Teo - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA EXPEDICIÓN DE LICENCIAS URBANÍSTICAS

Publicación provisional: 20/11/2004 BOP Nº: 268
Publicación definitiva: 31/12/2004 BOP Nº: 300
Aplicable dende: 01/01/2005

Artigo 1. Fundamento e natureza

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española, polo artigo 106 de da Lei 7/85, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e de conformidade có disposto nos artigos 15 a 19 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, o Concello de.Teo establece a Taxa pola expedición de Licencias Urbanísticas, a que se refire o artigo 20.4 h) do Texto Refundido aprobado polo RDLex. 2/2004, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal, atendendo as súas normas ao previsto no artigo 58 do citado Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.

Artigo 2.Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, técnica e administrativa, dirixida a verificar se os actos de ocupación, construcción, edificación e uso do solo e do subsolo que vaian realizarse no termo municipal, axústanse ao ordenamento urbanístico vixente e se reúnen as condicións esixibles de seguridade, salubridade, habitabilidade e accesibilidade, todo elo de conformidade có establecido no artigo 194 da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de Ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e a súa normativa de desenrolo.

Artigo 3. Supostos de non suxeición

Non estarán suxeitos ó pagamento da taxa, pero si da obriga de solicita-la oportuna licencia:

a) As obras que deban efectua-los particulares nas vías públicas ou na fachada dos pisos baixos e que sexan consecuencia directa das modificacións de aliñacións ou rasantes, canalizacións ou sumidoiros que faga o Concello.

b) O branqueo, pintado ou revestimento das fachadas e muros.

c) As derrubas ou demolicións que se produzan como consecuencia de declaracións de ruína inminente e que fosen ordenados polo Concello.

d) As derrubas ou demolicións daqueles inmobles que de acordo coa actual regulamentación urbanística do Concello se atopen fóra de ordenación e fosen ordenadas por este último.

e) As obras necesarias para a eliminación de barreiras arquitectónicas, sempre e cando non impliquen incremento de volume da edificación nin cambio de uso de ela.

Artigo 4. Suxeito pasivo

1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, que sexan solicitantes dunha licencia ou que executen as instalacións, obras ou construccións sen ter obtido a preceptiva licencia.

2. En todo caso, terán a condición de substitutos do contribuínte os constructores e contratistas das obras, de conformidade co previsto no artigo 23.2.b) do RDLex. 2/2004, de 5 de marzo.

Artigo 5. Responsables solidarios e subsidiarios

1. Responderán solidariamente das obrigacións tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 41 e 42 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores de feito e de dereito das persoas xurídicas, os integrantes da administración concursal e os liquidadores de sociedades i entidades en xeral, nos supostos e coa extensión que sinala o artigo 43 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.

Artigo 6.-Cota tributaria

1. A cota tributaria determinarase por unha cota fixa á que, segundo a natureza do expediente a tramitar, se lle sumará outra cantidade en función da superficie, lonxitude ou unidade, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.

2. Para determinar a superficie das obras e instalacións terase en conta a totalidade das súas plantas e espacios construídos.

Artigo 7.-Tarifa

1. Licencias de autorización para a segregación de parcelas urbanas, por cada parcela resultante: 60,00 euros.

2. Licencias de primeira ocupación de vivendas unifamiliares:

a) vivendas de ata 200 m2 de superficie construída: 60,00 euros.

b) vivendas de 2001 m2 a 400 m2 de superficie construída: 90,00 euros.

c) vivendas de mais de 400 m2 de superficie construída: 120,00 euros.

3. Licencias de primeira ocupación de vivendas colectivas:

a) cota fixa por inmoble: 90,00 euros.

b) por cada unidade de vivenda e por cada 100m2 ou fracción comercial ou industrial: 15,00 euros.

c) por cada 100 m2 ou fracción de garaxes, trasteiros e demais dependencias auxiliares: 10,00 euros.

4. Licencias de primeira ocupación de naves e instalacións industriais e comerciais:

a) cota fixa por unidade: 90,00 euros.

b) por cada 200m2 ou fracción: 12,00 euros.

5. Instalación de tanques, depósitos de almacenamento de auga, piscinas, etc., así como outros depósitos de almacenamento de gas, petróleos, gasóleos e similares: 60,00 euros.

6. Instalación de quioscos en vía pública:

a) cota fixa por unidade: 60,00 euros.

b) por cada metro cadrado: 30,00 euros.

7. Instalación de carteis publicitarios:

a) cota fixa por unidade: 60,00 euros.

b) por cada metro cadrado: 30,00 euros.

8. Fixación de liñas e rasantes de edificacións:

a) Cota fixa por unidade: 60,00 euros.

b) por cada metro: 1,50 euros.

9. Construcción de edificacións:

a) Os primeiros 200 metros cadrados construídos: 0,30 euros por metro cadrado.

b) Dos 200 aos 1.000 metros cadrados construídos: 1,50 euros por cada metro cadrado deste tramo.

c) A partir de 1.000 metros cadrados construídos: 2,16 euros por cada metro cadrado deste tramo.

d) Cando non se acade esta contía, a taxa mínima a cobrar será de 60,00 euros.

10. Demolición de edificacións:

a) Os primeiros 1.000 metros cadrados: 0,15 euros por metro cadrado.

b) A partir de 1.000 metros cadrados: 0,30 euros por metro cadrado deste tramo.

c) cando non se acade esta contía, a taxa mínima a cobrar será de 60,00 euros.

11.No caso de obras maiores: expedición e subministro do cartel de obra normalizado segundo o modelo establecido na normativa urbanística: 120,00 euros.

12.Por toda aquela actividade municipal que se axuste ao feito impoñible desta ordenanza en no apareza especificada nos epígrafes destas tarifas, esixirase unha taxa mínima de 60,00 euros.

Artigo 8.-Devengo

1. Devéngase a taxa e xurde a obriga de contribuír cando se comece a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible. A estes efectos, entenderase comezada a devandita actividade na data de presentación da oportuna solicitude, se o suxeito pasivo a formulase expresamente.

2. Cando as obras se iniciaran ou executaran sen ter obtido a oportuna licencia, a taxa devengarase cando se comece a actividade municipal conducente a determinar se a obra en cuestión é ou non autorizable.

3. A obriga de contribuír, unha vez xurdida, non se verá afectada en modo algún pola denegación da licencia solicitada nin pola renuncia ou desestimento do solicitante unha vez concedida a licencia.

Artigo 9.-Beneficios Fiscais

Non serán aplicables outros beneficios fiscais que os expresamente previstos nas normas con rango de lei ou os derivados da aplicación dos Tratados Internacionais.

Artigo 10.-Normas de Xestión

1.- Os interesados na obtención dunha licencia de obras ou urbanística virán obrigados a presentar no Rexistro Xeral do Concello a oportuna solicitude, acompañando proxecto visado polo Colexio Oficial respectivo, especificando a natureza da obra, lugar de emprazamento, importe estimado da mesma, medicións e destino.

2.-Cando se trate de licencia para aqueles actos nos que, de conformidade coa normativa estatal, autonómica e local aplicable, non sexa esixible a formulación de proxecto subscrito por técnico competente, acompañarase á solicitude un presuposto das obras a realizar así como unha descrición precisa da superficie afectada, materiais a empregar, i en xeral, das características da obra ou acto, dos cales os seus datos permitan comprobar o seu custe.

3.-Se despois de formulada a solicitude de licencia se modificase ou ampliase o proxecto, deberá poñerse en coñecemento da administración municipal, acompañando o novo presuposto ou o reformado e, no seu caso, planos e memorias da modificación ou ampliación.

Artigo 11.-Liquidación, Notificación e Ingreso

1.-Á vista da documentación presentada polos interesados, previo estudio e valoración da mesma pola oficina técnica municipal, practicarase liquidación provisional tomando como base impoñible para esta liquidación o presuposto presentado polos interesados, sempre que o mesmo estivera visado polo Colexio Oficial correspondente cando elo constitúa un requisito preceptivo. Noutro caso, a base impoñible será determinada pola oficina técnica municipal en función do presuposto, memoria ou datos subministrados polo suxeito pasivo.

2.- Á vista das construccións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e do custe real efectivo das mesmas, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, poderá modificar, no seu caso, a base impoñible a que se refire o artigo 5 da presente ordenanza, practicando a correspondente liquidación definitiva, i esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, no seu caso, a cantidade que corresponda.

3.-O ingreso realizarase nos prazos establecidos no artigo 62.2 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.

Artigo 12.Caducidade e duración das licencias

1.-Considéranse caducadas as licencias si despois de ser concedidas transcorren mais de seis meses sen dar comezo ás obras, ou cando, unha vez comezadas, foran interrompidas durante o devandito prazo, excepto nos casos de forza maior, que deberá ser alegada polo titular da licencia antes de que expire o referido prazo para a súa resolución posterior polo organismo concedente.

2.-Transcorrido o prazo de caducidade, quedará sen valor nin efecto algún a autorización obtida, salvo que anticipadamente se solicite e se obteña a prórroga regulamentaria, que terá como prazo máximo o da licencia orixinaria.

Artigo 13. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será aplicable, segundo dispón o artigo 11 do RD Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, a regulación contida nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, e nas disposicións que a complementen e desenrolen.

Disposición derrogatoria única

A partir da entrada en vigor da presente ordenanza fiscal quedará derrogada a ordenanza deste concello reguladora de licencias urbanísticas publicada no BOP núm.283, do 12.12.2000.

Disposición Final

1.A presente ordenanza fiscal, que foi aprobada polo Pleno do Concello de Teo en sesión celebrada o día 12 de novembro de 2004, e publicado o seu texto integro no Boletín Oficial da Provincia o día ... de ... de 2004, comezará a aplicarse a partires do día 1 de xaneiro do 2005, mantendo a súa vixencia ata a súa modificación ou derrogación expresas.