Boimorto - Ordenanza fiscal nº 11, reguladora da taxa pola venda ambulante
CAPÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS.
Artigo 1.º .-Fundamento legal.
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 en relación co 20 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, modificada pola Lei 25/98, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, este Concello establece a taxa pola venda ambulante, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.
Artigo 2.-Feito imponible.
Constitúe o feito imponible da taxa a venda ambulante, entendendo como tal a realizada de forma habitual, periódica ou ocasional, fora do establecemento comercial e na vía pública ou en solares e espacios libres, xa sexa en instalacións desmontables ou en vehículos. Non teñen a consideración de venda ambulante as realizadas dentro de recintos ocupados por certames feirais e exposicións.
Para os efectos desta ordenanza, establécense as seguintes modalidades de venda ambulante:
A) Venda ambulante en postos instalados na vía pública, autorizadas para un número e período determinados.
B) Venda ambulante mediante camións ou vehículos autorizados en zonas ou lugares determinados.
C) Venda en mercados ocasionais con motivo de feiras, festas e acontecementos populares.
Artigo 3.-Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas, así como as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que soliciten ou resulten beneficiados ou afectados pola actividade administrativa ou servicio que constitúe o feito imponible desta taxa.
Para exerce-la venda ambulante han reunirse os requisitos sinalados no artigo 10 da Lei 10/88, do 20 de xullo, de Ordenación do Comercio Interior en Galicia:
- Ser comerciante segundo a lexislación mercantil.
- Ter licencia fiscal.
- Cumpri-las obrigas de cotización á Seguridade Social.
CAPÍTULO II.- AUTORIZACIÓNS.
Artigo 4.
Para a autorización municipal para a venda ambulante así como pola renovación anual, os interesados deberán abona-la cantidade de 6.000 pesetas/anuais.
Artigo 5.
Poderán ser titulares dunha autorización municipal as persoas, físicas ou xurídicas, maiores de idade, con plena capacidade xurídica e de obrar, segundo os emprazamentos que se sinalen na autorización.
Artigo 6.
A autorización municipal será persoal e intransferible, quedando prohibida a súa cesión.
Artigo 7.
As autorizacións serán solicitadas no Concello, mediante instancia acompañada dos seguintes documentos:
a) Fotocopia do D.N.I. ou N.I.F.
b) Acreditación da persoa ou persoas asalariadas que poderán estar ó cargo do posto ou vehículo, no caso de non se-lo titular da autorización.
c) Declaración expresa de que se coñecen as normas as que se debe axusta-la actividade.
d) Xustificante de atoparse ó corrente nas cotizacións da Seguridade Social.
e) Fotocopia do último recibo do Imposto de Actividades Económicas.
f) Carné de manipulador de alimentos, cando a venda sexa de productos que o esixan.
Artigo 8.
As autorizacións outorgadas terán vixencia ata o 31 de decembro do ano en que foron outorgadas, sen prexuízo de que se poida concede-la súa renovación se se solicita na primeira quincena do mes de decembro en que finaliza a súa vixencia.
CAPÍTULO III.-CONDICIÓNS DOS POSTOS E VEHÍCULOS.
Artigo 9.
Para os postos ambulantes os metros solicitados polos comerciantes e concedidos polo Concello non poderán excede-los oito metros.
Artigo 10.
Os postos ou vehículos dedicados á venda de productos alimenticios contarán con medidas de peso que garantan a cantidade exacta dos artigos que adquire o público.
Artigo 11.
Finalizado o horario de venda, os titulares dos postos terán que deixa-lo lugar ocupado limpo de papeis e desperdicios ou calquera outro obstáculo, debendo deposita-lo lixo en bolsas e deixalas nos colectores do servicio municipal de limpeza.
Artigo 12.
Os titulares da venda ambulante terán a disposición dos inspectores designados polo Concello, o documento acreditativo da autorización municipal e o carné de manipulador de alimentos, se este fose preciso.
Artigo 13.
As autorizacións municipais para a colocación de postos determinarán o lugar, días e horarios de emprazamento.
A autorización de venda ambulante por medio de vehículos sinalarán os días e percorridos por onde prestará o servicio.
Artigo 14.
O Comerciante que obteña a autorización queda obrigado a abona-los impostos e taxas municipais de acordo coa ordenanza en vigor.
CAPÍTULO IV.-INSPECCIÓN, INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
Artigo 15.
Correspóndelle ó veterinario a vixilancia sanitaria, para que os titulares da autorización cumpran coas normas que regulan esta actividade, que deberá:
a) Comproba-lo estado sanitario dos artigos alimenticios.
b) Comproba-las condicións hixiénico-sanitarias dos postos, instalacións e vehículos.
c) Levantar actas das inspeccións efectuadas.
d) Emitir informes sobre o resultado da inspección e análise que leve a cabo.
Artigo 16.
Ós efectos desta ordenanza as faltas poderán ser leves, graves e moi graves.
Artigo 17.
Consideraranse faltas leves:
a) Non manter nas debidas condicións de conservación e limpeza os postos, vehículos e accesorios utilizados.
b) Contratar persoal para posta-lo servicio sen comunica-lo ó Concello.
c) Calquera outra infracción non cualificada coma falta grave ou moi grave.
Artigo 18.
Consideraranse faltas graves:
a) A desobediencia das ordes dadas polo Concello para a correcta prestación da venda ambulante.
b) Venda de alimentos sen reuni-las debidas condicións hixiénico-sanitarias.
c) Defraudación na cantidade ou calidade dos productos vendidos.
d) Venda de productos alimenticios sen posuí-lo carné de manipulador de alimentos.
e) Reincidencia de tres faltas leves.
Artigo 19.
Consideraranse faltas moi graves:
a) O traspaso ou alugueiro da concesión sen a debida autorización municipal.
b) Reiteración de faltas graves.
Artigo 20.
O Procedemento sancionador poderá acordarse de oficio ou a instancia de parte.
Se a falta se tipifica como leve será sancionada pola Alcaldía, previa audiencia do concesionario, con multa de ata 10.000 ptas. previo apercibimento.
Se a falta se tipifica coma grave ou moi grave, aplicarase o procedemento sancionador contemplado na Lei de 10/88, do 20 de xullo, de Ordenación do Comercio Interior de Galicia con multa de ata 15.000 ptas. ou suspensión temporal da autorización de ata 15 días hábiles para as faltas graves e suspensión temporal da autorización de ata dous meses para faltas moi graves.
Disposición final.
A presente ordenanza fiscal, aprobada polo Pleno da corporación en sesión extraordinaria celebrada o día vinteseis de outubro de mil novecentos noventa e oito entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e será de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 1999, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.