Pontes de García Rodríguez As - TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVICIO DE POTABILIZACIÓN E ABASTECEMENTO DE AUGA DOMICILIARIA

Publicación provisional: 20/12/2007 BOP Nº: 292
Publicación definitiva: 20/12/2007 BOP Nº: 292
Aplicable dende: 01/01/2008

ARTIGO 1º.- FUNDAMENTO E RÉXIME

Este Concello conforme ó autorizado polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e de acordo co previsto no artigo 20.4t) da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, establece a taxa por distribución de auga, incluidos os dereitos de enganche de liñas, colocación e utilización de contadores, que se regulará pola presente Ordenanza, redactada, conforme ó disposto no artigo 16 da Lei 39/88 citada.

ARTIGO 2º.- FEITO IMPOÑIBLE

Está constituído pola actividade municipal desenvolvida con motivo da potabilización e distribución de auga a domicilio e o enganche de liñas á rede xeral.

ARTIGO 3º.- DEVENGO E PERÍODO IMPOSITIVO

A obrigación de contribuir nacerá no momento de prestarse o servicio previa a correspondente solicitude ou dende que se utilice este sen obter previa licencia, debendo depositarse previamente o pago correspondente ó enganche.
A taxa devéngase a un de xaneiro de cada ano e o período impositivo comprenderá o ano natural, salvo nos supostos de inicio e cesamento no uso do servicio, en tal caso prorratearase por trimestres naturais.
No caso de inicio ou cesamento do servicio en data diferente ó un de xaneiro, as cotas calcularanse proporcionalmente ó número de trimestre naturais nos que se prestara o mesmo, incluido o do inicio ou cesamento da prestación.

ARTIGO 4º.- SUXEITOS PASIVOS

Son suxeitos pasivos da taxa en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que soliciten ou resulten beneficiadas polos servicios a que se refire esta Ordenanza.
Terán consideración de substitutos do contribuínte os propietarios das vivendas ou locais ás que se provea do servicio, as cales poderán repercutir, no seu caso, as costas sobre os respectivos beneficios.

ARTIGO 5º.- BASE IMPOÑIBLE

A base impoñible do presente tributo estará constituída por:
- No subministro ou distribución de auga: os metros cúbicos de auga subministrada no inmoble onde esten situado o servicio.
- Nas acometidos á rede xeral: O feito da conexión á rede por cada local comercial, vivenda individual.

ARTIGO 6º.- COTA TRIBUTARIA E CADRO DE TARIFAS

A cota tributaria virá determinada pola adición dunha tarifa de carácter fixo, en concepto de cota de servicio, e outra de carácter variable calculada en función dos metros cúbicos consumidos no inmoble.
A estes efectos as tarifas a aplicar serán as seguintes, coa distinción entre consumo doméstico e industrial:
1.- Aboados domésticos:
1.1.- Establécese unha tarifa por establecemento do servicio de auga potable, mantemento da rede xeral, man de obra de conservación de contadores, por importe de 7,30 euros/trimestre, IVE aparte.
1.2.- Tarifa por consumos de auga para abonados domésticos, por trimestre:
1º.- Tramo: ata 20 m³ a............... 0,17 euros/m³, IVE aparte.
2º.- Tramo: máis de 20 m³ ata 40 m³ a.. 0,24 euros/m³, IVE aparte.
3º.- Tramo: máis de 40 m³ a....... 0,33 euros/m³, IVE aparte.
2.- Aboados industriais e comerciais:
2.1.- Establécese unha tarifa fixa por establecemento do servicio de auga potable, mantemento da rede xeral, man de obra de conservación de contadores, por importe de 18,05 euros/trimestre, IVE aparte.
2.2.- Tarifa por consumos de auga para abonados industriais e comerciais, por trimestre:
1º.-Tramo: ata 30 m³ a................ 0,24 euros/m³, IVE aparte.
2º.-Tramo: máis de 30 m³ ata 60 m³ a.. 0,34 euros/m³, IVE aparte.
3º.-Tramo: máis de 60 m³ata 150 m³ a.. 0,45 euros/m³, IVE aparte.
4º.-Tramo: máis de 150 m³ a..... 0,56 euros/m³, IVE aparte.
3.- A cota tributaria correspondente ós dereitos de acometida á rede xeral esixirase por unha vez ó efectuar a petición, e consistirá nunha cantidade fixa de 14,55 euros por cada vivenda individual ou local industrial.

ARTIGO 7º.- BENEFICIOS FISCAIS

A.-CRITERIOS DE CAPACIDADE ECONÓMICA
De acordo co establecido no artigo 24.4 da Lei 39/88, do 28 de decembro, co fin de establece-las taxas atendendo ó criterio de capacidade económica de quen ten que satisfacelas, establécense sobre as tarifas previstas no artigo 6º os seguintes descontos, segundo as circunstancias da unidade familiar:
1.-Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre a tarifa por consumo de auga, aplicaranse as seguintes reduccións totais ou parciais en función do salario mínimo interprofesional:
a) Inferiores ó 50 por 100 do SMI, reducción do 100 por 100.
b) Entre o 50 e o 75 por 100 do SMI, reducción do 70 por 100.
c) Superiores ó 75 por 100 e inferiores ó 100 por 100 do SMI, reducción do 40 por 100.
d) Entre o 100 e o 150 por 100 do SMI, reducción do 10 por 100.
2.-Persoas declaradas pobres e inscritas no padrón de beneficiencia como pobre de solemnidade, persoas que pola súa precariedade económica sexan considerados como tales polos Servicios Sociais, persoas acollidas a programas de asistencia social e tamén persoas que sexan beneficiarios da renta de inserción social de Galicia (RISGA), terán unha reducción do 100 por 100.
3.-Para os efectos do disposto nesta ordenanza fiscal, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.
Asemade, enténdese por unidade familiar a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalidez superior ó 33 por 100. No caso de familias monoparentais, e para efectos do cálculo da renda per cápita ó que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.
4.- Para os efectos do disposto nesta ordenanza fiscal, ten a consideración de ingresos a suma da parte xeral máis a parte especial da base impoñible, previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de lles aplicar ós datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
5.-O criterio de capacidade económica ó que se fai referencia no apartado A enténdese para as persoas que teñan uns ingresos anuais que, sumados ós dos que conviven con eles non superen o SMI e que non teñan propiedades susceptibles de orixinar rendementos (inmobiliarias e mobiliarias).
B.-Ademais se a unidade familiar acredita a condición de familia numerosa ou familia numerosa monoparental poden aplicarse sobre as tarifas anteriores unha reducción total ou parcial dun 20 por cento.
Estas reduccións enténdense para consumos domésticos inferiores a 40 m³/trimestre.
C.-A reducción total ou parcial deberá ser solicitada polo suxeito pasivo, acompañando á solicitude a seguinte documentación:
-Fotocopia do DNI.
-Certificado de familia numerosa.
-Certificado do padrón municipal de habitantes.
-Fotocopia da última declaración do Imposto sobre a renda das persoas físicas, excepto nos supostos nos que o suxeito pasivo non esta obrigado a presentar tal declaración conforme á normativa reguladora do devandito Imposto.
-Declaración xurada de posuir ou non propiedades tanto inmobiliarias como valores mobiliarios.
En todo caso, a reducción total ou parcial extinguirase de oficio ó ano inmediatamente seguinte a aquel no que o suxeito pasivo cese na súa condición de titular de familia numerosa ou deixe de concorrer algún dos referidos requisitos.
Os beneficios fiscais surtiran efecto para o exercicio seguinte a aquel no que foron solicitados.

ARTIGO 8º.- NORMAS E XESTIÓN

1.- A acometida de auga á rede xeral, será solicitada individualmente, por cada vivenda, polo que será abrigatoria a instalación dun contador por vivenda unifamiliar.Dita solicitude será presentada no Concello.
2.- Os solicitantes de acometida de enganche, farán constar o fin que destina a auga, advertíndose que calquera infracción ou aplicación diferente daquela para a que se solicita será castigada cunha multa na cantidade que acorde o Concello, sen prexuício de retirarlle o subministro de agua.
3.- Cando o solicitatante de acometida de auga efectuara a petición en data posterior á que procedera facerse, virá abrigado a satisfacer como dereito de enganche o 200 por 100 do importe que lle correspondera aboar por cada enganche.

ARTIGO 9º

A concesión do servicio, outargarase mediante acto administrativo e quedará suxeito ás disposicións da presente Ordenanza e ás que se fixasen no oportuno contrato.Será por tempo indefinido en tanto as partes non manifesten por escrito a súa vontade de rescindir o contrato, e por parte do subministrador se cumpran as condicións prescritas nesta Ordenanza e o contrato que queda dito.

ARTIGO 10º

As concesións clasifícanse en:
1.- Para usos domésticos, é dicir, para atender ás necesidades da vida e hixiene privada.
2.- Para usos industriais, considerándose dentro destes, os hoteis, bares, tabernas, garaxes, fábricas, colexios etc.

ARTIGO 11º

Ningún aboado pode dispor de auga máis que para aquilo que lle foi concedida, salvo causa de forza maior, quedando terminantemente prohibido a cesión gratuíta ou reventa de auga.

ARTIGO 12º

Os gastos que ocasione a renovación de tuberías, reparación de minas, pozos, mananciais, consumo de forza etc, serán cubertas polos interesados.

ARTIGO 13º

Todas as obras para cunducir a auga, da rede xeral á toma do aboado, serán de conta deste, se ben, realizaranse baixo a dirección municipal e na forma que o Concello indique.

ARTIGO 14º

O Concello por providencia do Sr. Alcalde, pode sen outro trámite,cortar o subministro de auga a un aboado, cando negue a entrada ó domicilio para o exame das instalacións, cando ceda a título gratuíto e onerosamente auga a outra persoa, cando non pague puntualmente as cotas de consumo, cando exista rotura de precintos, selos ou outra marca de seguridade posta polo Concello, así como os ¿limitadores de subministro dun tanto alzado".Todas as concesións, responden a unha póliza ou contrato subscrito polo particular e o Concello que se fará por duplicado exemplar.

ARTIGO 15º

O corte da acometida por falta de pago, levará consigo ó rehabilitarse, o pago dos dereitos de nova acometida.

ARTIGO 16º

1.-A xestión e autorización de acometidas á rede, así como a recadación das cotas a que se fai mención no epígrafe 3 do cadro de tarifas corresponderá ó Concello, que poderá esixir o depósito previo das mesmas como condición para a tramitación e concesión daquelas.
2.- A xestión e redadación das cotas contidas nos epígrafes 1 e 2 do cadro de tarifas corresponderá á empresa concesionaria ¿Aquagest S.A."
3.- A formalización do contrato de aboamento supón a alta na taxa. O cobro das cotas realizarase mediante catro liquidacións trimestrais que abarcarán o ano natural, sen que sexa necesaria a notificación das cotas sucesivas que se deriven da súa declaración de alta, sen prexuízo da remisión do recibo correspondente cos detalles da súa facturación. O censo de contribuíntes do primeiro trimestre aprobarase e exporase ó público para reclamacións dentro do primeiro semestre de cada exercicio económico servindo como notificación colectiva dos vencementos do exercicio.

ARTIGO 17º

En caso de que por escaseza de caudal, augas sucias, sequías, xeadas, reparacións, etc, o Concello tivera que suspender total ou parcialmente o subministro, os aboados non terán dereito a reclamación ningunha, nin indemnización por danos, prexuícios ou calquera outros conceptos, entendéndose neste sentido que a concesión se fai a título precario.

ARTIGO 18º.- RESPONSABLES

1.- Serán responsables solidariamente das obrigacións tributarias establecidas nesta Ordenanza toda persoa causante ou colaboradora na realización dunha infracción tributaria. Nos supostos de declaración consolidada, todas as sociedades integrantes do grupo serán responsables solidarios das infraccións cometidas neste réxime de tributación.
2.- Os copartícipes ou cotitulares das herendanzas xacentes, comunidades de bens e demais entidades que, carentes de personalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado, susceptible de imposición, responderán solidariamente e en proporción ás súas respectivas participacións das obrigacións tributarias de ditas entidades.
3.- Serán responsables subsidiarios das infraccións simples e da totalidade da débeda tributaria en caso de infraccións graves cometidas polas persoas xurídicas, os administradores daquela que non realicen os actos necesarios da súa incumbencia, para o cumprimento das obrigacións tributarias infrinxidas, consentiran no incumprimento por quen dependan deles ou adopten acordos que fixeran posible as infraccións. Así mesmo, tales administradores responderán subsidiariamente das obrigacións tributarias que estean pendentes de cumprimentar polas persoas xurídicas que cesasen nas súas actividades.
4.- Serán responsables subsidiarios os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, cando por neglixencia ou mala fe non realicen as xestións necesarias para o
total cumprimento das abrigacións tributarias devengadas con anterioridade a ditas situacións e que sexan imputables ós respectivos suxeitos pasivos.

ARTIGO 19º

En todo o relativo á calificación de infraccións tributarias e sancións, ademais do previsto nesta Ordenanza, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria e demais nermativa aplicable.

DISPOSICION TRANSITORIA

Cando se solicite algún dos beneficios fiscais, recollidos na presente Ordenanza, antes do 31 de marzo do 2004 poderán os suxeitos pasivos ter dereito ós mesmos a partir do primeiro trimestre do ano 2004, e excepcionalmente para este exercicio.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

A presente Ordenanza fiscal, unha vez aprobada definitivamente polo Pleno do Concello e publicada integramente no Boletín Oficial Provincia, comezará a rexer a partir do día un de xaneiro de dous mil oito, e continuará vixente mentres non se acorde a súa modificación ou derrogación.
A presente ordenanza fiscal, que consta de 19 artigos, unha disposición transitoria e unha disposición derradeira, foi aprobada polo Pleno do Concello en sesión extraordinaria de data 30 de outubro de 2007.