Vilarmaior - Ordenanza reguladora da expedición de tarxetas de estacionamento para persoas con minusvalidez
1.º .-Obxecto.
A presente ordenanza ten por obxecto a regulamentación da expedición polo Concello de Vilarmaior das tarxetas de estacionamento para persoas con minusvalidez ó abeiro do disposto nos artigos 27.2 da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e 50.2 e 53.1 do Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento e execución da Lei 8/1997.
2.º .-Titulares.
A tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalidez concederase ás persoas que, estando empadroadas neste Concello, presenten graves problemas de mobilidade, como documento acreditativo da súa situación, con carácter persoal e intrasferible, coa finalidade de favorece-lo uso dos transportes privados e para que o seu titular poida gozar das facilidades de estacionamento relacionadas coa devandita tarxeta.
3.º .-Solicitudes.
As solicitudes para a expedición da tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalidez, acompañaranse da seguinte documentación:
1.-Solicitude en impreso oficial normalizado que se obterá no departamento de Servicios Sociais do Concello.
2.-Fotocopia do DNI do peticionario da tarxeta.
3.-Certificado de empadroamento.
4.-Dúas fotografías tamaño carné.
5.-Certificado de cualificación do grao de minusvalía.
6.-Fotocopia do carné de conducir do minusválido ou da persoa que o traslade habitualmente no caso de que o minusválido non poida conducir, o que deberá acreditarse mediante certificación.
7.-Fotocopia da documentación do vehículo que utilice o minusválido, onde conste, de se-lo caso a adaptación do vehículo.
8.-Fotocopia do xustificante do pago do último recibo do imposto municipal de vehículos de tracción mecánica.
4.º .-Procedemento.
1.-Presentada a solicitude á que se fai referencia no punto 3.º no rexistro xeral do Concello, coa documentación pertinente, no caso de que o solicitante non dispoña do certificado de cualificación do grao de minusvalía ou este non se pronuncie sobre a imposibilidade ou dificultade de uso de transporte público, remitirase copia do expediente ó equipo de valoración e orientación (EVO) correspondente para a realización do informe preceptivo e vinculante para a resolución do procedemento ó que se refire ó artigo 53.1.b) do Decreto 35/2000 do 28 de xaneiro.
2.-Recibido no Concello o informe referido no punto anterior, polo departamento de Servicios Sociais do Concello elevarase o expediente completo á alcaldía-presidencia, para que dicte a resolución pertinente, concedendo ou denegando a tarxeta solicitada.
3.-A devandita resolución será notificada ó interesado de conformidade co disposto na Lei 30/1992 do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4.-O modelo da tarxeta, que é único para todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, axustarase ás características sinaladas no anexo III do Decreto 35/2000 do 28 de xaneiro, e deberá leva-la sinatura ou marca autorizada do titular da tarxeta.
Cando se utilice a tarxeta deberá colocarse na parte dianteira do vehículo, de maneira que únicamente o anverso da tarxeta sexa claramente visible para o seu control.
5.º .-Validez e caducidade das tarxetas.
1.-As tarxetas concedidas polo Concello, de conformidade co disposto no procedemento regulado no punto 4.º , terán validez en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, no caso de cambio de domicilio do beneficiario dunha tarxeta de estacionamento, este deberá solicita-lo traslado do expediente ó novo municipio de residencia.
2.-No caso de que a cualificación da minusvalidez sexa permanente, a tarxeta caducará ós dez anos da concesión e, no caso de que a cualificación da minusvalidez sexa provisional, caducará cando transcorra o prazo que esta indique.
3.-Para a renovación deberase segui-lo mesmo procedemento que se seguise para o outorgamento da tarxeta inicial para tal efecto un mes antes de que caduque a tarxeta o titular deberá solicitar unha nova tarxeta, tendo a obriga de entrega-la anterior no momento de retira-la actualizada.
4.-No caso de que se detecte o uso indebido da tarxeta de maneira reiterada e debidamente probada, con independencia da sanción pecuniaria que puidese recaer no expediente sancionador incoado para tal efecto, a citada tarxeta será retirada durante un prazo de dous anos polo órgano que a outorgase.
Disposición final.
A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia, de conformidade co disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985 do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e transcorra o prazo de 15 días hábiles previsto no artigo 65.2 da devandita Lei, e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa.