Índice
Arzúa - REGULAMENTO DE UTILIZACIÓN DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
Publicación provisional:
21/11/2007
BOP Nº:
269
Publicación definitiva:
07/02/2008
BOP Nº:
31
Aplicable dende:
08/02/2008
I.- NORMATIVA XERAL DOS PAVILLÓNS POLIDEPORTIVOS CUBERTOS, PISTAS DE TENIS, PISTAS POLIDEPORTIVAS DESCUBERTAS, CAMPO DE FÚTBOL DE O VISO, CAMPO DE FUTBOL DE A CASTAÑEDA.
Art. 1.- O presente regulamento ten por obxecto a formulación dun conxunto de normas encamiñadas á planificación e control das actividades que se realizan nas citadas instalacións.
Art. 2.- Nas instalacións mencionadas poderanse realizar todo tipo de actividades físico-deportivas, sempre que a súa práctica non provoque, a xuízo do servizo municipal de deportes, un deterioro evidente nas instalacións.
Art. 3.- Poderanse realizar actos culturais e actos públicos considerados de interese xeral, sempre con autorización dos responsables municipais.
Art. 4.- As instalacións poderán ser utilizadas por calquera persoa ou grupo, nas condicións que especifica este regulamento.
Art. 5.- Os horarios serán elaborados polo servizo municipal de deportes e estarán expostos ó público nas mesmas instalacións. Por norma xeral terán preferencia:
Calquera actividade cultural ou deportiva organizada polo Concello.
Actividades escolares sempre que acrediten non dispor nese momento das súas instalacións ou ben sexan insuficientes.
Clubs federados que estén rexistrados no Concello de Arzúa, e teñan a súa sede social no mesmo.
Calquera outro solicitante que non reúna as condicións anteriores.
II.- DEREITOS E OBRIGAS DOS USUARIOS.
Art. 6.- Todos/as veciños/as do Concello de Arzúa teñen dereito á utilización e aceso ás instalacións deportivas municipais en condición de igualdade, e segundo a normativa de utilización das mesmas, previa solicitude da súa utilización, en todo caso será preciso estar empadroado no Concello de Arzúa para participar nas actividades organizadas polas escolas deportivas municipais.
Art. 7.- Os usuarios deberán identificarse a petición do conserxe da instalación como membros do grupo ó que corresponde a hora da utilización, amosando o seu D.N.I.
Art. 8.- Os usuarios das instalacións ou no seu caso o club que o solicitara serán responsables dos posibles desperfectos que se puideran causar por un uso incorrecto das instalacións, e terán que facerse cargo da cuantía das reparacións dos bens deteriorados.
Art. 9.- É obrigatorio o uso de calzado deportivo adecuado nas áreas de xogo, polas características do seu chan, que será esixido polo encargado das instalacións.
Art. 10.- Calquera usuario ten dereito a realizar as reclamacións ou suxestións que considere oportunas ante o conserxe das instalacións, que obrigatoriamente lle serán comunicadas ó servizo municipal de deportes, directamente ante o mesmo, ou ó concelleiro correspondente.
Art. 11.- Os usuarios en todo momento deberán respectar e cumprir as recomendacións do encargado das instalacións.
Art. 12.- O Concello de Arzúa resérvase o dereito de anular calquera permiso concedido no caso de precisar as instalacións para unha actividade propia ou outra que se considere de maior interese social.
Art. 13.- No caso de que algún usuario que tendo concedida a súa utilización temporalmente non faga uso das instalacións solicitadas en tres ocasións sen previo aviso, perderá os dereitos que lle foran concedidos.
III.- PROHIBICIÓNS.
Art. 14.- Está totalmente prohibido fumar nos pavillóns cubertos.
Art. 15.- Está prohibido consumir bebidas alcohólicas en todas as instalacións deportivas.
Art. 16.- Está prohibido ceder o uso das instalacións solicitadas a terceiras persoas ou grupos.
IV.- NORMATIVA DE ACCESO PARA A UTILIZACIÓN DAS INSTALACIÓNS.
Art.- 17.- As entidades deportivas poderán solicitar o uso periódico das instalacións correspondentes preferiblemente antes do comezo das competicións, permanecendo en vigor a súa concesión durante toda a temporada.
Art. 18.- As entidades deportivas que soliciten a utilización periódica das instalacións, deberán reunir para a súa concesión os seguintes requisitos:
a.- Estar rexistrados no Concello de Arzúa
b.- Ter o seu domicilio social no Concello de Arzúa
c.- Ser unha entidade sen ánimo de lucro
V.- NORMATIVA DE CESION DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS.
Art. 19.- Os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a.- Breve descrición explicativa da actividade a realizar.
b.- Nome, apelidos e D.N.I. do responsable do grupo ou equipo, que se fará cargo dos desperfectos que se poideran ocasionar.
Art. 20.- As solicitudes realizaranse da seguinte forma:
a.- Mediante instancia tipo recollida no Anexo I deste Regulamento, e presentándoa no Rexistro Xeral do Concello, no Departamento de Deportes, ou na mesma instalación solicitada, con 15 días de antelación no caso de que sexa para unha actividade continuada.
b.- En caso de solicitude de uso en horas illadas non será preciso presentar dita instancia, poderase facer verbalmente nos lugares mencionados no artigo anterior e terán unha resposta instantánea e quedará reflectida no libro de reservas no caso de resposta positiva á devandita solicitude.
c.- As solicitudes verbais de horas illadas, non poderán ser con anterioridade a 7 días, e poderanse solicitar ata a hora en que se desexa utilizar a instalación, e será concedida autorización de utilización sempre que a instalación non estea ocupada ou reservada para esa hora.
d.- O responsable das instalacións poderá anular calquera autorización por motivos especiais de risco para os usuarios ou por outro motivo debidamente xustificado, feito do que terá que dar comunicación o departamento de deportes no prazo máximo de 24 horas.
VI.- ENCARGADO DAS INSTALACIÓNS
Art. 21.- As instalacións terán un encargado que será o depositario das chaves de todas as súas dependencias e a quen corresponderá a vixilancia, conservación, posta a punto, limpeza, apertura e peche das mesmas, así coma calquera outra función relacionada co mesmo que se lle encomende.
Art. 22.- O encargado terá, no seu caso, a obriga de solicitar os usuarios a correspondente autorización antes do comezo do uso das instalacións.
VII.- VENTA E PUBLICIDADE
Art. 23.- O Concello resérvase o dereito da explotación da venta de bebidas e outros produtos de consumo, lambonadas, etc. agás tabaco e bebidas alcohólicas, ben directamente ou a través de máquinas expendedoras.
Art. 24.- O Concello poderá ceder as devanditas explotacións as entidades deportivas que o soliciten durante as súas actividades nas citadas instalacións.
Art. 25.- O Concello poderá colocar publicidade estática ou ben autorizar ós clubs usuarios das instalacións, previa solicitude, non excedendo a súa cesión de 2 anos.
VIII.- INFRACIÓNS E SANCIÓNS
Art. 26.- Consideraranse faltas leves as seguintes condutas:
a.- A desobediencia ás instrucións e advertencias que o persoal das instalacións determine co fin de cumprir o presente regulamento.
b.- As accións que causen desperfectos nas instalacións ou equipamento.
c.- Calquera infracción deste regulamento non cualificada como grave ou moi grave.
Art. 27.- Consideraranse faltas graves as seguintes:
a.- A falta de respecto cara os traballadores das instalacións ou demais usuarios.
b.- As accións que impliquen deterioro grave das instalacións ou equipamento.
c.- A reiteración de faltas leves.
Art. 28.- Consideraranse faltas moi graves as seguintes condutas:
a.- As accións que prexudiquen gravemente ou supoñan riscos para a saúde dos usuarios ou traballadores da instalación.
b.- As accións que impliquen un deterioro moi grave ou irreversible nos equipamentos da instalación.
c.- A reiteración de faltas graves
Art. 29.- As sancións que se imporán pola Comisión das faltas sinaladas nos artigos anteriores serán as seguintes:
a.- As faltas leves serán sancionadas con multa de ata 200 €
b.- As faltas graves serán sancionadas con multa de ata 500 €
c.- As faltas moi graves serán sancionadas con multa de ata 1000€ e expulsión das instalacións durante 1 ano.
Art. 30.- As sancións serán impostas pola Alcaldía, previo informe do departamento de deportes, as graves e moi graves previa audiencia do sancionado.
XI.- LESIÓNS E ACCIDENTES
Art. 31.- O Concello de Arzúa non se fai responsable de posibles lesións ou accidentes que se poidan producir durante a práctica das actividades que se realicen nas instalacións, que non sexan achacables ás mesmas.
XII.- DISPOSICIÓN DEROGATORIA
Queda derogada calquera norma de igual ou inferior rango que estea en contradición ou se opoña ó disposto neste Regulamento.
XIII.- DISPOSICIÓN DERRADEIRA
Unha vez aprobado definitivamente polo Pleno do Concello este Regulamento, entrará en vigor ó día seguinte da publicación do seu texto completo no Boletín Oficial da Provincia, unha vez transcorrido o prazo previsto no artigo 65 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.