Betanzos - ORDENANZA REGULADORA DA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE TRANSPORTE ADAPTADO (PROXECTO ANTA)

Publicación provisional: 18/09/2007 BOP Nº: 216
Publicación definitiva: 10/11/2007 BOP Nº: 260
Aplicable dende: 29/11/2007

EXPOSICIÓN

A lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, establece o deber dos poderes públicos de tomar as medidas necesarias para acadar a integración social efectiva das persoas con minusvalía.
A lei 4/1993 do 14 de abril de servizos sociais de Galicia, no seu art. 3 establece que os servizos sociais se rexerán, entre outros , polos principios de prevención, normalización, integración, planificación e coordinación. Ademais no seu art.21, enumera entre as competencias que lles corresponden aos concellos, as de creación e xestión de servizos sociais de atención primaria e de atención especializada:"¿a creación e xestión de servizos sociais especializados de ámbito local, entendendo por tales aqueles nos que os usuarios sexan predominantemente residentes no concello."
A Lei 8/1997, de 20 de agosto, define os conceptos de accesibilidade e barreiras e as súas distintas mobilidades, persoas con limitacións ou mobilidade reducida, e axuda técnica, e establece tamén unha clasificación dos niveis de accesibilidade en adaptable, practicable, e convertible. Ademais comprende un anexo no que se recollen os parámetros técnicos aos que se deberán axustar todas as actuacións que se realicen en materia de accesibilidade e supresión de barreiras.
Para dar respostas e opcións ás persoas con problemáticas de mobilidade que teñen unha clara imposibilidade para a utilización do transporte público, traendo como consecuencia dificultades para a súa integración no medio, co conseguinte risco de illamento, establécese o programa de transporte adaptado para persoas con graves dificultades de mobilidade, de acordo á seguinte regulación.

ART. 1º. OBXECTO E OBXECTIVOS DO SERVIZO.

A presente disposición ten por obxecto regular o Servizo Municipal de Tranporte Adaptado. Este servizo é un dispositivo de apoio á mobilidade persoal, prestado desde os servizos sociais municipais de atención primaria a aquelas persoas que reúnan os requisitos expresados no art.6 de esta Ordenanza.
O establecemento deste servizo ten como obxectivo xeral o de normalizar as condicións de vida, favorecer a autonomía persoal e facilitar a integración social das persoas con dificultades de mobilidade usuarias do mesmo.
Os obxectivos específicos serán os seguintes:
- Poñer a disposición das persoas con dependencia que teñan dificultades para o uso do transporte normalizado a posibilidade de usar un medio de desprazamento axeitado ás súas necesidades, que lles facilite a súa mobilidade.
- Garantir o acceso, en condicións de igualdade, das persoas con necesidades especiais de mobilidade aos servizos de calquera tipo (sanitarios, educativos, culturais, lúdicos e outros) favorecendo a súa comunicación e participación no seu contorno habitual.
- Dispoñer de recursos para a normalización de realización das actividades instrumentais e básicas da vida diaria por parte das persoas con dependencia.

ART. 2º. BENEFICIARIOS

Poderán ser beneficiarios deste servizo as persoas , que sendo residentes no Concello de Betanzos, estean nalgunha das seguintes situacións:
- Ter recoñecida a situación de dependencia en calquera dos seus graos conforme a normativa que sexa de aplicación .
- Ter recoñecida a existencia de dificultades de mobilidade que impidan a utilización de transportes colectivos.
- Ter recoñecido un grao de minusvalía igual ou superior ao 65%.
Asi mesmo poderán ser beneficiarios deste servizo todas aquelas persoas que por especiais condicións e características da súa situación sexan susceptibles de recibir esta prestación. Deberán reunir os requisitos de acceso expresados no art. 6.

ART.3º.CONTIDO E PRIORIDADES NA PRESTACIÓN DO SERVIZO

A prestación do servizo municipal de transporte adaptado procurará cubrir as necesidades básicas de desprazamento das persoas usuarias, de acordo coa seguinte orde de prioridades:
- Desprazamentos da persoa beneficiaria a consultas sanitarias, tanto do sistema público como privado, cando as mesmas non sexan competencia do sistema sanitario
- Traslados aos centros e equipamentos do sistema de servizos sociais como residencias, centros de día , ou outros equipamentos de aloxamento temporal ou permanente aos que deben acudir por ser usuarios dos mesmos (priorizaranse os desprazamentos a centros de carácter público sobre os de natureza privada)
- Desprazamentos aos centros e equipamentos do sistema de servizos sociais que , non tendo carácter de aloxamento, dispoñen de programas e/ou actividades ás que acoden ou deben acudir por ser usuarios ou usuarias dos mesmos (priorizarase os desprazamentos a centros de carácter público sobre os de natureza privada)
- Desprazamentos a actividades, actos, e eventos de carácter educativo, formativo, lúdico , recreativo, cultural e deportivo, priorizando as organizadas polo concello ou por outra administración pública sobre as de natureza privada.
- Desprazamentos a actividades de mero desenvolvemento persoal.
A prestación para os supostos b) e c) terá caracter subsidiario cando existan servizos complementarios nos ditos equipamentos sociais

ART.4º FUNCIONAMENTO E ORGANIZACIÓN DO SERVIZO.

O apoio á mobilidade farase en vehículos apropiados que cumpran todas as condicións establecidas na normativa de accesibilidade e supresión de barreiras e conten coas autorizacións pertinentes establecidas na lexislación de transportes, así como as correspondentes en materia de tráfico e seguridade viaria.
En calquera caso, os vehículos estarán adaptados para o transporte de persoas en cadeira de rodas.
Os vehículos deberán ter superado todas as revisións técnicas e hixiénicas e non poderán ter unha antigüidade superior aos 10 anos desde a súa primeira matriculación.
O persoal conductor destes deberá estar en posesión do permiso de conducir que o habilite para a conducción dos mesmos.
A prestación do servizo municipal de transporte adaptado inclúe a asistencia no desprazamento dun monitor ou monitora acompañante.
A realización efectiva da prestación do servizo efectuarase directamente pola Administración Local a través dos seus propios medios ou ben indirectamente , ó abeiro do art. 85 da Lei de bases de réxime lócal , mediante a concesión de xestión de servizo público a unha empresa externa que se encargará de dispoñer de todos os medios necesarios para que o servizo se preste en óptimas condicións.

ART.5º MODO DE UTILIZACIÓN DO SERVIZO

5.1 A prestación do servizo acomodarase no posible, á demanda de desprazamento dos usuarios e das usuarias , con independencia de que na determinación dos itinerarios se procure acadar a maior rendibilidade dos medios empregados nos termos previstos no apartado 5.5 deste artigo.
5.2 Cando os usuarios e usuarias precisen a realización dun desprazamento deberán solicitalo cunha antelación mínima de 48 h. ó persoal designado de servizos sociais.
5.3 Os técnicos deste departamento analizarán e priorizarán as peticións do servizo recibidas, dando prioridade, en caso de dúbida, ás solicitudes presentadas con maior antelación .
5.4 A comunicación da prestación do servizo ou a imposibilidade de realizalo efectuarase coa debida antelación de acordo coa natureza do servizo demandado.
5.5. Dentro do posible, na organización do servizo e de acordo cos condicionamentos e características da zona procurarase o establecemento de rutas que posibilite o traslado dun maior número de usuarios e usuarias, sen prexuizo de que prime sempre a seguridade , comodidade e rapidez nos traslados.

ART.6º. REQUISITOS DE ACCESO AO SERVIZO

Para acceder ao servizo, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Estar empadroado e ter residencia efectiva no Concello de Betanzos no momento da solicitude e durante o tempo de uso da prestación do servizo derivado desta.
b) Cumprir algún dos seguintes requisitos:
- Ter recoñecido pola Xunta de Galicia un grao de minusvalía igual ou superior ao 65%
- Atoparse nunha situación de dependencia.
- Ter recoñecida a existencia de dificultades de mobilidade que lle impida realizar a utilización de transportes colectivos.
- Aportar a documentación esixida no art. da presente normativa.

ART.7º. TRAMITACIÓN DO ACCESO AO SERVIZO

O acceso ó servizo iniciarase por solicitude do interesado en instancia normalizada que será facilitada polo departamento de servizos sociais do Concello. Xunto con ela achegarase a seguinte documentación:
* Copia do DNI do solicitante.
*Copia do recoñecemento de minusvalía ou informe médico que xustifique a necesidade da utilización do transporte adaptado.
*Copia do Certificado de Minusvalía onde se especifique a cualificación.
*Calquera outro que se considere oportuno para a baremación da solicitude e que teña relación con aspectos a valorar.
Unha vez completado o expediente, procederase á súa avaliación pola Traballadora social responsable do mesmo, a cal emitirá un informe social que incluirá a puntuación acadada polo solicitante segundo o baremo recollido no art. 6 desta ordenanza e unha proposta sobre a idoneidade do recurso.
A Concelleira delegada elevará unha proposta de resolución ó órgano competente, a cal se comunicará posteriormente ó solicitante.
Se a resolución é favorable entregaráselle unha acreditación de usuario do servizo e facilitaráselle información por escrito sobre as normas de uso do mesmo.

ART.8º. BAREMO PARA A SELECCIÓN DE USUARIOS

As solicitudes presentadas serán valoradas polos técnicos do departamento de Servizos Sociais, os cales para determinar a preferencia no acceso ó servizo aplicarán o seguinte baremo:
6.1- Por minusvalía ou dependencia:
-Ter recoñecida a existencia de dificultades de mobilidade que impida a utilización de transportes colectivos ou atoparse nunha situación de gran dependencia: 10 puntos
- Ter recoñecido un grao de minusvalía superior ao 75% ou atoparse nunha situación de dependencia severa: 7 puntos
- Ter recoñecido un grao de minusvalía superior ao 65% ou atoparse nunha situación de dependencia moderada: 4 puntos
6.2- Por razón de idade:
- Ter cumpridos os 80 anos : 4 puntos
- Ter cumpridos os 75 anos: 3 puntos
- Ter cumpridos os 70 anos: 2 puntos
Nos casos de empate , terán preferencia as persoas de maior idade.

ART. 9º. FINANCIAMENTO

Este servizo estará financiado polas achegas procedentes das administracións públicas ou institucións, e se fora o caso, coas aportacións, mediante taxa dos propios usuarios , que colaborarán en función das propias posibilidades, de acordo co establecido no título 7 da Lei 4/1993 de servizos sociais.
As tarifas pola prestación deste servizo serán as que se determinen na correspondente ordenanza fiscal.

ART. 10º. DEREITOS E DEBERES DOS USUARIOS.

A) Os beneficiarios terán dereito a:
-Recibir a prestación na forma establecida.
-Ser atendidos con eficacia e respeto á súa individualidade.
-Ser informados das condicións baixo as que se presta o servizo de Transporte Adaptado.
-O segredo profesional acerca dos datos do seu historial sanitario e social.
-Deixar de utilizar o servizo por vontade propia.
-Presentar as reclamacións ou suxerencias que consideren oportunas.
B) Os beneficiarios terán as seguintes obrigas:
-Aceptar e cumprir a normativa establecida na prestación do servizo, contemplada no presente regulamento.
-Tratar co debido respecto ao persoal do servizo e conservar os utensilios que se lle faciliten na prestación do servizo.
-Satisfacer a cota que lle corresponda, no caso de que se estableza o copago do servizo.

ART.11 CAUSAS DE EXTINCION DO SERVIZO

A prestación do servizo de transporte adaptado extinguirase polas seguintes causas:
a) Falecemento ou renuncia do beneficiario.
b) Perda dos requisitos ou condicións esixidas para ser beneficiario da prestación.
c) Incumprimento reiterado por parte dos beneficiarios das súas obrigas.
d) Ocultación ou falsidade dos datos que se tiveron en conta para a concesión do servizo.

DISPOSICIÓN FINAL

1.- Corresponderanlle ó Concello por medio da súa Xunta de Goberno Local as facultades de aplicar e interpretar as disposicións contidas nesta Ordenanza, sen prexuizo das facultades que en todo caso correspondan ós tribunais.
2.-Para o non previsto neste Regulamento estarase ao disposto na Lei 5/97 de 2 de xullo de administración local de Galicia, Ley 7/85 de 2 de abril e regulamentos que a desenvolven e na Lei 4/93 de 14 de abril de servizos sociais.
3.- A presente Ordenanza entrará en vigor unha vez publicada integramente no BOP e cumprido o prazo previsto no artigo 65.2 da lei 7/85, de 2 de abril, en tanto non se proceda á súa modificación ou derrogación expresa.