Val do Dubra - Regulamento núm. 15, da selección de personal funcionario interino e laboral temporal
Publicación provisional:
11/01/2008
BOP Nº:
9
Publicación definitiva:
03/03/2008
BOP Nº:
52
Aplicable dende:
24/03/2008
Artigo 1.º .-
O obxecto do presente regulamento é a regulación da cobertura temporal de prazas vacantes tanto de persoal funcionario, como de persoal laboral do Concello de Val do Dubra, con funcionarios interinos e con persoal laboral temporal, nos casos previstos legalmente, así como a contratación de persoal laboral temporal nos demais supostos permitidos pola normativa vixente. En particular a recollida nos artigos 10 e 11 do Estatuto básico do empregado público, Lei 7/2007 do 12 de abril. Non será de aplicación nos casos en que, para a tal cobertura temporal, polo órgano competente do Concello se acorde a celebración de probas selectivas específicas.
Artigo 2.º .-
Para facer efectivo o sistema de cobertura, nos tres meses seguintes á finalización dos procesos selectivos correspondentes á última oferta pública de emprego, de acceso ós corpos, escalas, subescalas e/ou categorías, incluídos na dita oferta, por resolución da presidencia do Concello aprobarase a convocatoria para a elaboración de listas de aspirantes para cada unha das prazas e/ou contratacións laborais temporais que se conte que poidan producirse, que se publicará no Boletín Oficial da Provincia, a fin de que, no prazo de vinte días naturais, a partir do seguinte ó da tal publicación, os interesados presenten as súas instancias, acompañadas da documentación que acredite a titulación e os demais requisitos esixidos para desempeñar a praza ou prazas ás que opten e os méritos que, de conformidade co baremo que se fixa no presente regulamento, desexen que se lles teñan en conta. A convocatoria establecerá a denominación e características e requisitos das prazas e a titulación esixible para o acceso a elas.
No suposto de que non se tiveran celebrado procesos selectivos, por non se ter realizado oferta pública de emprego, aprobaranse as convocatorias para a elaboración da lista de aspirantes para aquelas prazas e/ou contratacións laborais temporais que resulten necesarias, de conformidade coa normativa vixente, e no momento no que xurda a tal necesidade.
Artigo 3.º .-
As solicitudes presentaranse, dentro do prazo sinalado para tal efecto, no rexistro xeral do Concello ou na forma prevista no art. 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, no modelo oficial establecido para tal efecto, que se facilitará nas oficinas municipais, acompañando acreditación documental dos méritos que se aleguen e que teñan relación coa praza ou prazas convocadas.
Só se estimarán os méritos que resulten debidamente acreditados e que se presenten voluntariamente dentro do prazo sinalado na convocatoria.
Ó persoal que resulte seleccionado requiriráselle a exhibición da documentación orixinal acreditativa dos méritos computados; se non se presentará a documentación ou se acreditase algunha irregularidade, dictarase a resolución que resulte conforme a dereito.
Artigo 4.º .-
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, cos aspirantes que cumpran os requisitos que para cada caso se establezan, formaranse as correspondentes listas unitarias para cada praza de categoría igual e/ou asimilada, con independencia do carácter funcionarial ou laboral da mesma, podendo fixarse un número máximo de compoñentes de cada lista, en función do número de instancias presentadas e do de prazas que se prevea que poidan chegar a producirse.
Artigo 5.º .-
Para a elaboración das listas nomearase por resolución da Presidencia unha comisión permanente de selección, que terá a seguinte composición:
- Un presidente.
- Tres vogais funcionarios.
- Un secretario, que será o secretario xeral da Corporación ou funcionario en quen delegue.
A comisión permanente de selección resolverá durante o proceso de elaboración das listas tódalas cuestións de interpretación que puideran presentarse.
Artigo 6.º .-
Unha vez elaboradas as listas pola comisión permanente de selección, elevaranse á Presidencia do Concello, que as aprobará por resolución e, unha vez aprobadas, expoñeranse no taboleiro de anuncios da Corporación. Contra a resolución aprobatoria das listas, que esgotará a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, segundo o disposto na normativa vixente.
Artigo 7.º .-
O nomeamento e cesamento do persoal funcionario interino e do contratado laboral temporal, realizaranse de conformidade coa lexislación vixente aplicable en cada caso.
Artigo 8.º .-
As listas renovaranse despois de que se resolvan as convocatorias de acceso ós corpos, escalas, subescalas e/ou categorías, incluídos na oferta pública de emprego correspondente, a que se refiran as tales convocatorias, perdendo validez as que ata entón estiveran vixentes, pero sen que iso afecte ó persoal nomeado en virtude das mesmas e durante a súa vixencia.
A orde de prelación dos aspirantes incluídos nas listas irase modificando cos conseguintes chamamentos, de acordo coas seguintes regras:
- Se o aspirante chamado non puidera ser nomeado por causa xustificada, discrecionalmente apreciada, previo informe da comisión permanente de selección, conservará a súa orde de prelación na lista; en caso contrario, será excluído da mesma.
- Se calquera dos integrantes da lista renunciara a formar parte da mesma, ou unha vez nomeado renunciara, fora separado do servicio por sanción disciplinaria e/ou por despido declarado procedente, será excluído da lista.
- Se unha vez nomeado, o tempo traballado fora inferior a un ano, retornará ó posto que ocupaba na orde de prelación da lista no momento de ser chamado; se fora igual ou superior a un ano, pasará a ocupa-lo último lugar da lista.
Artigo 9.º .-
O baremo aplicable para a valoración dos méritos será o seguinte:
a) En primeiro lugar figurarán nas listas respectivas aqueles aspirantes que téndose presentado ás probas selectivas do último proceso de acceso á condición de funcionario de carreira ou laboral fixo, convocadas polo Concello, tiveran superado tódalas probas da fase de oposición pero non tiveran alcanzado a condición de tales, computándose, para estes efectos, as notas obtidas nas probas correspondentes ó mesmo corpo, escala, subescala e/ou categoría da lista da que se pretenda formar parte. Neste caso a súa prelación virá dada pola posición obtida na resolución das respectivas convocatorias de acceso, é dicir, pola suma das notas das probas da fase de oposición e a puntuación correspondente á fase de concurso, figurando aquela de maior a menor. No caso de empate prevalecerá a nota máis alta obtida no primeiro exame.
b) Unha vez aplicado o punto a), a orde de prelación nas correspondentes listas dos aspirantes non incluídos nas mesmas virá determinado pola puntuación obtida no baremo que de seguido se relaciona. De producirse un empate na puntuación final darase prioridade a quen tivera a maior puntuación no apartado b.1 e, de persisti-lo empate, irase dando prioridade a quen tivera maior puntuación nos apartados sucesivos; de continua-lo empate, resolverase a prol do aspirante que tivera maior idade:
b.1. Por ter superado algunha proba selectiva correspondente ó último proceso de acceso á condición de funcionario de carreira ou laboral fixo, convocadas polo Concello: 50% da suma das notas das distintas probas superadas no dito último proceso para o acceso ó mesmo corpo, escala, subescala e/ou categoría da lista da que se pretenda formar parte.
b.2. Por servizos prestados e ata un máximo de 5,00 puntos:
* Servizos prestados no mesmo ou superior corpo, escala, subescala e/ou categoría da lista da que se pretenda formar parte, no Concello de Val do Dubra: 0,20 puntos por cada mes completo ou fracción superior a quince días.
* Servizos prestados no mesmo ou superior corpo, escala, subescala e/ou categoría da lista da que se pretenda formar parte, noutras administracións públicas: 0,10 puntos por cada mes completo ou fracción superior a quince días.
* Por cursos relacionados coa actividade a desenvolver impartidos pola administración pública ou homologados, ata un máximo de 2,00 puntos:
* De máis de 100 horas: 0,75 puntos.
* De máis de 70 a 100 horas: 0,50 puntos.
* De máis de 40 a 70 horas: 0,35 puntos.
* De máis de 15 a 40 horas: 0,20 puntos.
* De menos de 15 horas: 0,10 puntos.
No suposto de que na acreditación dos cursos non figure o número de horas, aplicarase a puntuación mínima.
b.4. Por posuír unha titulación académica de nivel superior, distinta e independente da requirida na convocatoria como requisito imprescindible para o acceso, computándose unicamente o título de maior nivel dos alegados:
* Título de doutor: 2,00 puntos.
* Título de licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente: 1,50 puntos.
* Título de enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico ou equivalente: 1,00 puntos.
* Título de Bacharel Superior, Formación Profesional de 2.º grao ou equivalente: 0,50 puntos.
* Título de Graduado Escolar, Formación Profesional de 1.º grao ou equivalente: 0,25 puntos.
b.5 Polo coñecemento acreditado do idioma galego, computándose unicamente o grao superior alegado, e concedéndose validez soamente ós cursos ou titulacións homologados pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:
* En grao de iniciación: 0,50 puntos.
* En grao de perfeccionamento: 0,75 puntos.
b.6. Pola inscrición acreditada como demandante de emprego, cun máximo de 1,00 puntos: 0,01 puntos por cada mes completo ou fracción superior a quince días.
Disposición adicional 1.ª.-
Para a selección do persoal funcionario interino e laboral temporal de carácter docente acudirase, como única forma de provisión das prazas correspondentes, á relación baremada que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten para tal fin, sendo chamados os aspirantes por rigorosa orde de puntuación e segundo as normas que rexen na dita Consellería.
Disposición adicional 2.ª.-
No suposto de que non fose posible identificar ó persoal que tivera que ser destituido, con motivo da provisión definitiva da praza ou pola amortización da mesma, terá preferencia para permanece-lo aspirante que tivera mellor orde de prelación na lista correspondente; e se non puidera facerse efectiva esta regra, por procede-lo persoal de que se trate de distintas listas, terán preferencia para permanecer os das listas máis antigas no tempo.
Disposición transitoria.-
Á entrada en vigor do presente regulamento, quedarán sen efecto tódalas listas de aspirantes para o seu nomeamento como funcionarios interinos ou como contratados laborais temporais, que en tal momento se encontrasen vixentes.
Disposición derradeira.-
O presente regulamento entrará en vigor ó día seguinte do prazo establecido no artigo 70.2, en relación ó 65.2, da Lei 7/85 de Bases do Réxime Local.