Vedra - Ordenanza reguladora do prezo público pola utilización da aula de informática

Publicación provisional: 19/05/2004 BOP Nº: 112
Publicación definitiva: 06/07/2004 BOP Nº: 153
Aplicable dende: 24/07/2004

Artigo 1.º .-Concepto

De acordo co disposto no artigo 2.1.e), en relación co artigo 41, ámbolos dous da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na súa nova redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación das prestación patrimoniais de carácter público, este Concello establece o prezo público por utilización dos servicios da aula de informática que se rexerá polo que dispón esta ordenanza.

Poderán ser usuarios da aula de informática tódalas persoas físicas ou xurídicas que soliciten a utilización do servicio e as entidades que desenvolvan actividades de interese municipal ou clara relevancia cultural.

Artigo 2.º .-Suxeitos obrigados ó pagamento

Son suxeitos obrigados ó pagamento as persoas físicas e xurídicas que soliciten a utilización do servicio ou as que resulten beneficiadas por este.

Artigo 3.º .-Actividades gravadas

Constitúe o servicio ou actividade gravada por este prezo público a prestación de servicios da aula de informática do Concello de Vedra consistentes en:

1. Cursos ou/e actividades de informática programados polo Concello e impartidos por profesores que precisen de conexión á rede telefónica (internet, correo electrónico...) ou non precisen da dita conexión (ofimática, xogos...).

2. Cesión temporal da aula de informática e as súas instalacións ás persoas físicas ou xurídicas para realizar cursos ou actividades non organizadas polo propio Concello.

3. Impresión de documentos.

4. Utilización da mesma para calquera actividade que precise de conexión á rede telefónica (internet, correo electrónico...).

Artigo 4.º .-Contía das actividades gravadas

1. O importe do prezo público fixado cubrirá, como mínimo, o custo do servicio prestado, podendo fixarse un prezo por debaixo do custo cando existan razóns sociais benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsellen, nos supostos enunciados no artigo quinto da presente ordenanza.

2. A contía do prezo público determinarase aplicando as tarifas seguintes, que se actualizarán ano a ano en base ó índice de prezos ó consumo:

Tarifa primeira: cursos ou actividades programadas polo Concello:

- Que non precisen conexión á rede telefónica: 15 euros/hora do curso ou actividade.

- Que precisen conexión á rede telefónica: 15 euros /hora do curso ou actividade.

Tarifa segunda: utilización persoal dos ordenadores:

- Pola impresión de documentos: 0,05 euros por páxina

- Pola utilización persoal dos ordenadores: 1 euro/hora

Tarifa terceira: cesión da aula de informática e as súas instalacións:

- Para entidades con ánimo de lucro que cobren ós usuarios individuais a prestación do servicio: 30 euros/hora.

- Para entidades con ánimo de lucro que presten o servicio gratuitamente ós usuarios individuais: 10 euros/hora

- Para entidades sen ánimo de lucro: 5 euros/hora.

Artigo 5.º .-Bonificacións

Cando se inscriba máis dun irmán dunha unidade familiar en cursos ou actividades programadas polo Concello, ó primeiro cobraráselle o 100 por cento das cotas correspondente, e ós seguintes o 50 por cento das cotas.

Artigo 6.º .-Obriga de pagamento

A obriga de pagamento nace dende que se inicia a prestación do servicio.

Artigo 7.º .-Normas de xestión

As solicitudes para a admisión nun curso ou/e actividades de informática programados polo Concello ou para a utilización da aula por cesión das súas instalacións dirixiranse ó alcalde-presidente do Concello de Vedra, sendo informadas e tramitadas polo servicio responsable da aula de informática do Concello. As autorizacións para a utilización por cesión da aula de informática serán concedidas polo alcalde e notificadas ós interesados.

Dende a data de admisión ós cursos ou de cesión da aula de informática, os importes dos prezos públicos faranse efectivos por ingreso directo nas entidades bancarias colaboradoras deste Concello e con antelación ó inicio dos servicios.

Agás causas debidamente xustificadas, e previo informe do responsable da aula de informática, non se procederá á devolución dos importes efectivamente ingresados.

No caso das cotas que se devenguen por impresión de documentos, os prezos aboaranse directamente á persoa responsable da aula de informática, quen expedirá ós usuarios os correspondentes "tickets" xustificativos do número de copias impresas e os importes que, para tal efecto, correspondan.

Artigo 8.º .-Outras obrigas

Os solicitantes do servicio da aula de informática deberán estar ó corrente do pagamento das débedas contraídas co Concello de Vedra.

Os usuarios do servicio deberán tratar o material da aula sen causar danos nela.

O Concello de Vedra, por medio do órgano encargado da administración deste prezo público, no caso da cesión da aula de informática, poderá esixir un depósito previo para responder, se é o caso, dos desperfectos que poidan producirse nos ordenadores ou calquera outro material da aula de informática por facer un mal uso desta. Este depósito poderá constituírse en metálico, mediante aval bancario ou póliza de seguros.

Devolverase o seu importe, previo informe do encargado da aula no que consten que non se causaron danos ou que estes foron arranxados.

Disposición derradeira

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez transcorra tamén o prazo de quince días hábiles dende a publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia, a que se refire o artigo 70, número 2, de abril, en relación co artigo 65, número 2, da Lei 7/1985, do 2 de abril, e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.