Dodro - Ordenanza fiscal reguladora da taxa por recepción de atencións do servizo de axuda a domicilio

Publicación provisional: 28/01/2004 BOP Nº: 22
Publicación definitiva: 24/03/2004 BOP Nº: 68
Aplicable dende: 25/03/2004

Artigo 1: natureza e fundamento.

No uso das facultades concedidas polos artigos 132.2 e 142 da Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e cos artigos 20 e 58 da Lei 39/88, do 28 de decembro; e de conformidade co disposto nos artigos 15 e 19 da Lei 39/88 citada, na súa nova redacción dada pola Lei 25/98, do 13 de xullo, de modificación do réxime xeral das taxas estatais e locais e reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, este Concello acorda a imposición e ordenación da taxa por recepción de atencións do servicio de axuda a domicilio.

Faise expresa referencia á Lei galega de servicios sociais 4/1993, do 14 de abril, e a Orde do 22 de xullo de 1996, pola que se regula o servicio de axuda no fogar (DOG do 22 de agosto de 1996, número 163).

Artigo 2: concepto do servicio.

Segundo o artigo 2 da Orde do 22 de xullo de 1996, o servicio de axuda no fogar é un servicio público, polivalente e social, que presta axudas a individuos e familias no seu domicilio cando se atopen incapacitados, temporal ou permanentemente, por motivos de índole físico, psíquico ou social, para realiza-las tarefas esenciais da vida diaria, manténdoos no seu fogar e integrándoos no seu contorno, á vez que mellorando a súa calidade de vida.

Artigo 3: destinatarios.

Este servicio ofertarase e prestarase ós veciños de Dodro que se atopen nun marco de problemáticas concretas como:

* Persoas con incapacidade para valerse por si mesmas.

* Persoas que teñen anciáns, minusválidos ou enfermos crónicos ó seu cargo, e que necesitan axuda para atendelos.

* Familias con problemas transitorios ou sobrecargas.

* Familias con risco de desestructuración ou afectadas nas súas relacións persoais ou sociais.

Artigo 4: prestacións.

As prestacións que se poden ofertar a través do servicio de axuda a domicilio son as seguintes:

1.º .-Atencións asistenciais.

- Limpeza básica do fogar.

- Compra de artigos de primeira necesidade.

- Lavado de roupa.

- Elaboración de comidas.

- Atención no aseo e coidado persoal.

- Axuda no vestido.

- Control do réxime alimentario.

- Administración de medicamentos baixo prescripción médica.

- Axuda para tomar alimentos e bebidas.

- Axuda para erguerse e desprazarse.

- Apoio en situacións de emerxencia.

2.º .-Atencións psicosociais e educativas:

- Favorecer hábitos de hixiene persoal e doméstica.

- Organización doméstica.

- Apoio e orientación en cambios de dinámica familiar e en estructuración familiar.

- Facilitación de actividades de ocio no mesmo fogar.

- Axudas para a relación co contorno.

- Acompañamento a centros médicos, sociais, etc.

- Axuda para o manexo da correspondencia, teléfono, etc.

- Conversación e compaña.

- Integración e socialización do usuario.

Na actualidade establécese como prestación complementaria do servicio de axuda a domicilio a teleasistencia domiciliaria, prestación que no futuro poderá ser obxecto de regulación específica.

Artigo 5: obxectivos xerais.

Expóñense como obxectivos xerais dentro do servicio de axuda a domicilio os seguintes:

1. Previr situacións de crise individual e/ou familiar prestando apoio persoal e social.

2. Ofrecer apoio individualizado que favoreza a autonomía persoal e social ós veciños que se atopen nas situacións máis desprotexidas.

3. Propoñe-la axuda a domicilio como unha prestación de apoio temporal.

4. Potenciar que os beneficiarios da axuda a domicilio utilicen positivamente os recursos do contorno.

5. Fomentar cambios favorables na dinámica familiar.

6. Evita-la desvinculación da familia, veciños, etc., dándolle apoio e diminuíndo a sobrecarga.

7. Apoiar á familia cando esta, por calquera razón non poida realiza-las funcións propias de integración ou coidado dos seus membros.

8. Retrasar ó máximo o ingreso en centros asistenciais, sempre que as condicións persoais e as do contorno o fagan posible.

9. Implicar ós propios destinatarios do servicio na resolución da súa problemática persoal e/ou familiar.

Artigo 6: normas do servicio.

O Servicio de Axuda a Domicilio estará regulado polas seguintes normas que atinxen tanto ós traballadores como ós usuarios do servicio.

Formalizarase o correspondente contrato, o cal supón a aceptación das seguintes normas:

1. O Servicio de Axuda a Domicilio consiste na prestación dunha serie de atencións básicas ós individuos e ás familias no seu propio fogar cando se atopen en situacións nas que as súas capacidades físicas ou mentais estean minguadas.

2. A auxiliar non traballará no fogar do usuario en ausencia deste.

3. A actuación da traballadora familiar deberá axustarse ó proxecto tecnicamente establecido. O seu xefe non é o usuario , senón o Concello.

4. Calquera queixa ou suxerencia do usuario respecto da axuda a domicilio, deberá poñela en coñecemento do técnico responsable e non será dirimida entre a traballadora familiar e o usuario.

5. Cando por calquera circunstancia fose necesario realizar un cambio no horario ou unha substitución da traballadora familiar, poderá realizarse sen ningunha mediación co usuario, estando igualmente vixente o contrato.

6. Os usuarios quedan obrigados a comunicar calquera cambio de domicilio, teléfono ou outros datos de interese.

7. A atención establecida non pode interferir nin limita-lo dereito do beneficiario á súa intimidade. En consecuencia, a traballadora familiar non poderá acompañarse de ninguén alleo ó Servicio de Axuda a Domicilio cando accede ó seu traballo, e nunca fará comentarios sobre os casos que está levando fora do fogar do usuario que atenten contra o seu dereito.

8. O usuario correrá cos gastos de limpeza, aseo, comida, etc.; só nos casos especiais detectados pola traballadora familiar ou técnico responsable, estimarase a xestión dunha axuda económica por este concepto.

9. A traballadora familiar non pode permitir que sexa o usuario quen oriente o servicio. Esíxese o control por parte dun responsable técnico do servicio.

10. A traballadora de axuda a domicilio manterá un equilibrio afectivo axustado co usuario. Tratará de controla-lo traballo racional co emocional, acatando as normas propostas.

11. Á traballadora familiar non lle está permitido recibir en custodia diñeiro, xoias nin obxecto ningún.

12. A traballadora familiar non poderá realizar visitas ó fogar do usuario fóra do horario establecido.

13. A traballadora familiar non dará o seu número de teléfono ó usuario, nin chamará por teléfono ó usuario fóra do horario de traballo. Os avisos realizaranse a través do técnico responsable.

14. A traballadora familiar non disporá das chaves de ningún domicilio.

15. Os usuario absteranse en todo momento de facer comentario algún acerca da vida persoal ou modo de actuar da traballadora familiar (ou da súa familia), fóra do horario laboral no que se lle atende, podendo ser este motivo suficiente para causarlle a baixa inmediata no Servicio. Cando suceda unha situación deste tipo que derive nunha desacreditación da traballadora familiar, a persoa responsable do Servicio comunicaralle a baixa persoalmente.

16. Queda a criterio do persoal técnico do servicio o reforzar con persoal de apoio (outra traballadora máis, obxectores de conciencia, voluntariado, etc.) á traballadora familiar asignada para o caso nese momento.

17. Cando o usuario non se atopa no seu domicilio no horario fixado para a súa atención, a traballadora familiar non ten obriga de permanecer á espera.

18. A traballadora familiar axustará as súas tarefas exclusivamente ás detalladas no contrato asinado polo usuario.

19. Cando o usuario queira modificar algún aspecto do seu contrato deberá acudir ó responsable do Servicio de Axuda a Domicilio, de cara a formular un contrato novo.

20. De xeito xeral, o Servicio de Axuda a Domicilio non realizará tarefas de:

- Limpeza de portais e escaleiras do edificio, cando non sexa unha vivenda unifamiliar.

- Labores de xardín ou horta.

- Alimentación ou aseo de animais.

- Todas aquelas que non sexan de verdadeira necesidade para as persoas atendidas.

Esta estimación realizarase sempre individualmente atendendo ás circunstancias persoais do usuario.

21. Cada usuario estará suxeito, no caso de non estar exento de pagamento, a unha tarifa que deberá aboar mensualmente. Esta tarifa calcularase en función dos ingresos económicos familiares. Para o pagamento o usuario asinará a correspondente autorización bancaria.

22. As tarifas sufrirán unha revisión anual , estando obrigado o usuario a actualiza-la documentación pertinente que se lle solicitará.

23. Cando ocorra que a traballadora familiar que atende regularmente o caso non poida asistir ó traballo polas razóns que sexan (baixa por enfermidade, motivos persoais, etc.), cubrirase a ser posible a atención con outro persoal do Servicio, ou con profesionais contratados para o momento.

Nembargantes, cando a substitución non poida realizarse polas causas que fosen e, por tanto, non se lle atenda, descontaráselle da mensualidade en curso as horas que non se cubriron.

24. Ó mesmo tempo, cando sexa o usuario quen decida non cubri-la atención nos casos de ausencia da traballadora familiar asignada, pasaráselle a mensualidade sen modificación ningunha.

25. Se con anterioridade ó 15 de xuño se comunica o desexo de suspensión do servicio durante o período vacacional (xullo, agosto, ou ámbolos dous meses), reservarase a praza ata o mes de setembro, sen custo ningún. Se o usuario se ausentase do domicilio por calquera motivo deberá avisar ó responsable técnico alomenos con dous días de antelación.

Artigo 7: causas de extinción do servicio:

a) Falta de colaboración da persoa ou familiar atendida para levar a bo fin as tarefas propostas.

b) Ingreso hospitalario ou residencia.

c) Por falecemento.

d) Cando o usuario se ausente do domicilio (ingreso en residencia, vacacións, visita a algún familiar, ...), estará obrigado a comunicarllo no prazo de dous días ó responsable técnico do Servicio; en caso contrario a mensualidade pasaráselle con normalidade sen repercurir ningún tipo de desconto sobre a tarifa habitual.

e) Cando a baixa no Servicio sexa voluntaria deberá asina-lo cesamento, quedando invalidada a vinculación entre o usuario e o Concello.

f) Por incumprimento das condicións do contrato.

g) Será baixa obrigada e inmediata aquel usuario que, tendo amosada a súa desconfianza, denuncie infundadamente a unha traballadora familiar por usurpación de bens.

As baixas serán comunicadas, para a súa aprobación, á Comisión de Goberno Municipal.

Artigo 8: persoal.

Para a posta en marcha deste Servicio será imprescindible a intervención do técnico responsable do Servicio Social de Atención Primaria do Concello, que realizará o labor de diagnóstico, seguimento e avaliación da casuística presentada. Nun segundo momento entrará a participar na intervención a traballadora familiar de axuda a domicilio, que se encargará da execución do proxecto individual exposto para cada caso na parte que o técnico responsable determine.

Contarase co voluntariado social como prestador de determinadas tarefas de apoio dentro do servicio de axuda a domicilio.

Artigo 9: tramitación de acceso ó servicio.

O acceso ó servicio tramitarase desde o servicio social de atención primaria do Concello, desde onde se procederá a:

- Recepciona-la demanda por parte do programa de información e orientación.

- Facilitarase a solicitude (anexo I).

- Axuntarase á mesma a seguinte documentación:

* Fotocopia do DNI.

* Xustificante de ingresos económicos: copia da última declaración da renda ou certificado negativo de Facenda, certificado da pensión, últimas nóminas, tarxeta de demanda de emprego, últimos recibos de imposto de bens inmobles, certificado dos intereses bancarios, etc.

* Certificado de empadroamento.

* Fotocopia de cartilla da Seguridade Social.

* Informe médico.

O técnico responsable do servicio emitirá o informe de valoración baseado nos criterios de acceso que se recollen no anexo II. Segundo este, adxudicarase o servicio, ou un lugar na lista de espera.

A resolución será comunicada ó interesado.

Os usuarios do servicio de axuda a domicilio estarán obrigados a comunicar ó servicio social de atención primaria calquera modificación que se produza respecto ás circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 10: requisitos para a posta en funcionamento.

Unha vez sexa resolta favorablemente a solicitude de axuda a domicilio pola Comisión de Goberno, será requisito imprescindible que o usuario interesado asine un contrato interno, a modo de compromiso de respecto ás normas do Servicio, incluíndo as tarefas que se van realizar, horarios, días e contribución económica correspondente.

Así mesmo asinará o impreso de domiciliación bancaria para que lle sexa efectuado o cobramento mensual do servicio prestado.

Artigo 11: tarifas.

As tarifas desta taxa, tendo en conta o nivel de ingresos familiares, e distinguindo unidades familiares de "1 membro" ou de " 2 ou máis", son os seguintes:

 

Tarifas do servicio municipal de axuda á domicilio
Ingresos mes. Renda per cápita (euros) Unidade económica.
1 membro
Unidade económica.
2 ou máis
  % Custo hora % Custo hora
Menos de 451,20 0% 0 0% 0
Entre 451,21 e 511,31 0% 0 20% 1,06
Entre 511,32 e 571,42 25% 1,33 40% 2,12
Entre 571,43 e 631,53 50% 2,65 60% 3,18
Entre 631,54 e 691,64 75% 3,98 80% 4,24
Mais de 691,65 100% 5,3 100% 5,3

 

* Custo hora para o ano 2003 calculado en 5,3088603 euros.

A obriga de pagar nace desde que se inicia a prestación do servicio, e o pagamento farase efectivo nos primeiros cinco días de cada mes.

Artigo 12: criterios para a contabilización dos recursos económicos.

a) Criterios para a contabilización dos recursos:

Para a estimación da renda per cápita mensual, base para a asignación da tarifa que terán que pagar os usuarios do Servicio, no seu caso.

1. Cuantía líquida de pensións, excluíndo pagas extra.

2. Non se contabiliza valor da vivenda habitual.

3. Contabilizarase o 2% do valor catastral (mensual) doutros bens urbanos e rústicos (recibos de pago).

4. Intereses bancarios netos, dividindo entre 12 mensualidades e entre o número de titulares.

5. Declaracións IRPF: base impoñible.

6. Importe líquido das nóminas.

7. Estimación -declaración xurada-, no caso de ingresos irregulares.

8. Suma de tódolos ingresos, contabilizados do xeito anterior, e división entre o número de membros da unidade económica de convivencia, para cálculo da renda per cápita.

9. Os xustificantes de ingresos solicitaranse de oficio en xaneiro de cada ano, e os usuarios deberán comunicar calquera variación sobrevida na súa situación económica.

10. Así mesmo, os casos de nova alta, e os antigos en cada actualización, asinarán unha declaración xurada conforme os datos que aportan son fieis á realidade.

b) Aplicación de deducción de gastos fixos:

Considérase procedente deducir dos ingresos mensuais, computados do xeito anterior, todos aqueles gastos que polo seu concepto, periodicidade e cuantía, impliquen unha diminución importante da renda dispoñible, especialmente os seguintes: gastos pola recepción de servicios domésticos, gastos farmacéuticos, alugueiros de vivenda e préstamos para a rehabilitación/adquisición de vivenda habitual.

c) Estimación de circunstancias especiais:

Polos Servicios Sociais Municipais valoraranse todas aquelas circunstancias que poidan afectar á capacidade económica dos usuarios, como por exemplo emerxencias provocadas por sinistros, acollementos temporais e forzosos noutras unidades familiares, problemas de relación que motiven a non colaboración económica dos membros da familia, etc. Estas circunstancias só se terán en conta de xeito excepcional, debendo ser xustificadas polo usuario.

Artigo 13: revisión anual.

Os parámetros económicos que rexen o novo ordenamento deberán revisarse anualmente en base ó seguinte:

- Anualmente actualizarase a táboa de tarifas, sempre en función da cantidade de referencia: 100% do SMIV para cada ano.

- O custo hora aplicable incrementarase anualmente na mesma porcentaxe de incremento do SMIV.

- Os datos económicos dos usuarios actualizaranse solicitándolles documentación xustificativa e facendo as correspondentes comprobacións de oficio, no mes de xaneiro de cada ano.

- As tarifas actualizadas empezarán a aplicarse no mes de febreiro de cada ano.

 

ANEXO I:

Modelo de solicitude:

Señor alcalde-presidente do Concello de Dodro.

Don/D.ª ........., con domicilio en ........, teléfono ......, DNI ......, ante V.S.,

Expón: que se atopa en situación de necesidade de atención domiciliaria polas seguintes circunstancias .........., polo que,

Solicita: praza no servicio de axuda a domicilio.

En Dodro, (data)

Asinado.

ANEXO II:

Criterios de puntuación:

Os criterios de selección baséanse no baremo de puntuacións que de seguido se especifica, na urxencia do caso, e na dispoñibilidade do Servicio.

Baremo de puntuación:

Situación económica: 30 puntos.

Autonomía persoal: 35 puntos.

Situación sociofamiliar: 35 puntos.

Situación económica: renda per cápita mensual:

 

Ingresos
(Renda per cápita mensual)
Puntos
Menos de 451,20 30
Entre 451,21 e 481,25 25
Entre 481,26 e 511,30 20
Entre 511,31 e 571,40 15
Entre 571,41 e 631,50 10
Entre 631,51 e 691,60 5
Máis de 691,51 0

 

Autonomía persoal:

Descrición de 14 actuacións cualificadas do seguinte xeito:

0 puntos: normalmente.

1 punto: con algunha dificultade.

2 puntos: con moitas dificultades.

3 puntos: non pode.

a) Pode barrer e frega-la casa. 0 1 2 3

b) Pode limpa-lo polvo dos mobles, limpa-lo cuarto de baño. 0 1 2 3

c) Pode vestirse e desvestirse. 0 1 2 3

d) Pode lavar á man, tender e prancha-la roupa. 0 1 2 3

e) Pode levantarse e deitarse na cama, levantarse e sentarse nunha cadeira. 0 1 2 3

f) Pode face-las compras. 0 1 2 3

g) Pode realizar xestión, ir ó médico, banco, etc. 0 1 2 3

h) Pode cociñar e lava-los pratos. 0 1 2 3

i) Pode asearse e bañarse. 0 1 2 3

j) Pode procurarse os coidados sociosanitarios básicos. 0 1 2 3

k) Fai as súas necesidades sen axuda, non presenta incontinencia. 0 1 2 3

l) Pode manexa-los aparatos de calefacción, auga quente, interruptores de luz, gas, etc. 0 1 2 3

m) Posee orientación tempo-espacial. 0 1 2 3

n) Posee actitude coherente. 0 1 2 3

O máximo de puntos que se poden obter neste apartado son 35, valorados entre estas e outras capacidades de autonomía.

Situación socio-familiar:

1. Abandono absoluto. Ningunha relación co contorno. Non hai familia nin veciños: 35 puntos.

2. Abandono. Non ten familia. Só se relaciona con veciños. Atención moi deficiente: 30 puntos.

3. Abandono familiar. Ten familia pero non recibe atencións axeitadas. Van ocasionalmente. Os veciños aténdenlle "se fai falla": 25 puntos.

4. Atención familiar e/ou veciñal periódica, acoden varias veces por semana: 20 puntos.

5. Atención familiar e/ou veciñal continuada, pero non cubre tódalas necesidades: 15 puntos.

6. Servicio practicamente cuberto por familiares e/ou veciños. Necesita unicamente servicio mínimo para completa-lo realizado: 10 puntos.

 

ANEXO III:

Contrato interno.

D./D.ª ........, DNI número ........, con domicilio en .........., outros datos ........, etc.

Acepta os servicios da traballadora familiar dona ......., que realizará as tarefas de ........; durante os días ........, horas/día ......., por un tempo de ......... (semanas, meses, anos, indefinido, e comprométese a aboa-la cantidade de ......... euros/hora, de acordo cos recursos económicos familiares que xustifica documentalmente, comprometéndose a respecta-las normas regulamentarias do servicio.

Asinado, o usuario, a traballadora familiar, a traballadora social.

 

ANEXO IV:

Autorización bancaria.

Señor director do banco/caixa:

Agradeceríalle tome nota de adebedar na conta abaixo detallada, os recibos que a nome de ....... presentaranlle para o seu cobro de forma mensual desde o servicio de axuda a domicilio do Concello de Dodro.

Número da conta:

Titular:

NIF: