Laxe - Ordenanza municipal Nº 20, reguladora da licencia pola posesión de animais potencialmente perigosos, do seu rexistro, e da sección local do rexistro de animais de compañía
Exposición de motivos
A Lei 50/1999, do 23 de decembro, dictada ó abeiro do artigo 149.1.29 da Constitución española, que atribúe ó Estado as competencias en materia de seguridade pública, asigna no artigo 3 ós concellos a competencia para concede-la licencia administrativa que habilite para a posesión de animais potencialmente perigosos. Ademais, no seu artigo 6, establece que en cada concello existirá un rexistro de animais potencialmente perigosos.
A Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia, de protección de animais domésticos e salvaxes en actividade, impón á súa vez ós concellos a obriga de recollida dos animais abandonados e no artigo 27 do Decreto 153/ 1998 que a desenvolve, obriga a censar a nivel municipal a tódolos animais da especie canina.
A Comunidade Autónoma de Galicia desenvolve ambas Leis de forma harmónica no Decreto 9072002, sinalando no artigo 3.2, que é competencia do concello correspondente outorga-las licencias administrativas para a posesión de animais referidos no artigo anterior.
CAPÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1º .- Obxecto
1.- É obxecto de presente ordenanza, a regulación da concesión e renovación das licencias administrativas para a posesión de calquera animal clasificado como potecialmente perigoso, ó que se refire o Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a posesión de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a regulación do Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos e a inscripción na sección local do Rexistro galego de animais de compañía.
2.- Quedan excluídos da aplicación da presente ordenanza os cans e animais pertencentes ás Forzas Armadas, forzas e corpos de seguridade do Estado, corpos de Policía das comunidades autónomas, Policía Local e empresas de seguridade con autorización oficial.
Artigo 2º .- Definición de animal potencialmente perigoso.
1.- Consideranse animais potencialmente perigosos aqueles que pertencendo á fauna autóctona ou alóctona, independientemente da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertencen, e convivindo no contorno humano como animais domésticos ou de compañía, sexan susceptibles de ocasiona-la morte, ou lesións ás persoas ou a outros animais, ou de producir danos de certa entidade ás cousas.
2.- En particular terán a cualificación de potencialmente perigosos os cans que polas súas características raciais pudesen seren aptos para o adestramento, para a garda e defensa e en concreto os pertencentes ás razas seguintes: american stafforshire terrier, pit bull terrier, bullmastif, dobermann, dogo arxentino, dogo de Bordeos, dogo do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquino (ca de bou), rottweiler, staffordshire bull terrier, tosa inu e akita inu. Tamén serán considerados neste apartado os cruces en primeira xeración destes, cruces destas razas entre si ou cruces destas con outras razas, obtendo unha tipoloxía similar a algunha das razas anteriormente descritas.
3.- En todo caso, aqueles cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. Esta agresividade será apreciada pola autoridade competente, de oficio ou previa notificación ou denuncia, e despois dun informe dun adestrador ou veterinario designado para tal efecto.
CAPÍTULO II.- DA LICENCIA MUNICIPAL
Artigo 3º .- Licencia municipal
1.- A posesión no municipio de animais clasificados como potencialmente perigosos requerirá a obtención previa dunha licencia administrativa outorgada polo concello correspondente nos termos previstos no artigo 3 da Lei 50/1999, do 23 de decembro.
2.- Están obrigados á obtención da licencia municipal para a posesión de animais clasificados como potencialmente perigosos os propietarios ou posuidores deles empadroados neste Concello, así como os establecidos ou asociacións con sede neste concello, que alberguen animais potencialmente perigosos ós que se refire o Decreto 9072002, do 28 de febreiro, e se de quen á súa explotación, cría, comercialización ou adestramento, incluídos os centros de adestramento, criadeiros, centro de recollida, residencia, centros recreativos e establecementos de venda sitos neste Concello.
3.- Os propietarios de animais potencialmente perigosos que non sexan veciños deste concello deberán acreditar, cando se encontren residindo temporalmente nel e mentres permaneza o animal no término municipal, a posesión da licencia no municipio de orixe.
4.- Nos casos de inscripción de animais como consecuencia de ter efectuado anteriores ataques a persoas, animais ou cousas no Concello, unha vez coñecida a resolución ou sentencia, de oficio ou a instancia de calquera interesado directo, e previa tramitación de expediente administrativo con audiencia do interesado, se requirirá ó propietario mediante resolución da Alcaldía, co obxecto de que no prazo dun mes proceda á solicitude da licencia, efectuándose en caso contrario a retirada e depósito do animal de conformidade co establecido no artigo 9.º desta ordenanza.
Artigo 4.º .- Requisitos para a obtención da licencia
1.- Para a obtención da licencia administrativa con destino á posesión de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:
A) Ser maior de idade e non estar incapacitado para proporciona-los coidados necesarios ó animal.
B) Non ter sido condenado por delictos de homicidio, lesións, torturas, contra a liberdade ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociacións con banda armada ou de narcotráfico, así como non estar privado por resolución xudicial do dereito á posesión de animais potencialmente perigosos.
C) Non ter sido sancionado por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias das previstas no apartado 3 do artigo 13 da lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico de animais potencialmente perigosos. Non obstante, non será impedimento para a obtención ou, no seu caso, renovación da licencia, ter sido sancionado coa suspensión temporal desta, sempre que, no momento da solicitude, a sanción de suspensión anteriormente imposta fose cumprida integramente.
D) Dispoñer de certificado de aptitude psicológica e de capacidade física para a posesión de animais potencialmente perigosos.
E) Acredita-la formalización dun seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poida causar cada animal potencialmente perigoso cunha cobertura mínima de cento vintecinco mil (125.000 euros).
2.-Os requisitos esixidos deberán manterse vixentes durante todo o período de posesión do animal; a perda destes dará lugar á revisión da licencia nos termos recollidos no artigo 9.º desta ordenanza.
Artigo 5.º .- Vixencia das licencias
1.- A licencias terán unha vixencia de cinco anos, e á finalización desta deberán ser obxeto de renovación, debendo acreditarse en cada exercicio, para o seu mantemento:
A) A subcripción do seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros.
B) A expedición do certificado de sanidade animal, expedido por autoridade competente, que acredite con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou trastornos que o fagan especialmente perigosos.
2.- A condena por calquera dos delitos recollidos no apartado b) do artigo dará lugar á revisión da licencia polo concello.
Artigo 6.º .- Acreditación
1.- A identificación da posesión da licencia municipal de animais potencialmente perigosos acreditarase mediante entrega de certificación relativa a esta.
2.- Por cada can que se posúa, expedirase unha tarxeta identificativa na que se farán consta-los seguintes datos:
A) Número de licencia municipal.
B) Código de identificación do can.
C) Raza.
D) Titular da licencia e DNI.
E) Número de Rexistro municipal.
No dorso se farán consta-las persoas autorizadas polo titular da licencia para uso temporal e transporte do animal.
Artigo 7.º .- Documentación
1.- Para a expedición da tarxeta identificativa de cada can requirirase a presentación dos seguintes datos:
A) Raza e sexo do animal.
B) Ano de nacemento.
C) Domicilio habitual do animal.
D) Especificación de se está destinado a convivir con seres humanos ou se pola contra, ten funcións distintas como a garda, protección, ou outra que se indique.
E) Nome do propietario.
F) Domicilio do propietario.
G) Fotocopia do DNI do propietario, para acredita-la maioría de idade.
H) Nome ou razón social e domicilio do vendedor ou cedente.
I) Póliza de seguro de responsabilidade civil.
L) Certificado de aptitude psicolóxica e capacidade física nos termos recollidos nos artigos 4 e 5 do Real decreto 287/2002, do 22 de marzo.
Ll) Certificado de antecedentes penais.
M) Certificado de sanidade animal expedido por autoridade competente, que acredite, con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou transtornos que o fagan especialmente perigosos.
N) Certificado sanitario de esterilización se se efectuou esta.
Ñ) Memoria descriptiva das instalacións e medidas de seguridade utilizadas para impedi-la fuxida dos animais conforme o artigo 3.4 do Decreto 90/2002, no seu caso.
O) Identificación do animal mediante microchip, de acordo coas determinacións sinaladas nos artigos 8 e 9 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro.
Os citados datos e, no seu caso, a documentación oportuna, deberá facilitar o adquirente do animal no prazo de quince días, que comezará a contar desde a súa posesión efectiva.
2.- O certificado de sanidade animal deberá ser expedido polos servicios sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia ou por un veterinario colexiado.
3.- Para a renovación da licencia municipal deberá presentarse a seguinte documentación:
A) Solicitude de renovación.
B) Copia compulsada da renovación do seguro de responsabilidade civil.
C) Copia compulsada do certificado médico de sanidade animal efectuado nunha data non anterior a dous meses á da renovación da licencia.
D) Certificado de capacidade física.
E) Certificado de aptitude psicolóxica.
Artigo 8.º .- Órgano competente para a concesión das licencias municipais.
1.- As licenicas municipais para a posesión de animais potencialmente perigosos, se concederá mediante resolución da Alcaldía, previa acreditación da incorporación da documentación esixida na presente ordenanza.
Artigo 9.º .- Revisión, perda de licencia e depósito de animais.
1.- A perda de calquera dos requisitos esixidos no artigo 4.º desta ordenanza, dará lugar á revisión das licencias municipais concedidas e a súa retirada previa tramitación de expediente contradictorio.
2.- A retirada da licencia dará lugar á perda do dereito á posesión do animal e a obriga do interesado do proceder, no prazo máximo de dez días, que comezará a contar desde a recepción do requirimento, a súa entrega e depósito no establecemento adecuado para tal efecto ata a obtención desta salvo que o animal sexa obxeto de entrega a outro propietario ou sacrificio nos termos establecidos nos artigos 58, 59 e 60 do Decreto 153/1998, da comunidade autónoma de Galicia.
3.- En caso de incumprimento da obriga de depósito procederase á súa execución subsidiaria polo Concello, a través dos seus servicios ou mediante empresa contratada, sendo os gastos que tal actuación composta a cargo do antigo titular da licencia.
4.- O Concello poderá retirar dos espacios públicos e depositar de oficio en establecemento adecuado, sen necesidade de previo requirimento, a aqueles animais potencialmente perigosos nos que se aprecie unha situación de abandono ou perigosidade para os usuarios das vías e espacios de uso común.
5.- Igualmente o Concello poderá retirar e depositar en establecementos adecuados aqueles animais potencialmente perigosos que non dispoñan da correspondente tarxeta de identificación no municipio de orixe ata tanto se acredite tal circunstancia polo titular deste.
6.- A falta de licencia municipal para a posesión de animais potencialmente perigosos dará lugar a un único requirimento municipal para a súa obtención no prazo de dez días e á retirada e depósito dos animais, nos termos establecidos neste artigo.
CAPÍTULO III.- DO REXISTRO MUNICIPAL.
Artigo 10.º .- Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
1.- Créase o Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos, no que se fará constar con carácter obrigatorio de acordo co Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, a seguinte documentación:
A) Código identificativo do animal.
B) Zona de aplicación.
C) Especie.
D) Raza. En cruzamento de primeira xeración se especificará as razas de procedencia.
E) Sexo.
F) Descripción da capa.
G) Data de nacemento do animal.
H) Dirección habitual do animal.
I) Outros signos identificativos non definitivos (tales como un tatuaxe ou un número de chapa se o animal foi censado nun censo municipal anteriormente).
L) Especificación de se o animal está destinado a convivir con seres humanos ou se teñen funcións distintas como a garda, defensa, ou outra que se indique.
Ll) Nome e apelidos do propietario do animal.
M) Dirección do propietario do animal.
N) Teléfonos de contacto do propietario do animal.
Ñ) Fotocopia do DNI do propietario do animal.
O) Nome, dirección, número de colexiado e número de veterinario colaborador que realiza a marcaxe.
P) Data na que se realiza a implantación da identificación e a entrada do documento ó propietario.
Q) Data de alta no rexistro.
R) Certificado sanitario, expedido por un veterinario, que acredite con periocidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou síntomas que o poidan facer potencialmente perigoso, así como unha certificación de que o animal carece de lesións ou cicatrices que puidesen estar relacionadas coa utilización do animal en pelexas ou outras actividades prohibidas.
S) Libreta sanitaria actualizada cos tratamentos preceptivos e preventivos propios da especie e idade. Na libreta sanitaria figurará a catalogación de animal potencialmente perigoso.
T) Copia da licencia municipal de posesión de animais potencialmente perigosos, a nome do propietario. Acompañarase de copia da póliza que xustifique ter formalizado o seguro de responsabilidade civil.
U) Datos do centro de adestramento, se fose o caso.
V) Incidentes de agresión, se fose o caso.
2.- Os propietarios dos animais serán os responsables de identifica-los animais e de sufraga-los gastos que esto ocasione, independientemente do lugar de residencia das ditas persoas. A identificación definitiva suporá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquero transacción do animal.
3.- O Rexistro municipal é un rexistro de carácter público, ó que terán acceso as administracións públicas e autoridades competentes, así como aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos obrantes neste. Para estes efectos consideraranse, en todo caso, interese lexítimo que teña calquera persoa física ou xurídica que desexe exerce-las accións correspondentes en calquera vía xurisdiccional, para o que deberán acreditar previamente a interposición da correspondente denuncia.
4.- En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no Rexistro será de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos persoais.
Artigo 11.º .- Inscrición no Rexistro
1.- A inscrición no Rexistro de animais potencialmente perigosos efectuarase de oficio polo Concello trala concesión da licencia municipal regulada no artigo 3.º da presente ordenanza.
2.- Non obstante, será igualmente obrigatoria a instancia do interesado, para a inscrición no Rexistro municipal, en seción aberta para tal efecto, cando se efectúe o traslado dun animal potencialmente perigoso a este municipio, sexa con carácter permanente ou por período superior a tres meses, debendo proceder á inscripción no prazo máximo de dez días, que comezará a contar desde o inicio da residencia no municipio.
3.- Estimarase que se efectuou un traslado de animal potencialmente perigoso, salvo acreditación expresa en contrario polo interesado, nos casos de cambio de residencia do titular deste, e nese caso será preciso a acreditación da obtención da licencia no municipio de orixe anterior, procedendo a renovación da licencia nos casos previstos na presente ordenanza.
4.- Das inscricións que se efectúen no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos darase traslado o órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 12.º .- Baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
1.- A baixa no Rexistro municipal de aninmais potencialmente perigoso efectuarase a instancia do interesado, previa acreditación da venda, traspaso, cesión ou morte do animal.
2.- Igualmente procederase á baixa no Rexistro no caso de traslado da residencia do titular do animal a municipio distinto e así quede acreditado xa sexa a instancia do interesado ou de oficio polo Concello.
3.- Farase figurar no Rexistro como de titularidade municipal aqueles animais depositados nas súas instalacións como consecuencia da recollida destes da vía pública ou por perda da licencia do seu anterior titular.
Artigo 13.º .- Sección local do Rexistro galego de idenficación de animais de compañía.
1.- Ó abeiro dos principios de lealdade institucional, cooperación e colaboración previstos no artigo 4 da Lei 30/1992, establécese unha sección local da sección do Rexistro de identificación de animais de compañía, limitada ós cans residentes no término municipal. Cos datos contidos na sección do Rexistro, formarse en data 31 de decembro de cada ano, o censo ó que se refire o artigo 27 do Decreto 153/1998.
Os donos e posuidores de cans deberán censa-lo animal no prazo máximo dos tres primeiros meses de vida do animal ou no mes seguinte á súa adquisición, debendo comunicar ó Concello as baixas por morte, perda ou traslado fóra do muncipio no prazo máximo e quince días, así como calquera cambio que puidese afectar ó animal ou o seu dono ou posuidor.
A inscrición neste Censo deberase realizar no prazo máximo de tres meses desde que entre en vigor esta ordenanza.
2.- Neste Rexistro farase consta-la información contida no apartado 5 do artigo 5 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, e que se recollen tamén nas letras da a) á s) do apartado 1 do artigo 10 da presente ordenanza.
Artigo 14.º .- Circulación e permanencia do can en vías públicas e locais.
1.- Conforme ó establecido no artigo 12 apartado 5 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, os cans catalogados como potencialmente perigosos terán que circular polas vías públicas e en lugares e espacios de uso público en xeral, atados con cadea ou correa non extensible de linxitude non superior a dous metros, provistos do correspondente buceiro homologado e axeitado para a súa raza, e en ningún caso, poderán ser conducidos por un menor de 16 anos.
2.- Os cans guías poderán circular libremente nos transportes públicos urbanos, sempre que vaian acompañados polo seu dono e cumpran as condicións hixiénicas, sanitarias e de seguridade que prevén as ordenanzas.
3.- Queda expresamente prohibida a entrada ou estancia de animais domésticos en toda clase de locais destinados á fabricación, almacenamento, transporte, venda ou manipulación de alimentos.
4.- Queda asemade prohibida a entrada ou estancia de animais domésticos en restaurantes, bares, cafeterías e similares.
5.- Prohíbese a circulación ou a estancia de cans e outros animais nas piscinas públicas e locais de espectáculos públicos, deportivos e culturais e nos recintos escolares.
6.- Os titulares destes locais deberán colocar na entrada dos establecementos e en lugar visible o sinal identificativa desta prohibición.
7.- Quedan exentos das prohibicións anteriores os cans guía que acompañen a persoas invidentes.
8.- Nas praias do municipio prohíbese a circulación e permanencia de cans durante o período de baño e nos horarios de uso desta.
9.- Queda prohibido deixa-las deposicións fecais dos cans nas vías públicas. Os propietarios de cans son responsables de recoller convenientemente os excrementos e depositalos ou ben en bolsas de lixo domiciliarias, ou ben naqueles lugares que a autoridade municipal destine expresamente a esta finalidade.
10.- Queda expresamente prohibido que os cans accedan ás zonas de xogo infantil das prazas e parques do municipio.
11.- Prohíbese levar animais na vía pública e fontes, así como darlles de beber auga amourados ás billas das fontes públicas.
CAPÍTULO IV.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 15.º .- Infraccións
1.- As infraccións que se cometan contra o disposto nesta ordenanza clasifícanse en moi graves, graves e leves.
2.- Terán a consideración de infraccións administrativas moi graves, as previstas no artigo 13.1 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 22 da lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia.
3.- Terán a consideración de infraccións administrativas graves, as previstas no artigo 13.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 21 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia.
4.- Son infraccións administrativas leves o incumprimento de calquera das obrigas establecidas nesta ordenanza, na Lie 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, e na Lei 1/ 1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia, non comprendidas nos apartados anteriores e respecto das que a competencia corresponda ó Concello, conforme ó previsto no artigo 20.3 a) do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, e en particular os seguintes:
A) A non presentación no prazo requerido da documentación complementaria esixida no artigo 9.6 desta ordenanza.
B) A non renovación no prazo dun mes da licencia concedida para a posesión de animais potencialmente perigosos.
C) A non presentación cando lle sexa requerida da licencia do municipio de orixe de animais potencialmente perigosos polos propietarios non aveciñados neste municipio.
Artigo16.º .- Sancións
1.- As infraccións tipificadas no artigo anterior serán sancionadas con multas e fixaranse as súas contías no artigo 13.5 da Lei 50/1999, do Estado, e no artigo 24 da Lei 1/1993, da comunidade autónoma de Galicia.
2.- En todo caso, as infraccións graves e moi graves, tipificadas no artigo anterior desta ordenanza, poderán levar aparelladas como sancións accesorias a confiscación, caomso, esterilización ou sacrificio dos animais potencialmente perigosos, a clausura do establecemento e a suspensión temporal ou definitiva da licencia para posesión de animais potencialmente perigosos ou do certificado de capacitación do adestrador.
Artigo 17.º .- Responsable
1.- Considéranse responsables das infraccións os que por accións ou omisión participasen na comisión destas, ó propietario ou posuidor dos animais, ou no seu caso, ó titular do establecemento, local ou medio de transporte no que se produzan os feitos, e neste último suposto, asemade, o encargado do transporte.
Artigo 18.º .- Procedemento sancionador
1.- O procedemento sancionador aplicable rexerase polo establecido na lei 50/1999, do 23 de decembro, así como na Lei 30/92, do 26 de novembro, e normas de desenvolvemento.
Artigo 19.º .- Exercicio da potestade sancionadora
1.- Os órganos competentes para sancionar, de acordo co artigo 24.2 da lei 171993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia, serán:
A) Por infraccións leves, o alcalde.
B) Por infraccións graves, o director xeral da Conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente.
C) Por infraccións moi graves, o conselleiro do Medio.
2.- A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións tipificadas como leves lle corresponde ó Concello.
Non obstante, o alcalde poñerá en coñecemento de xeito fideligno, do director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, toda acción ou omisión que poida ser tipificable como infracción grave ou moi grave.
3.- Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, o alcalde poderá proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación dun expediente sancionador.
Disposición adicional única
1.- Quedan excluídos da obriga de obtención de licencia municipal, aqueles exemplares caninos que fosen obxeto de adestramento baixo a supervisión directa da Once e sexan destinados a guía de persoas invidentes.
Disposición final
1.- A presente ordenanza entrará en vigor unha vez sexa publicado integramente o seu texto no BOP e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, continuando en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa polo Concello.