna salvaxe, sendo utilizados como animais domésticos, ou de compañía, con independencia da súa agresividade, pertenzan a especies ou razas que teñan capacidade de causa-la morte ou lesións ás persoas ou a outros animais e danos a cousas.

Terán en particular a cualificación de potencialmente perigosos, os animais domésticos ou de compañía que regulamentariamente se determinen pola Comunidade Autónoma de Galicia, e en concreto os pertencentes á especie canina definidos no artigo 2.2 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro:

- Cans que tivesen algún episodio de agresións a persoas ou ataques de certa entidade a animais ou ás cousas:

- Cans que fosen adestrados para a garda ou defensa.

- Cans que polas súas características raciais puidesen seren aptos para o adestramento, para a garda ou defensa e en concreto os pertencentes ás razas seguintes: american stafforshire terrier, pit bull terrier, bullmastif, dobermann, dogo arxentino, dogo de Bordeos, dogo do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquino, rottweiler, staffordshire bull terrier, tosa inu y akita inu. Inclúense tamén os cruces en primeira xeración destes, cruces destas razas entre si ou con outras razas obtendo unha tipoloxía similar a algunha das razas anteriormente descritas.

- Cans que demostren unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio, debendo ser apreciada a dita agresividade pola autoridade competente tras informe dun adestrador ou veterinario designado para tal efecto.

2.-A posesión de animais que se crían para o aproveitamento das súas produccións regúlase pola súa normativa específica.

Título II.-Da posesión de animais domésticos e salvaxes en catividade

Capítulo I. Normas xerais

Artigo 3.-Posesión de animais domésticos en vivendas

1.-A posesión de animais domésticos en xeral e nomeadamente en edificacións destinadas á vivenda humana está suxeita ó cumprimento dunhas condicións hixiénicas axeitadas no seu aloxamento, á ausencia de riscos sanitarios e a que non se lles ocasione perigo ou se lles produzan molestias ós veciños.

2.-En calquera caso, das 22.00 ás 8.00 horas está prohibido deixar en patios, terrazas, balcóns ou espacios abertos ós animais que cos seus sons, laios ou ruídos perturben o descanso dos veciños.

3.-O Concello ten a facultade de limitar, por razóns de interese público, o número de animais que se poden ter nunha edificación ou vivenda determinada.

Artigo 4.-Da posesión de animais salvaxes en catividade

1.-Está prohibida a posesión de animais salvaxes que poidan ser perigosos para a integridade das persoas fóra dos locais autorizados polo órgano competente da Xunta de Galicia.

2.-Está prohibida a permanencia ou circulación dos citados animais por lugares abertos ó público sen as medidas protectoras que se dispoñan de acordo coas características de cada especie.

Capítulo II. Medidas sanitarias

Artigo 5.-Prohibición de abandono de animais

1.-Está absolutamente prohibido o abandono de animais.

2.-As persoas que queiran deixar un animal do que son donos ou responsables débenllo comunicar ó Concello para que o recollan os servicios municipais tralo aboamento das taxas correspondentes.

Artigo 6.-Medidas sanitarias xerais

1.-O Concello, por iniciativa propia ou do órgano competente da Xunta de Galicia, poderá dispoñe-la vacinación ou o tratamento sanitario obrigatorio dos animais domésticos e dos salvaxes en catividade.

2.-O Concello, por propia iniciativa ou en cumprimento de disposicións do órgano competente da Xunta de Galicia, poderá ordena-lo illamento e internamento de animais domésticos ou salvaxes en catividade ós que se lles diagnosticasen enfermidades transmisibles, para sometelos a tratamento curativo.

3.-Os animais que padezan unha doenza que poida comportar un perigo para a saúde das persoas ou que sufran enfermidades crónicas incurables serán obxecto de sacrificio obrigatorio.

4.-Nos casos nos que por razón de sanidade animal ou de saúde pública se esixa o sacrificio obrigatorio do animal, este realizarase de xeito rápido e sen dor, en locais aptos e baixo a responsabilidade dun veterinario.

Artigo 7.-Medidas sanitarias en caso de agresión

1.-Os donos e posuidores de animais que mordesen ou causasen lesións a algunha persoa ou a outro animal están obrigados a:

a) Facilitarlle-los seus datos persoais e os datos do animal agresor á persoa lesionada, ó dono do animal agredido e ó axente da autoridade que llos soliciten.

b) Comunicarlle-los feitos nun prazo máximo de 24 horas á Policía Local.

c) Poñer ó animal agresor en observación veterinaria obrigatoria durante o período de catorce días naturais.

d) Presentar no Concello a documentación sanitaria do animal no prazo máximo de 48 horas disque se produciu a agresión.

e) Presentar no Concello o certificado veterinario no prazo máximo de 48 horas ó cabo do período de observación.

f) Comunicarlle ó Concello calquera incidencia que se rexistre (morte, enfermidade, perda ou traslado do animal) durante o período de observación.

2.-A observación veterinaria poderase realizar no establecemento que decida o Concello ou, cando as circunstancias o aconsellen e por pedimento do dono do animal e baixo control dun veterinario, noutros locais axeitados ou no propio domicilio do dono.

3.-Serán por conta do dono ou posuidor do animal agresor, os gastos da súa estadía durante o período de observación no establecemento que se sinale.

4.-Se o animal agresor non ten dono ou posuidor coñecido, serán os servicios municipais os que se farán cargo do seu apresamento e observación veterinaria.

Capítulo III. Censo municipal de animais domésticos e salvaxes en catividade

Artigo 8.-Censo municipal de animais domésticos e salvaxes en catividade.

1.-Tódolos animais da especie canina, así como aqueles doutras especies que no futuro determine a consellería competente na materia, deberán estar censados a nivel municipal ben directamente ou a través de veterinarios colaboradores.

Este censo conterá, polo menos os seguintes datos:

a) A especie, a raza, a idade e, se e caso, o nome do animal.

b) O nome, apelidos, documento nacional de identidade e o domicilio do seu dono.

c) A data de expedición e o número de tarxeta sanitaria.

2.-No censo tamén se inscribirán as baixas por morte, perda ou traslado do animal fóra do municipio, os cambios de domicilio e as transferencias de titularidade ou de posesión que se produzan.

Capítulo IV. Obrigas dos donos e posuidores de animais

Artigo 9.-Réxime xeral.

Os donos e posuidores de animais terán as obrigas que determine a lexislación vixente e en particular as previstas neste capítulo.

Artigo 10.-Obrigas dos posuidores de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Os donos e posuidores de animais domésticos e salvaxes en catividade están obrigados a:

1) Censa-lo animal nun prazo máximo dun (1) mes dende que naza ou estea no seu poder.

2) Comunicarlle ó Concello as baixas por morte, perda ou traslado do animal fóra do municipio no prazo máximo de quince días.

3) Comunicarlle ó Concello o cambio de domicilio ou lugar de residencia do animal no prazo máximo de quince días.

4) Vacinar ós animais fronte aquelas doenzas obxecto de prevención a partir da idade regulada na normativa vixente.

5) Realizar controis sanitarios periódicos ós animais.

6) Identificar ós animais mediante a implantación dun microchip ou transponder regulamentario, que deberá ser realizada por un veterinario acreditado.

7) Tratar e alimentar ó animal correctamente.

8) Manter ó animal en boas condicións hixiénico-sanitarias, de acordo coas características da especie.

9) Adopta-las medidas necesarias para asegurar que o animal non lles cause molestias ás persoas, nin poña en perigo ás persoas ou ós bens.

10) Impedir que o animal lixe as vías ou espacios públicos de tránsito ou lecer.

11) Impedir que o animal dane o equipamento urbano.

12) Comunicarlle ó Concello, no prazo máis curto posible, calquera doenza infecto-contaxiosa que sufra o animal.

13) Responder dos danos e perdas que ocasione o animal, de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 10.-Obrigas dos donos e posuidores de cans potencialmente perigosos.

Os donos e posuidores de cans potencialmente perigosos están obrigados a:

1) Obter unha licencia administrativa no concello no que estea empadroado.

2) Identifica-los animais cun microchip homologado nos seus tres primeiros meses de vida ou nun mes despois da súa adquisición.

3) Inscribi-lo animal no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos no prazo de 15 días a partir da obtención da licencia administrativa.

4) Comunicar ó Concello calquera variación dos datos do rexistro no prazo de 15 días dende que se producise a modificación, excepto nos incidentes de agresión, nos que a comunicación será inmediata.

5) Adopta-las medidas precisas para que o animal non saia fóra do recinto onde resida nin poña en perigo ás persoas que utilizan as vías ou outros bens de dominio público.

6) Poñer un letreiro en lugar visible onde se advirta de perigo pola presencia dun can potencialmente perigoso.

Capítulo V. Circulación de animais polas vías e espacios públicos

Artigo 11.-Circulación dos cans.

1.-Os cans levarán sempre un colar coa súa chapa de identificación.

2.-Ademais, cando estean ou circulen por vías ou lugares de tránsito público irán suxeitos por unha cadea ou correa.

No caso de cans potencialmente perigosos a correa deberá ser non extensible e de menos de 2 metros, debendo ir provistos asemade do correspondente buceiro homologado e axeitado á súa raza, sen que poda levarse máis de un animal destas características por persoa, nin ser conducido por un menor de dezaseis anos.

3.-Están dispensados do requisito sinalado no apartado anterior os cans que se atopen nas seguintes circunstancias:

a) Os que se utilicen en tarefas agrícolas, gandeiras ou de caza mentres desenvolven esas actividades no ámbito rural.

b) Os que, na compaña dunha persoa responsable, circulen fóra dos núcleos urbanos por terreos agrícolas, forestais ou costeiros sempre que non concorra a presencia de terceiras persoas.

Esta dispensa non será aplicable ós cans potencialmente perigosos.

Artigo 12.-Uso de buceira

1.-Os cans levarán unha buceira para garanti-la tranquilidade e integridade das persoas, sempre que as características do animal ou circunstancias sanitarias ou de calquera outra orde o esixan.

2.-O Concello pode impoñe-lo uso da buceira cando se dean as circunstancias que prevé o apartado anterior.

Artigo 13.-Limitacións nas vías públicas

1.-Os posuidores dos animais deberán coidar de que non lixen as vías e espacios de uso público coas súas deposicións. No caso de se produciren estas, están obrigados a limparen os excrementos de xeito inmediato e de forma axeitada desde o punto de vista hixiénico.

2.-Está prohibido alimentar ós animais nas vías ou espacios públicos.

3.-O Concello poderá prohibi-la circulación de animais en espacios públicos determinados.

Capítulo VI. Presencia de animais en establecementos públicos

Artigo 14.-Prohibición de entrar en determinados establecementos públicos.

1.-Está prohibida a entrada e estadía dos animais domésticos en calquera clase de establecementos de fabricación, almacenamento, transporte, consumo ou manipulación de alimentos.

2.-Os titulares de establecementos públicos como hoteis, pensións, bares e semellantes, poderán prohibi-la entrada e estadía de animais nos seus locais. En calquera caso, esixirán que os cans leven buceira e estean suxeitos por unha cadea ou correa.

3.-Exceptúanse das prohibicións anteriores os cans de guía de invidentes e minusválidos.

Capítulo VII. Recollida de animais

Artigo 15.-Animal abandonado.

1.-Enténdese que un animal está abandonado se circula polas vías ou espacios públicos sen ningún sinal polo que se poida identificar ó seu dono ou posuidor e non vai na compaña de ningunha persoa.

2.-O animal abandonado será recollido polos servicios municipais, que o trasladarán a un establecemento axeitado ata que o reclamen, acollan ou sexa sacrificado.

3.-Os cidadáns teñen o deber de comunicarlle ó Concello a presencia de animais abandonados nas vías ou espacios públicos.

Artigo 16.-Recuperación de animais abandonados

1.-O prazo máximo para a recuperación dun animal non identificado é o de vinte días dende que se produciu o seu apresamento.

2.-Se o animal está identificado, o dono ou posuidor dispoñerá dun prazo de dez días para recuperalo dende que se lle avisou do seu apresamento.

3.-En calquera caso, o dono ou posuidor do animal apreixado deberá aboa-los gastos orixinados pola súa recollida e mantemento con suxeición ós prezos públicos vixentes, sen prexuízo da sanción que lle poida ser aplicable.

4.-Transcorridos os prazos sinalados nos apartados anteriores, o Concello daralle ó animal o destino máis axeitado e soamente en último caso o poderá sacrificar.

Artigo 17.-Recollida de animais enfermos ou mortos na vía pública.

Os animais que anden enfermos ou estean feridos ou mortos nas vías e espacios públicos será recollidos polos servicios municipais. Calquera cidadán que advirta a presencia dun animal nesas circunstancias deberanlle avisar ó Concello para que o retire o máis axiña posible.

Artigo 18.-Xestión do servicio da recollida de animais

1.-O Concello poderá xestiona-lo servicio en calquera das formas que prevé a Lei reguladora do réxime local. Tamén poderá concertar convenios coa Xunta de Galicia, con asociacións de protección e defensa dos animais ou con outras asociacións autorizadas para este fin.

2.-Se o servicio non se presta en forma de xestión directa e llo solicitan as asociacións de protección e defensa dos animais, o Concello concederallo preferentemente a elas por un prazo mínimo de tres anos.

3.-Os establecementos dedicados a recollida de animais abandonados deberanse inscribir no rexistro creado para tal efecto pola Xunta de Galicia.

Capítulo VIII.-Da posesión de animais domésticos para o consumo familiar

Artigo 19.-Crianza de animais para o consumo familiar.

A crianza para o consumo familiar de aves de curral, pombas, abellas, coellos e outros animais domésticos, nos domicilios particulares ou en instalacións adxacentes a eles está condicionada ó feito de que as circunstancias hixiénico-sanitarias derivadas da actividade e do número de animais non comporten un perigo ou unha incomodidade para os veciños.

Artigo 20.-Limitacións.

O Concello poderá esixi-lo cesamento na crianza de animais domésticos cando esa actividade comporte un perigo físico ou sanitario para as persoas ou unha incomodidade grave para os veciños.

Artigo 21.-A crianza de animais como actividade económica.

A existencia de cortes, cortellos e granxas nas que se desenvolva a crianza de animais como actividade económica axustarase a normativa específica das actividades clasificadas.

Título III.-Da licencia municipal para a posesión de animais potencialmente perigosos.

Artigo 22.-Licencia municipal

1.-A posesión no municipio de animais clasificados como potencialmente perigosos requirirá a obtención, con carácter previo á adquisición do animal, da correspondente licencia municipal.

2.-Están obrigados á obtención de licencia municipal para a posesión de animais clasificados como potencialmente perigosos os propietarios ou posuidores destes incluídos no padrón de habitantes, así como os establecementos ou asociacións, con sede neste municipio, que alberguen animais potencialmente perigosos ós que se refire o Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma galega, e se dediquen á súa explotación, cría, comercialización ou adestramento, incluídos os centros de adestramento, criadeiros, centro de recollida, residencia, centros recreativos e establecementos de venda colocados neste municipio.

3.-Os propietarios de animais potencialmente perigosos non aveciñados neste municipio deberán acreditar, cando se encontren residindo temporalmente nel e mentres permaneza o animal no término municipal, a posesión da licencia no municipio de orixe.

4.-Nos casos de inscrición de animais como consecuencia de ter efectuado anteriores ataques a persoas, animais ou cousas, no Concello, unha vez coñecida a resolución ou sentencia, de oficio ou a instancia de calquera interesado directo, e previa tramitación de expediente administrativo con audiencia do interesado, requirirá ó propietario mediante resolución da Alcaldía, co obxecto de que en prazo dun (1) mes proceda á solicitude de licencia, efectuándose en caso contrario a retirada e depósito do animal de conformidade co establecido no artigo 9º desta ordenanza.

Artigo 23.-Requisitos para a obtención da licencia

1.-Para a obtención da licencia administrativa con destino á posesión de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:

- Ser maior de idade e non estar incapacitado para proporciona-los coidados necesarios ó animal.

- Non ter sido condenados por delictos de homicidio, lesións, torturas contra liberdade ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como non estar privado por resolución xudicial do dereito á posesión de animais potencialmente perigosos.

- Non ter sido sancionado por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias das prevista no apartado 3 do artigo 13 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico de animais potencialmente perigosos. Non obstante, non será impedimento para a obtención ou, no seu caso, renovación da licencia, ter sido sancionado coa suspensión temporal desta, sempre que, no momento da solicitude, a sanción de suspensión anteriormente imposta fose cumprida integramente.

- Dispoñer de certificado de aptitude psicolóxica e de capacidade física para a posesión de animais potencialmente perigosos.

- Acredita-la formalización dun seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poidan causa-los seus animais na contía mínima de 125.000,00 euros.

2.-Os requisitos esixidos deberán manterse vixentes durante todo o período da posesión do animal; a perda destes dará lugar á revisión da licencia nos termos establecidos no artigo 27 desta ordenanza.

3.-No caso de que a licencia sexa para animais salvaxes en catividade, esixirase ademais do previsto no apartado I deste artigo, unha memoria descritiva das instalacións e medidas de seguridade utilizadas para impedi-la fuxida de animais conforme ó artigo 3.4 do Decreto 90/2002.

Artigo 24.-Vixencia das licencias

1.-As licencias terán unha vixencia de cinco anos, á finalización dos cales deberán ser obxecto de renovación, debendo acreditarse en cada exercicio, para o seu mantemento:

- A subscrición do seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros.

- A expedición do certificado de sanidade animal, expedido por autoridade competente, que acredite con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou trastornos que o fagan especialmente perigosos.

2.-Para a renovación da licencia municipal deberá presentarse a seguinte documentación:

- Solicitude de renovación.

- Copia compulsada da renovación do seguro de responsabilidade civil.

- Copia compulsada do certificado médico de sanidade animal efectuado nunha data non anterior a dous meses á da renovación da licencia.

- Xustificante do abono da taxa municipal.

- Certificado de capacidade física.

- Certificado de aptitude psicolóxica.

3.-A condena por calquera dos delictos recollidos ó apartado b) do artigo anterior dará lugar á revisión da licencia polo Concello.

Artigo 25.-Acreditación

1.-A posesión da licencia municipal de animais potencialmente perigosos poderá acreditarse mediante a certificación relativa a esta ou ben mediante a tarxeta identificativa expedida para tal efecto polo Concello.

Artigo 26.-Órgano competente para a concesión das licencias municipais.

1.-As licencias municipais para a posesión de animais potencialmente perigosos, se concederán mediante resolución da Alcaldía, previa acreditación da incorporación da documentación esixida na presente ordenanza.

Artigo 27.-Revisión, perda de licencias e depósito de animais.

1.-A perda de calquera dos requisitos esixidos no artigo 4º desta ordenanza, dará lugar á revisión das licencias municipais concedidas e a súa retirada previa tramitación de expediente contradictorio.

2.-A retirada da licencia dará lugar á perda do dereito á posesión do animal e a obriga do interesado do proceder, no prazo máximo de dez días, que comezará a contar dende a recepción do requirimento, a súa entrega e depósito no establecemento adecuado para tal efecto ata a obtención desta, salvo que o animal sexa obxecto de entrega a outro propietario ou sacrificio nos termos establecidos nos artigos 58, 59 e 60 do Decreto 153/1998, da comunidade autónoma de Galicia.

3.-En caso de incumprimento da obriga de depósito procederase á súa execución subsidiaria polo Concello, ou a Comunidade Autónoma, a través dos seus servicios ou mediante empresa contratada, sendo os gastos que tal actuación comporta a cargo e conta do antigo titular da licencia.

4.-O Concello poderá retirar dos espacios públicos e depositar de oficio en establecemento adecuado, sen necesidade de previo requirimento, a aqueles animais potencialmente perigosos nos que se aprecie unha situación de abandono ou perigosidade para os usuarios das vías e espacios de uso común ou circulen por estes sen a debida protección ou control do seu propietario ou posuidor.

5.-Igualmente o Concello poderá retirar e depositar en establecemento adecuado aqueles animais potencialmente perigosos que non dispoñían da correspondente tarxeta de identificación no municipio de orixe ata tanto se acredite tal circunstancia polo titular deste.

6.-A falta de licencia municipal para a posesión de animais potencialmente perigosos dará lugar a un único requirimento municipal para a súa obtención no prazo de dez días e á retirada e depósito dos animais, nos termos establecidos neste artigo.

Título IV.-Do Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

Artigo 28.-Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

1.-Créase o Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos, o tratamento do cal será informatizado, e no que se farán constar con carácter obrigatorio de acordo con Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, os seguintes datos:

- Datos persoais do posuidor: nome, enderezo habitual, documento nacional de identidade e teléfono de contacto.

- Características do animal que fagan posible a súa identificación: idade, especie, raza, características externas e número de microchip.

- Lugar habitual de residencia do animal.

- Función/aptitude do animal (compañía ou garda, defensa, caza).

2.-Os propietarios dos animais serán os responsables de identifica-los animais e de sufraga-los gastos que esto ocasione, independentemente do lugar de residencia das ditas persoas. A identificación definitiva suporá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transacción do animal.

3.-O Rexistro municipal é un rexistro de carácter público, ó que terán acceso ás administracións públicas e autoridades competentes, así como aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos obrantes neste. Para estes efectos considerarase, en todo caso, interese lexítimo o que ostenta calquera persoa física ou xurídica que desexe adquirir un animal destas características, así como aquelas que sufrisen calquera tipo de agresión polo animal e desexen exerce-las accións correspondentes en calquera vía xurisdiccional, para o que deberán acreditar previamente a interposición da correspondente denuncia.

4.-En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no Rexistro será de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos persoais.

Artigo 29.-Inscrición no Rexistro

1.-Os titulares da licencia municipal deberán inscribirse no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos no prazo de 15 días, contados a partir da obtención da licencia.

Para isto deberán formaliza-la oportuna solicitude, presentando como documentación:

- Xustificación de ter subscrito para cada animal un seguro de responsabilidade civil cunha cobertura mínima de 125.000,00 euros.

- Documento acreditativo da implantación do microchip, asinado polo veterinario responsable da implantación.

- Copia acreditativa da posesión da preceptiva licencia municipal.

2.-Será igualmente obrigatoria a instancia do interesado, a inscrición no Rexistro municipal, en sección aberta para tal efecto, cando se efectúe o traslado dun animal potencialmente perigoso a este municipio, sexa con carácter permanente ou por período superior a tres meses, debendo proceder á inscrición no prazo máximo de dez días, que comezará a contar dende o inicio da residencia no municipio.

3.-Estimarase que se efectuou un traslado de animal potencialmente perigoso, salvo acreditación expresa en contrario polo interesado, nos casos de cambio de residencia do titular deste. En tal caso será preciso a acreditación da obtención da licencia no municipio de orixe anterior, procedendo a renovación da licencia nos casos previstos na presente ordenanza.

4.-Das inscricións que se efectúen no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos darase traslado o órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.

5.-Igualmente nos casos de cambio de residencia dende o municipio sen prexuízo da obriga do interesado de dar conta do traslado do animal, notificarase ó Concello do municipio de nova residencia a titularidade por parte do interesado dun animal potencialmente perigoso.

Artigo 30.-Tarxeta identificativa

Por cada can que se posúa e unha vez practicada a inscrición deste no Rexistro municipal, expedirase unha tarxeta identificativa na que se farán consta-los seguinte datos:

- Número de licencia municipal.

- Código de identificación do can.

- Raza.

- Titular da licencia e DNI.

- Número de Rexistro municipal.

Artigo 31.-Baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

1.-A baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos efectuarase a instancia do interesado, previa acreditación da venda, traspaso, cesión ou morte do animal.

2.-Igualmente procederase á baixa no Rexistro no caso de traslado da residencia do titular do animal a municipio distinto e así quede acreditado xa sexa a instancia do interesado ou de oficio polo Concello.

3.-Farase figurar no Rexistro como de titularidade municipal aqueles animais depositados nas súas instalacións como consecuencia de recollida destes da vía pública ou por perda da licencia do seu anterior titular.

Artigo 32.-Sección local do Rexistro galego de identificación de animais de compañía.

1.-Ó amparo dos principios de lealdade institucional, cooperación e colaboración previstos no artigo 4 da Lei 30/1992, establécese unha sección local da Sección do Rexistro de identificación de animais de compañía, limitada ós cans residentes no término municipal, que formaranse cos datos que para tal efecto se remitan polo Rexistro galego. Cos datos contidos na Sección do Rexistro, formarase en data 31 de decembro de cada ano, o Censo ó que se refire o artigo 27 do Decreto 153/1998.

2.-Neste Rexistro farase consta-la información contida no apartado 5 do artigo 5 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, e que se recollen tamén nas letras da a) á s) do apartado 1 do artigo 21 da presente ordenanza.

Título V.-Infraccións e sancións

Capítulo I.-Infraccións

Artigo 33.-Concepto de infracción

Constitúen infraccións administrativas as accións ou omisións que comporten un incumprimento das obrigacións, prohibicións ou requisitos que establece este regulamento.

Artigo 34.-Clasificación das infraccións

As infraccións administrativas tipificadas neste regulamento clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 35.-Infraccións moi graves

1.-Constitúen infraccións moi graves:

a) O maltrato dos animais que lles cause a morte.

b) Organizar ou realizar espectáculos ou actividades que comporten crueldade ou maltrato para os animais ou que lles poidan causar sufrimentos.

c) Abandonar a un animal potencialmente perigoso de calquera especie ou calquera can.

d) Ter cans ou animais potencialmente perigosos sen licencia.

e) A venda de animais con enfermidade infectocontaxiosa coñecida.

f) A venda de animais para experimentación sen a debida autorización ou a centros non autorizados.

g) A esterilización ou o sacrificio de animais sen control facultativo.

h) Vender ou transmitir por calquera título un can ou animal potencialmente perigoso a quen careza de licencia.

i) Adestrar animais para activa-la súa agresividade ou para finalidades prohibidas.

l) Adestrar animais potencialmente perigosos por quen careza de certificado de capacitación.

m) A organización ou celebración de concursos, exercicios, exhibicións ou espectáculos de animais potencialmente perigosos, ou a participación en eles, destinados a mostra-la agresividade dos animais.

2.-Se considerará así mesmo infracción moi grave a reincidencia en infracción grave, entendendo que existe tal reincidencia cando se cometa unha infracción grave do mesmo tipo que a que motivou unha sanción anterior no prazo de trescentos sesenta e cinco días seguintes á notificación desta, requiríndose que a resolución sancionadora adquirise firmeza.

Artigo 36.-Infraccións graves

1.-Constitúen infraccións graves:

a) Non inscribir ós animais no Rexistro de animais potencialmente perigosos.

b) Non lle facilita-los datos do animal agresor á Policía Local.

c) Non lle comunicar ó Concello as incidencias que se produzan no animal agresor durante o período de observación.

d) Non lle facilitar ó Concello o certificado veterinario do período de observación.

e) O maltrato dos animais que lles cause dor ou lesións.

f) Mutilalos sen necesidade ou sen o adecuado control veterinario.

g) A venda ambulante, reiterada, de animais en xeral fóra dos establecementos, feiras e mercados legalmente autorizados.

h) A venda de animais salvaxes en catividade fóra dos establecementos autorizados.

i) O subministro de estimulantes non autorizados ou sustancias que poidan atentar contra a súa saúde, excepto cando sexa por prescrición facultativa.

l) Permitir ou non evitar que o animal orixine unha situación de perigo, riscos ou molestias graves para as persoas.

m) Non levar a cabo a identificación do animal por algún dos sistemas que prevé o regulamento.

n) Non cumpri-las condicións de seguridade previstas para os cans potencialmente perigosos.

ñ) Permiti-la circulación de cans potencialmente perigosos polas vías e lugares de tránsito público sen buceira ou sen iren suxeitos por unha correa ou cadea.

o) Transportar animais potencialmente perigosos con infracción do disposto pola lei.

p) Non vacinar ou non aplica-lo tratamento sanitario obrigatorio dos animais domésticos e dos salvaxes en catividade.

q) Non lle comunicar á Policía Local a agresión dun animal.

r) Non lle comunicar ó Concello as doenzas transmisibles que padeza un animal.

2.-Se considerará así mesmo infracción grave a reincidencia en infracción leve, entendendo que existe tal reincidencia cando se cometa unha infracción leve do mesmo tipo que a que motivou unha sanción anterior no prazo de trescentos sesenta e cinco días seguintes á notificación desta, requiríndose que a resolución sancionadora adquirise firmeza.

Artigo 37.-Infraccións leves

Son infraccións administrativas leves o incumprimento de calquera das obrigas establecidas nesta ordenanza, na Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, e na Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia, non comprendidas nos parágrafos anteriores e cando a competencia para a súa sanción corresponda ó Concello, conforme ó previsto no artigo 20.3 a) do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, e en particular os seguintes:

a) O maltrato dos animais que no lles cause dor.

b) A venda, doazón ou cesión de animais a menores de 14 años ou incapacitados, sen autorización de quen teña a súa patria potestade, tutela ou custodia.

c) La doazón de animais de compaña como premio.

d) No manter ó animal en boas condicións hixiénico-sanitarias.

e) Mantelos en instalacións inadecuadas.

f) No facilitarlle-la alimentación adecuada ás súas necesidades.

g) A utilización de animais en traballos que os inmobilicen, causándolles dor.

h) Exerce-la venta ambulante de animais fóra dos mercados e feiras autorizados.

i) A carencia ou posesión incompleta do arquivo de fichas clínicas dos animais obxecto de tratamento obrigatorio ou vacinación.

l) A posesión dun can non censado conforme ó previsto no artigo 8 desta ordenanza.

m) O sacrificio de animais en lugares públicos.

n) A non recollida inmediata das deposicións evacuadas por un animal de compaña na vía pública.

ñ) As molestias ocasionadas á veciñanza polo incumprimento do establecido no artigo 3 desta ordenanza.

o) A entrada, circulación ou permanencia de animais en locais dedicados á fabricación, venta, almacenamento, transporte ou manipulación de alimentos.

p) Non circular co animal suxeito con correa ou cadea con colar nas vías públicas e fóra dos lugares e horarios establecidos para que podan circular libremente e soltos.

q) O abandono na vía pública de cadáveres de calquera especie animal.

r) A non renovación no prazo dun (1) mes da licencia concedida para a posesión de animais potencialmente perigosos.

s) A non presentación cando lle sexa requirida da licencia do municipio de orixe de animais potencialmente perigosos polos propietarios non aveciñados neste municipio.

Capítulo II.-Sancións

Artigo 38.-Sancións

1.-As infraccións tipificadas no artigo anterior serán sancionadas con multas nas seguintes contías:

a) As leves, de 30,00 a 300,00 euros.

b) As graves, de 301,00 a 2.400,00 euros.

c) As moi graves, de 2.401,00 a 15.000,00 euros.

2.-En todo caso, as infraccións graves e moi graves tipificadas no artigo anterior desta ordenanza, poderán levar aparelladas como sancións accesorias a confiscación, comiso, esterilización ou sacrificio dos animais potencialmente perigosos, a clausura do establecemento e a suspensión temporal ou definitiva da licencia para a posesión de animais potencialmente perigosos ou do certificado de capacitación do adestrador.

3.-Para a clasificación das infraccións e a determinación da contía da sanción teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) A existencia de intencionalidade ou reiteración.

b) A natureza dos prexuízos causados.

c) A reincidencia, derivada da comisión no prazo dun (1) ano de máis dunha infracción da mesma natureza.

d) A capacidade económica do infractor.

e) A transcendencia social da infracción.

4.-A resolución do expediente sancionador poderá impoñe-la sanción non pecuniaria de incautación de animais obxecto de actividades ilegais ou de abandono.

Artigo 39.-Responsable

1.-Considéranse responsables das infraccións os que por acción ou omisión participaran na comisión destas, ó propietario ou posuidor dos animais, ou no seu caso, ó titular do establecemento, local ou medio de transporte no que se produzan os feitos, e neste último suposto, asemade, o encargado do transporte.

Artigo 40.-Procedemento sancionador

1.-O procedemento sancionador aplicable rexerase polo establecido na Lei 50/1999, do 23 de decembro, así como a Lei 30/92, do 26 de novembro, e normas de desenvolvemento.

Artigo 41.-Exercicio da potestade sancionadora

1.-Os órganos competentes para sancionar, de acordo cos artigos 24.2 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia, serán:

a) Por infraccións leves, o alcalde do Concello onde se produza a infracción.

b) Por infraccións graves, o director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.

c) Por infraccións moi graves, o conselleiro do Medio Natural.

2.-A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións tipificadas como leves correspóndelle ó Concello onde se produza a infracción.

Non obstante, o alcalde poñerá en coñecemento de xeito fidedigno, do director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, toda acción ou omisión que poida ser tipificable como infracción grave ou moi grave.

3.-Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, o alcalde poderá proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación dun expediente sancionador.

Disposición adicional única

Quedan excluídos da obriga de obtención de licencia municipal, aqueles exemplares caninos que fosen obxecto de adestramento baixo a supervisión directa da Once e sexan destinados a guía de persoas invidentes.

Disposición final

A presente ordenanza entrará en vigor coa súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia e transcurso do prazo establecido ó artigo 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, continuando en vigor ata a súa derrogación expresa polo Concello.