Pontedeume - Ordenanza fiscal núm. 17, reguladora do imposto sobre construccións, instalacións e obras

Publicación provisional: 04/11/2005 BOP Nº: 252
Publicación definitiva: 19/12/2005 BOP Nº: 288
Aplicable dende: 01/01/2006

Artigo 1.-

1. De conformidade co previsto no artigo 100 do Real decreto lexislativo 2/2004 polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, constitúe o feito impoñíbel do imposto a realización, dentro do termo municipal, de calquera construcción, instalación ou obra para a que se exixa a obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase ou non a devandita licenza, sempre que a súa expedición corresponda a este municipio.

2. As construccións, instalacións ou obras a que se refire o apartado anterior poderán consistir en:

A) Obras de construcción de edificacións e instalacións de todas clases de nova planta.

B) Obras de demolición.

C) Obras en edificios, tanto aquelas que modifiquen a súa disposición interior como o seu aspecto exterior.

D) Aliñacións e rasantes.

E) Obras de fontanería e rede de sumidoiros.

F) Obras en cemiterios.

G) Calquera outra construcción, instalación ou obras que requiran licenza de obra urbanística.

Artigo 2º. SUXEITOS PASIVOS

1.- Son suxeitos pasivos deste imposto a título de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, xeral tributaria, que sexan donos da construcción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realicen aquelas.

Para estes efectos terán a consideración de donos das construccións instalacións ou obras quen soporte os gastos ou custos que comporten a súa realización.

2.- Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, no caso de que a construcción , instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, quen soliciten as correspondentes licenzas ou realicen as construccións , instalacións ou obras .

3.- O substituto poderá exixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.

Artigo 3º. BASE IMPOÑÍBEL

1.A base impoñíbel do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construcción , instalación ou obra; e enténdese por tal, para estes efectos, o custo de execución material daquela.

Non formarán parte da dita base o imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construcción , instalación ou obra, nin os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre o custo de execución material .

2. A cota íntegra do imposto será o resultado de aplicar á base impoñíbel o tipo de gravame do 3%

3. A cota líquida do imposto será, no seu caso, o resultado de aplicar á cota as bonificacións que se establecesen no artigo 5º desta ordenanza

Artigo 4º.

1. Cando se conceda a licenza preceptiva practicarase unha liquidación provisional a conta, determinándose a base impoñíbel:

a) En función do orzamento presentado polos interesados, sempre que o mesmo fora visado polo colexio oficial correspondente, cando isto constitúa un requisito preceptivo.

b) En función dos índices ou módulos incorporados no anexo desta ordenanza.

2. En función das construccións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e do custo real efectivo das mesmas, o concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, poderá modificar, de ser o caso, a base impoñíbel a que se refire o apartado anterior, practicando a correspondente liquidación definitiva e exixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, de ser o caso, a cantidade que corresponda.

3. O Concello poderá exixir este imposto en réxime de autoliquidación.

Artigo 5º

1. De acordo co previsto no artigo 103 do Real decreto lexislativo 2/2004 polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Pleno da corporación poderá conceder unha bonificación de ata o 95 por 100 sobre a cota tributaria en favor das construccións, instalacións ou obras destinadas á realización de actividades industriais ou comerciais, cando as mesmas sexan declaradas en cada caso concreto de especial interese ou utilidade municipal polo devandito órgano (apartado A), por concorrer circunstancias que poñan de manifesto a creación de emprego (apartado B) ou sirvan para a modernización do comercio de locais comerciais (apartado C). As bonificacións previstas en cada un dos apartados serán incompatíbeis entre si, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

A. BONIFICACIÓN POR CONCORRER CIRCUNSTANCIAS DE ESPECIAL INTERESE OU UTILIDADE MUNICIPAL:

1º. Estabelécese unha bonificación do 95 por 100 da cota tributaria do imposto ás obras, instalacións e construccións, realizados por asociacións sen ánimo de lucro, en centros destinados a:

- Asistencia ou integración social

- Desenvolvemento de actividades culturais, deportivas ou actividades de entidades veciñais de libre acceso e participación

- Bens cualificados como histórico-artísticos ou incluídos no correspondente catálogo.

Para acceder a esta bonificación será necesario acompañar a solicitude cos estatutos da asociación debidamente rexistrados, así como unha memoria explicativa da actividade que se vai desenvolver no local.

2º. Estarán bonificadas nun 95 por 100 da cota tributaria do imposto as obras, instalacións e construccións realizadas polas cooperativas e sociedades laborais.

Para acceder a esta bonificación será necesario acompañar a solicitude da copia compulsada da escritura de constitución, a inscrición no rexistro mercantil e a cualificación de empresa como laboral no caso das sociedades laborais; e copia compulsada da escritura e da inscrición no Rexistro Galego de Cooperativas, no caso de cooperativas.

3º. Para os casos estabelecidos nos apartados 1º e 2º anteriores, a inactividade por un prazo superior a 6 meses ou o cambio de actividade nos locais dentro dos cinco anos seguintes ao outorgamento do beneficio darán lugar á perda da bonificación e liquidaranse as cantidades bonificadas coa aplicación dos xuros de mora correspondentes.

B. BONIFICACIÓN POLA CREACIÓN DE EMPREGO:

1º. Así mesmo, estarán bonificadas as obras, instalacións e construccións en centros ou locais que, logo de concluídos, supoñan a ocupación permanente de postos de traballo de nova creación con persoal maioritariamente empadroado en Pontedeume. A porcentaxe da cota que se bonificará variará do xeito seguinte, de acordo cos postos de traballo permanentes que se creen:

- De 1 a 5 postos de traballo (incluído o autoemprego): 40% da cota tributaria

- De 6 a 10 postos de traballo: 70% da cota tributaria

- Máis de 10 postos de traballo: 80% da cota tributaria

2º. Para o outorgamento desta bonificación será necesario achegar unha declaración responsábel sobre o número de persoas de nova ocupación que van traballar no local. Nos casos nos que a obra, instalación ou construcción se realice sobre un local que xa viña funcionando, achegarase copia dos tres últimos TC2 formalizados bancariamente, co fin de cotexalos cos TC2 posteriores ao reinicio da actividade.

No prazo dun mes despois da conclusión da obra, deberase entregar copia compulsada do xustificante de alta no imposto de actividades económicas, copias compulsadas dos contratos subscritos para cubrir os postos de traballo de nova creación visados polo INEM e copias compulsadas dos correspondentes TC2 presentados ante a Seguridade Social. Se transcorrese este prazo sen que se achegue a documentación requirida, liquidaranse as cantidades bonificadas coa aplicación dos xuros de mora correspondentes.

Durante os dous anos seguintes, haberanse presentar cada seis meses copias compulsadas dos TC2 do persoal que desenvolve a súa actividade no local formalizados bancariamente. Durante ese período de tempo, calquera cambio na ocupación de emprego que faga que de solicitarse nese intre o beneficio fiscal non fose concedido, dará lugar a que se liquiden as cantidades bonificadas coa aplicación dos xuros de mora correspondentes."

C. BONIFICACIÓN POLA MODERNIZACIÓN DE LOCAIS COMERCIAIS:

1º. Que se trate de obras de reforma, rehabilitación ou reparación de comercios abertos con máis de cinco anos de antigüidade.

2º. Que as obras sexan executadas por un empresario que teña o seu domicilio fiscal estabelecido en Pontedeume con cando menos un ano de antigüidade.

3º. Acreditado o cumprimento destes dous requisitos, a porcentaxe de bonificación virá determinada polo importe do orzamento de execución material da obra segundo o seguinte cadro:

 

ORZAMENTO EXECUCIÓN MATERIAL BONIFICACIÓN
Ata 18.030,36 euros 25%
De 18.030,36 euros a 30.050,61 euros 40%
Máis de 30.050,61 euros 50%

 

2. Os beneficios fiscais recollidos no punto anterior terán carácter rogado correspondendo a resolución do expediente ao Pleno da corporación por maioría simple dos seus membros.

3. As construccións, instalacións e obras que se inicien sen terse concedido a preceptiva licenza municipal non poderán acollerse aos beneficios fiscais previstos neste artigo.

D. BONIFICACIÓN A FAVOR DAS CONSTRUCCIÓNS POLA INSTALACIÓN DE SISTEMAS PARA O APROVEITAMENTO TÉRMICO OU ELÉCTRICO DA ENERXÍA SOLAR.

Estabelécese unha bonificación a favor das construccións, instalacións, ou obras nas que se incorporan sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para producción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da administración competente.

A bonificación estabelécese no 10% dos gastos de execución material dos sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar, que se deducirán da cota íntegra do imposto, sen que en ningún caso a deducción poda exceder da porcentaxe do 30% da cota.

O suxeito pasivo deberá achegar, xunto coa solicitude de licenza, o proxecto técnico visado polo colexio oficial correspondente, acreditativo da incorporación á construcción, instalación ou obra de instalación de enerxía solar térmica ou de enerxía solar fotovoltaica así como da homologación dos colectores empregados para a producción de calor.

E. BONIFICACIÓN A FAVOR DAS CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS QUE FAVOREZAN AS CONDICIÓNS DE ACCESO E HABITABILIDADE DOS DISCAPACITADOS.

1º.- Estabelécese unha bonificación a favor das construccións, instalacións e obras que favorezan as condicións de acceso de habitabilidade dos discapacitados. A bonificación estabelécese no 10% dos gastos de execución material das obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados, que se deducirá da cota íntegra do imposto, sen que en ningún caso a deducción poida exceder da porcentaxe do 30% da cota.

Para a aplicación desta bonificación será necesario que os proxectos de obra contemplen explicitamente medidas adicionais ás estabelecidas como obrigatorias e mínimas na normativa autonómica para o efecto.

2º.- As bonificacións previstas neste artigo exixirán:

A) Solicitude do interesado

B) Informe do Servizo de Urbanismo, informe dos servizos municipais correspondentes e informe do Servizo de xestión, recadación de inspección tributaria do concello.

C) Acordo da Xunta de Goberno, ou, no seu caso, do Pleno.

3º.- As solicitudes de bonificación incluídas neste artigo deberán presentarse coincidindo coa solicitude das correspondentes licenzas.

4º.- As bonificacións aplicaranse sobre a cota íntegra do imposto e serán compatíbeis, sen que en ningún caso poidan exceder do 50% da mesma de forma acumulativa.

Artigo 6º.

A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións dictadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 7º.

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias así como á determinación das sancións que polas mesmas correspondan en cada caso, aplicarase o réxime regulado na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementan e desenvolven.

Artigo 8º.

Para o non expresamente previsto na presente ordenanza, rexerán os preceptos contidos na subsección 5ª, da sección 3ª, do capítulo II, do título II do referido texto refundido da Lei reguladora das facendas locais aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004,concordantes e complementarios da mesma, e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións dictadas para o seu desenvolvemento.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno da corporación, na sesión celebrada o día 27 de outubro de dous mil cinco. Entrará en vigor, logo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, o día un de xaneiro de dous mil seis permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.