Mesía - Ordenanza reguladora da expedición de tarxetas de estacionamiento para persoas con minusvalía
1.º .-Obxecto.
A presente ordenanza ten por obxecto a regulamentación da expedición polo Concello de Mesía das tarxetas de estacionamento para persoas con minusvalía, ó abeiro do disposto nos artigos 27.2 da Lei 8/97, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e 50.2 e 53.1 do Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro.
2.º .-Destinatarios.
Os destinatarios da tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalía, serán aqueles que estando empadroados neste Concello teñan recoñecida a imposibilidade de utilización de transportes públicos, polos Equipos de Valoración e Orientación (EVO), dependentes das seccións de cualificación e estimación de minusvalía da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.
Cando o titular da tarxeta sexa unha persoa física poderá emprega-la tarxeta en calquera vehículo no que se traslade, aínda que este non sexa o propietario do vehículo, ou o conductor deste.
Cando o titular da tarxeta sexa unha persoa xurídica, esta incluirá a matrícula de tódolos vehículos habilitados para o transporte das persoas con graves problemas de mobilidade.
3.º .-Documentación.
A documentación que deberá achega-lo solicitante da tarxeta é a que segue:
1.-Certificado de empadroamento.
2.-Solicitude debidamente cumprimentada.
3.-Documento nacional de identidade do titular da tarxeta.
4.-Certificado de minusvalía expedido polo equipo de valoración (EVO), desta comunidade autónoma ou organismo análogo doutras comunidades.
5.-Un retrato tamaño carné.
6.-Fotocopia do carné de conducir, ben do minusválido, ou ben da persoa que o transporta habitualmente.
4.º .-Requisitos.
- Estar empadroado no Concello de Mesía.
- Ter recoñecida a imposibilidade de utilización de transportes públicos polo equipo de valoración (EVO), dependente da sección de valoración e cualificación de minusvalías.
5.º .-Procedemento de tramitación.
Corresponde ó Concello de Mesía a concesión das tarxetas de estacionamento para minusválidos, a través do seguinte procedemento:
a) A solicitude, que se poderá recoller no Departamento de Servicios Sociais do Concello de Mesía, cumprimentarase, iniciándose o expediente por instancia da persoa interesada ou de quen a represente.
b) A persoa que tramite a solicitude comprobará que no certificado de minusvalía conste o recoñecemento expreso da imposibilidade de utilización de transporte público; en caso contrario, o Concello achegará unha copia da solicitude ó EVO, do correspondente informe.
c) Completado o expediente, o alcalde, órgano ou persoa na que delegue, emitirá a resolución, que concederá ou denegará a tarxeta solicitada.
A resolución será notificada ó solicitante de acordo co procedemento establecido na Lei 30/92, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do proceso administrativo común.
Unha vez concedida a tarxeta deberá ser asinada polo titular para logo ser plastificada, e cando se faga uso dos dereitos desta colocala nun lugar visible do vehículo.
6.º .-Validez, caducidade e obrigas dos beneficiarios das tarxetas.
As tarxetas de estacionamento para persoas con minusvalidez terán validez en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e nos países da Unión Europea, debendo solicita-lo traslado do expediente, en caso de cambio de domicilio a outro Concello, do beneficiario da tarxeta.
No caso de que a cualificación da minusvalía sexa permanente, a tarxeta caducará ós dez anos da concesión.
No caso de que a cualificación da minusvalía sexa provisional, caducará na data de validez sinalada na cualificación desta.
O beneficiario que faga un uso indebido da tarxeta de maneira reiterada e debidamente probada, a citada tarxeta seralle retirada por un período de dous anos.