Índice
Lousame - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR APERTURA DE ESTABLECEMENTOS
Publicación provisional:
12/12/2007
BOP Nº:
285
Publicación definitiva:
02/02/2008
BOP Nº:
28
Aplicable dende:
03/02/2008
Art. 1.-Fundamento e natureza
En uso das facultades concedidas polos arts. 133.2 e 144 da Constitución española; polo art. 106 da Lei de Bases de Réxime Local; de conformidade cos arts. 15 a 19 e 20.4 letra i) do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a ordenanza fiscal n.º 4, da taxa por apertura de establecementos."
Art. 2.º .-Feito impoñible
1.-Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade técnica e administrativa tendente a verificar se os establecementos industriais e mercantís, de actividades de producción de todas clases, inclusive enerxía eléctrica, térmica, eólica, etc., reúnen as condicións de sanidade, salubridade e respecto ó medio natural e calquera outras esixibles polas regulamentacións xerais do Estado, comunidade autónoma e concello, como presuposto necesario e previo para o outorgamento por este Concello da licencia de apertura á que fai referencia o art. 22 do Reg. de Servicio das Corporacións Locais.
2.-Para tal efecto, terá a condición de apertura:
a) Primeira instalación do establecemento para comeza-la actividade.
b) A variación, ampliación ou reforma da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.
c) A ampliación do establecemento, industria ou negocio e calquera alteración que se leve a cabo e que afecte ás condicións sinaladas no número 1 do art. 2, esixindo nova verificación das mesmas.
3.1.-Entenderase por establecemento industrial ou mercantil a primeira instalación que se dedique ó exercicio dalgunha actividade empresarial, artesanal, da construcción, comercial, producción de enerxía e de servicios que estean suxeitos ó IAE. O establecemento pode estar aberto ó público ou non. Nas canteiras de todas clases cuantificaranse os metros cadrados (m2) de concesión ou explotación a efectos de aplicación da base impoñible.
3.2. Considéranse tamén incluídos aqueles establecementos que sirvan de auxilio ou complemento a outras actividades e teñan relación con elas, en firme que reporten beneficios, como poden ser: sedes sociais, axencias, delegacións sucursais, oficinas, despachos, estudios, etc.
Art 3.-Suxeito pasivo
Son suxeitos pasivos contribuíntes ou persoas físicas ou xurídicas e mailas entidades á que se refire o art. 36 da Lei Xeral Tributaria, titulares da actividade que se pretende desenvolver ou, no seu caso, se proxecte desenvolver en calquera establecemento industrial ou mercantil."
Art. 4. Responsables
1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarias as persoas físicas e xurídicas á que fan referencia os arts. 41.1 e 42 da Lei Xeral Tributaria.
2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades, síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, nos supostos e co alcance que sinala o art. 43 da Lei Xeral Tributaria.
Art. 5.-Base impoñible
1. Constitúe a base impoñible da taxa, con carácter xeral, o presuposto de execución material que figura no proxecto; así coma, se é do caso, os metros cadrados (m2) de superficie ou planta afectos ó establecemento ou instalación industrial (artigo 2.3.1 inciso final).
2. Tamén poderá tomarse como base impoñible da taxa a renda anual que corresponde ó establecemento. A determinación da renda levarase a cabo aplicando as seguintes regras:
1.ª.-Cando o suxeito pasivo sexa propietario, usufructuario ou titular dunha concesión administrativa sobre o establecemento, a renda anual será a que resulte de aplica-lo tipo de interese básico do ¿Banco de España" (MÍBOR) ó valor catastral que teña sinalado o establecemento no IBI.
2.ª.-No resto de supostos, a renda anual será a que se satisfaga por cada establecemento por razón do contrato de arrendamento, subarrendamento, cesión ou calquera outro título que acompañe a ocupación, con inclusión dos incrementos ou cantidades asimiladas á renda.
3.ª.-Se no contrato figuran pactadas diferentes rendas para períodos distintos; tomarase como base a de maior importe, aínda que corresponde a períodos anteriores ou posteriores á solicitude de licencia.
4.ª.-Cando nun mesmo local existan, sen discriminación no título de ocupación, espacio destinado a vivenda e a establecemento, a base impoñible será a que corresponde proporcionalmente á superficie destinada a negocio.
5.ª- Cando se trata de ampliación de establecemento, a base impoñible será a renda que corresponda á superficie ampliada.
A aplicación do previsto no n.º 1 ou 3 deste artigo corresponde á autoridade municipal.
6.-Cota tributaria
1.-A cota tributaria determinarase aplicando as porcentaxes que se indican a seguir sobre o presuposto de execución material que figure no proxecto:
¿ Actividades non suxeitas ó regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas: 0,50 %.
¿ Actividades suxeitas ó regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas: 0,75 %.
Para a aplicación os metros cadrados (m2) de superficie ou planta afectos ó establecemento ou instalación industrial (artigo 2.3.1 inciso final), establécense seis (6,00) euros por metro cadrado (m2).
2.-A cota tributaria esixirase por unidade de local.
3.-Nos casos de variación ou ampliación, deducirase a cota aboada na primeira licencia de apertura.
4.-Nos supostos de desistimento formulada polo solicitante con anterioridade á concesión da licencia, a cota deducirase un vintecinco (25%) por cento, sempre que se teña levado a cabo a actividade administrativa.
Art. 7.-Execución e bonificación
Non se concederá exención, nin bonificación na exacción da taxa.
Art. 8.-Dereito á percepción
1.-Terase dereito a percibi-la taxa e prodúcese a obriga de contribuír, cando se inicie a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. Para estes efectos, entenderase iniciada a actividade administrativa no intre de formaliza-la solicitude.
2.-Cando a apertura tivese lugar sen a obtención da preceptiva licencia, a taxa poderá ser percibida unha vez se inicie a actividade administrativa, con independencia de que se chegue ou non á apertura.
3.-A obrigación de contribuír, unha vez producida, non se verá afectada pola denegación da licencia solicitada ou pola concesión condicionada á modificación das condicións técnicas de establecemento; nin pola renuncia ou desestimento do solicitante, unha vez concedida a licencia.
Art. 9.-Declaración
1.-As persoas interesadas na obtención dunha licencia de apertura presentarán no rexistro xeral do Concello unha solicitude especificando a actividade a desenvolver; descrición do local ou locais e superficies destinadas a actividade; e proxecto técnico, se é do caso; contrato de alugueiro e recibo do IBI urbana do local.
2.-As modificacións que se produzan, consonte á actividade, deberán notificarse á autoridade municipal, co mesmo detalle e condicións da primeira apertura.
Art. 10.-Liquidación e ingreso
Rematada a actividade municipal tendente á comprobación das condicións urbanísticas, de sanidade, salubridade, etc., a autoridade municipal dictará a resolución que proceda; practicarase liquidación de taxa e notificarase ó obrigado a fin de que proceda o ingreso, utilizando os medios de pagamento que autoriza o Regulamento Xeral de Recadación.
Art. 11.-Infraccións e sancións.
No referente á cualificación das infraccións tributarias, así como as sancións que correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos arts. 178 e seguintes. da Lei Xeral Tributaria.
Disposición final
A presente ordenanza fiscal foi aprobada na súa redacción actual polo Pleno da corporación municipal en sesión do quince de novembro de 2007 do ano que andamos e entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no BOP e estará vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa."
Lousame a 21 de xaneiro de 2008