Teo - Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola expedición de carné para a venda no mercadiño de Teo e para venda ambulante no concello
Artigo 1.-Concepto.
De conformidade co disposto no artigo 117, en relación co 41.a) da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, e en cumprimento do establecido na disposición transitoria segunda da Lei 10/1998, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, o Concello establece a taxa pola expedición do carné que autoriza a venda no mercadiño semanal de Teo, así como para a venda ambulante no Concello.
Artigo 2.-Obrigados ó pagamento.
Estarán obrigados ó pagamento as persoas ou entidades a favor das que se outorguen licencias, e tamén os que, sen previa autorización, se beneficien do aproveitamento.
Artigo 3.
A Policía Municipal evitará que se ocupe a vía pública ou terreos de dominio público con esta clase de instalacións, e que se exerzan nelas ningunha industria sen acreditarse estar debidamente autorizados ou sen ter aboados previamente os dereitos que se sinalan nesta ordenanza.
Artigo 4.
O número de postos de venda será fixado pola autoridade municipal, a superficie que ocuparán vén determinada no Regulamento de feiras e mercados aprobado por este Concello e a adxudicación de novos postos realizarse por orde de data de petición.
Os postos deberán ser situados nos emprazamentos que inicialmente se lles asigne ata a renuncia do adxudicatario, a suspensión ou supresión da licencia ou o translado do mercadiño a outro lugar do municipio; os postos poderán, sen embargo, cambiar de sitio previa autorización da Alcaldía a petición escrita do titular do posto, quen deberá achegar á solicitude xustificación suficiente dos motivos polos que solicita o cambio de emprazamento.
Artigo 5.
O titular do posto deberá conserva-la autorización durante todo o período no que esta teña vixencia, e mostrarlla ós axentes e funcionarios municipais que lla pedisen. O mal uso destas autorizacións producirá a súa caducidade e a perda dos dereitos aboados.
Artigo 6.
Os postos que se concedan non poderán ser destinados a usos distintos daqueles para os que foron concedidos.
Artigo 7.
A corporación municipal resérvase o dereito de cambia-los días, horas e lugar nos que se celebrará o mercadiño.
Artigo 8.
As concesións ás que se refire a presente ordenanza serán solicitadas nas oficinas municipais, nas que se lles expedirá o carné ou autorización regulamentaria, previo pagamento dos dereitos establecidos no artigo seguinte, especificándose o tempo e data ou datas da instalación e o tempo de validez.
Artigo 9.-Tipos de gravame.
a) Pola expedición do carné de vendedor no mercadiño, así como pola renovación anual deste carné, os interesados aboarán a cantidade de seis mil pesetas, como requisito previo ó desenvolvemento da actividade.
b) Para as licencias de venda ambulante nas súas diversas modalidades, especificadas no Regulamento de feiras e mercados deste Concello, a taxa será a que no seu momento fixe o Pleno do Concello.
Artigo 10.
O horario de venda no mercadiño será o que fixe a autoridade municipal, podendo comezarse a instalación dos postos á media hora antes da súa apertura.
Este horario poderá ser modificado polo Concello se así o aconsellasen as circunstancias para o mellor funcionamento do mercadiño.
Os vehículos deberán ser retirados dos postos, non se permitindo que permanezan dentro do espacio asignado ó mercadiño.
Artigo 11.-Inspección e sancións.
As infraccións relativas ós dereitos do consumidor serán sancionadas polas autoridades competentes na materia, de conformidade co establecido na Lei 10/1988, do 20 de xullo, de Ordenación do Comercio Interior de Galicia, e no R.D. 1.945/83, do 22 de xuño, previa a instrucción do correspondente expediente administrativo.
Artigo 12.
Sen prexuízo das infraccións establecidas no Regulamento de feiras e mercados deste Concello, as infraccións ó preceptuado nesta ordenanza serán clasificadas en leves, graves e moi graves.
Serán faltas leves:
- A discusión entre vendedores.
- A venda de productos diferentes ós autorizados na licencia.
- Aumenta-la superficie do posto con máis metros dos autorizados, ou non garda-la distancia entre postos que lle fora sinalada.
- Non deixar limpo e recollido o lugar onde estivo instalado.
Serán faltas graves:
- A venda deste vehículo cando estea expresamente prohibida.
- A comisión de tres faltas leves no prazo de un ano.
- Realiza-la venda en lugares, datas e horario diferentes ós autorizados.
- O desacato ás ordes dos axentes da autoridade, dentro do establecido nas presentes normas.
- Ocupa-lo sitio ou vender no lugar que corresponda a outro vendedor.
- Dedicarse á venda ambulante sen a correspondente autorización.
Serán faltas moi graves:
- Transferirlle o posto a outra persoa ou entidade sen a autorización do Concello.
- A reiteración de faltas graves.
Artigo 13.-As sancións que poden impoñerse son as seguintes:
- Por faltas leves:
1) Apercibimento.
2) Multa de 10.000 a 20.000 ptas.
- Por faltas graves:
1) Multa de 20.000 a 40.000 ptas.
2) Suspensión de licencias de tres a seis días de mercadiño.
- Por faltas moi graves:
1) Suspensión de licencia de sete días de mercadiño a seis meses.
2) Retirada definitiva da licencia.
Pola comisión de faltas graves ou moi graves poderá esixírselle ó infractor a retirada inmediata do posto, e en caso de non realizalo, farao o Concello de oficio.
Disposición final
Para o non previsto nesta ordenanza estarase ó disposto nas normas de rango superior sobre a materia, especialmente ó sinalado na referida Lei 10/88, do 20 de xullo.
Esta ordenanza entrará en vigor o día en que sexa publicado o seu texto íntegro no BOP.