Muxía - Ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación de servizos deportivos

Publicación provisional: 04/01/2005 BOP Nº: 2
Publicación definitiva: 23/02/2005 BOP Nº: 43
Aplicable dende: 01/01/2005

Artigo 1.- Fundamento e natureza.

En uso das facultades conferidas polos artigo 133.2 e 142 da Constitución Española e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/1988, de 28 de decembro, Reguladora das Facendas Locais e ó amparo do disposto nos artigos 58 e 20 da mesma lei, este Concello establece a "Taxa pola prestación de servizos deportivos", que se rexirá pola presente Ordenanza Fiscal.

Artigo 2.- Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación de servizos da escola deportiva, cursos e outras actividades deportivas nos termos especificados nas tarifas da presente ordenanza.

Artigo 3.- Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos da taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas así como as entidades ás que se refire o artigo 35 da Lei Xeral Tributaria, que soliciten ou resulten beneficiadas polos servizos que constitúen o feito impoñible da taxa.

Artigo 4.- Responsables

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 41 e 42 da Lei Xeral Tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43.

Artigo 5.- Devengo.

Considérase devengada a taxa, nacendo a obriga de contribuir, cando se inicie a prestación dos servizos suxeitos a gravame, entendéndose a estes efectos que dita iniciación se produce coa solicitude daqueles.

Artigo 6.- Cota tributaria

A contía desta taxa será a establecida na seguinte Tarifa:

A. Escolas deportivas municipais: (en euros/ano)

 

Nº escolas deportiva nº membros unidade familiar con inscripción neste apartado
1 2 3 ou máis
1 20 euros 30 euros 40 euros
2 30 euros 40 euros 50 euros
3 ou máis 40 euros 50 euros 60 euros

 

B. Cursos.

B.1. Cursos específicos de duración superior a 20 horas: 15 euros por inscripción; en caso de inscripción de máis membros da unidade familiar: 6 euros por cada nova inscripción.

B.2. Cursos específicos de menos de 20 horas: 10 euros por inscripción; en caso de inscripción de máis membros da unidade familiar: 3 euros por cada nova inscripción.

C. Utilización do Ximnasio. Comezará a aplicarse cando se completen as instalacións.

C.1. Uso diario duas horas, por persoa: 2 euros

C.2. Abono semanal duas horas diarias por persoa: 6 euros

C.3. Abono mensual duas horas diarias por persoa: 12 euros

D. Ximnasia, aerobic e outras actividades dirixidas a persoas maiores de idade: 8 euros por persoa e mes.

Artigo 7.- Normas de xestión.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello e lugares que se determine nas correspondentes convocatorias.

As contías teñen carácter irreductible, podéndose aboar o pago en tres mensualidades.

Artigo 8.- Obriga de pago.

1. A obriga de pago da taxa nace desde o momento en que se preste ou realice calquera dos servizos ou actividades ós que se refire esta Ordenanza.

2. O pago da taxa terá lugar por ingreso directo no momento de solicitar ou de formalizar a inscripción, con carácter de depósito previo conforme ó disposto no artigo 26.1.a) da Lei 39/1988, podendo empregarse o procedemento de declaración-liquidación ou de autoliquidación.

Artigo 9.- Beneficios fiscais

Non se concederá bonificación nin exención ningunha.

Disposición final.

A presente Ordenanza fiscal, que foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o día 22 de decembro de 2004, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín da Provincial e será de aplicación a partir do día primeiro de xaneiro de dous mil cinco, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.