Índice

Arzúa - REGULAMENTO DO SERVICIO MUNICIPAL DE ABASTECEMENTO DE AUGA POTABLE

Publicación provisional: 08/11/2003 BOP Nº: 257
Publicación definitiva: 26/12/2003 BOP Nº: 295
Aplicable dende: 16/01/2004

CAPÍTULO I.-NORMAS XERAIS

Artigo 1.-Obxecto.

O obxecto do presente regulamento é a regulación do servicio municipal de abastecemento de auga potable do termo municipal de Arzúa.

Para os efectos de simplificación, no presente regulamento denomínase "cliente" a calquera usuario, persoa física ou xurídica, que teña contratado o servicio de augas.

Entenderase por "servicios técnicos" a unidade administrativa que o Concello determina como responsable do servicio, en canto ás tarefas de control, inspección técnica ou calquera outra de policía sobre o servicio e a súa xestión técnica.

Entenderase por "entidade subministradora" quen efectivamente realice o servicio de abastecemento de auga.

Artigo 2.-Forma de xestión e titularidade do servicio.

O servicio de abastecemento de auga potable é de titularidade municipal, sen prexuízo da forma de xestión que se aprobe polo Concello.

O Concello de Arzúa, poderá presta-lo servicio de abastecemento de auga potable mediante calquera das formas previstas en dereito; poderá estructura-lo servicio e dará publicidade da súa organización, sexa cal sexa a forma de prestación elixida, directa ou indirecta, de acordo coa lexislación aplicable de réxime local. Dará credenciais ás persoas a el adscritas, para coñecemento e garantía de tódolos usuarios, reservándose o Concello as competencias que lle confire o artigo 127 e seguintes do Regulamento de servicios das corporacións locais e a Lei de contratos das administracións públicas, do 18 de maio de 1995, ou a lexislación que resulte de aplicación no seu caso.

 

Artigo 3.-Obrigacións da entidade subministradora.

A entidade subministradora estará suxeita ó cumprimento das seguintes obrigacións:

a) Presta-lo servicio a todo cliente e amplialo a aquel que o solicite nos termos establecidos no presente regulamento e outras disposicións aplicables.

b) Mante-las condicións sanitarias e as instalacións de acordo coa normativa vixente aplicable.

c) Manter de forma permanente a dispoñibilidade e regularidade do subministro.

d) Colaborar co cliente na solución das situacións que o subministro poida propoñer.

e) Efectua-la facturación tomando como base as lecturas periódicas dos contadores, e a tarifa legalmente autorizada polo organismo competente.

Artigo 4.-Dereitos da entidade subministradora.

A entidade subministradora ten os seguintes dereitos:

a) Cobramentos dos servicios prestados, tales como, cota de servicio, taxas de conservación, etc., así como da auga consumida polo abonado, ou do mínimo establecido se o consumo non chega ó dito mínimo, ós prezos das tarifas oficialmente aprobadas.

b) Dispoñer dunha retribución económica suficiente cun equilibrio que deberá manterse en todo caso. Cando o anterior equilibrio non poida producirse, terá dereito a solicitar do Concello a adopción das medidas sinaladas no art. 127 do RSCL.

Artigo 5.-Obrigacións do cliente.

O cliente estará suxeito ás seguintes obrigacións:

a) Satisfacer puntualmente o importe do servicio de auga de acordo co previsto neste regulamento, e conforme as tarifas e taxas vixentes.

b) Paga-las cantidades resultantes de liquidacións por erro, fraude ou avaría imputables ó cliente.

c) Usa-la auga subministrada na forma e usos establecidos na póliza.

d) Absterse de establecer ou permitir derivacións na súa instalación para subministro de auga a outros locais ou vivendas ós consignados na póliza.

Facilita-la entrada ó local no que se realice o subministro nas horas hábiles ou de normal relación co exterior, ó persoal do servicio que, exhibindo a acreditación pertinente, trata de instala-los elementos precisos e inspecciona-las instalacións.

f) Respecta-los precintos colocados pola entidade subministradora ou polos organismos competentes da Administración.

g) Cumpri-las condicións e obrigacións contidas no contrato ou póliza.

h) Comunicar á entidade subministradora calquera modificación na domiciliación do recibo

i) Comunicar á entidade subministradora as modificacións na instalación interior, que representen consumos significativos polo seu volume.

j) Prever e dota-las instalación de grupos de elevación de presión e depósitos de acordo co establecido neste regulamento e demais Disposicións aplicables.

Artigo 6.-Dereitos do cliente.

O cliente do servicio gozará dos seguintes dereitos:

a) Dispoñer da auga nas condicións hixiénico-sanitarias axeitadas de conformidade coa normativa legal aplicable.

b) Dispoñer de condicións técnicas de presión que, de acordo coas instalación da vivenda, industria ou outros, sexan axeitadas e conformes coa normativa legal aplicable.

c) Solicitar á entidade subministradora as aclaracións, informacións e asesoramento necesarios sobre o servicio.

d) A que se lle facturen os consumos de acordo coas tarifas vixentes.

e) Subscribir un contrato ou póliza de subministro, suxeito ás garantías da normativa establecida.

f) Formula-las reclamacións administrativas que considere convenientes de acordo co procedemento establecido neste regulamento

 

CAPÍTULO III.-INSTALACIÓNS DO ABASTECEMENTO DE AUGA

Artigo 7.-Elementos materiais do servicio.

Son elementos do servicio de abastecemento de auga potable, tódolos incluídos na rede xeral que se compón de rede de alta, rede de baixa e acometidas.

a) Rede de alta: Comprende as obras hidráulicas de captación, elevacións, estación de tratamento, depósitos de almacenamento, de cabeceira, cola e reguladoras, edificios, dispositivos electromecánicos, tubos e conduccións mestras, sistemas de regulación e control, etc., e demais elementos que dispoña a rede de alta.

b) Rede de baixa: Comprende a rede de distribución necesaria para o abastecemento da poboación. Está composta de tubos, arquetas, pezas especiais, bocas de rego e incendio, etc., con características que se axustarán ó indicado na normativa que lle sexa de aplicación.

b.1) Rede de distribución primaria: Son aqueles tubos da rede de distribución que enlazan diferentes sectores da zona abastecida, sen que nela poidan realizarse acometidas.

b.2) Rede de distribución secundaria: Son aquelas conduccións da rede de baixa que discorren ó longo dunha vía pública ou propiedade privada, previa constitución da oportuna servidume, sobre as que se derivarán no seu caso, as acometidas para os subministros, bocas de rego ou calquera outra permitida, para subministrar un caudal puntual necesario e suficiente.

c) Acometida. Enténdese por acometida o ramal que partindo do tubo de distribución secundaria máis próxima conduza a auga ó pé do edificio ou límite de parcela que se desexe abastecer. Estará formada por un tubo único de características axeitos ó volume de auga a subministrar. Disporá como mínimo de chave de corte externa en vía pública, en arqueta axeitada, fronte ó inmoble correspondente e o máis próxima posible a el.

A acometida responderá ós esquemas básicos que se achega como anexo a este regulamento (esquemas números 1 e 2), e constará dos seguintes elementos:

a) Dispositivo de toma: atópase colocada sobre o tubo da rede de distribución e abre o paso da acometida.

b) Ramal: é o tramo de tubo que une o dispositivo de toma coa chave de rexistro

c) Chave de rexistro: estará situada ó final do ramal de acometida na vía pública e xunto o inmoble ou límite da propiedade. Constitúe o elemento diferenciador entre a entidade subministradora e o abonado, no que respecta á reparación da acometida.

O elemento que delimita a competencia para reparación das acometidas, é a chave de rexistro, sendo competencia da entidade subministradora repara-la acometida dende a rede xeral ata a chave de rexistro e competencia do abonado a súa reparación a partir desta.

 

CAPÍTULO IV.-ACOMETIDAS

Artigo 8.-Solicitude.

A solicitude de acometidas ás redes de distribución de auga potable deberá presentarse de forma independente, para cada terreo que legal ou fisicamente constitúa unha unidade de edificación, debendo cada unha delas satisfacer por separado as condicións previstas neste regulamento.

Consideraranse unidades de edificación independentes os edificios de un só portal, ou cada un dos portais no caso de que existan varios nun mesmo edificio. No caso de que un mesmo edificio ou construcción teña máis de un acceso, a entidade subministradora poderá decidi-la conveniencia de realizar unha única acometida e o seu lugar de emprazamento.

Os locais que estean situados nas plantas inferiores da unidade independente de edificación, aínda cando non tivesen acceso común, deberán abastecerse da correspondente Batería Xeral de Contadores do inmoble, que todo inmoble debe posuír.

Naqueles casos nos que, a xuízo da entidade subministradora ou como aplicación da normativa correspondente, o titular do uso dun local comercial ou industrial de planta baixa dun inmoble, poderá solicitar acometidas independentes.

Artigo 9.-Tramitación de solicitudes.

A petición farase en impreso normalizado que facilitará o prestador da entidade subministradora. Na solicitude farase constar como mínimo o nome do solicitante ou a súa razón social, o enderezo, ou nome do futuro abonado, domicilio do subministro, carácter deste, uso a que se destinará a auga, caudal necesario ou as bases para fixalo de acordo coa normativa vixente, e enderezo e teléfono para notificación.

Á solicitude acompañarase plano de situación, de cartografía municipal a escala axeitada.

Artigo 10.-Solicitude de acometidas.

A solicitude de acometida á rede municipal de abastecemento de auga potable, non será tramitada pola entidade subministradora ó concello, se non se cumpren as causas ou circunstancias seguintes:

1.-Que o inmoble a abastecer non estea situado na área de cobertura do abastecemento.

2.-Que o inmoble que se pretende abastecer non conte con instalacións interiores adecuadas, ou ben as existentes non se axusten ás normas do presente regulamento, nin á normativa técnica aplicable.

3.-Que o inmoble a abastecer non dispoña de acometida para verquidos de augas residuais e pluviais, ou non teña resolto o sistema de evacuación destas.

4.-Por falta de presentación de calquera dos documentos esixidos, ata que os obteña o presente.

5.-Cando algunha parte das instalacións xerais debe discorrer por propiedade de terceiros, sen que se acredite a constitución da servidume de paso, inscrita no Rexistro da Propiedade ou non se adquira a franxa de terreo afectada.

6.-Cando a presión no punto de acometida de abastecemento sexa insuficiente para un correcto servicio, e non se instalaran, a cargo do cliente, o grupo de elevación e alxibe correspondentes.

7.-Cando a presión no punto de acometida de abastecemento sexa excesiva para un correcto servicio, e non se instalaran, a cargo do cliente, as medidas de reducción de presión axeitadas.

Artigo 11.-Aprobación e denegación de acometidas.

A aprobación ou denegación de toda acometida para subministro de auga potable, ou a ampliación desta, corresponderalle ó Concello, nas condicións por el establecidas e que resulten da aplicación da normativa vixente, previo informe da entidade subministradora, e dos servicios técnicos municipais.

Artigo 12.-Determinación e execución.

A entidade subministradora, informará sobre as características técnicas, que reunirán as acometidas, realizando as que previamente autorice o Concello e nas condicións establecidas por este.

A execución das acometidas, será competencia da entidade subministradora, quen realizará os traballos e instalacións correspondentes a cargo do peticionario, xa sexa este o usuario do servicio, o constructor do inmoble ou o propietario do terreo, quedando de propiedade municipal o ramal instalado.

Asemade, o servicio indicará as modificacións que na rede existente deban efectuarse e que tamén satisfará o peticionario, previa conformidade do Concello.

A entidade subministradora confeccionará o presuposto para a execución das obras de acometida conforme ó cadro único de prezos vixente e aprobado polo Concello. O dito presuposto terá carácter definitivo, debendo adaptarse a cada caso concreto, previa comprobación de medicións. Non terá carácter definitivo nos supostos de que non se aplicasen os prezos aprobados ou incorrese a entidade subministradora en falsidade ou fraude ou erro na confección destes.

Por este motivo a entidade subministradora, presentará antes do 30 de setembro de cada ano, o cadro de prezos que se aplicará durante o seguinte ano, para os efectos de poder ser aprobado polo Concello antes do 31 de decembro.

O cadro de prezos a aplicar será o vixente no momento de formularse a solicitude de acometida.

As acometidas á rede de abastecemento que se realicen pola entidade subministradora, para os novos clientes, serán a cargo deste que os aboará á entidade subministradora, toda vez que fose aprobado polo Concello a execución desta e previo á súa realización.

A acometida será realizada pola entidade subministradora no prazo máximo dun (1) mes, a partir da notificación da autorización municipal.

Artigo 13.-Posta en carga da acometida.

Realizada a acometida, a entidade subministradora porá en carga ata a chave de rexistro, que non poderá ser manipulada ata despois da formalización do correspondente contrato de subministro, que en todo caso non poderá formalizarse ata comproba-lo correcto estado das instalacións interiores do edificio.

Pasado un ano dende o inicio do subministro sen que se formulara reclamación sobre a realización da acometida, entenderase que o propietario do terreo está conforme coa súa instalación.

Artigo 14.-Acometidas de incendios.

Instalaranse acometidas independentes para alimentar exclusivamente ós sistemas de protección contra incendios nos terreos onde os propietarios o soliciten, podendo o cliente utiliza-las bocas de incendio en beneficio de terceiros.

A conexión á rede pública de abastecemento das acometidas para sistemas contra incendios requirirá a firma de un contrato específico entre a entidade subministradora e o cliente, dando conta a entidade subministradora destes contratos ó servicio de extinción de incendios.

Dito contrato terá a mesma tramitación e carácter que os de subministro ordinario e estará, polo tanto, suxeito ás mesmas prescricións reguladas por aqueles. A utilización das acometidas de incendios quedará restrinxida ás persoas autorizadas directamente polo cliente que as solicitara, a entidade subministradora e ós servicios públicos destinados á extinción de incendios.

Efectuada a instalación, as bocas de incendio serán precintadas polo persoal da entidade subministradora, quen o comunicará ó servicio de extinción de incendios, entendéndose que foron utilizadas cando desapareza o precinto.

Nestas bocas de incendios, que terán as chaves precintadas, non poderá o cliente rompe-lo precinto mais que nos casos de incendio, debendo darse aviso á entidade subministradora no prazo de vintecatro horas seguintes ó suceso. Nos casos en que os empregados do servicio atoparan roto o precinto, sen lexítimo motivo, porase o feito en coñecemento da Delegación de Industria a que resolverá o que proceda, sen prexuízo do expediente sobre defraudación que deba segui-la corporación municipal.

As redes interiores de incendio realizaranse sempre mediante acometida á rede, e independente das restantes existentes no terreo no que se instala, e non poderá ser conectada derivación ningunha para outros usos. Levarán sistema de medición, que permita o control do uso axeitado da auga, sen que entre en contradicción da normativa de protección contra incendios aplicable.

Artigo 15.-Conservación de acometidas.

O manexo, reparación e cambio das acometidas serán sempre competencia exclusiva da entidade subministradora quen realizará os traballos correspondentes a cargo do peticionario; xa sexa este o usuario, o propietario ou o constructor do inmoble. Pode establecerse unha taxa de conservación de acometidas quedando a definir na correspondente ordenanza. Neste caso, os traballos correspondentes á conservación serán por conta da entidade subministradora, de acordo co cadro de prezos que se aprobe.

Artigo 16.-Ampliación de acometidas.

No caso que un terreo aumentase, despois de realizada a acometida, o número de servicios, ou ampliase o número de vivendas, e as acometidas existentes fosen insuficientes para unha normal satisfacción das novas necesidades, solicitarase á entidade subministradora a substitución da acometida por outra axeitada. Os gastos que teñan que facerse en virtude da demanda serán por conta do cliente.

Artigo 17.-Acometida en desuso.

Finalizados ou rescindidos os contratos de subministros, o ramal de acometida queda a libre disposición do seu propietario, pero se este, dentro dos 20 días seguintes non comunica fidedignamente á entidade subministradora a súa intención de que se retire da vía pública, consignado para tal efecto na caixa da entidade subministradora o importe dos gastos que ocasione a citada operación, entenderase que se desinteresa do ramal de acometida en desuso, podendo a entidade subministradora tomar, respecto a este, as medidas que considere oportunas, de conformidade co Concello.

Artigo 18.-Pequenas ampliacións e melloras da rede.

Para os efectos de aplicación deste regulamento, considerase a necesidade de realizar pequenas ampliacións da rede de abastecemento existente, nos seguintes casos:

- Cando existan redes de distribución secundaria de auga en vía pública colindante co inmoble e o novo enganche representa unha caída de presión ou caudal apreciable no abastecemento.

- Cando a distancia ata o punto de conexión sexa superior a 10 m.

- Cando non exista rede na marxe do inmoble.

Nos viais de solo urbano con servicio defectuoso, deficiente ou incompleto que non permita satisfacer un subministro adecuado por chegar a esa situación se aumentara o consumo por novas peticións de acometida, procederá a redacción e aprobación municipal do correspondente proxecto de obras de urbanización que faga posible un subministro adecuado en caudal e presión regulares. O Concello deberá coordina-la implantación e mellora do abastecemento con outros servicios urbanísticos a efectuar na mesma vía, especialmente pavimentacións e encintados de beirarrúas baixo as cales teñan que implantarse, co fin de evitar levantamentos, roturas e reposicións de pavimentos innecesarios.

Cando para a execución dunha acometida sexa necesario efectuar unha prolongación da rede xeral, correrán por conta do solicitante a totalidade dos gastos que se orixinen con motivo da dita ampliación, e farase constar no presuposto que se confeccione para tal efecto, pasando a propiedade municipal ó finaliza-la execución desta.

As obras de ampliación a que se refire o apartado anterior executaranse con carácter xeral pola entidade subministradora e, podendo realizarse por contratista, suficientemente cualificado se ben e en todo caso este non poderá realiza-lo entronque na rede de distribución.

A dirección, vixilancia e inspección destas ampliacións da rede efectuarase directamente pola entidade subministradora, que fixará, asemade, as condicións e especificación técnicas e sanitarias que deberán ser observadas na súa execución, previo informe favorable dos servicios técnicos municipais.

As prolongacións das redes deberán discorrer, con carácter xeral, por terreos de dominio público. En aquelas partes de rede que se empracen excepcionalmente en terreos privados, os propietarios dos terreos afectados polo paso do tubo poñerán a disposición do Concello unha franxa de tres metros de ancho ó longo do percorrido da rede, sen que poidan obstaculizar, por ningún medio, o acceso do persoal ou maquinaria para reparación e inspeccións.

Nos casos en que o solicitante da prolongación da rede non fose propietario dos terreos por onde teña que discorre-la instalación, e non existise outra alternativa, aquel poderá convir co propietario a adquisición do terreo necesario ou constituír unha servidume de acueducto para o establecemento ou prolongación da rede, inscribíndoa no Rexistro da Propiedade.

Dada a propiedade municipal das ampliacións de rede, a entidade subministradora terá plena liberdade para conectar a estas instalacións as acometidas existentes na zona ampliada.

Artigo 19.-Urbanizacións e unidades de execución.

As instalacións das redes de abastecemento propias de urbanizacións, novas rúas ou unidades de execución, serán executadas a cargo do promotor, conforme ó correspondente proxecto técnico necesariamente aprobado polo Concello, podendo, a través dos seus servicios técnicos, solicitar á entidade subministradora cantos informes consideren oportunos.

Para os efectos deste regulamento, entenderase por urbanizacións e unidades de execución aqueles terreos sobre os que a actuación urbanística esixa a creación, modificación ou ampliación de infraestructura viaria e de servicios, tanto se as obras se realizan para conexión entre as distintas parcelas ou solares nos que se divida o terreo, como se se executan para uni-la urbanización ou polígono con outra zona xa urbanizada e con servicios.

O permiso de acometida de subministro para o polígono ou urbanización, así como para os solares e inmobles emprazados nel, estará supeditado a que previamente se acredite o cumprimento das condicións seguintes:

- Os esquemas das redes interiores de distribución, así como as demais instalacións relacionadas, deberán ser proxectadas por técnico competente e aprobadas polo Concello, debendo ser executadas por conta do promotor ou propietario da urbanización ou polígono, e cumprindo as normas técnicas municipais e demais aplicables.

- As obras e instalacións previstas no proxecto aprobado, así como as modificación que, convenientemente autorizadas polo Concello sexan introducidas posteriormente, as executarán igualmente por conta do promotor ou propietario, e sempre baixo a dirección dun técnico destes últimos. As obras poderán ser realizadas por empresa constructora coa correspondente clasificación empresarial.

- A entidade subministradora, coa conformidade dos servicios técnicos municipais ou a requirimento destes, poderá esixir, tanto durante o desenvolvemento das obras como na súa recepción ou posta en servicio, as probas e ensaios que estime convenientes, co fin de garanti-la idoneidade de execución e o cumprimento das especificacións de calidade que afecten ós materiais previstos no proxecto, sendo os gastos derivados de tales probas a cargo do promotor ou propietario da urbanización.

O enlace das redes interiores coas conduccións exteriores que forman a rede pública xestionada pola entidade subministradora, así como as modificacións ou eventuais reforzos a estas que se efectuasen nelas, como consecuencias das novas demandas impostas pola urbanización, quedarán perfectamente delimitadas no proxecto previo e executaranse a cargo do promotor ou propietario da urbanización.

Unha vez finalizadas as instalacións serán verificadas polos servicios técnicos municipais ou pola entidade subministradora. Na inspección a realiza-la entidade subministradora, esta comprobará que as instalacións se axusten á regulamentación técnica e sanitaria vixente e se os encontra conformes a estes, informará os servicios técnicos municipais no que lle afecte á rede de abastecemento para a aceptación da propiedade das instalacións, as súas servidumes de paso e usos da urbanización que pasen a dominio público, asumindo a xestión e mantemento dos servicios de abastecemento, unha vez que lle sexa ordenado polo Concello.

 

CAPÍTULO V.-INSTALACIÓNS INTERIORES

Artigo 20.-Execución das instalacións.

A instalación interior, con excepción da colocación do contador, será realizada por instalador autorizado polo organismo que corresponda, e haberá de executarse cumprindo as normas para as instalacións interiores de subministro de auga, aprobadas por orde do Ministerio de Industria, de 9 de decembro de 1975, ou as vixentes no momento da contratación, con especial previsión das continxencias da variación de presión da rede de distribución.

De acordo con estas o propietario ou cliente atravesará o muro de cerramento do edificio de tal modo que o tubo quede solto e lle permita a libre dilatación, se ben deberá ser rexuntado de forma que á vez o edifico quede impermeabilizado, sen que polo tanto en caso de fuga a auga pode prexudicar ó inmoble e danar xéneros ou aparatos situados no interior, sen ningún tipo de responsabilidade da entidade subministradora.

No inicio da instalación interior do edificio ou propiedade, disporase de chave de corte rexistrable, para peche de paso de auga en caso necesario.

Os grupos de presión tomarán a auga dende un depósito auxiliar de almacenamento e nunca directamente da rede. Estes terán capacidade axeitada para o consumo, e manteranse polo cliente nas correctas condicións hixiénico-sanitarias.

Artigo 21.-Inspección da instalación.

A instalación interior efectuada polo propietario e/ou cliente estará sometida á comprobación do servicio e á superior dos organismos competentes da Administración, a fin de constatar se foi executada segundo as normas e cumpre as prescricións deste regulamento e de outras disposicións aplicables.

De non axustarse a instalación interior ós preceptos indicados, a entidade subministradora non realizará o subministro, e informará do feito ós organismos competentes para que resolvan o que sexa necesario.

Artigo 22.-Materiais de instalación.

Non se imporá ó abonado a obrigación de adquiri-lo material para a súa instalación interior nin nos almacenes do servicio nin en ningún outro determinado, e só se lle esixirá que o material se axuste ó que dispoñan as normas básicas para as instalacións interiores para o subministro de auga vixentes no momento da contratación.

Artigo 23.-Prohibición de mesturar auga de diferentes procedencias.

As instalacións correspondentes a cada póliza non poderán ser empalmadas a unha rede, tubo ou distribución doutra procedencia. Tampouco poderá empalmarse ningunha instalación procedente doutra póliza de abono, nin mestura-la auga dos servicios con calquera outro. O abonado instalará os dispositivos regulamentarios para impedi-los retornos accidentais cara á rede.

Nos casos tecnicamente xustificados, cando as instalacións industrias precisen de subministros propios, distribuídos conxuntamente coa auga procedente do servicio, poderá autorizarse a conexión sempre que:

a) A auga non se destine a consumo humano.

b) Se adopten medidas tecnicamente suficientes, segundo criterio da entidade subministradora, previa conformidade dos servicios técnicos municipais, para evitar retornos de auga cara á rede pública.

 

CAPÍTULO VI.-CONTADORES

Artigo 24.-Control de consumos.

A medición dos consumos que servirán de base para a facturación de todo subministro realizarase por contador, propiedade do cliente, que é o único medio que dará fe da contabilización do consumo, sen prexuízo do establecido para cada caso polas Normas Básicas para instalacións interiores de subministro de auga.

Como norma xeral, a medición de consumos efectuarase mediante:

Contador único: cando no inmoble ou terreo só exista unha vivenda ou local, en subministros provisionais para obras, en polígonos en proceso de execución de obras, e en tanto non sexan recibidas as súas redes de distribución interior.

Batería de contadores divisionarios: cando exista mais dunha vivenda ou local, será obrigado instalar un aparato de medida para cada unha delas e os necesarios para os servicios comúns.

Toda vivenda unifamiliar ou local comercial independentemente de que sexa destinado a actividades industriais, ó exercicio profesional ou a prestación de calquera servicio disporá dun contador individual que será propiedade do cliente.

Os edificios en que fose necesario instalar grupos de elevación de auga, deberán dispoñer dun contador xeral para control de consumos. Este contador xeral de referencia estará instalado en cabeceira de acometida ó depósito comunitario, e na póliza correspondente a esta acometida figurará como abonado a comunidade de usuarios.

En caso de que unha comunidade de usuarios tivese instalados contadores individuais a facturación levarase a cabo polos importes correspondentes a cada contador individual. Nembargantes, cando o consumo do contador xeral fose maior que a suma das medidas dos contadores individuais, a diferencia facturarase á comunidade de usuarios.

O abonado vén obrigado a dispoñer dunha protección para que no caso dunha fuga a través do contador esta teña unha saída natural ó exterior, sen que poida causar danos ó inmoble, nin a nada do contido nel.

Artigo 25.-Contador único.

Instalarase, en posición horizontal, xunto coas súas chaves de protección e manobra nun armario, homologado pola entidade subministradora, exclusivamente destinado a este fin, emprazada na planta baixa do inmoble, xunto ó portal de entrada e encaixado no muro de fachada ou cerramento da propiedade que se pretende abastecer e, en calquera caso, con acceso directo desde a vía pública.

Excepcionalmente, previo informe favorable dos servicios técnicos municipais, e no caso debidamente xustificado, poderá instalarse o contador único e as súas chaves de manobra nunha cámara baixo o nivel do chan, que terá acceso directo dende a rúa e situado o máis próximo posible á fachada ou cerramento da propiedade.

O armario ou a cámara de aloxamento do contador, estará perfectamente impermeabilizado e disporá de desaugue directo ó sumidoiro, capaz de evacua-lo caudal máximo de auga que aporte a acometida na que se instale. Asemade, estarán dotados dunha porta e pechadura homologados pola entidade subministradora.

Artigo 26.-Batería de contadores divisionarios.

As baterías de contadores divisionarios, instalaranse nos locais ou armarios única e exclusivamente destinado a este fin, emprazados na planta baixa do inmoble, en zona de uso común, con acceso directo dende portal de entrada.

As baterías para centralización de contadores responderán a tipos e modelos oficialmente aprobados e homologados, tendo en conta que tódolos contadores deberán situarse en posición horizontal.

Na orixe de cada montante e no punto de conexión deste coa batería de contadores divisionarios, instalarase unha válvula de retención, que impida retorno de auga á rede de distribución.

Condicións de locais. Os locais para baterías de contadores terán unha altura mínima de 2,10 m., e as súas dimensións en planta serán tales que permitan un espacio libre a cada lado da batería ou baterías de 0,60 m., e outro de 1,20 m diante da batería, unha vez medida cos seus contadores e chaves de manobras.

As paredes, teito e chan destes locais estarán impermeabilizados, de forma que se impida a formación de humidade en locais contiguos.

Disporán dun sumidoiro, con capacidade de desaugue equivalente ó caudal máximo que poida aportar calquera das conduccións derivadas da batería, en caso de saída libre da auga.

Estarán dotados de iluminación artificial, que asegure un mínimo de 100 lux. nun plano situado a un metro sobre o chan.

A porta de acceso terá unhas dimensións mínimas de 0,80 m. por 2,05 m, abrirá cara ó exterior do local e estará construída con materiais inalterables pola humidade e dotada con pechadura normalizada pola entidade subministradora.

Condicións dos armarios. No caso de que as baterías de contadores se aloxen en armarios, as dimensións destes serán tales que permitan un espacio libre a cada lado da batería ou baterías de 0,50 m. e outro de 0,20 m., entre a cara interior da porta e os elementos mais próximos a ela.

Cumprirán igualmente as restantes condicións que se esixen ós locais, se ben, os armarios terán unhas portas con dimensións tales que, unha vez abertas, presenten un oco que abarque a totalidade das baterías e os seus elementos de medición e manobra.

Os armarios estarán situados de tal xeito que ante eles e en toda a súa lonxitude, exista un espacio libre dun metro.

Xa se trate de locais ou de armarios, en lugar destacado e de forma visible, instalarase un cadro ou esquema en que, de forma indeleble, queden debidamente sinalizados os distintos montantes e saídas de baterías e a súa correspondencia coas vivendas e/ou locais.

Artigo 27.-Tipo de contadores.

Os contadores serán sempre de modelo oficialmente homologado e debidamente verificado con resultado favorable, e deberán ser precintados polo organismo da Administración responsable da dita verificación.

A selección do tipo de contador, a súa clase (polo menos clase B), o seu diámetro, e emprazamentos, determinaranse polo prestador do servicio, de acordo coas normas básicas para as instalacións interiores de subministro de auga, vixentes no momento da contratación, segundo o tipo de domicilio a subministrar, ou en relación ó caudal punta horario previsto en subministros especiais.

No caso de que o consumo real non se corresponda co contratado e non gardase a debida relación co que corresponde ó rendemento normal do contador, este deberá ser substituído por outro de diámetro axeitado, quedando, obrigado o cliente a satisface-los gastos ocasionados.

Artigo 28.-Instalación do contador.

Non se instalará contador ningún, ata que o usuario do servicio subscriba a póliza de cliente correspondente.

A colocación e instalación de contadores realizarase exclusivamente pola entidade subministradora, correndo os gastos a conta do cliente. O custo de instalación quedará determinado polo correspondente cadro de prezos.

A entidade subministradora manterá unhas existencias de contadores, axeitadas ás necesidades e caudais do subministro, para a súa venda ós clientes que o soliciten. A venda dos ditos contadores realizarase de conformidade co cadro único de prezos vixente e aprobado polo Concello.

O contador na súa unión coa instalación será precintada pola entidade subministradora, non podendo ser manipulado mais que por persoal desta.

Artigo 29.-Verificación e conservación dos contadores.

Será obriga do cliente, a custodia do contador ou aparato de medida, así como observar e manter este en perfecto estado, sendo extensible esa obriga, tanto ós precintos do contador, como ás etiquetas daquel. A responsabilidade que se derive do incumprimento desta obriga, recaerá directamente sobre o cliente titular do subministro.

Unha vez instalados, aínda sendo propiedade do cliente, non poderá ser manipulado máis que polos empregados do servicio, e para estes efectos será debidamente precintado cantas veces se proceda á súa colocación.

O cliente terá a obriga de facilitar ós representantes e operarios do servicio o acceso ó contador, sempre e cando presenten a correspondente acreditación do servicio.

O mantemento dos contadores, será realizado pola entidade subministradora e a conta e cargo dos usuarios. A entidade subministradora facturará ós usuarios o importe das substitucións de contador e demais operacións necesarias, de acordo co cadro de prezos unitario aprobado polo Concello e vixente en cada momento.

Pode establecerse unha taxa de conservación quedando a definir na correspondente ordenanza.

Considerarase conservación e mantemento de contadores, a súa vixilancia, reparación e cambio, incluído montaxe e desmontaxe no seu emprazamento actual, sempre que as avarías ou anomalías observadas sexan imputables ó uso normal do aparato. Quedan excluídas desta obriga as avarías debidas a manipulación indebida, abuso de utilización, catástrofe e xeadas.

Artigo 30.-Renovación periódica de contadores.

Establécese, para os efectos deste regulamento, que a vida útil máxima dun contador é de quince anos.

Transcorrido este tempo deberá ser substituído a cargo da entidade subministradora no caso de existencia de taxa de conservación do contador.

Artigo 31.-Desmontaxe de contadores.

A conexión e desconexión do contador ou aparato de medida sempre será realizada pola entidade subministradora, quen poderá precinta-la instalación deste, sendo a única autorizada para o seu desprecintado por motivos derivados da explotación.

Os contadores ou aparatos de medida, poderán desmontarse por calquera das seguintes causas:

1.-Por extinción do contrato de subministro.

2.-Por avaría do aparato de medida aínda cando non exista reclamación previa do cliente.

3.-Por renovación periódica, en función de canto para tal efecto se establece neste regulamento, salvo que exista reclamación previa do cliente.

4.-Por alteración do réxime de consumos, en tal medida que desborde, por exceso ou por defecto, a capacidade teórica do aparato instalado.

Artigo 32.-Liquidación por verificación.

En caso de que un abonado estime que o volume de auga consumido na súa instalación non corresponda ó rexistrado polo seu contador, poderá solicita-la súa revisión á entidade subministradora. O abonado deberá depositar para tal efecto as tarifas de verificación e os gastos correspondentes, os cales serán aprobados na correspondente ordenanza municipal.

A entidade subministradora deberá desmonta-lo contador e este remitirase á Delegación de Industria ou a un laboratorio homologado oficialmente. A entidade subministradora poderá substituír inmediatamente o contador que deba ser verificado por outro novo e correctamente homologado.

Se se probara que o funcionamento do contador é correcto, o cliente perderá a fianza de verificación depositada. Se o funcionamento do contador fose incorrecto, devolverase ó abonado a cantidade depositada como fianza, resultando os gastos de verificación a cargo da entidade subministradora.

As tolerancias para verificación de contadores serán as que se fixe, en cada caso, o Centro Nacional de Metroloxía ou Organismo equivalente.

En caso de verificación dun funcionamento incorrecto, e exclusivamente para aqueles casos nos que o propoñente sexa o cliente, a entidade subministradora procederá a reface-las liquidacións por consumo de auga, corrixidas nas porcentaxes de desviación detectadas, correspondentes ós seis meses anteriores ó momento da petición de verificación polo abonado.

Artigo 33.-Cambio de emprazamento.

A instalación que servirá de base para a colocación dos contadores ou aparatos de medida, deberá ser realizada por instalador autorizado, por conta e a cargo do titular do inmoble, e no lugar que cumpra as condicións regulamentarias.

Calquera modificación do emprazamento do contador ou aparato de medida, dentro do recinto ou propiedade co subministro ó que estea adscrito, sempre serán a cargo da parte coa instancia que se levara a cabo aquela. Nembargantes, será sempre a cargo do cliente, toda modificación no emprazamento do contador ocasionada por calquera dos seguintes motivos:

a) Por obras de reformas efectuadas polo cliente con posterioridade á instalación do contador e que dificulten a súa lectura, revisión ou facilidade de substitución

b) Cando a instalación do contador non responda ás esixencias deste regulamento, e se produza un cambio na titularidade do subministro.

 

CAPÍTULO VII.-CONDICIÓNS DO SUBMINISTRO DE AUGA

Artigo 34.-Carácter do subministro.

En función do uso que se faga da auga, o carácter do subministro tipificarase en: usos domésticos e outros usos.

Artigo 35.-Subministros para usos domésticos.

Son aqueles nos que a auga se utiliza exclusivamente para atende-las necesidades ordinarias da vida.

Artigo 36.-Subministros para outros usos.

Serán todos aqueles nos que a auga non se utilice para os fins expostos no apartado anterior.

En función do carácter do suxeito contratante do subministro, este tipificarase en:

1.-Subministros para usos comerciais: Consideraranse como tales todos aqueles subministros nos que a auga constitúa un elemento indirecto e non básico nunha actividade profesional, comercial, fabril ou industrial.

2.-Subministros para usos industriais: Entenderanse como tales todos aqueles subministros nos que a auga constitúa un elemento directo e básico, ou imprescindible, na actividade industrial.

3.-Subministros ós servicios municipais: Tódolos subministros de carácter municipal serán gratuítos realizándose a ser posible mediante contador.

Para estes efectos a entidade subministradora poderá propoñe-las orientacións precisas para evitar consumos abusivos e lograr un maior aproveitamento dos caudais.

Para estes efectos, entenderanse como servicios municipais os subministros prestados ó Concello, sen que este perciba polo destino a que se dediquen ningunha contraprestación económica.

4.-Subministros obra: Serán aqueles, cando o cliente se dispoña a efectuar calquera tipo de edificación e contrate a auga con destino a ela.

5.-Subministros agrícolas e gandeiros: o subministro agrícola e gandeiro é o destinado ó rego para a obtención de productos agrícolas, (estando comprendidas neste uso as explotacións industriais de floricultura) ou para satisface-las necesidades do gando comprendido nunha explotación familiar.

Se se solicita expresamente este uso, facturarase como tarifa industrial.

6.-As instalacións contra incendios no interior de edificacións, calquera que sexa o destino ou uso destas, requirirán o establecemento dun subministro de auga para este uso exclusivo e o cumprimento, a tódolos efectos, das condicións que este regulamento prescribe para as instalacións destinadas ó abastecemento ordinario.

A conexión á rede pública de distribución dun subministro contra incendios, requirirá a formalización previa do contrato de subministro correspondente entre a entidade subministradora e o cliente.

7.-Subministros para outros usuarios: Consideraranse como tales, aqueles non enumerados nos demais grupos deste mesmo apartado, tales como: clientes circunstanciais ou esporádicos por razón de feiras, etc; concertos de subministro por aforo para un fin específico; convenios a tanto alzado, etc.

CAPÍTULO VIII.-CONTRATACIÓN DO SUBMINISTRO

Artigo 37.-Obxecto e alcance do contrato.

Os contratos de subministro formalizaranse para cada vivenda, piso, local, industria ou obra que constitúa unha unidade independente.

Cada subministro quedará adscrito ós fins para os que se concedeu, non podendo dedicalo a outros fins ou modifica-lo seu alcance, para o que, en calquera caso, será necesaria unha nova solicitude e, no seu caso, o contrato conseguinte.

Artigo 38.-Suxeitos do contrato.

Os contratos de subministros formalizaranse entre a entidade subministradora e o titular do dereito de uso do terreo, local ou industria a abastecer, ou por quen o represente.

Artigo 39.-Duración da póliza.

Os contratos consideraranse estipulados polo prazo fixado na póliza, e enténdense tacitamente prorrogados polo mesmo período, a menos que unha das partes, cun mes de antelación, avise de forma expresa e por escrito á outra parte do desexo de dalo por finalizado. Nembargantes, se dentro do primeiro ano contado dende o inicio do subministro, o cliente, por calquera causa, dese por finalizado o contrato, correrán o seu cargo os gastos causados pola retirada do contador.

Artigo 40.-Pluralidade de pólizas nun inmoble.

Estenderase unha póliza de abono por cada vivenda, local ou dependencia independentes, aínda que pertenzan ó mesmo propietario ou arrendatario e sexan contiguas.

No caso de sistemas conxuntos de calefacción ou auga quente, dispositivos para rego de xardíns, etc, deberá subscribirse unha póliza xeral de abono, independente das restantes do inmoble, a nome da propiedade ou comunidade de propietarios.

Cando unha sola póliza de abono xeral corresponde a todo o inmoble, sen existencia de pólizas individuais para vivenda, local ou dependencia, aplicaranse sobre esta póliza xeral tantas cotas de servicio e/ou mínimos como vivendas, locais ou dependencias que, susceptibles de abono, se sirvan mediante o subministro xeral, e á tarifa mais elevada que corresponde.

Esta modalidade de contratación será unha excepción, que incluirá a aqueles clientes existentes no momento da entrada en vigor deste regulamento.

Artigo 41.-Subscrición de póliza.

Non se levará a cabo ningún subministro sen que o usuario teña subscrito co prestador do servicio a correspondente póliza de abono u contrato de subministro. Unha vez concedido o subministro, este non será efectivo ata que o cliente non faga efectivos os traballos de conexión, fianza e dereitos establecidos na ordenanza fiscal.

A solicitude de subministro, o peticionario acompañará a documentación seguinte:

- Boletín de instalador, visado pola Delegación Provincial competente en materia de industria.

- Escritura da propiedade, contrato de arrendamento ou documento que acredite o dereito de dispoñibilidade sobre o inmoble para o que solicite o subministro.

- Documento que acredite a personalidade do contratante.

- En caso de vivenda, cédula de habitabilidade e, no seu caso, licencia de primeira ocupación.

- Se é local comercial ou industria, a licencia de apertura.

- Se é un subministro por obras, a licencia municipal de obras en vixencia.

- Aquela outra documentación que se requira polo Concello de Arzúa.

Artigo 42.-Causas de denegación do contrato.

A facultade de concesión do subministro de auga corresponde ó Concello, con suxeición ás normas regulamentarias vixentes.

A entidade subministradora poderá denega-la contratación do subministro previa comunicación ó Concello nos seguintes casos:

1.-Cando a persoa ou entidade que solicite o subministro se negue a asina-lo contrato estendido de acordo co modelo autorizado e coas disposicións vixentes sobre contratación do subministro de auga, ou cando non presente a documentación preceptiva ou non efectúe os pagamentos correspondentes.

2.-Por inadecuación das instalacións interiores ás prescricións regulamentarias vixentes no momento da petición.

3.-Cando non dispoña de acometida para o subministro de auga ou non conte con autorización de verquido para as augas residuais e pluviais.

4.-Cando se comprobe que o peticionario do servicio deixara de satisface-lo importe da auga consumida, en virtude de outro contrato subscrito co prestador do servicio e en tanto non aboe a súa débeda.

5.-Cando para o local para o que se solicita o subministro, exista outro contrato de subministro anterior e en plena vixencia.

6.-Cando polo peticionario do subministro non se acreditara fidedignamente, a obtención das autorizacións de terceiros que correspondan, ou no seu caso, establecemento das servidumes, con inscrición rexistral, que sexan necesarias para levar a cabo as obras e instalacións para a prestación dos servicios solicitados.

7.-Cando exista pendente unha liquidación por fraude.

Artigo 43.-Fianzas.

Para atende-lo pagamento de calquera posible descuberto o dano nas instalacións do servicio, imputable ó cliente, este estará obrigado a depositar na caixa deste, no momento de contrata-lo servicio, unha cantidade en concepto de fianza, a cal será fixada na correspondente ordenanza municipal.

Artigo 44.-Formalización do contrato.

Os contratos estableceranse para cada tipo de subministro, sendo, por tanto, obrigatorio formalizar contratos separados para todos aqueles que esixan aplicación de tarifas ou condicións diferentes.

Artigo 45.-Traslado e cambio de clientes.

Os traslados de enderezos e a ocupación do mesmo local por persoa distinta da que subscribiu o contrato, esixen novo contrato, ou no seu caso, a subrogación no anterior, sempre que se cumpran os requisitos establecidos neste regulamento.

Artigo 46.-Subrogación.

O falecemento do titular da póliza de abono, o seu cónxuxe, descendentes, fillos adoptivos plenos, ascendentes e irmáns, que convivisen habitualmente na vivenda, polo menos con dous anos de antelación á data do falecemento, poderanse subrogar nos dereitos e obrigas da póliza. Non serán necesarios os dous anos de convivencia para os que estivesen sometidos á patria potestade do falecido nin para o cónxuxe.

Tamén poderase subrogar calquera outro herdeiro ou legatario se ha de suceder ó causante na propiedade ou uso da vivenda ou local en que se realice o subministro.

No caso de entidades xurídicas, quen se subrogue ou substitúa en dereitos e obrigas poderá facelo propio na póliza de abono, condicionado á prestación ante a entidade subministradora de tódalas autorizacións administrativas necesarias.

O prazo para subrogarse será de doce meses a partir da data do feito causante.

Artigo 47.-Contratos de subministros temporais.

Para a execución de obras de urbanización ou ordinarias e daquelas instalacións que se realicen nas rúas, vías públicas ou bens de dominio público, a entidade subministradora autorizará, a petición da entidade pública ou do contratista adxudicatario da obra, o uso da auga procedentes das bocas de rego, poñéndoo en coñecemento do Concello.

Cando o solicitante sexa o contratista, deberá constituír previamente ante a entidade subministradora, para responder de eventuais danos sobre as instalacións públicas, un depósito con cantidade que será fixada na correspondente ordenanza municipal. A constitución deste depósito e o dereito a utilizar auga por estes medios quedará reflectido nun acordo específico. O depósito seralle devolto ó contratista, unha vez transcorrido o prazo de utilización do subministro, se non se produciran danos.

O consumo de auga a que se refire o presente artigo será abonado polo contratista, segundo o consumo rexistrado polo contador que a entidade subministradora instalara para tal efecto.

Salvo os casos previstos nos anteriores parágrafos deste artigo, a utilización das bocas de rego só estará permitida ós servicios municipais, calquera que sexa a forma de xestión, quedando exentos de pagamento os consumos que se produzan pola utilización de aquelas, estando a entidade subministradora obrigada ó seu mantemento e conservación.

Os hidrantes de incendios, quedarán de uso exclusivo do servicio de extinción de incendios, estando a entidade subministradora obrigada o seu mantemento e conservación.

 

CAPÍTULO IX.-REGULARIDADE NO SUBMINISTRO

Artigo 48.-Garantía de presión e caudal.

O subministro directo de auga pola presión da rede garantido, en xeral, pola entidade subministradora, para tódolos abastecementos cunha altura de entrada do tubo ascendente ou montante respecto ó nivel da calzada no lugar onde se efectúe a acometida, sexa igual ou inferior ó establecido en particular para cada rede de abastecemento.

Cando as condicións técnicas do subministro (presión e/o caudal) sexan insuficientes para as necesidades deste, o abonado deberá realizar ó seu cargo as instalacións necesarias para a consecución das ditas condicións, utilizando para isto os sistemas e materiais homologados polos organismos competentes.

Artigo 49.-Continuidade no servicio.

Salvo causa de forza maior, ou avarías nas instalacións públicas, as entidades subministradoras teñen a obriga de manter permanentemente o servicio, cando non conste o contrario nos contratos ou pólizas de subministro, nas condicións indicadas no artigo anterior.

Artigo 50.-Suspensións temporais.

A entidade subministradora poderá suspender temporalmente o servicio cando:

a) Sexa imprescindible para proceder ó mantemento, reparación ou mellora das instalacións o seu cargo.

b) No suposto de perdida da condición de potabilidade da auga e que implique un risco inminente para a saúde da poboación abastecida.

c) Causas de forza maior ou recoñecida urxencia.

Nos cortes previsibles e programados, as entidades subministradoras deberán avisar ós usuarios como mínimo con vintecatro horas de anticipación, a través, polo menos, dun dos medios de comunicación de maior difusión na localidade, ós usuarios. No caso de non poder facelo a través dos medios de comunicación, deberá darlle publicidade por outros medios o seu alcance coa suficiente antelación, de tal forma que quede garantida a información do corte.

Os cortes programados poñeranse en coñecemento do Concello, debendo ser autorizados por este.

A interrupción do subministro por avarías en instalacións a cargo das entidades subministradoras, non derivadas de forza maior, por un período continuado superior a sete días, dará dereito ó cliente a reclamar de aquelas o reintegro da parte proporcional da súa cota fixa.

O servicio comunicará o tempo aproximado que durará a dita interrupción e o horario para as restriccións que se impoñan ós clientes os que afectan as vicisitudes do servicio. Só en casos de recoñecida urxencia ou forza maior poderá o servicio prescindir desta obriga de preaviso.

Artigo 51.-Reservas de auga.

Sen prexuízo do que estableza a normativa específica aplicable a cada sector, tódolos locais nos que se desenvolva calquera tipo de actividade na que a auga represente unha permanente e inescusable necesidade para a saúde pública ou seguridade das persoas e bens, e especialmente, nos centros hospitalarios, almacéns de productos inflamables e combustibles e grandes centros comerciais deberán dispor de depósitos de reserva con capacidade suficiente e adoptar, en xeral, as medidas necesarias para garanti-la continuidade do servicio.

Igualmente deberá dimensionar e establece-las súas reservas as industrias nas que a auga represente un elemento indispensable no proceso de producción ou conservación de productos, de forma que quede asegurado o seu autoabastecemento mínimo durante, polo menos, 24 horas.

Os depósitos serán de materiais inalterables pola corrosión, debendo manterse limpos e desinfectados, respondendo o propietario da instalación interior das posibles contaminacións que se puidesen ocasionar por causa de descoido, rotura ou mala conservación.

O prestador do servicio quedará exonerado de responsabilidade civil nestes casos, que polas súas características especiais deberán preverse de medios de reserva.

Artigo 52.-Restriccións no subministro.

O servicio municipal de abastecemento de auga potable ten por obxecto satisface-las necesidades da poboación, garantindo preferentemente o uso doméstico. A concesión de auga para outros usos, faranse só no caso de que as necesidades de abastecemento da poboación o permitan.

Cando o Concello o considere necesario e por acordo o órgano municipal competente, poderá en calquera momento, rebaixar e incluso suspende-lo servicio para usos non domésticos, sen que por isto o Concello contraia obriga algunha de indemnización xa que estes subministros quedan en todo momento subordinados ás esixencias de consumo doméstico da poboación. No caso de impoñerse restriccións no subministro, estas afectarán en primeiro lugar ós subministros para rego de xardíns, terreos de recreo e seguidamente ós subministros de usos agrícolas e de rego e industriais.

Neste caso, a entidade subministradora estará obrigada a informar ós clientes, o máis claramente posible, das medidas que se van a implantar, así como a data de inicio destas, a través dos medios de comunicación.

CAPÍTULO X.-LECTURAS, CONSUMOS E FACTURACIÓN

Artigo 53.-Periodicidade de lecturas.

A entidade subministradora estará obrigada a establecer un sistema de toma de lecturas permanentes e periódico, de forma que, para cada cliente os ciclos de lecturas conteñan, no posible, o mesmo número de días.

A facturación de consumos farase trimestralmente ou coa periodicidade que fixe o Concello, independentemente da periodicidade coa que se efectúen as lecturas.

Con carácter excepcional e para abonados con consumos superiores a 500 m3 mensuais a entidade subministradora poderá aproba-la súa facturación mensual

Artigo 54.-Horario de lecturas.

A toma de lectura será realizada en horas hábiles ou de normal relación co exterior, polo persoal autorizado expresamente pola entidade subministradora, provisto da súa correspondente documentación de identidade.

En ningún caso, o cliente poderá impoñe-la obriga de toma-la lectura fóra do horario que teña establecido a entidade subministradora para tal efecto.

En aqueles casos nos que se concedan subministros eventuais, controlados mediante equipos de medida de tipo móbil, o cliente estará obrigado a presentar, nos lugares ou locais establecidos para tal efecto no correspondente contrato ou concesión, e dentro das datas igualmente establecidos no dito documento, os mencionados equipos de medida para a súa toma de lectura.

Artigo 55.-Lectura polo cliente.

Cando por ausencia do cliente non fose posible a toma de lectura, o persoal encargado desta depositará na caixa do correo do cliente, unha tarxeta na que deberá constar:

a) Nome do cliente e enderezo do subministro.

b) Data en que se presentou para efectua-la lectura.

c) Data en que o cliente efectuou a súa lectura.

d) Prazo máximo para facilita-la dita lectura. En calquera caso, non será inferior a 48 horas.

e) Representación gráfica da esfera ou sistema de contador que marque a lectura, exposta de forma que resulte fácil determinala.

f) Diferentes formas de facer chegar a lectura do seu contador á entidade subministradora.

g) Advertencia de que se a entidade non dispón da lectura no prazo fixado, esta procederá a realizar unha estimación dos consumos para evitar unha acumulación destes.

A entidade subministradora deberá cumprimenta-la tarxeta nos seus apartados b), d), f) e g) sendo obriga do abonado os apartados a), c) e e).

Artigo 56.-Determinación de consumos.

Como norma xeral, a determinación dos consumos que realice cada cliente, concretarase pola diferencia entre as lecturas de dous períodos consecutivos de facturación.

A entidade subministradora guiarase, para a facturación de consumos, exclusivamente polos aparatos de medida do servicio debidamente homologados, non obrigado a acepta-las reclamacións que se apoien en lecturas dos contadores non instalados por esta.

Calquera fuga de auga que sexa medida polo contador será facturada ó cliente de acordo coas tarifas correspondentes.

No momento en que a entidade subministradora, a través das lecturas efectuadas en contador ou por outro método, detecte consumos desproporcionados ós habituais, no prazo de dez días, comunicarao por escrito ó cliente, co obxecto de que este realice as comprobacións oportunas na súa instalación.

Artigo 57.-Consumos estimados.

Cando non sexa posible coñece-los consumos realmente realizados, como consecuencia da avaría no equipo de medida, ausencia do cliente no momento en que se intentou toma-la lectura, a facturación do consumo efectuarase de acordo co consumo realizado durante o mesmo período de tempo e na mesma época do ano anterior; ou, de non existir, liquidaranse as facturacións de acordo coa media aritmética dos catro períodos anteriores.

En aqueles casos nos que non existan datos históricos para poder obte-la media á que se alude no parágrafo anterior, os consumos determinaranse en base á media que se obteña en función dos consumos coñecidos de períodos anteriores. Se tampouco isto fose posible, facturarase un consumo equivalente á capacidade nominal do contador por 15 horas de utilización mensual.

Os consumos así estimados, terán o carácter definitivo no suposto de avaría no contador, e a conta nos outros supostos, nos que, unha vez obtida a lectura real, normalizarase a situación, por exceso ou por defecto, nas facturacións do seguinte período.

No suposto de avaría do contador, se o detecta a entidade subministradora, efectuará a substitución do contador coa debida rapidez, dando conta diso ó cliente de acordo con este regulamento. Se é o usuario quen o detecta, denunciarao inmediatamente á entidade subministradora, executando esta a substitución do contador coa debida rapidez. No caso de oposición por parte do cliente á substitución do contador, ou á adecuación da instalación para proceder ó cambio, o servicio poderá facturar consumo estimado a raíz de aumentar un 50% a facturación estimada anterior.

Se por ausencia do cliente non fose posible le-lo contador durante tres períodos de facturación consecutivos, a entidade dirixirá un escrito ó cliente dándolle un prazo de dez días para normalizar tal situación, con excepción de si o usuario ten o recibo domiciliado. En tal caso cobraráselle o mínimo estipulado e se regularizará o cobramento cando se proceda á lectura do contador. Transcorrido o dito prazo sen que o cliente establecese contacto coa entidade, esta poderá suspende-lo subministro, contando coa autorización da Delegación de Industria. A súa reanudación, o cliente deberá satisface-los mínimos ou cotas de servicio polo tempo que durase a suspensión e aboar así mesmo os gastos de reposición do subministro.

Artigo 58.-Obxecto e periodicidade da facturación.

Será obxecto de facturación polas entidades subministradoras os conceptos que procedan en función da modalidade do subministro e as tarifas vixentes en cada momento.

A facturación realizarase por períodos vencidos, de acordo co sinalado no art. 53.

Artigo 59.-Requisitos de facturas e/o recibos.

Nas facturas ou recibos emitidos pola entidade subministradora deberá constar, claramente coma mínimo os seguintes conceptos:

a) Enderezo obxecto do subministro.

b) Enderezo de notificación, se é distinto e figura como tal no contrato.

c) Tarifa aplicada.

d) Calibre do contador ou equipo de medida.

e) Lecturas do contador que determinan o consumo facturado e data destas que definan o prazo de facturación.

f) Indicación de se os consumos facturados son reais o estimados.

g) Indicación do Boletín Oficial que establezan a tarifa aplicada.

h) Indicación diferenciada dos conceptos que se facturen.

i) Importe dos tributos que se repercutan.

j) Importe total dos servicios que se presten.

k) Teléfono e enderezo social da entidade subministradora onde poidan dirixirse para solicitar información.

l) Enderezo ou enderezos de pagamento e prazo para efectualo.

Artigo 60.-Forma de pagamento das facturas ou recibos.

O cliente poderá facer efectivos os importes facturados pola entidade subministradora nas súas oficinas, entidades de crédito ou outros establecementos autorizados polo servicio, ou ben a través da conta do cliente na entidade bancaria ou caixa de aforros que para tal efecto autorice. Igualmente en casos excepcionais, o cliente poderá facer efectivo o importe do recibo mediante xiro postal ou transferencia bancaria similar, sempre coa conformidade previa e expresa da entidade subministradora.

En caso de devolución de recibos polas entidades bancarias, por causas imputables ó cliente, serán por conta deste a totalidade dos gastos que se produzan por motivo da dita devolución, incluída a liquidación de xuros de mora correspondentes.

Artigo 61.-Prazo de pagamento.

O cliente disporá dun prazo de 30 días contados a partir da data de notificación do recibo. De non facelo neste prazo, procederase ó recargo con liquidación de xuros de mora correspondentes, sen prexuízo da suspensión do subministro e das restantes accións legais que procedan para facer efectiva a cantidade non satisfeita.

Artigo 62.-Corrección de erros na facturación.

O cliente poderá obter da entidade subministradora calquera información relacionada coas lecturas, facturacións, comprobacións de contador, cobramentos, tarifas aplicadas e, en xeral, sobre toda cuestión relacionada co subministro que se xerara nun período de dous anos anteriores á data de presentación da petición correspondente.

Nos casos de que por erro a entidade subministradora facturase cantidades inferiores ás debidas, graduarase o pagamento da diferencia nun prazo que, salvo acordo en contrario, será de igual duración que o período as que se estenden as facturacións erróneas, cun tope máximo dun ano.

O cliente terá dereito a reclama-la devolución de ingresos indebidos ó servicio. A devolución das cantidades percibidas indebidamente deberá ser inmediata, unha vez que se comprobe o erro de facturación, de medida, ou calquera outra causa que provocase o erro. Se supera o prazo de 25 días, devengaranse xuros de mora.

Cando o cliente presente unha reclamación para a devolución de ingresos indebidos, expresará de forma clara e concisa os conceptos polos que reclama e os fundamentos de reclamación, e acompañaranse a esta os xustificantes dos ingresos supostamente indebidos e calquera outra documentación que ó caso corresponda.

O servicio queda obrigado a resolve-la reclamación, á maior brevidade, e en todo caso no prazo máximo dun (1) mes.

Non será atendida reclamación sobre consumo de auga que non sexa formulada polo cliente ou persoa que o represente legalmente.

Artigo 63.-Subministros a tanto alzado.

En aquelas instalacións nas que, polo seu carácter temporal, pola súa situación de precariedade ou, por calquera outra causa de excepcionalidade, se contratará o subministro por un volume ou caudal fixo, ou por cantidade predeterminada por unidade de tempo de utilización, non poderán imputarse outros consumos que os estrictamente pactados.

Igualmente, o contratante ou usuario destes subministros, non poderá aducir circunstancia ningunha que puidese servir de base para posibles deduccións nos consumos ou cantidades pactadas.

Nestes casos, poderase efectua-la súa facturación de forma anticipada, e coincidindo coa concesión destes.

CAPÍTULO XI.-SUSPENSIÓN DO SUBMINISTRO E RESCISIÓN DO CONTRATO

Artigo 65.-Causas de suspensión do subministro.

A entidade subministradora de auga poderá, sen prexuízo do exercicio das accións, de orde civil ou administrativo que a lexislación vixente lle ampare, suspende-lo subministro ós seus clientes ou usuarios nos casos seguintes:

a) Polo impago das facturacións dentro do prazo de tres meses.

b) Cando un usuario goce do subministro sen contrato.

c) Por falta de pagamento, no prazo de 15 días hábiles contados a partir da data de comunicación, das cantidades resultantes de liquidación firme de fraude ou no caso probado de reincidencia de fraude. A entidade subministradora contará coas autorizacións pertinentes.

d) Inserir nos tubos de abastecemento, sen previa autorización da entidade subministradora, bombas ou calquera apartado que modifique ou poda afectar ás condicións da rede de distribución no seu entorno, e consecuentemente, interfiran co servicio prestado a outros clientes.

e) No caso de que o cliente utilice a auga para rego de hortas e zonas axardinadas anexas á vivenda habitual ou faga uso da auga que se lle subministra ou fose para usos distintos ós contratados, salvo que eses consumos non sexan significativos respecto ó do lar; considérase que é significativo o consumo de aquelas utilizacións se o facturado equivale a un 150% do mínimo do que correspondería se non se derivasen a aquelas utilizacións, para o que se terá en conta dotacións por membro de familia e día de 150 litros, para tódalas necesidades do lar exclusivamente. O Concello, no caso de necesidade, poderá prohibir estas utilizacións e, no caso de decreta-la prohibición, e en tanto dure, perderán o carácter de non significativas a tódolos efectos.

f) Cando o cliente estableza ou permita establecer derivacións na súa instalación para subministro de auga a outros terreos, locais ou vivendas diferentes ós consignados no seu contrato de subministro

g) Cando polo persoal da entidade subministradora se atopen derivacións nas súas redes con consumo de auga sen contrato ningún, é dicir, realizadas clandestinamente. Neste caso, poderá a entidade subministradora efectua-la suspensión inmediata do subministro de auga en tales derivacións, dando conta diso ó Concello.

h) Cando o cliente non permita a entrada no local a que afecta ó subministro contratado, en horas hábiles ou de normal relación co exterior, ó persoal que, autorizado pola entidade e provisto da súa correspondente documentación de identidade, trate de revisa-las instalacións, sendo preciso, en tal caso, o que se fixesse consta-la negativa ante testemuñas ou en presencia de algún axente da autoridade, que deberá remitir ó organismo competente en materia de Industria, xuntamente coa solicitude de suspensión de subministro.

i) Cando nos subministros nos que o uso da auga ou disposición das instalacións interiores, puidese afecta-la potabilidade da auga na rede de distribución, ata que, polos clientes, se tomen as medidas oportunas en evitación de tales situacións; en tal caso a entidade subministradora poderá realiza-la suspensión inmediata do subministro, dando conta de isto por escrito á Delegación Provincial competente en materia de Industria.

j) Pola negativa reiterada do cliente a modifica-lo rexistro ou arqueta do contador, e incluso a súa instalación interior, cando iso fose preciso para substituí-lo contador por calquera das causas que autoriza este regulamento.

k) Cando o abonado mesture augas doutra procedencia e requirido pola entidade subministradora para que anule esta anomalía, non a leve a efecto no prazo máximo de cinco días.

l) Cando durante seis meses persista a imposibilidade de toma-la lectura dentro do réxime normal establecido para tal efecto, por causa imputable ó cliente, a entidade subministradora, poderá suspender, transitoriamente, o subministro, ata tanto o cliente acceda a modificar, ó seu cargo e pola súa conta, a instalación do equipo de medida, de forma que non dificulte o acceso a este para poder toma-la lectura.

m) Por neglixencia do cliente respecto da reparación de avarías nas súas instalacións se, unha vez notificado por escrito pola entidade subministradora, transcorrese un prazo superior a tres días hábiles, a partir do día seguinte á notificación sen que a avaría fose emendada.

Artigo 66.-Procedemento de suspensión.

Con excepción dos casos de suspensión inmediata previstos neste regulamento, a entidade subministradora deberá dar conta ó organismo competente en materia de Industria e ó cliente por correo certificado, considerándose queda autorizado para a suspensión do subministro se non recibe orde en contrario do dito organismo no término de 15 días hábiles, contados a partir da data en que se deu conta dos feitos, salvo que o solicitado non se axustara a dereito.

A suspensión do subministro de auga por parte da entidade subministradora, salvo nos supostos de suspensión inmediata, non poderá realizarse en días festivo ou días en que por calquera motivo, non exista servicio administrativo e técnico de atención ó público, para os efectos de tramitación completa do restablecemento do servicio, nin en vésperas do día en que se dean algunhas destas circunstancias.

O restablecemento do servicio realizarase o mesmo día ou, no seu defecto, ó seguinte día hábil en que fosen emendadas as causas que orixinaron a suspensión do subministro.

A notificación da suspensión de subministro, incluirá, como mínimo os seguintes puntos:

- Nome e enderezo do cliente.

- Nome e enderezo do terreo abastecido.

- Data a partir da cal se producirá o corte.

- Detalle da razón que orixina a suspensión.

- Nome, enderezo, teléfono e horario das oficinas comerciais da entidade subministradora en que poidan emendarse as causas que orixinaron a suspensión.

A reconexión do subministro farase pola entidade subministradora que poderá cobrar do abonado, por esta operación, unha cantidade que será fixada no cadro de prezos que aprobe o Concello. O abonado non recuperará o servicio ata que non proceda ó seu pagamento.

En ningún caso se poderán percibir estes dereitos se non se efectuou a suspensión do subministro.

Transcorridos 3 meses dende a suspensión do subministro sen que o abonado emendase calquera das causas establecidas no artigo 65 deste regulamento, polas cales se procedeu á citada suspensión, o servicio estará facultado para resolve-lo contrato, ó amparo do que dispón o artigo 1124 do Código civil, sen prexuízo dos dereitos da entidade subministradora á esixencia do pagamento da débeda e ó resarcimento dos danos e prexuízos a que houber lugar.

Artigo 67.-Extinción do contrato de subministro.

O contrato de subministro de auga extinguirase, sen prexuízo da execución anterior ou non das accións que se indican nas disposicións anteriores de suspensión de subministro, especificadas no artigo 66 deste regulamento, por calquera das causas seguintes:

1.-A petición do cliente.

2.-A petición do propietario do inmoble, aínda que non sexa o abonado, sempre que acredite que non existe arrendatario titular do contrato.

3.-A instancia da entidade subministradora, nos seguintes casos:

a) Por persistencia durante mais de tres meses en calquera das causas de suspensión do subministro reguladas no artigo 66 deste regulamento.

b) Por incumprimento do término ou condición do contrato de subministro.

c) Por utilización do subministro sen se-lo titular contractual deste.

4.-Por resolución da Delegación Provincial competente en materia de Industria, previa audiencia ó interesado, a petición da entidade subministradora nos seguintes casos:

a) Por uso dos ocupantes do terreo abastecida ou condicións das súas instalacións interiores, que entrañen perigosidade na seguridade da rede, potabilidade da auga ou danos a terceiros, sempre que estes non sexan emendables.

b) Por incumprimento, por parte do cliente, do contrato de subministro ou das obrigas que del se deriven.

c) Por cambio no uso dos servicios e instalacións para os que se contratou o servicio, así como por demolición, ampliación ou reforma do terreo para o que se contratou o subministro.

Non habendo resolución expresa da Delegación Provincial competente en materia de industria, considerarase positiva transcorrido tres meses dende que lle foi solicitada a petición, salvo que o solicitado coa entidade subministradora non se axustara a dereito.

A reanudación do subministro despois de extinguido o contrato por calquera das causas sinaladas anteriormente, só poderá efectuarse mediante nova solicitude, subscrición de novo contrato e pagamento dos dereitos correspondentes.

Artigo 68.-Retirada do aparato de medición.

Resolto o contrato, o prestador do servicio retirará o contador, propiedade do abonado, advertíndolle de que queda en depósito e a disposición do cliente nas dependencias do prestador do servicio durante o prazo de tres meses, a partir do cal o prestador do servicio poderá dispoñer libremente deste.

Artigo 69.-Outras infraccións.

As accións ou omisións que non revistan a gravidade dos expostos, serán consideradas falta leve e se sancionarán, previa instrucción do oportuno expediente, con multa, na contía que autorice a lexislación vixente.

CAPÍTULO XII. FRAUDES NO SUBMINISTRO DE AUGA

Artigo 70.-Tipos de fraudes.

A entidade subministradora considerará como fraude as seguintes situacións:

a) Que non exista contrato algún para o subministro de auga.

b) Que por calquera procedemento, se manipulara ou alterara o rexistro de contador ou aparello de medida.

c) Que se realizaran derivacións de caudal, permanente ou circunstancial, antes dos equipos de medida.

d) Que se utilice a auga para usos distintos dos contratados, afectando á facturación dos consumos segundo a tarifa a aplicar.

Artigo 71.-Actuación por fraude.

A entidade subministradora á vista da información, requirirá ó propietario da instalación, para que corrixa as deficiencias observadas nesta, co apercibimento de que de non levalo a efecto no prazo de tres días hábiles, contados a partir do seguinte á notificación, aplicarase polo procedemento de suspensión do subministro que corresponda, de acordo co art. seguinte.

Cando polo persoal da entidade subministradora se atopen derivacións nas súas redes con utilización do subministro sen convenio algún, é dicir, realizadas clandestinamente, as ditas entidades poderán efectua-la suspensión inmediata do subministro.

Artigo 72.-Liquidación por fraude.

A entidade subministradora practicará a correspondente liquidación, segundo os casos, da seguinte forma:

1.-Que non exista contrato algún para o subministro de auga. Formularase unha liquidación por fraude que incluirá un consumo equivalente á capacidade nominal do contador que regulamentariamente correspondese ás instalacións utilizadas para a acción fraudulenta, cun tempo de oito horas diarias de utilización e durante o prazo que medie entre a adquisición da titularidade ou dereitos de uso das instalacións citadas, e o momento en que emendase a existencia de fraude detectada, sen que poida entenderse, en total, cinco anos.

2.-Que por calquera procedemento, se manipulara ou alterara o rexistro do contador ou aparato de medida.

Se se falsearon as indicacións do contador ou aparato de medida instalado, por calquera procedemento ou dispositivo que produza un funcionamento anormal deste, tomarase como base para a liquidación da contía da fraude a capacidade de medida do caudal nominal, computándose o tempo a considerar en oito horas diarias dende a data da última verificación oficial do contador, sen que este tempo exceda do ano, descontándose os consumos que durante este período de tempo fosen abonados polo autor da fraude.

3.-Que se realizaran derivacións de caudal, permanente ou circunstancial, antes dos equipos de medida.

Se a fraude se efectuou derivando o caudal antes do aparato do contador, liquidarase como no caso primeiro, de non existir contrato de subministro, e sen facerse desconto pola auga medida polo contador.

4.-Que se utilice a auga para usos distintos ós contratados, afectando á facturación dos consumos segundo a tarifa a aplicar.

Neste caso, a liquidación da contía da auga utilizada en forma indebida practicarase en favor do servicio, aplicando ó consumo a diferencia existente entre a tarifa que en cada período correspondente ó uso real que se está dando á auga, e as que, no dito período, se aplicaran en base ó uso contratado. O dito período non poderá ser computado en mais dun ano.

En tódolos casos, o importe da fraude deducida de acordo cos preceptos establecidos nos parágrafos anteriores, estará suxeito ós impostos que lle fosen repercutibles, debéndose consigna-la contía destes nas correspondentes liquidacións.

As liquidacións que formula a entidade subministradora serán notificadas ós interesados que, contra estas, poderán formular reclamacións ante o organismo competente en materia de consumo, no prazo de 15 días, que comezará a contar dende a notificación da dita liquidación, sen prexuízo das demais accións de que se consideren asistidos.

CAPÍTULO XIII.-RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 73.-Dereitos económicos.

As entidades subministradoras, conforme a este regulamento, sen prexuízo das indemnizacións, dereitos ou accións que a lexislación vixente lle ampare, non poderán cobrar, por subministro de auga potable, ós seus abonados, outros conceptos distintos ós que especificamente se enumeran a continuación:

- Cota de servicio

- Cota de consumo

- Cotas de conservación

- Recargos especiais

- Dereitos de acometida

- Cota de contratación

- Canons

- Fianzas

- Servicios específicos.

Artigo 74.-Sistema tarifario.

Para os efectos deste regulamento, entenderase por sistema tarifario aquel conxunto de conceptos, dos relacionados no artigo 73. que conformen o prezo total que o abonado debe pagar, en orde á consecución e mantemento do equilibrio económico e financeiro da entidade subministradora para a prestación do servicio de abastecemento.

Os impostos que recaian sobre o prezo final do servicio, non constitúen un elemento mais do sistema.

Artigo 75.-Modalidades.

É facultade do Concello autoriza-las modalidades e sistemas tarifarios que estime conveniente dentro dos que a continuación se indican:

- Doméstico

- Comercial

- Industrial

- Outros usos

- Obras

- Agrícolas e gandeiros

- Contra incendios

Artigo 76.-Cota de servicio.

É a cantidade fixa que periodicamente deben aboa-los usuarios pola dispoñibilidade que gozan, independentemente de que fagan uso ou non do servicio.

Artigo 77.-Cota de consumo.

- Cota fixa. Mínimo de consumo.

É a cantidade que aboa o usuario de forma periódica e en función do consumo mínimo establecido.

- Cota variable de consumo: é a cantidade que aboa o usuario en función do consumo realizado a partir do mínimo establecido.

Para cuantificar esta cota poderanse aplica-los distintos tipos de tarifa que a continuación se detallan:

1.-Tarifa constante: dentro dun mesmo uso da auga; todo o consumo se factura ó mesmo prezo.

2.-Tarifa de bloques crecentes: o consumo de auga descomponse en bloques de límites preestablecidos, ós que se aplican prezos cada vez máis elevados.

3.-Tarifa de bloques decrecentes: o consumo de auga descomponse en bloques de límites preestablecidos, ós que se aplican prezos que resultan cada vez máis reducidos.

Para bloques de consumos establecidos no parágrafo anterior, rexerán os seguintes criterios:

a) O número de bloques por consumos, non poderá ser superior a catro na modalidade de usos domésticos.

b) O número de bloques, non poderá ser superior a tres na modalidade de usos industriais ou comerciais.

c) O número de bloques, non poderá ser superior a dous na modalidade de outros usos.

Artigo 78.-Cobramento de servicios específicos.

Nos casos nos que os abonados ós servicios de abastecemento de auga precisen a prestación dun servicio individualizado, diferenciado dos que, en función do presente regulamento, ten obriga de presta-la entidade subministradora. A solicitude deste tipo de servicio solicitaraa o cliente ó Concello, quen decidirá sobre a súa concesión de acordo co informe da entidade subministradora. Previa a súa aceptación e asunción, poderán repercutir nos recibos por consumo de auga os maiores custos dos servicios concertados de mutuo acordo e sempre con carácter xeral para tódolos abonados.

ANEXO: ESQUEMA BÁSICO DE ACOMETIDAS.

Esquema básico de acometida número 1

Disposición transitoria.

Os contratos existentes á entrada en vigor deste regulamento adoptaranse de oficio ás disposicións deste, quedando os usuarios obrigados ó cumprimento de tódalas súas prescricións sen prexuízo de que en cada caso o servicio proceda a respecta-los dereitos lexítimos adquiridos polos clientes. En todo caso estes dereitos consideraranse a extinguir á terminación do contrato anteriormente existente.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogada calquera norma municipal que de igual ou inferior rango se opoña ó disposto neste regulamento.

Disposicións finais.

Primeira.

Este regulamento entrará en vigor unha vez transcorra o prazo de 15 días hábiles dende a data de publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia, a que se refire o artigo 70, número 2, en relación co artigo 65, número 2, da Lei 7/1985, do 2 abril, e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.