Dumbría - Ordenanza reguladora da taxa por entradas de vehículos a través das beirarrúas e as reservas da vía pública para aparcamento, carga e descarga de mercadorías de calquera clase
Artigo 1.-Concepto.
De conformidade co previsto no art. 117, en relación co art. 4 1. 1. A), ámbolos dous da Lei 39/88, de 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, este concello establece a taxa por utilizacións privativas ou aproveitamentos especiais por entradas de vehículos a través das beirarrúas e a reserva da vía pública para aparcamentos exclusivos, carga e descarga de mercadorías de calquera clase, que se rexerá pola presente ordenanza.
Artigo 2.-Obrigados ó pagamento.
Están obrigados ó pagamento da taxa regulada por esta Ordenanza as persoas ou entidades a favor das que se outorguen as licencias, ou aqueles que se beneficien do aproveitamento, se se procedeu sen a oportuna autorización.
Artigo 3.-Contía.
1. - Por metro cadrado de reserva temporal para carga e descarga 200 pts.
2.-Por metro cadrado ou fracción para entrada e saída de vehículos 800 ptas.
Artigo 4.-Normas de aplicación.
1.-Considerarase modificación de rasante da beirarrúa todo o que supoña alteración da liña de rasante, ben sexa na totalidade do plano superior ou na arista exterior de dita beirarrúa, comprendéndose ó efecto os badens, desniveis, rebaixas de altura, escotaduras, substitucións da liña oblicua no lugar da horizontal e, en suma, toda modificación do aspecto exterior do beirarruado.
2.-A taxa aplicarase tanto á modificación da rasante das beirarrúas construídas polo Concello coma se se trata de beirarrúas construídas por particulares, toda vez que o pagamento deste aproveitamento está motivado pola molestia que ó transeunte lle ocasiona dita modificación da rasante e polo beneficio que obten o usuario. Polo tanto, tamén procederá a aplicación da taxa, aínda cando a rúa non teña beirarrúa, se a rasante se atopa modificada na parte correspondente a unha porta cocheira.
3.-Os obrigados ó pagamento declararán ós elementos tributarios que utilicen, especificando as características dos mesmos, e comunicarán calquera variación que deba repercutir na contía da tarifa.
Artigo 5.-Normas de xestión.
1.-As cantidades esixibles con arreglo ás tarifas liquidaranse por cada aproveitamento solicitado e realizado e serán irreductibles polos períodos de tempo sinalados nos respectivos epígrafes.
2.-As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta Ordenanza deberán solicitar previamente a correspondente licencia e realiza-lo depósito previo a que se refire o art. seguinte.
3.-Unha vez autorizada a ocupación, se non se determinou con exactitude a duración do aproveitamento, entenderase prorrogada ata que se presente a declaración de baixa polos interesados.
4.-A presentación da baixa terá efectos a partir do día primeiro do período natural de tempo seguinte sinalado nos epígrafes das tarifas. A non presentación da baixa determinará a obriga de continuar aboando a taxa.
Artigo 6.-Obrigación de pago.
1.-A obriga de pago da taxa regulada nesta Ordenanza nace:
a) Tratándose de concesión de novos aproveitamentos na vía pública, no momento de solicita-la correspondente licencia.
b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, o día primeiro de cada ano.
2.-O pago da taxa realizarase:
a) Tratándose de autorizacións de novos aproveitamentos ou de aproveitamentos con duración limitada por ingreso directo na tesourería municipal, pero sempre antes de retira-la licencia ou a denominación que corresponda.
b) Tratándose de autorizacións xa concedidas e sen duración limitada, unha vez incluídas nos correspondentes padróns ou matrículas desta taxa, por anos naturais na tesourería municipal
Disposición final
A presente Ordenanza entrará en vigor o día da súa publicación no B.O.P. permanecendo en vigor ata a súa modificación