Índice

Pontes de García Rodríguez As - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA POSESIÓN DE ANIMAIS DOMÉSTICOS, DOS SALVAXES EN CATIVIDADE E DOS POTENCIALMENTE PERIGOSOS

Publicación provisional: 21/01/2003 BOP Nº: 16
Publicación definitiva: 18/03/2003 BOP Nº: 63
Aplicable dende: 14/10/2003

Título I. Ámbito da ordenanza

Artigo 1.-Obxecto

Esta ordenanza ten por obxecto establecer as normas para a posesión e protección dos animais domésticos, dos animais salvaxes en catividade e dos potencialmente perigosos no territorio municipal das Pontes de García Rodríguez.

Artigo 2.-Definicións

1. Para os efectos desta ordenanza enténdese por:

a) Animais domésticos: os que se crían, reproducen e conviven co home e que non susceptibles de ocupación.

b) Animais salvaxes en catividade: os que sendo libres pola súa condición foron obxecto de apreixamento no seu medio natural e mantéñense nunha situación absoluta e permanente de dominación polo home.

c) Animais potencialmente perigosos: todos os que pertencendo á fauna autóctona ou alóctona, independentemente da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertencen, e convivindo no contorno humano como animais domésticos ou de compañía sexan susceptibles de ocasionar a morte, ou lesións ás persoas ou a outro animais, ou de producir danos de certa entidade ás cousas.

d) Animal de compañía: animais domésticos das especies canina e felina, así como os animais de especies que se críen, xeralmente no propio fogar, co obxecto de optar á súa compaña.

e) Cans potencialmente perigosos: aqueles nos que concorran calquera das condicións seguintes:

e.1.) Cans que tivesen algún episodio de agresións a persoas ou ataques de certa entidade a animais ou ás cousas.

e.2.) Cans que foran adestrados para a garda e defensa.

e.3.) Cans que polas súas características raciais puidesen ser aptos para o adestramento, para a garda e defensa, e en concreto os pertencentes ás razas seguintes: american stafforshire terrier, pit bull terrier, bullmastif, dobermann, dogo arxentino, dogo de Bordeos, dogo do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquino (ca de bou), rottweiler, staffordshire bull terrier, tosa inu e akita inu. Tamén serán considerados neste apartado os cruces de primeira xeración destes, cruces destas razas entre si ou cruces destes con outras razas, obtendo unha tipoloxía similar a algunha das razas anteriormente descritas.

e.4.) Cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. A dita agresividade será apreciada pola autoridade competente, de oficio ou logo de notificación ou denuncia e logo de informe dun adestrador ou veterinario designado para o efecto.

2.-A posesión de animais que se crían para o aproveitamento das súas produccións regúlase pola súa normativa específica.

Título II. Da posesión de animais domésticos e salvaxes en catividade e dos potencialmente perigosos

Capítulo I. Normas xerais

Artigo 3.-Posesión de animais domésticos en vivendas

1.-A posesión de animais domésticos en xeral e nomeadamente en edificacións destinadas á vivenda humana está suxeita ó cumprimento dunhas condicións hixiénicas axeitadas no seu aloxamento, á ausencia de riscos sanitarios e a que non se lles ocasione perigo ou se lles produzan molestias ós veciños.

2.-En calquera caso, das 22.00 h ás 8.00 h está prohibido deixar en patios, terrazas, balcóns ou espacios abertos ós animais que cos seus sons, laios ou ruídos pertuben o descanso dos veciños.

3.-O Concello ten a facultade de limitar, por razóns de interese público, o número de animais que se poden ter nunha edificación ou vivenda determinada.

Artigo 4.-Da posesión de animais salvaxes en catividade

1.-Está prohibida a posesión de animais salvaxes que poidan ser perigosos para a integridade das persoas fóra dos locais autorizados polo órgano competente da Xunta de Galicia.

2.-Está prohibida a permanencia ou circulación dos citados animais por lugares abertos ó público sen as medidas protectoras que se dispoñen de acordo coas características de cada especie.

Artigo 5.-Posesión de animais potencialmente perigosos

1. A posesión de animais potencialmente perigosos requirirá a obtención previa dunha licencia administrativa outorgada polo Concello unha vez verificado o cumprimento de, polo menos, os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e non estar incapacitado para proporcionar os coidados necesarios ó animal.

b) Non ter sido condenado por delictos de homicidio, lesións, torturas, contra a liberdade ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como ausencia de sancións por infraccións en materia de posesión de animais potencialmente perigosos.

c) Certificado de aptitude psicolóxica.

d) Acreditación de ter formalizado un seguro de responsabilidade civil por danos a terceiro que poidan ser causado polos seus animais, pola contía mínima de cento vintecinco mil euros (125.000 euros), que se renovará anualmente, pola súa responsabilidade derivada dos danos que o animal poida causar a terceiros, aínda que o animal fose cedido a outra persoa para o seu coidado. A constitución do citado seguro será requisito indispensable e previo para a identificación dos animais e inscrición no rexistro.

2.-Esta licencia deberá ser renovada cada cinco anos, coa finalidade de comprobar que o interesado segue a cumprir os requisitos que se lle esixiron para a súa obtención.

3.-A obtención da licencia para a posesión de animais salvaxes en catividade considerados como potencialmente perigosos, requirirá, ademais dos requisitos especificados no apartado 1 deste artigo, a presentación dunha memoria descritiva da instalación e das medidas de seguridade utilizadas para impedir a fuxida dos animais. A dita memoria deberá estar subscrita por veterinarios, biólogos ou outros facultativos superiores ou medios nos que nos seus plans de estudios quede acreditado o coñecemento ou estudio de etoloxía animal.

Capítulo II. Medidas sanitarias

Artigo 6.-Prohibición de abandono de animais

1.-Está absolutamente prohibido o abandono de animais.

2.-O Concello recollerá os animais abandonados e reteraos ata que sexan reclamados, acollidos ou sacrificados.

Artigo 7.-Medidas sanitarias xerais

1.-O Concello, por iniciativa propia ou do órgano competente da Xunta de Galicia, poderá dispoñer a vacinación ou o tratamento sanitario obrigatorio dos animais regulados nesta ordenanza.

2.-O Concello, por propia iniciativa ou en cumprimento de disposicións do órgano competente da Xunta de Galicia, poderá ordenar o illamento e internamento de animais domésticos ou salvaxes en catividade ós que se lle diagnosticasen enfermidades transmisibles, para sometelos a tratamento curativo.

3.-Os animais que padezan unha doenza que poida comportar un perigo para a saúde das persoas ou que sufran enfermidades crónicas incurables serán obxecto de sacrifico obrigatorio.

4.-Nos casos nos que por razón de sanidade animal ou de saúde pública se esixa o sacrificio obrigatorio do animal, esta realizarase de xeito rápido e sen dor, en locais aptos e baixo a responsabilidade dun veterinario.

Artigo 8.-Medidas sanitarias en caso de agresión

1.-Os donos e posuidores de animais que morderan ou causaran lesións a algunha persoa ou a outro animal están obrigados a:

a) Facilitarlle os seus datos persoais e os datos do animal agresor á persoa lesionada, ó dono do animal agredido e ó axente da autoridade que llos solicite.

b) Comunicarlle os feitos nun prazo máximo de 24 horas á Policía Local.

c) Poñeren o animal agresor en observación veterinaria obrigatoria durante o período de catorce días naturais.

d) Presentaren no Concello a documentación sanitaria do animal no prazo máximo de 48 horas desde que se produciu a agresión.

e) Presentaren no Concello o certificado veterinario no prazo máximo de 48 horas ó cabo do período de observación.

f) Comunicarlle ó Concello calquera incidencia que se rexistre (morte, enfermidade, perda ou traslado do animal) durante o período de observación.

2.-A observación veterinaria poderase realizar no establecemento que decida o Concello ou, cando as circunstancias o aconsellen e por pedimento do dono do animal e baixo control dun veterinario, noutros locais axeitados ou no propio domicilio do dono.

3.-Serán por conta do dono ou posuidor do animal agresor, os gastos da súa estadía durante o período de observación no establecemento que se sinale.

4.-Se o animal agresor non ten dono ou posuidor coñecido, serán os servicios municipais os que se farán cargo do seu apreixamento e observación veterinaria.

Capítulo III. Censo municipal

Artigo 9.-Censo municipal de cans

1.-Créase o censo municipal de cans, no que obrigatoriamente deberán estar inscritos todos os animais da especie canina, que o seu propietario, posuidor ou persoa responsable sexa veciño deste municipio.

2.-O censo conterá os seguintes datos:

a) Identificación do animal (especie, raza, idade, nome do animal).

b) Nome, DNI e domicilio do propietario, posuidor ou persoa que asuma a responsabilidade.

c) A data de expedición e o número de tarxeta sanitaria.

3.-O veterinario colaborador deberá expedir a cartilla sanitaria ós cans, na cal se anotarán as sucesivas vacinacións e tratamentos obrigatorios.

4.-Tamén se inscribirán as baixas por morte, perda ou traslado do animal fóra do municipio, os cambios de domicilio e as transferencias de titularidade ou de posesión que se produzan.

5.-A inscrición e sucesivas anotacións no censo faranse nos seguintes prazos:

a) A adquisición dun can sen inscrición ou o nacemento, no prazo de un mes.

b) A transmisión da propiedade ou posesión, no prazo de quince días.

c) A morte ou desaparición, para efectos de baixa, no prazo de cinco días.

6.-O censo municipal será elaborado directamente polo Concello ou a través de veterinarios colaboradores.

7.-Poderán seren veterinarios colaboradores todos os profesionais exercentes no municipio, previo convenio co Concello, por un prazo non inferior a cinco anos, prorrogables e que se obriguen a prestar os seus servicios nas Pontes.

"8.-Tódolos animais da especie canina deberán identificarse por medio dun implante electrónico que deberá ter as seguintes características:

a) Deberá estar programado e non se poderá modificar.

b) Operatividade do sistema a temperaturas comprendidas entre -40º C e 70º C

c) O código alfanumérico estará formado por un número de díxitos que será único para cada animal, sen que poidan existir dous ou máis animais co mesmo código".

O que se publica, e para os efectos en cumprimento do disposto no artigo 70.2, en relación co 65.2, ámbolos dous da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

De conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 23 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra o acordo modificatorio da ordenanza os interesados poderán interpor, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contado a partir do seguinte ó da publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Poderán, así mesmo, interpor calquera outro recurso que estimen procedente ou conveniente.

Capítulo IV. Rexistro municipal

Artigo 10.-Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

1.-Créase o rexistro municipal de animais potencialmente perigosos no que obrigatoriamente deberán inscribirse os titulares de licencia municipal a que se refire o artigo 5 desta ordenanza, no prazo de 15 días contados a partir da obtención da licencia.

2.-Este rexistro contará cos seguintes datos:

- Datos persoais do posuidor: nome, enderezo habitual, documento nacional de identidade e teléfono de contacto.

- Características do animal que fagan posible a súa identificación: idade, especie, raza, características externas e número e microchip.

- Lugar habitual de residencia do animal.

- Función/aptitude do animal (compañía ou garda, defensa, caza).

3.-O Concello remitirá os datos do rexistro municipal ó Rexistro galego de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos, no prazo máximo de 15 días, contados desde o momento de inscrición dun animal potencialmente perigoso.

Capítulo V. Obrigacións dos donos e posuidores de animais

Artigo 11.-Obrigacións dos posuidores de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Os donos e posuidores de animais domésticos e salvaxes en catividade están obrigados a:

1) Censaren no prazo máximo de un mes desde que nazan ou estean no seu poder, todos os animais da especie canina, así como aquelas outras especies que regulamentariamente se determinen pola consellería competente.

2) Comunicarlle ó Concello as baixas por morte, perda ou traslado do animal fóra do municipio no prazo máximo de cinco días.

3) Comunicarlle ó Concello o cambio de domicilio ou lugar de residencia do animal no prazo máximo de quince días.

4) Vacinaren os animais contra aquelas doenzas obxecto de prevención a partir da idade regulada na normativa vixente.

5) Realizaren controis sanitarios periódicos ós animais.

6) Identifacaren os animais por medio dos sistemas aprobados regulamentariamente.

7) Trataren e alimentaren ó animal correctamente.

8) Manteren ó animal en boas condicións hixiénico-sanitarias, de acordo coas características da especie.

9) Adoptaren as medidas necesarias para asegurar que o animal non lles cause molestias ás persoas nin poña en perigo ás persoas ou ós bens.

10) Impediren que o animal lixe as vías ou espacios públicos de tránsito ou lecer.

11) Impediren que o animal dane o equipamento urbano.

12) Comunicarlle ó Concello no prazo máis curto posible calquera doenza infecto-contaxiosa que sufra o animal.

13) Responderen dos danos e perdas que ocasione o animal, de conformidade coa lexislación aplicable.

14) Facilitarlle un aloxamento que deberá proporcionarlle un ambiente adecuado, cómodo e hixiénico.

15) Non maltratalo nin sometelo a práctica ningunha que lle poida producir sufrimento ou danos inxustificados.

16) Non subministrarlle substancias que poidan causarlles sufrimento ou danos innecesarios, nin aquelas que se utilicen para modificar o comportamento do animal coa finalidade de aumentar o seu rendemento, salvo que se efectúe por prescrición facultativa.

17) Non abandonalo.

18) A adoptar as medidas necesarias para impedir que ensucien as vías e espacios públicos de zonas urbanas, debendo recoller os excrementos que os animais depositen nas beirarrúas, vías e espacios públicos, fóra dos lugares coutados para o efecto.

Artigo 12.-Obrigacións dos propietarios e posuidores de animais potencialmente perigosos.

1.-Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo anterior, os propietarios e posuidores destes animais deberán cumprir o establecido no artigo 7 do Decreto 90/2002, de 28 de febreiro.

2.-Os propietarios, criadores e posuidores de animais potencialmente perigosos teñen a obrigación de identificalos cun microchip nos seus tres primeiros meses de vida ou nun mes despois da súa adquisición conforme ó establecido no artº 9 do Decreto 90/2002, de 28 de febreiro.

Artigo 13.-Obrigacións hixiénico-sanitarias dos posuidores de animais potencialmente perigosos.

1.-Os propietarios, criadores ou posuidores destes animais deberán mantelos en axeitadas condicións hixiénico-sanitarias e cos coidados e atencións necesarios de acordo coas necesidades fisiolóxicas e características propias da especie ou raza do animal.

2.-O propietario, posuidor ou criador dun animal que agreda a persoas ou a outros animais causándolles feridas de mordedura, será responsable de que o animal sexa sometido a recoñecemento dun veterinario en exercicio libre da profesión, en dúas ocasións dentro dos 15 días seguintes á agresión. Neste recoñecemento o veterinario responsable emitirá un certificado no que conste se o animal presenta ou non síntomas de enfermidades infectocontaxiosas.

Artigo 14.-Obrigas dos posuidores de animais potencialmente perigosos en materia de seguridade cidadá.

1.-Os propietarios, criadores ou posuidores de animais potencialmente perigosos terán a obriga de cumprir todas as normas de seguridade cidadá, establecidas na lexislación vixente e na lexislación sobre protección animal de Galicia, de xeito que garantan a óptima convivencia destes animais cos seres humanos e se eviten molestias á poboación.

2.-As instalacións destinadas a albergar animais potencialmente perigosos pertencentes á fauna silvestre alóctona ou exótica precisarán cumprir as medidas de seguridade que eviten a fuxida destes animais. Todas as instalacións destinadas a albergar animais potencialmente perigosos deberán reunir como mínimo as seguintes medidas de seguridade:

a) As paredes e valados serán suficientemente altos e consistentes e deberán estar fixados co fin de soportar o peso e a presión do animal, evitando as fuxidas.

b)As portas das instalacións deben ser resistentes, e estar deseñadas para evitar que os animais poidan abrir os mecanismos de seguridade, sen producirlle danos.

c) O recinto estará sinalizado coa advertencia de que se atopa no interior un animal potencialmente perigoso.

3.-As instalacións nas que se alberguen animais potencialmente perigosos deberán reunir as condicións establecidas na normativa sobre protección animal en Galicia, tendo en conta as especificacións técnicas correspondentes a cada especie.

4.-O Concello poderá regular as condicións nas que se autorice a circulación e estadía dos animais potencialmente perigosos en rúas, parques e vías públicas, podendo determinar, por razóns de seguridade e orde pública, as zonas en que se prohíba a súa estadía e circulación.

5.-En todo caso, os cans obxecto desta regulación terán que circular, nas vías públicas e nos lugares e espacios de uso público en xeral, atados con cadea ou correa non extensible de lonxitude non superior a dous metros, provistos da correspondente buceira homologada e axeitada para a súa raza, e en ningún caso poderán seren conducidos por un menor de dezaseis anos.

Artigo 15.-Obrigas dos donos e posuidores de cans de vixilancia.

Os donos e posuidores de cans de vixilancia están obrigados a:

1) Adoptaren as medidas precisas para que o animal non saia fóra do recinto obxecto de protección nin poña en perigo ás persoas que utilizan as vías ou outros bens de dominio público.

2) Poñeren un letreiro en lugar visible no que se advirta de perigo pola presencia dun can de vixilancia.

Capítulo V. Circulación de animais polas vías e espacios públicos

Artigo 16.-Circulación dos cans non considerados potencialmente perigosos.

1.-Os cans, cando estean ou circulen por vías ou lugares de tránsito público irán suxeitos por unha cadea ou correa.

2.-Están dispensados do requisito sinalado no apartado anterior os cans que se atopen nas seguintes circunstancias: a) os que se utilicen en tarefas agrícolas, gandeiras ou de caza mentres desenvolven esas actividades no ámbito rural; e b) os que, na compaña dunha persoa responsable, circulen fóra dos núcleos urbanos por terreos agrícolas ou forestais sempre que non concorra a presencia de terceiras persoas.

3.-O uso de buceira será ordenado pola autoridade municipal competente cando as circunstancias así o aconsellen e mentres duren estas.

Artigo 17.-Presencia de cans en espacios públicos

1.-Prohíbese a circulación e permanencia de cans e outros animais nas piscinas públicas durante a temporada de baño.

2.-Queda prohibida a entrada de animais en espectáculos públicos deportivos e culturais, así como en recintos de práctica de deportes e de xogos infantís, excepto os cans de cegos.

3.-Non obstante, os cans poderán deixarse soltos nos lugares e horas que con este fin acoute ou designe o Concello, acompañados sempre polo seu propietario ou posuidor.

Artigo 18

Está prohibido alimentar ós animais nas vías ou espacios públicos.

Capítulo VI. Presencia de animais en establecementos públicos.

Artigo 19

1.-Está prohibida a entrada ou estadía de animais domésticos en calquera clase de establecementos de fabricación, almacenamento, transporte, consumo ou manipulación de alimentos.

2.-Os titulares de establecementos públicos como hoteis, pensións, bares e semellantes, poderán prohibir a entrada e estadía de animais nos seus locais. En calquera caso, esixirán que os cans leven buceira e estean suxeitos por unha correa ou cadea.

3.-Exceptúanse das prohibicións anteriores os cans guía de invidentes.

Capítulo VII. Recollida de animais

Artigo 20.-Animal abandonado

1.-Enténdese que un animal está abandonado se circula polas vías ou espacios públicos sen ningún sinal polo que se poida identificar ó seu dono ou posuidor e non vai na compaña de ningunha persoa.

2.-O animal abandonado será recollido polos servicios municipais que o trasladarán a un establecemento axeitado ata que o reclamen, acollan ou sexa sacrificado.

3.-Os cidadáns teñen o deber de comunicarlle ó Concello a presencia de animais abandonados nas vías ou espacios públicos.

Artigo 21.-Recuperación de animais abandonados

1.-O prazo máximo para a recuperación dun animal non identificado é o de vinte días desde que se produciu o seu apreixamento.

2.-Se o animal está identificado, o dono ou posuidor dispoñerá dun prazo de dez días para recuperalo desde que se lle avisou do apreixamento.

3.-En calquera caso, o dono ou posuidor do animal apreixado deberá aboar os gastos orixinados pola súa recollida e mantemento con suxeición ós prezos públicos vixentes, sen prexuízo da sanción que lle poida ser aplicable.

4.-Transcorridos os prazos sinalados anteriormente, os animais serán postos a disposición de quen os solicite, durante un prazo mínimo de tres días, sempre que se comprometa a regularizar a súa situación sanitaria de acordo coa normativa vixente aplicable e que os animais potencialmente perigosos superen as probas de socialización que demostren que o animal non é perigoso para a seguridade das persoas, para outros animais e que non vai producir danos ás cousas.

5.-Os animais que non sexan retirados polo seus donos nin cedidos en adopción no prazo de tres meses, ou antes nos supostos de urxencia, poderán sacrificarse por procedementos autorizados baixo control veterinario, para evitar sufrimentos de forma que o método empregado implique a perda inmediata da consciencia e o mínimo sufrimento posible.

Artigo 22.-Recollida de animais enfermos, feridos ou mortos na vía pública.

Os animais que anden enfermos ou estean feridos ou mortos nas vías e espacios públicos serán recollidos polos servicios municipais. Calquera cidadán que advirta a presencia dun animal nestas circunstancias deberá avisar ó Concello para que o retire o máis axiña posible.

Artigo 23.-Xestión do servicio de recollida de animais

1.-O Concello poderá xestionar o servicio en calquera das formas que prevé a Lei reguladora de réxime local. Tamén poderá concertar convenios coa Xunta de Galicia, con asociacións de protección e defensa dos animais ou con outras asociacións autorizadas para este fin.

2.-Se o servicio non se presta en forma de xestión directa e llo solicitan as asociacións de protección e defensa dos animais, o Concello concederallo preferentemente a elas por un prazo mínimo de tres anos.

3.-Os establecementos dedicados á recollida de animais abandonados deberanse inscribir no rexistro creado para tal efecto pola Xunta de Galicia.

Título III. Da posesión de animais domésticos para o consumo familiar

Artigo 24

Queda prohibida a cría doméstica de aves de curral, coellos, pombas e outros animais análogos en domicilios particulares dentro do núcleo urbano, tanto se é en terrazas, como en cerrados ou patios.

Artigo 25

A existencia de cortes, cortellos e granxas nas que se desenvolva a crianza de animais como actividade económica axustarase á normativa específica das actividades clasificadas.

Título IV. Infraccións e sancións

Capítulo I. Infraccións

Artigo 26. Concepto de infracción

Constitúen infraccións administrativas as accións ou omisións que comporten un incumprimento das obrigacións, prohibicións ou requisitos que establece esta ordenanza.

Artigo 27. Responsabilidade

Son responsables das infraccións administrativas as persoas físicas que as cometan como autores ou coautores.

Artigo 28. Clasificación das infraccións e sancións

1.-As infraccións administrativas respecto a animais domésticos e salvaxes en catividade clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 29

Tipifícanse como infraccións leves:

a) O maltrato dos animais que non lles cause dor.

b) A venda, doazón ou cesión de animais a menores de 14 anos ou incapacitados, sen autorización de quen teña a súa patria potestade, tutela ou custodia.

c) A doazón de animais de compañía como premio.

d) Non manter ó animal en boas condicións hixiénico-sanitarias.

e) Mantelos en instalacións inadecuadas.

f) Non facilitarlles a alimentación adecuada ás súas necesidades.

g) A utilización de animais en traballos que os inmobilicen, causándolles dor.

h) Exercer a venda ambulante de animais fóra dos mercados e feiras autorizados.

i) A carencia ou tenencia incompleta do arquivo de fichas clínicas dos animais obxecto de tratamento obrigatorio ou vacinación.

l) A posesión dun can non censado nin identificado conforme ó establecido nesta ordenanza.

m) O sacrificio de animais en lugares públicos.

n) A non recollida inmediata dos excrementos evacuados por un animal de compañía na vía pública.

ñ) As molestias ocasionadas á veciñanza.

o) A entrada e permanencia de animais en locais adicados á fabricación, venda, almacenamento, transporte ou manipulación de alimentos.

p) A circulación e permanencia de animais en piscinas públicas durante a temporada de baño.

q) O non circular co animal ou animais suxeitos con correa ou cadea con colar nas vías públicas e fóra dos lugares e horarios establecidos para que poidan circular libremente e soltos.

r) O abandono na vía pública de cadáveres de calquera especie animal.

s) Calquera outra actuación que vulnere o disposto nesta ordenanza e que non veña tipificada como infracción grave ou moi grave.

Artigo 30

Son infraccións graves:

a) O maltrato dos animais que lles cause dor ou lesións.

b) Mutilalos sen necesidade ou sen o adecuado control veterinario.

c) Abandonalos

d) A venda ambulante, reiterada, de animais en xeral, fóra dos establecementos, feiras e mercados legalmente autorizados.

e) A venda de animais salvaxes en catividade fóra dos establecementos autorizados.

f) O subministro de estimulantes non autorizados ou substancias que poidan atentar contra a saúde, excepto cando sexa por prescripción facultativa.

g) A non vacinación ou o non tratamento obrigatorio dos animais.

h) A venda de animais enfermos, salvo que se trate dun vicio oculto, non coñecido polo vendedor.

i) A cría ou comercialización de animais sen cumprir os requisitos correspondentes.

l) A tenencia de animais perigosos sen as medidas de protección que estean fixadas.

m) O incumprimento de calquera outra das condicións impostas nas autorizacións administrativas.

n) Considerarase, así mesmo, como infracción grave a reincidencia en infraccións leves, entendendo que existe tal reincidencia cando se comete unha infracción leve do mesmo tipo que a que motivou unha sanción anterior no prazo de trescentos sesenta e cinco días seguintes á notificación desta, requirirase que a resolución sancionadora adquirise firmeza.

Artigo 31

Son infracción moi graves:

a) O maltrato de animais que lles cause a morte.

b) A organización e celebración de espectáculos, pelexas ou outras actividades con animais que impliquen crueldade ou maltrato ou poidan ocasionarlles sufrimentos.

c) A venda de animais con enfermidade infectocontaxiosa coñecida.

d) A venda de animais para experimentación sen a debida autorización ou a centros non autorizados.

e) A esterilización ou o sacrificio de animais sen control facultativo.

f) A reiteración en faltas graves.

g) Considerarase, así mesmo, como infracción moi grave a reincidencia en infracción grave, entendendo que existe tal reincidencia cando se comete unha infracción grave do mesmo tipo que a que motivou unha sanción anterior no prazo de trescentos sesenta e cinco días seguintes á notificación desta; requirirase que a resolución sancionadora adquirise firmeza.

Capítulo II. Sancións

Artigo 32

As infraccións indicadas nos artigos anteriores serán sancionadas con multas de:

a) As leves, de 30,05 a 300,51 euros.

b) As graves, de 300,52 a 3.005,06 euros.

c) As moi graves, de 3.005,07 a 15.025,30 euros.

Artigo 33

Ademais da multas a que se refire o artigo anterior, os órganos competentes poderán impoñer as seguintes sancións:

1) O peche temporal ou definitivo, respectivamente para as infraccións graves ou moi graves, dos establecementos respectivos.

2) A prohibición temporal ou permanente, respectivamente para as infraccións graves ou moi graves, do exercicio de actividades comerciais.

3) A incautación dos animais obxecto de actividades ilegais ou de abandono para calquera tipo de infracción.

4) No caso de federacións ou de calquera outra entidade non lucrativa, para infraccións graves ou moi graves, poderase suspender temporalmente, ou en casos moi graves definitivamente, o exercicio das súas actividades.

Artigo 34

Para a clasificación das infraccións e a determinación da contía da sanción teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) A reiteración ou reincidencia

b) A natureza dos prexuízos causados

c) A transcendencia social da infracción

d) A importancia do dano causado no animal

e) A capacidade económica do infractor

f) O ánimo de lucro e a contía do beneficio obtido na comisión da infracción

Artigo 35. Competencia

1.-A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións cualificadas como leves será realizada polos concellos e a imposición das sancións previstas para as mesmas correspóndelle ó alcalde.

2.-A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións cualificadas como graves ou moi graves será realizada polo Concello, sen prexuízo de que a resolución dos expedientes e a imposición de sancións sexa efectuada pola autoridade correspondente.

3.-A tramitación dos expedientes por infracción do disposto na presente ordenanza adecuarase ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 36. Prescrición das infraccións

As infraccións leves prescribirán ós seis meses, as graves ós doce meses e as moi graves ós dous anos.

Artigo 37. Prescrición das sancións

As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán ós tres anos, as impostas por faltas graves ós dous anos e as impostas por faltas leves ó ano.

Artigo 38. Infraccións respecto dos animais potencialmente perigosos.

1.-Terán a consideración de infraccións administrativas moi graves respecto dos animais potencialmente perigosos as seguintes:

a) Abandonar un animal potencialmente perigoso, de calquera especie e calquera can, entendéndose por animal abandonado, tanto aquel que vaia preceptivamente identificado, como os que non leven ningunha identificación sobre a súa orixe ou propietario, sempre que non vaian acompañados de ningunha persoa.

b) Ter cans ou animais potencialmente perigosos sen licencia.

c) Vender ou transmitir por calquera título un can ou animal potencialmente perigoso a que careza de licencia.

d) Adestrar animais para activar a súa agresividade ou para finalidades prohibidas.

e) Adestrar animais potencialmente perigosos por quen careza do certificado de capacitación.

f) A organización ou celebración de concursos, exercicios, exhibicións ou espectáculos de animais potencialmente perigosos, ou a súa participación neles, destinados a demostrar a agresividade dos animais.

2.-Terán a consideración de infraccións administrativas graves as seguintes:

a) Deixar solto un animal potencialmente perigoso ou non ter adoptado as medidas necesarias para evitar a súa escapada ou extravío.

b) Incumprir a obriga de identificar a un animal.

c) Omitir a inscrición no Rexistro.

d) Acharse o can potencialmente perigoso en lugares públicos sen buceira ou non suxeito con cadea.

e) O transporte de animais potencialmente perigosos con vulneración do disposto no artigo 10 da Lei 50/1999, do 23 de decembro.

f) A negativa ou resistencia a subministrar datos ou facilitar a información requirida polas autoridades competentes ou os seus axentes, en orde ó cumprimento de funcións establecidas nesta lei, así como a subministración de información inexacta ou de documentación falsa.

3.-As infracción tipificadas nos apartados anteriores poderán levar aparelladas como sancións accesorias a confiscación, comiso, esterilización ou sacrificio dos animais potencialmente perigosos, a clausura do establecemento e a suspensión temporal ou definitiva da licencia par posesión de animais potencialmente perigosos ou do certificado de capacitación de adestrador.

4.-Terán a consideración de infraccións administrativas leves, o incumprimento de calquera das obrigas establecidas na presente ordenanza, non comprendidas nos números 1 e 2 deste artigo.

Artigo 39. Sancións respecto dos animais potencialmente perigosos.

As infraccións tipificadas nos números 1, 2 e 3 do artigo anterior serán sancionadas coas seguintes multas:

- Infraccións leves, desde 150,25 ata 300,51 euros

- Infraccións graves, desde 300,52 ata 2.404,05 euros.

- Infracción moi graves, desde 2.404,06 ata 15.025,030 euros.

Artigo 40. Competencia respecto ós animais potencialmente perigosos.

1.-A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións cualificadas como leves será realizada polos concellos e a imposición das sancións previstas para as mesmas correspóndelle ó alcalde.

2.-A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións cualificadas como graves será realizada polo Concello; sen prexuízo de que a resolución dos expedientes e a imposición da sanción sexa efectuada polo director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.

3.-A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións cualificadas moi graves será realizada polo Concello; sen prexuízo de que a resolución do expediente e a imposición da sanción sexa efectuada polo conselleiro do Medio .

4.-Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, o Concello poderá proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación do procedemento sancionador.

Recursos

Contra o acordo de aprobación definitiva desta ordenanza poderán os interesados interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da data da publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.