Carballo - ORDENANZA FISCAL Nº 26.- REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DE SERVIZOS ADMINISTRATIVOS EN PROCESOS SELECTIVOS DE PERSOAL

Publicación provisional: 15/10/2004 BOP Nº: 238
Publicación definitiva: 15/10/2004 BOP Nº: 238
Aplicable dende: 16/10/2004

ARTIGO 1º .- FUNDAMENTO E NATUREZA.

No uso das facultades conferidas pola Constitución e polo art. 106 da Lei 7/1985, do 2 de Abril, de bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa pola prestación de servicios administrativos de competencia local en procesos selectivos de persoal para o Concello de Carballo, con fundamento no establecido nos artigos 20.1.B) e 57 da mesma norma, e que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal.

ARTIGO 2º .- FEITO IMPOÑIBLE.

Constitúe o feito impoñible desta taxa a actividade administrativa desenvolvida con motivo da presentación de solicitudes de admisión ás probas selectivas de persoal ao servizo do Concello de Carballo.

A estes efectos, entenderase que a actividade administrativa comenza desde o intre da presentación da solicitude no Rexistro Xeral de Entrada deste Concello.

ARTIGO 3º .- SUXEITO PASIVO.

Son suxeitos pasivos a título de contribuíntes as persoas físicas que soliciten ou provoquen a tramitación da instancia no marco proceso selectivo de que se trate.

ARTIGO 4º .- EXENCIÓNS.

Non se recoñece beneficio ou exención algunha, agás aquelas que veñan recollidas en normas con rango de Lei ou as que resulten da aplicación dos Tratados Internacionais ratificados polo Estado.

ARTIGO 5º .- COTA TRIBUTARIA.

Establécense as seguintes tarifas en función da categoría ou grupo da/s praza/s ás que se refira o proceso selectivo:

Grupo A, categoría de persoal laboral asimilable: 36 euros

Grupo B/C ou categoría de persoal laboral asimilable: 24 euros

Grupo D/E ou categoría de persoal laboral asimilable: 18 euros

ARTIGO 6º .- BONIFICACIÓN POR CAPACIDADE ECONÓMICA.

1.- Establécese, en virtude do disposto no artigo 24.4 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de facendas locais, unha bonificación do 100 % da cota tributaria para aqueles suxeitos que cumpran todos e cada un dos seguintes requisitos:

a) Estar en situación de desemprego por un prazo superior a 1 ano.

b) Que a suma dos ingresos brutos totais do núcleo familiar (constituido polo suxeito pasivo e as persoas que convivan con el habitualmente) non exceda dos seguintes límites:

Nº de persoas que forman o núcleo: Límite en veces o S.M.I.:

1: 1,25

2: 1,5

3 ou máis: 1,75

2.- Para a concesión da dita bonificación, os intereados deberán presentar, xunto coa instancia de solicitude de admisión ás probas, os seguintes documentos:

a) Certificado do I.N.E.M. sobre a antigüidade da situación de paro.

b) Certificado do Padrón de habitantes do Concello de residencia do suxeito pasivo onde consten tódolos membros que convivan co suxeito pasivo no seu domicilio de residencia, cos respectivos NIF e datas de nacemento.

c) Certificado da A.E.A.T. sobre a data e referencia da derradeira declaración do I.R.P.F. presentada polo suxeito pasivo e demáis membros do núcleo familiar.

d) Copia das últimas declaracións de IRPF presentadas por tódolos membros do núcleo familiar.

3.- En todo caso, o suxeito pasivo estará obrigado a facer consta-la petición da bonificación xunto coa solicitude de admisión ás probas, debendo ingresar previamente a cota tributaria íntegra. A bonificación será concedida, no seu caso, posteriormente, procedendo, se fora o caso, á devolución dos ingresos, sen dereito á percepción de intereses de demora.

ARTIGO 7º .- RETRIBUCIÓN.

A obriga de contribuir nace no momento da presentación da solicitude que inicia a tramitación do expediente suxeito ao tributo. Non obstante, a liquidación deberá ser simultánea á presentación da mesma, segundo sinalan as normas de xestión desta taxa, recollidas no artigo seguinte.

ARTIGO 8º .- NORMAS DE XESTIÓN.

1.- A presente taxa terá carácter autoliquidable e de depósito previo á prestación do servicio administrativo que constitúe o seu feito impoñible. De tal xeito, os aspirantes, para tomar parte nun proceso selectivo de persoal, deberán presentar, xunto coa instancia de solicitude de admisión, o xustificante de pagamento da taxa aplicable no seu respectivo proceso.

2.- O pagamento poderá ser realizado, ademáis de mediante o uso do modelo normalizado de autoliquidación deste Concello, mediante xiro postal ou telegráfico, ou mediante ingreso nalgunha das contas bancarias titularidade deste Concello, que deberán ser sinaladas na resolución pola que se aproben as Bases reguladoras do respectivo proceso selectivo.

3.- A falta de realización da totalidade do ingreso ou de acompañamento do documento xustificativo do mesmo producirá a exclusión do aspirante do proceso selectivo respectivo.

ARTIGO 9º .- REMISIÓN NORMATIVA

En materia de responsabilidade, procedemento, xestión, inspección e recadación desta taxa, serán aplicables as normas contidas na Lei 58/2003, Xeral Tributaria, e disposicións que a desenvolvan, así coma o previsto no Real decreto lexislativo 2/2004, Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA PRIMEIRA.-

En tanto non se produza a entrada en vigor da Lei 58/2003, Xeral Tributaria, toda mención á mesma entenderase realizada á Lei 230/1963, do 28 de decembro, Xeral Tributaria.

En tanto non sexan dictadas novas normas regulamentarias de desenvolvemento da Lei 58/2003, aplicaranse as normas que desenvolven a Lei 230/1963.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA SEGUNDA.-

A presente Ordenanza será de aplicación aos procesos selectivos que abran o período de presentación de instancias unha vez que a mesma teña entrado en vigor.

Deste xeito, os procesos que, ao día de entrada en vigor desta Ordenanza, teñan xa aberto o período de presentación de instancias, regularanse polo previsto nas súas respectivas bases da convocatoria.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA.-

Esta Ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da publicación do anuncio da súa aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia.