Carballo - ORDENANZA XERAL DE OCUPACIÓN DO DOMINIO PÚBLICO LOCAL CON TERRAZAS DE HOSTALERÍA
ARTIGO 1.- OBXECTO E FUNDAMENTO.
O Concello de Carballo, no uso das competencias que sobre da regulación do dominio público local lle atribúen o artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o artigo 74 e seguintes do R.D. 1372/1986, do 13 de xuño, Regulamento de Bens das Corporacións Locais, e o artigo 1 do Regulamento de Servicios das Corporacións Locais, e no exercicio da competencia de intervención recoñecida no art. 84 da Lei 7/1985, no artigo 6 e nos artigos 286 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, así coma das competencias sobre a regulación do urbanismo e de vías recoñecidas na lexislación sectorial aplicable, polo medio da presente Ordenanza, dicta a presente regulamentación do uso das vías públicas por parte dos titulares de establecementos de hostalería ou asimilados que pretendan ocupa-lo dominio público local con mesas, cadeiras, terrazas ou elementos análogos de desenvolvemento da actividade principal que constitúa o obxecto normal do tráfico mercantil do establecemento.
ARTIGO 2.- UTILIZACIÓN DAS VÍAS PÚBLICAS.
A instalación de terrazas, mesas, cadeiras, expositores, barras móviles, ou elementos análogos nas vías integrantes do dominio público local, xa sexa nas beirarrúas ou nas calzadas, necesitará a previa autorización municipal e rexerase polo disposto nesta norma e nas leis de aplicación xeral.
A dita autorización terá carácter discrecional, e someterase ás regras contidas nesta Ordenanza.
ARTIGO 3.- PROHIBICIÓN DE OCUPACIÓN DAS VÍAS.
1.- Prohíbese colocar sobre a vía obxectos que poidan entorpecer a libre circulación de vehículos ou peóns, a súa parada ou estacionamento, ou facelos perigosos ou deteriorar aquela ou as súas instalacións, ou producir na mesma ou nas súas inmediacións efectos que modifiquen as condicións apropiadas para circular, parar ou estacionar, ou a realización dos usos propios das vías públicas.
2.- A ocupación das vías cos elementos descritos nesta Ordenanza, ou con calquera outro análogo, requerirá previa autorización expresa municipal, e non poderá realizarse en tanto non exista autorización expresa do Concello. A falta de resposta expresa á solicitude de ocupación ou utilización da vía suporá que se entenda desestimada a solicitude, consonte ó previsto no art. 43.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común, por canto suporía a traslación ó particular de facultades sobre do dominio público.
ARTIGO 4.- PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DE AUTORIZACIÓNS.
1.- As persoas que desexen ocupa-lo dominio público local con terrazas ou outros elementos obxecto desta Ordenanza deberán solicita-la preceptiva autorización municipal mediante instancia por escrito dirixida ao Sr. Alcalde-Presidente do Concello, na que deberá constar, en todo caso:
a) NIF, apelidos e nome do solicitante.
b) En caso de representar a persoas xurídicas, poder ou escritura onde conste o apoderamento do solicitante.
c) Nome comercial do establecemento ao que se refire a solicitude.
d) Identidade completa do titular no Imposto sobre Actividades Económicas do establecemento mercantil ao que se refire a solicitude.
e) Emprazamento do establecemento (rúa e número).
f) Referencia catastral do establecemento.
g) Identificación do titular da licencia de apertura do establecemento.
h) Superficie que se pretende ocupar, en metros cadrados.
i) Prazo polo que se pretende ocupa-lo dominio público local.
j) Se se pretende incorporar sistemas de música ou son na terraza.
2.- Á dita instancia deberá acompañarse, en todo caso:
a) Croquis da distribución prantexada da terraza.
b) Copia da licencia municipal de apertura do establecemento.
3.- A solicitude, unha vez presentada con toda a documentación e contido arriba descritos, será resolta polo Sr. Alcalde-Presidente ou persoa ou órgano en quen delegue. O procedemento a seguir será o ordinario establecido na Lei 30/1992, do réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común.
4.- A falta de resposta á petición, no prazo de UN MES desde a súa presentación, suporá que se entenda desestimada por silencio administrativo.
5.- En tanto non se dea resposta á solicitude, está terminantemente prohibida a colocación de terrazas no dominio público local.
6.- A autorización non se concederá por mesas, senón por unidades de superficie, establecéndose un máximo de mesas.
7.- Estas unidades agruparanse en módulos de 2 x 2 metros, correspondendo a una mesa e catro sillas.
8.- As autorizacións poderán ser anuais ou por temporada, sen que en ningún caso poidan exceder de un ano. Entenderanse por autorizacións de temporada as que vaian desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro, ámbolos dous inclusive, e por anuais as que autoricen a instalación desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro. O interesado deberá, en calquera caso, solicita-la renovación.
9.- A efectos de conseguir un reparto equitativo das zonas, as solicitudes de autorizacións de temporada deberán ser presentadas antes do día 30 de abril do ano respectivo. As presentadas fóra dese prazo perderán o dereito ao reparto equitativo da súa zona, en caso de concurrir con outros locais na zona solicitada.
10.- Se existen problemas en relación coa autorización por queixas razoadas dos veciños ou pedimento motivado dos servicios municipais, incumprimento das obrigas do titular ou outras circunstancias de interese xeral como pode ser a ordenación do tráfico, etc., o Concello resérvase o dereito de anular a autorización sen dereito de indemnización ningunha.
ARTIGO 5.- CONDICIÓNS DAS OCUPACIÓNS.
1.- A ocupación nunca poderá impedi-lo tránsito dos peóns polas beirarrúas, debendo deixar, como mínimo, un paso de 1,50 metros de ancho totalmente libre de mesas ou cadeiras dentro da beirarrúa, garantindo o paso simultáneo de dúas persoas.
2.- Se a ocupación ocupase a calzada, e existise desnivel entre a beirarrúa e a mesma, deberá colocarse unha tarima desmontable ao mesmo nivel có da beirarrúa, para protección das persoas que utilicen a terreza, e para impedi-lo estacionamento de vehículos no espacio reservado á terraza. En ningún caso se poderá autoriza-la ocupación de parte dos carrís de circulación de vehículos na calzada.
3.- En todo caso, deberanse colocar mamparas decorosas, delimitando o perímetro máximo de ocupación autorizada da terraza, salvo na parte que linde coa beirarrúa.
4.- Deberanse colocar papeleiras-cinceiro suficientes na terraza para os usuarios da mesma.
5.- O titular da autorización deberá manter limpa a zona da terraza e a beirarrúa entre esta e o establecemento.
6.- Ao remate de cada xornada, antes do peche do establecemento, deberán ser retiradas as mesas, cadeiras e outros elementos auxiliares (parasoles, barras móviles, etc...) da terraza. Os elementos non poderán ser gardados ou depositados, unha vez recollidos, no dominio público, salvo autorización expresa. Con carácter xeral, non se poderán mante-las terrazas colocadas na vía pública a partires das 0:00 horas, e nunca se poderán colocar antes das 08:00 horas, por ser fontes de potencial emisión de ruídos. O Sr. Alcalde-Presidente, mediante Resolución-Bando, poderá establecer dispensas xerais para lugares e períodos determinados, nos días de festas, limitada á duración das mesmas.
7.- Non se poderá pintar sobre da vía pública para delimita-lo establecemento.
8.- En todo caso, a autorización quedará supeditada ás indicacións que a Policía Local poida realizar para garantir unha maior seguridade da circulación.
9.- En ningún caso se poderá outorga-la autorización a establecementos que carezan de licencia de apertura. A solicitude de autorización por quen careza de licencia de actividade poderá considerarse coma proba indiciaria da existencia dunha actividade sen licencia de apertura, podendo dar lugar á instrucción do correspondente expediente para regulariza-la situación así detectada.
10.- A instalación de equipos de son na terraza requerirá informe favorable dos Servicios Técnicos Municipais, e suxeitarase ás condicións particulares que para cada autorización se sinalen en vista das concretas características da zona, en cumprimento da normativa vixente sobre ruidos.
11.- En ningún caso se poderán instalar na vía pública, sexa na beirarrúa, nos estacionamentos ou na calzada, aparellos de cociña que provoquen fumes ou cheiros, tales coma barbacoas, parriñas, etc..., salvo dispensa expresa en períodos de festas, outorgada pola Alcaldía, que non poderá supera-los 3 días.
12.- En principio, poden instalarse as mesas na totalidade da anchura da fachada do establecemento se outras circunstancias (paso de peóns, paradas de autobuses, saídas de emerxencia, etc.) non o impiden.
13.- Non se poderán instalar as mesas fóra da liña de fachada do establecemento, salvo que os establecementos lindantes non sexan de hostalería, suposto no que se poderá prolonga-la ocupación ao frente dos mesmos, debendo, non obstante, deixar en todo caso expedito o acceso ás vivendas e locais comerciais, cun espacio mínimo, neste caso, de 2,50 metros entre as mesas máis próximas e o fronte dos establecementos. Nestes casos, de ningún xeito se poderán instalar na terraza elementos que impidan ou obstrúan a visión dos escaparates e accesos ás tendas (parasoles, mamparas excesivamente altas...).
14.- No caso de confluencia de solicitudes sobre dun mesmo espacio, repartirase equitativamente o mesmo, salvo nos supostos previstos no artigo 4.9.
ARTIGO 6.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
1.- Constitúen infraccións leves:
a) A extralimitación, en menos dun 25 %, da superficie de ocupación autorizada.
b) A falta de colocación de papeleiras-cinceiro.
c) A falta de limpeza na zona da terraza.
2.- Constitúen infraccións graves:
a) A extralimitación nun 25 % ou máis da superficie de ocupación autorizada.
b) A falta de colocación das mamparas delimitadoras.
c) A falta de colocación da tarima nos casos en que sexa obrigada.
d) Non respecta-lo paso de 1,50 metros para peóns nas beirarrúas.
e) O pintado sobre da vía pública.
f) A colocación de aparatos de son sen autorización.
g) A superación dos niveis de ruido polos aparatos de son cando éstos estiveran autorizados.
h) Non retira-las mesas e cadeiras ao remate da xornada.
i) Prolonga-la ocupación coa terraza entre as 0:00 horas e as 08:00 horas.
j) A comisión de 3 infraccións leves no prazo de un ano.
3.- Constitúen infraccións moi graves:
a) A colocación de elementos das terrazas ocupando parte do carril de circulación das calzadas.
b) A ocupación total dunha beirarrúa que impida o paso dos peóns e os obrigue a circular pola calzada.
c) A ocupación do dominio público local sen autorización, pois supón a posta en perigo dos peóns pola falta de verificación municipal das súas condicións.
d) A colocación na vía pública de aparellos de cociña que provoquen fumes ou cheiros, ao se tratar dunha actividade molesta e perigosa.
e) A comisión de 3 infraccións graves nun ano.
4.- A comisión de infraccións será sancionada con:
a) Infraccións leves: multa pecuniaria fixa de 120 euros.
b) Infraccións graves: multa pecuniaria de ata 1.500 euros.
c) Infraccións moi graves: multa pecuniaria de ata 3.000 euros.
5.- O procedemento para sancionar será o establecido no R.D. 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aprobou o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, e as sancións graduaranse segundo os criterios contidos no dito texto, atendendo ás circunstancias previstas no Título XI da Lei 7/1985, segundo redacción operada pola Lei 57/2003.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA.-
Esta Ordenanza integrarase coma un Capítulo máis da Ordenanza Xeral de Ocupación e Utilización de Vías Públicas do Concello de Carballo, unha vez que se aprobe a mesma. A tal efecto, poderase dictar un texto refundido da mesma sen necesidade de novo acordo plenario, sempre e cando non se modifique en absoluto a redacción dos artigos 2 a 6. Non obstante, o texto refundido deberase publicar no Boletín Oficial da Provincia a efectos do seu xeral coñecemento.
DISPOSICIÓN FINAL.-
A presente Ordenanza entrará en vigor unha vez transcorrido o prazo establecido no art. 65.2 da Lei 7/1985, de bases do réxime local, a contar desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da súa aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia.