Índice

Curtis - Ordenanza municipal reguladora da posesión de animais domésticos e de animais salvaxes en catividade, da licencia para a posesión de animais potencialmente perigosos e do seu rexistro

Publicación provisional: 29/05/2003 BOP Nº: 121
Publicación definitiva: 04/08/2003 BOP Nº: 177
Aplicable dende: 22/08/2003

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.º .-Obxecto.

1.-A presente ordenanza ten por obxecto a regulación da concesión e renovación das licencias administrativas para posesión de animais potencialmente perigosos, a regulación do Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos, e a determinación das taxas pola prestación destes servicios.

2.-Asemade, créase a sección local do Rexistro galego de ¡dentificación de animais de compañía e potencialmente perigosos (REGIAC), que conterá a información referente ós animais de compañía residentes no concello, que se remita desde o REGIAC.

3.-Quedan excluídos da aplicación da presente ordenanza os cans e animais pertencentes ás Forzas Armadas, forzas e corpos de seguridade do Estado, corpos da policía das comunidades autónomas, policía local e empresas de seguridade con autorización oficial.

Artigo 2.º .-Definición de animal potencialmente perigoso.

1.-Considéranse animais potencialmente perigosos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, todos aqueles que pertencendo á fauna autóctona ou autóctona, independentemente da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertencen, e convivindo no contorno humano como animais domésticos ou de compañía, sexan susceptibles de ocasiona-la morte, ou lesións ás persoas ou a outros animais, ou de producir danos de certa entidade ás cousas.

2.-No caso concreto dos cans, entenderase por potencialmente perigosos aqueles nos que concorran calquera das condicións seguintes:

a) Cans que tiveran algún episodio de agresións a persoas ou ataques de certa entidade a animais ou ás cousas.

b) Cans que fosen adestrados para a garda e defensa.

c) Cans que polas súas características raciais puidesen seren aptos para o adestramento para garda e defensa, e en concreto, os pertencentes ás razas seguintes: american stafforshire terrier, pit bull terrier, bullmastif, doberman, dogo arxentino, dogo de Bordeos, dogo do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquino (ca de bou), rottweiler, stafforshire bull terrier, tosa inu e akita inu. Tamén serán considerados neste apartado os cruces en primeira xeración destes, cruces destas razas entre sí ou cruces destes con outras razas, obtendo unha tipoloxía similar a algunha das razas anteriormente descritas. d) Cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. A dita agresividade será apreciada pola autoridade competente da Consellería de Medio Ambiente, de oficio ou logo de notificación ou denuncia, e logo de informe dun adestrador ou veterinario designado para tal efecto.

 

CAPÍTULO II. DA LICENCIA MUNICIPAL

Artigo 3.º .-Licencia municipal.

1.-A posesión de animais potencialmente perigosos requirirá a obtención, con carácter previo á adquisición do animal, da correspondente licencia municipal, que se expedirá no concello de residencia habitual do propietario.

2.-Nos supostos previstos no apartado 2.a) do artigo 2.º , o titular do can disporá do prazo dun mes para solicita-la licencia administrativa, que comezará a contar desde a resolución dictada para tales efectos.

3.-Nos supostos previstos no apartado 2.d) do artigo 2, o concello comunicará os feitos á autoridade competente da Consellería de Medio Ambiente, xuntando os informes esixidos no dito apartado, debidamente motivados. No caso de que se dictara resolución apreciando agresividade, o titular disporá do prazo dun mes, que comezará a contar desde a súa notificación, para solicita-la licencia administrativa.

Artigo 4.º .-Órgano competente para a concesión da licencia.

Tramitado o expediente conforme ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, concederase a licencia e o número correspondente desta, mediante resolución do órgano que teña atribuída a competencia.

Artigo 5.º .-Requisitos e documentación para a obtención da licencia municipal.

1.-Para a obtención da licencia municipal será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

Acreditarase mediante fotocopia do DNI ou do pasaporte.

b) Non ter sido condenado por delictos de homicidio, lesións, torturas, contra a liberdade ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como non estar privado por resolución xudicial do dereito á posesión de animais potencialmente perigosos.

Acreditarase mediante certificado de antecedentes penais.

c) Non ter sido sancionado por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias das previstas no apartado 3 do artigo 13 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da posesión de animais potencialmente perigosos. Non obstante, non será impedimento para a obtención ou, no seu caso, renovación da licencia, ter sido sancionado coa suspensión temporal desta, sempre que, no momento da solicitude, a sanción de suspensión anteriormente imposta fose cumprida integramente.

Acreditarase mediante certificado negativo expedido pola Consellería de Medio Ambiente.

d) Dispoñer de certificado de capacidade física e aptitude psicolóxica para a posesión de animais potencialmente perigosos, expedido polo director dun centro médico-psicotécnico debidamente autorizado, conforme se recolle nos artigos 4.º , 5.º e 6.º do RD 287/2002, do 22 de marzo.

e) Acreditación de ter formalizado un seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poida causa-lo animal, cunha cobertura mínima de 125.000 euros. Este seguro deberá renovarse anualmente.

Acreditarase mediante presentación de copia da póliza de seguro claramente detallada ou certificado da compañía aseguradora.

Artigo 6.º .-Vixencia e renovación das licencias.

1.-As licencias terán unha vixencia de cinco anos. Transcorrido este período deberán ser obxecto de renovación, por período de igual duración, mediante a presentación da mesma documentación esixida para á súa obtención e sinalada no artigo anterior.

2.-A licencia perderá a súa vixencia no momento no que o seu titular deixe de cumprir calquera dos requisitos establecidos no artigo anterior.

Artigo 7.º .-Acreditación da licencia.

A tenencia da licencia municipal acreditarase mediante a entrega dunha copia da resolución do expediente administrativo iniciado a solicitude do interesado, e mediante a entrega dunha tarxeta acreditativa expedida polo concello, onde se fagan consta-los seguintes datos:

- Número de licencia municipal.

- Data de resolución do expediente de solicitude da licencia. Data de caducidade da vixencia da licencia.

- Nome e apelidos do titular.

- DNI do titular.

- Enderezo do titular.

- Fotografía actualizada do titular.

- Selo do Concello.

Artigo 8.º .-Revisión e revogación da licencia.

1.-Calquera variación dos datos que figuran na licencia deberá ser comunicada polo seu titular no prazo de 15 días, contados desde a data en que se produza, ó órgano competente do concello ó que corresponda a súa expedición, para que se proceda a realiza-la revisión correspondente.

2.-A perda polo titular de calquera dos requisitos esixidos no artigo 50, dará lugar á revogación da licencia municipal outorgada, previa tramitación de expediente contradictorio.

A revogación da licencia dará lugar á perda do dereito á posesión do animal. 0 propietario procederá, no prazo máximo de quince días, á entrega do animal a un novo propietario que posúa licencia en vigor. De non se atopar un novo propietario no prazo referido, farase entrega do animal no centro de recollida de animais vagabundos ou abandonados dependente do concello, respectando en todo momento o disposto na Lei 1/1993, do 13 de abril, e nos artigos 53 ó 60 do Decreto 153/1998, do 2 de abril, que a desenvolve.

 

CAPÍTULO III. DO REXISTRO MUNICIPAL

Artigo 9.º .-Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

1.-Créase o Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos, no que se inscribirán os animais potencialmente perigosos que teñan a súa residencia habitual no Concello.

2.-O Rexistro terá un tratamento informatizado, no que se farán constar, de conformidade co disposto no artigo 4.2 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, como mínimo, os seguintes datos:

Datos do animal:

- Número de microchip.

- Nome do animal.

- Especie.

- Raza (no caso de cans).

- Sexo.

- Características externas (descrición da capa, tipo e cor da pel, etc.).

- Data de nacemento.

- Aptitude (función do animal): compañía, garda, defensa, caza, etc.

- Causa de inclusión no rexistro (sinalar supostos do artigo 2.2 do Decreto 90/2002).

- Enderezo habitual do animal.

- Data de adquisición do animal.

- Forma de adquisición do animal (cría, doazón, traspaso, venda, outras: especificar).

- Observacións. Datos do propietario ou posuidor:

- DNI.

- Apelidos.

- Nome.

- Enderezo habitual.

- Teléfonos de contacto.

- Licencia administrativa: número de licencia, data de expedición e Concello de expedición.

2.-A identificación definitiva con microchip dos animais potencialmente perigosos é obrigatoria sen excepcións. A identificación definitiva con microchip de tódolos cans, independentemente da súa raza ou condición, será obrigatoria a partir do 2 de xullo de 2003, tal e como se recolle na disposición transitoria segunda do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro.

2.-O Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos é un rexistro de carácter público, ó que terán acceso as administracións públicas e autoridades competentes, así como aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos obrantes neste. En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no Rexistro será conforme ó disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos persoais.

Artigo 10.º .-Inscrición no Rexistro.

1.-Os titulares da, licencia administrativa están obrigados a efectua-la inscrición do animal no Rexistro municipal do concello de residencia habitual do animal, no prazo de 15 días contados a partir da obtención da licencia, tal e como se recolle no artigo 6.2.º da Lei 50/1999, do 23 de decembro, e no artigo 4.1.º do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro.

2.-Tamén será obrigatoria, a instancia do propietario, a inscrición do animal no Rexistro municipal do concello correspondente cando se efectúe o seu traslado dun concello a outro por período superior a tres meses.

3.-Conforme se dispón no artigo 4.3.º do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, os datos recollidos no Rexistro municipal serán remitidos á Consellería de Medio Ambiente, no prazo máximo de 15 días, contados desde o momento da inscrición dun animal potencialmente perigoso.

Artigo 11.º .-Acreditación da inscrición no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

A inscrición no rexistro acreditarase mediante entrega dunha copia da resolución do expediente administrativo iniciado a solicitude do interesado, e mediante entrega dunha tarxeta acreditativa, tamaño carné, expedida polo Concello, onde se fagan consta-los seguintes datos:

- Número do microchip e data de alta do animal no Rexistro municipal.

- Nome, especie, raza, sexo, capa e data de nacemento, do animal.

- Enderezo do animal.

- Nome, apelidos do propietario.

- Licencia do propietario (número, data de expedición, concello).

- DNI do propietario.

Artigo 12.º .-Baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

1.-A baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos efectuarase a instancia do interesado, previa acreditación da morte do animal (esta última certificada por veterinario ou autoridade competente).

2.-Igualmente procederase á baixa no Rexistro no caso de traslado de residencia habitual do animal a municipio distinto, que así quede acreditado a instancia do interesado. Neste caso o propietario deberá dar de alta ó animal no novo concello de residencia.

3.,-A perda ou subtracción do animal, por un prazo superior a tres meses, considerarase baixa definitiva do animal no Rexistro.

3.-Farase colistar no Rexistro como de titularidade municipal aqueles animais depositados no centro de recollida de animais vagabundos ou abandonados dependente do concello, como consecuencia da recollida destes da vía pública, que carezan de dono ou que sendo este identificado non o reclamase no prazo de 10 días do aviso efectuado, conforme o previsto no artigo 53 do Decreto 153/1998, do 2 de abril. Así mesmo, constarán como de titularidade municipal os que fosen obxecto de decaemos definitivo ó propietario.

Artigo 1.º .-Comunicacións do propietario de animal ó Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

1.-O propietario do animal deberá comunicar ó Rexistro calquera variación dos datos que figuran nel, no prazo de 15 días desde que se producise a modificación.

2.-Deberá comunicarse ó Rexistro municipal a venda, traspaso ou doazón do animal.

3.-Calquera incidente producido por animais potencialmente perigosos ó longo da súa vida, coñecidos polas autoridades administrativas ou xudiciais, faranse constar na folla rexistral de cada animal, tal e como se recolle no artigo 6.4.º da Lei 50/1999, do 2 de decembro. No caso de agresións recolleranse, como mínimo, a seguinte información: data da denuncia, descrición dos feitos e consecuencias xurídicas.

4.-A subtracción ou perda do animal deberá ser comunicada polo titular do animal ó Rexistro municipal, no prazo máximo de 48 horas desde que se teña coñecemento destes feitos, tal e como se recolle no artigo 8.6.º do RD 287/2002, do 22 de marzo.

5.-Os propietarios de animais potencialmente perigosos deberán comunicar ó Rexistro a realización de castración ou esterilización do animal, se esta se producise, remitindo copia da certificación veterinaria correspondente que acredite este feito.

CAPÍTULO IV

Artigo 14.º .-Sección local do Rexistro galego de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos (REGIAC).

1.-Ó amparo dos principios de lealdade institucional, cooperación e colaboración previstos no artigo 4.1.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, créase a sección local do Rexistro galego de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos, que nutrirase cos datos remitidos polo REGIAC, dependente da Consellería de Medio Ambiente.

2.-Cos datos contidos nesta sección formarase, a data 31-12 de cada ano, o censo ó que se refire o artigo 27.º do Decreto 153/1998, do 2 de abril.

 

CAPíTULO V

Artigo 15.º .-Circulación e permanencia dun can potencialmente perigoso en vías públicas e locais.

1.-Os propietarios, criadores ou posuidores deberán mante-los animais que estean baixo a súa custodia en axeitadas condicións hixiénico-sanitarias e cos coidados e atencións necesarios de acordo coas necesidades fisiolóxicas e características propias da especie ou raza do animal, en cumprimento da Lei 1/1993, do 13 de abril, e do Decreto 153/1998, do 2 de abril, en concreto nos seus capítulos IV, VII e X.

2.-A presencia de animais potencialmente perigosos en lugares ou espacios públicos esixirá que a persoa que os conduza e controle leve consigo a licencia municipal e a certificación acreditativa da inscrición do animal no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

3.-Os cans potencialmente perigosos, en lugares e espacios públicos, deberán levar obrigatoriamente buceira apropiada para a tipoloxía racial de cada animal.

4.-Os cans potencialmente perigosos deberán ser conducidos e controlados con cadea ou correa non extensible de menos de 2 metros, ser que poida levarse máis dun destes cans por persoa.

CAPÍTULO VI

Artigo 16.º .-Cans potencialmente perigosos abandonados ou vagabundos.

1.-A Administración local é responsable da recollida e mantemento dos animais vagabundos ou abandonados, segundo se recolle no artigo 11.1.º da Lei 1/1993, do 13 de abril, e no artigo 54.º do Decreto 153/1998, do 2 de abril.

2.-Os animais recollidos serán traslados e mantidos en centros de recollida de animais vagabundos ou abandonados autorizados e rexistrados. As instalacións destinadas a albergar cans potencialmente perigosos deberán reuni-las medidas de seguridade necesarias para evita-las fuxidas sen producir danos ós animais.

3.-Os prazos de estadía previstos serán os que se dan para tódolos individuos da especie canina e que veñen reflectidos nos artigos 53, 57 e 58 do Decreto 153/1998, do 2 de abril.

4.-Estes animais poderán ser cedidos en adopción sempre e cando o novo propietario posúa a licencia administrativa correspondente, e o can supere as probas de socialización que demostren que o animal non é perigoso para a seguridade das persoas.

 

CAPÍTULO VII.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 17.º .-Infraccións.

1.-En materia de infraccións e sancións rexerá o disposto na Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre réxime xurídico da posesión de animais potencialmente perigosos e na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

2.-As infraccións que se cometan contra o disposto nesta ordenanza clasifícanse como moi graves, graves e leves.

3.-Terán a consideración de infraccións administrativas moi graves as previstas no artigo 13.1.º da Lei 50/1999, do 23 de decembro, así como as establecidas no artigo 22.º da Lei 1/1993, do 13 de abril.

4.-Terán a consideración de infraccións administrativas graves as previstas no artigo 13.2.º da Lei 50/1999, do 23 de decembro, así como as establecidas no artigo 21.º da Lei 1/1993, do 13 de abril.

5.-Son infraccións administrativas leves as previstas no artigo 13.4.º da Lei 50/1999, do 23 de decembro, así como as establecidas no artigo 20.º da Lei 1/1993, do 13 de abril.

Artigo 18.º .-Sancións.

1.-As infraccións tipificadas no artigo anterior serán sancionadas con multas con contías que serán as fixadas no artigo 13.5.º da Lei 50/1999, do 23 de decembro, e no artigo 24.º da Lei 1/1993, do 13 de abril.

2.-En todo caso, as infracción graves e moi graves tipificadas no artigo anterior desta ordenanza, poderán levar aparelladas como sancións accesorias a confiscación, decaemos, esterilización ou sacrificio dos animais potencialmente perigosos, a clausura do establecemento e a suspensión temporal ou definitiva da licencia de animais potencialmente perigosos ou do certificado de capacitación do adestrador.

Artigo 19.º .-Responsable.

Considéranse responsables das infraccións os que por acción ou omisión participaran na comisión destas, o propietario ou posuidor dos animais ou, no seu caso, o titular do establecemento, local ou medio de transporte no que se produzan os feitos, e neste último suposto, asemade, o encargado do transporte.

Artigo 20.º .-Procedemento sancionador.

0 procedemento sancionador aplicable rexerase polo establecido na Lei 50/1999, do 23 de decembro; a Lei 1/1993, do 13 de abril, así como a Lei 30/1992, do 26 de novembro, e as normas que as desenvolven.

Artigo 21.º .-Exercicio da potestade sancionadora.

1.-Os órganos competentes para sancionar, de acordo cos artigos 24.2.º da Lei 1/1993, do 13 de abril, serán:

a) Por infraccións leves, o alcalde.

b) Por infraccións graves, o director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente. Por infraccións moi graves, o conselleiro do Medio Natural.

2.-A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións tipificadas como leves correspóndelle ó Concello. Non obstante, o alcalde poñerá en coñecemento, de xeito que faga fe, do director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, toda acción ou omisión que poida ser tipificable como infracción grave ou moi grave.

3.-Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, o alcalde poderá proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación dun expediente sancionador.

 

CAPÍTULO VIII. DA TAXA POR EXPEDICIÓN DE LICENCIA, RENOVACIÓN, INSCRICIÓNS REXISTRAIS E AS SÚAS MODIFICACIÓNS E CANCELACIÓNS

Artigo 22.º .-Obxecto.

De conformidade co disposto nos artigos 15.º ó 19.º en relación co artigo 20.º da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, establécese a taxa por prestación de servicios especiais de expedición de licencia, as súas renovacións, inscricións rexistrais e as súas modificacións e cancelacións.

Artigo 23.º .-Feito impoñible.

0 feito impoñible da taxa é a actividade municipal conducente á verificación do cumprimento das condicións reguladas nesta ordenanza para a concesión da licencia indicada, a actividade de control que se efectuará nas renovacións que dela deban verificarse, a tramitación, control e custodia que dela se establece e aqueles outros servicios que se recollen nas tarifas desta ordenanza.

Artigo 24.º .-Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos da taxa os propietarios de animais que soliciten a inscrición no Rexistro municipal, e os propietarios que soliciten a expedición da licencia ou que renoven esta.

Artigo 25.º .-Responsables.

1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38. l.º e 39.º da Lei xeral tributaria.

2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedade e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40.º da Lei xeral tributaria.

Artigo 26.º .-Devengo.

1.-O devengo da taxas producirase coa solicitude de calquera dos actos ós que se refire o feito impoñible.

2.-A non concesión da licencia, cando non sexa debido a incumprimentos formais do suxeito pasivo, dará lugar á devolución das cantidades autoliquidadas.

Artigo 27.º .-Tarifas.

1.-Licencia de cans potencialmente perigosos.

2.-Renovación de licencias.

3.-Inscrición no Rexistro de animais potencialmente perigosos.

4.-Medicacións rexistrais.

5.-Cancelación rexistral.

Artigo 28.º .-Ingreso da taxa.

O ingreso da taxa efectuarase en réxime de autoliquidación e con carácter previo ó acto que o motiva.

Artigo 29.º .-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que a estas corresponden en cada caso, estarase ó disposto nos artigos, 77, e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición adicional única.

Quedan exentos da obriga de obtención de licencia municipal, exemplares caninos que fosen obxecto de adestramento baixo a supervisión directa de organismos públicos ou privados que utilicen estes animais cunha finalidade social.

Disposición final.

A presente ordenanza entrará en vigor coa publicación íntegra no Diario Oficial correspondente e transcurso do prazo establecido ó artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, continuando en vigor ata a súa derrogación expresa polo Concello.