Boimorto - Regulamento do rexistro municipal de asociacións do concello de Boimorto

Publicación provisional: 29/12/2006 BOP Nº: 297
Publicación definitiva: 19/02/2007 BOP Nº: 41
Aplicable dende: 09/03/2007

Artigo 1º.- OBXECTIVOS

Constitúese o Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Boimorto cos seguintes obxectivos no marco dunha correcta política municipal de fomento do asociacionismo participativo:

a) Permitir ó concello coñecer o número de entidades existentes no municipio, os seus fins e a súa representatividade.

b) Establecer e definir un marco común de relación entre as asociacións existentes no termo municipal e o concello. c) Artella- la actuación subsidiaria en materias de interese común. d) Plasmar unha canle de colaboración entre o concello e as referidas asociacións.

Artigo 2º.- REQUISITOS

Poderán obter a inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións aquelas asociacións que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter natureza de persoa xurídica asociativa.

b) Estar inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia, distinto e independente deste Rexistro Municipal.

c) Ter o domicilio social no Concello de Boimorto e o seu ámbito de actuación comprenda, en todo caso, o termo municipal ou parte deste.

d) Actuar sen ánimo de lucro e ter como obxecto social calquera das seguintes actividades: social, cultural, deportiva, ecolóxica, lúdica e, en xeral, calquera actividade que mellore a calidade de vida dos veciños.

Será requisito indispensable para acceder ós recursos municipais a súa inscrición formal no citado rexistro.

Artigo 3º.- SOLICITUDES DE INSCRICIÓN

1- As entidades que desexen inscribirse neste Rexistro Municipal presentarán no rexistro xeral do concello instancia dirixida á Alcaldía solicitando a súa inscrición, que irá acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación do órgano competente da entidade no que acorde solicitar do concello a referida inscrición.

b) Copia da resolución da Xunta de Galicia onde conste o número de inscrición no Rexistro Xeral da Administración Autonómica.

c) Copia dos estatutos da asociación e da acta de constitución.

d) Certificación dos membros que compoñen a directiva e do número de socios inscritos no momento da solicitude, asinado polo secretario e co visto e prace do seu presidente.

e) Código de Identificación Fiscal.

f) Programa de actividades do ano en curso.

g) Orzamento do ano en curso.

2- No suposto de que a documentación sexa incompleta ou non reúna as condicións esixidas no apartado anterior, a Alcaldía requirirá á entidade para que proceda a súa rectificación, con advertencia de que de non proceder en tal sentido no prazo de 30 días, a petición terase, trala Resolución da Alcaldía, por desistida e, en consecuencia, arquivada.

Artigo 4º: RESOLUCIÓN DA INSCRICIÓN

Trala cualificación da documentación validamente achegada, a Alcaldía disporá, mediante resolución, a inscrición da entidade, no Rexistro Municipal de Asociacións e notificaralle esta resolución, na que constará o número de inscrición asinado. A partir deste intre considerarase dada de alta a tódolos efectos.

Esta resolución poderá ser recorrida potestativamente en reposición ante a propia Alcaldía, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do réxime xurídido das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e, en todo caso, poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdición competente nos termos e prazos para tal efecto establecidos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 5º.- ACTIVIDADES EN COLABORACIÓN CO CONCELLO DE BOIMORTO

1- As entidades rexistradas poderán colaborar ou organizar conxuntamente co Concello de Boimorto actividades de interese común.

2- Para a realización de actividades conxuntas co concello, as entidades colaboradoras designarán a unha persoa membro desta, en calidade de delegado e responsable.

3- Na realización de actividades conxuntas, o Concello de Boimorto, en todo caso, exercerá a potestade de dirección superior, sen prexuízo da posibilidade de delegar no membro da entidade referido no apartado anterior, as facultades necesarias para a organización e execución das actuacións, en cada caso, previstas.

Artigo 6º.- CESIÓN GRATUÍTA DE BENS MUNICIPAIS

As entidades rexistradas poderán solicitar e, de se-lo caso, obter do concello a cesión gratuita do uso de terreos e/ou locais municipais, para a realización das súas actuacións, nos termos impostos no acordo resolutorio. No caso de denegarse a solicitude, a desestimación deberá ser motivada.

Artigo 7º.- MODIFICACIÓN DE DATOS E VIXENCIA DA INSCRICIÓN

1.- As asociacións incritas teñen a obriga de notificar ó concello calquera modificación dos datos incluídos na documentación que serviu de base para a inscrición, dentro do mes seguinte ó da data na que dita modificación tivese lugar.

2.- A efectos de continuación da vixencia da inscrición, tódalas entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións deberán presentar no concello, no mes de xaneiro e con referencia ó ano anterior, o orzamento e o programa anual de actividades realizadas.

O incumprimento destas obrigas, dará lugar á baixa da asociación no Rexistro Municipal, previa resolución motivada de Alcaldía, unha vez concedido prazo de audiencia ós representantes da asociación interesada.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente regulamento entrará en vigor transcorridos 15 días dende a súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia.