Cariño - ORDENANZA REGULADORA E FISCAL DA UTILIZACIÓN DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

Publicación provisional: 06/02/2008 BOP Nº: 30
Publicación definitiva: 30/04/2008 BOP Nº: 99
Aplicable dende: 01/05/2008

Título I.‑ Normas de uso das Instalacións e Escolas deportivas

Artigo 1.‑ Fundamento e natureza

No uso das competencias atribuídas polos artigos 25.2.m) da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das bases de réxime local, e no artigo 80.2.n) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, este Concello establece a regulación da utilización das súas instalacións deportivas.

Artigo 2.‑ Normas xerais

A utilización das instalacións deportivas municipais deberá someterse ás seguintes normas xerais:
1. Os usuarios das instalacións deportivas municipais estan obrigados a respectar e coidar as mesmas, o seu mobiliario e o equipamento deportivo, utilizando os mesmos conforme ao seu destino propio, e ordenando o material unha vez utilizado.
2. Para o acceso de ¿uso libre" ás instalacións deportivas municipais é requisito indispensable ter cumpridos 14 anos, exceptuándose os casos nos que a normativa especifica da instalación indique outra idade. Os menores desa idade só poderán acceder e permanecer nas instalacións acompañados dun maior de idade, que será responsable do uso das instalacións feito polo menor.
3. Para acceder ás instalacións é requisito imprescindible a presentación do talón de pagamento, e o Documento Nacional de Identidade (ou documento que o substitúa).
4. O acceso e a permanencia na instalación respectará os horarios concedidos, a instalación e categorías asignadas, atendendo en todo momento as indicacións do persoal do Servizo Municipal de Deportes. Non se poderá permanecer nas instalacións deportivas municipais fóra dos horarios concedidos.
5. Os usuarios de instalacións (xogadores, adestradores, persoal auxiliar, etc) deberán utilizar roupa deportiva e calzado específico en atención ás características especiais de cada pavimento.
6. O usuario deberá satisfacer as taxas correspondentes, que se axustarán ao Título II da presente Ordenanza, salvo que exista convenio ou patrocinio.
7. O pagamento das taxas para a utilización de instalacións deportivas municipais poderase realizar directamente na oficina do Servizo Municipal de Deportes ou noutros medios ou lugares que se habiliten para ¡so.
8. Os pagamentos de taxas para usos de instalacións por parte de menores de 16 anos serán emitidos ao nome do pai / nai ou titor.
9. O pagamento das taxas correspondentes implica o uso das instalacións, exclusivamente, pola persoa ou entidade para a que foron emitidas, e para a instalación, actividade e horarios recollidos no documento de pagamento. Esta persoa ou entidade serán os responsables do uso da instalación.
10. O Servizo Municipal de Deportes resérvase o dereito a realizar modificacións dos horarios, instalacións, cursos e outras actividades concedidas por causas de programación e organizativas, comunicándoo aos interesados coa maior brevidade posible.
11. En casos de anulacións de usos previamente concedidos por causas imputables áadministración, os interesados poderán optar por:
‑ Solicitar devolución da taxa, acreditando a realización do pagamento.
‑ Solicitar o cambio de data, e/ou hora, e/ou instalación presentando o recibo na oficina do Servizo Municipal de Deportes.
12. As comunicacións, avisos, e calquera outra información aos usuarios realizaranse a través do Taboleiro de Anuncios das instalacións deportivas e da Casa da Cultura.
13. O Concello de Cariño non se fará responsable da desaparición de obxectos persoais dos usarios dentro das instalacións deportivas municipais. As pezas de vestir esquecidas ou extraviadas que non sexan reclamadas en 15 días, serán destruídas por motivos de hixiene. Os obxectos de valor serán entregados nas oficinas da policía local.
14. O incumprimento das normas xerais e especificas de instalacións, escolas e entidades, e instruccións que dite o Servizo municipal de deportes por si, ou a través do persoal da instalación, poderá ocasionar o cesamento no uso da instalación.
15. Nos vestiarios respetarase a orde e instrución do persoal do Servizo Municipal de Deportes. Non poderán utilizarse tinguiduras, nin se afeitar nin similares. Non se deben mostrar actitudes indecorosas ou molestas para o resto dos usuarios.
16. Prohíbese tirar calquera tipo de desperdicios no chan no transcurso das actividades deportivas, tanto para os deportistas como o público en xeral.
17. Prohíbese fumar en todas as zonas das instalacións deportivas, tanto aos participantes como aos espectadores.
18. Para efectos de aplicación da presente normativa e das correspondentes taxas, será o Concello quen clasifique o tipo de actividade: adestramento federado, competición federada, uso libre, actividades físico deportivas, festivais e actos non deportivos.
a) Enténdese como ¿adestramento federado" a práctica da modalidade deportiva con fin de participación en competición federada organizada por entidades deportivas. Será necesario acreditalo coa licenza federativa correspondente.
b) Enténdese como ¿competición federada" toda competición das modalidades deportivas recoñecidas polo Consello Superior de Deportes, ou a Secretaría xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, organizada por entidades deportivas. Será necesario acreditar certificación correspondente de participación en competición federada.
c) Enténdese como ¿actividade fisico deportiva": campus, cursos, competición non federada, practica de calquera modalidade deportiva e outras actividades de tipo docente, organizadas por entidades.
d) Enténdese como ¿uso libre" partidos, xogos deportivos e práctica deportiva en xeral por persoas físicas e non profesional.
e) Enténdese como ¿festivais e actos non deportivos" todos aqueles non recollidos nos supostos anteriores.

Artigo 3.‑ Normas específicas de escolas deportivas e outras actividades

No desenvolvemento das escolas deportivas, así como as demais actividades a desenvolver nas instalacións deportivas municipais, distintas das recollidas no artigo anterior, deberán observarse, ademáis das normas xerais do artigo 2, as seguintes:
1. Os pais, nais, titores ou acompañantes non terán acceso aos locais onde se desenvolven as clases, ao obxecto de non entorpecer a organización e ensino destas. As comunicacións ao profesor deberán realizarse antes do inicio da clase ou a traves das oficinas do Servizo Municipal de Deportes.
2. As clases e actividades darán comezo e finalizarán segundo o horario establecido, salvo modificacións por causa de forza maior, esixíndose puntualidade.
3. As faltas de asistencia non xustificadas poderán ser causa da perda dos dereitos adquiridos coa inscrición na actividade correspondente e terase en conta na admisión en futuras actividades nas que se inscriba.
4. O material deportivo de uso persoal necesario para a práctica deportiva deberá ser aportado polo usuario. O devandito material será indicado polo profesor ao inicio do curso.

Artigo 4.‑ Dereitos dos usuarios

Os usuarios teñen dereito a ser admitidos ao uso do servizo sempre e cando cumpran os requisitos esixidos pola súa regulamentación e haxa prazas abondo para todos os solicitantes.

Artigo 5.‑ Obrigas dos usuarios

Os usuarios están obrigados a observar os seguintes deberes:
1. Cumprir a normativa xeral de uso da instalación.
2. Asistir ás actividades, cumprindo o horario do curso ou actividade para o que foi admitido.
3. Presentar xustificante de pagamento cando sexa requerido.
4. Os cambios de horario ou de grupo solicitaranse a través das oficinas do rexistro municipal. Concederase sempre e cando sexa posible por razón de ratios, niveis dispoñibilidade de prazas ou outras circunstancias xustificadas.
5. Non se poderá permanecer nas instalacións fóra do horario concedido.
6. Os prazos para a solicitude de admisión dos alumnos das escolas deportivas municipais formalizaranse nos períodos que determine o Servizo Municipal de Deportes.

Título II.‑ Réxime fiscal

Artigo 6.‑ Fundamento e natureza

En uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 27 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa pola utilización das instalacións deportivas do Concello de Cariño, que se rexerá pola presente ordenanza reguladora e fiscal, que nas súas normas atende óprevisto no artigo 57do citadoTRLRFL.

Artigo 6 .‑ Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible desta taxa a utilización das instalacións deportivas municipais de Cariño, de conformidade co disposto no artigo 20.4.o) do citado RD Lexislativo 2/2004.

Artigo 7 .‑ Suxeito pasivo

Serán suxeitos pasivos da taxa prevista nesta ordenanza, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35 da Lei Xeral Tributaria que soliciten ou resulten beneficiadas ou afectadas polos servizos ou actividades locais que preste ou realice o Concello, e en concreto as persoas naturais ou xurídicas que soliciten a utilización das instalacións e as entidades, clubes, organismos, asociacións, federacións e similares en nome dos cales se solicite ante o Concello autorización para a utilización das instalacións.

Artigo 8 .‑ Responsables

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas a que se refiren os artigos 41.1 e 42 da Lei Xeral Tributaria.
2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades ou entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 9.‑ Cota tributaria

A cota tributaria desta taxa determinarase, en función do tempo de aproveitamento da instalación e das condicións do mesmo, por aplicación das seguintes tarifas:
1. POLIDEPORTIVO MUNICIPAL
TARIFA
USOS DEPORTIVOS
1.1 Uso libre, por hora de uso ou fracción, incluíndo o uso dun vestiario
2,50
1.1.1.‑Por uso de luz eléctrica, por hora ou fracción. A estes efectos considerase necesaria a utilización de luz eléctrica a partir das 18:00 horas.
1,80
1.1.2.‑suplemento por uso dun segundo vestiario elou marcadores electrónicos, por hora ou fracción
2,00
1.2.‑Adestramento federado, por hora de uso ou fracción.
6,50
1.3.‑Competición federada, por hora de uso ou fracción.
8,00
1.4.‑Actividade físico deportiva, por hora de uso ou fracción.
4,30
FESTIVAIS E ACTOS NON DEPORTIVOS
1.5.‑Con cobro de entrada, por evento
350,00
1.6.‑Sen cobro de entrada, por evento
115,00
2.‑ CAMPOS DE FÚTBOL
2.1.‑ Por hora de uso ou fracción
8,00
2.2.‑Suplemento de luz e vestiarios. A estes efectos considerase necesaria a
4500
utilización de luz eléctrica a partir das 18:00 horas.
1,00
3.‑ PISTAS DE PÁDEL E TENIS
3.1 .‑Alquiler dunha pista de padel ou tenis por hora ou fracción
4,00
3.2.‑ Por uso de luz eléctrica, por hora ou fracción. A estes efectos considerase necesaria a utilización de luz eléctrica a partir das 18:00 horas.
1,00
3.3.‑Aluguer de cada raqueta de pádel ou tenis
0,50

Artigo 10.‑ Normas de xestión.

1. Normas de aplicación das Tarifas:
a) As contías esixibles de acordo coa tarifa, liquidaranse por cada utilización das instalacións deportivas municipais solicitada ou efectivamente realizada.
b) As persoas interesadas na concesión das utilizacións reguladas nesta Ordenanza deberán solicitar previamente a correspondente autorización e realizar o depósito previo a que se refire o artigo 26.1.a) do RD Lexislativo 2/2004.
2. As instancias para solicitar a utilización das instalacións deportivas municipais presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, cunha antelación mínima de corenta e oito horas antes da data de utilización solicitada, e especificarán a data, hora e destino da utilización que se pretende, e serán resoltas pola Alcaldía, previo informe do responsable da área correspondente do Concello.
A autorización outorgarase segundo a orde de presentación de solicitudes, salvo que pola Alcaldía, por razóns debidamente xustificadas, se aplique outro criterio diferente. Adoptada a resolución pertinente, practicaranse as notificacións correspondentes aos interesados.
3. No caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicitar a este Concello a devolución do importe ingresado.
4. Todos os gastos derivados da utilización das instalacións deportivas municipais serán de conta dos organizadores dos actos a que correspondan.
5. O Concello esixirá, no seu caso, as indemnizacións polos desperfectos que poidan producirse en calquera das instalacións deportivas municipais, ou pola perda ou deterioro de material de calquera natureza existente nas mermas.

Artigo 11.‑ Exencións e bonificacións

1. Estarán exentos da obriga de pago da presente Taxa as utilizacións realizadas polos seguintes motivos: a) Para impartir clases de educación fisica polos centros docentes do Concello.
b) Para a celebración de campionatos escolares onde participen xoves escolarizados no Concello.
c) Para actividades deportivas ou culturais organizadas directamente polo Concello ou ben a través doutras entidades promovidas ou patrocinadas polo Concello.
2. A Xunta de Gobemo poderá outorgar bonificacións sobre o importe das tarifas ou eximir totalmente do seu pago, cando se trate da utilización das instalacións para actividades de interese público.
3. Os interesados na obtención de bonificacións deberán solicitalo expresamente ao Concello, facendo constar as circunstancias que xustifiquen a súa solicitude, a cal deberá ir dirixida ao Sr. Alcalde ou Concelleiro‑Delegado de Deportes, cunha antelación mínima de dez días á celebración da actividade.

Artigo 12.‑ Devengo e período impositivo

1. O devengo da presente taxa prodúcese no mesmo momento no que se solicite a correspondente autorización municipal de aproveitamento ou cando se comprobe a utilización das instalacións se se actuou sen a preceptiva autorización.
2. Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, o día un de xaneiro de cada ano natural, comprendendo o período impositivo o ano natural, salvo nos supostos de inicio ou cese na utilización privativa ou aproveitamento especial, nos que o período impositivo axustarase a esa circunstancia co conseguinte prorrateo da cota por trimestres naturais.

Artigo 13.‑ Declaración de ingreso

1. A utilización das instalacións deportivas municipais levarase a cabo a instancia de parte.
2. O pagamento da presente Taxa realizarase:
a) Tratándose de autorizacións de novos aproveitamentos ou de aproveitamentos con duración limitada, as cotas serán obxecto de liquidación por ingreso directo, unha vez concedidas as correspondentes autorizacións, na Tesourería Municipal ou onde establecese o Concello, pero sempre antes de retirar a correspondente autorización, de conformidade co establecido no artigo 26.1.a) do RD Lexislativo 2/2004.
b) Tratándose de autorizacións xa concedidas e prorrogadas sen duración limitada, unha vez incluídas nos correspondentes padróns ou matrículas desta Taxa, as cotas serán obxecto de liquidación de ingreso por recibo nas Oficinas de Recadación Municipal ou Entidades Colaboradoras sinaladas ao efecto e durante o prazo establecido polo Concello no seu calendario fiscal.

Artigo 14.‑ Xestión, liquidación, inspección e recadación

1. A xestión, liquidación, inspección e recadación, así como a revisión dos actos dictados na vía de xestión tributaria corresponden ao Concello de Cariño, de conformidade co disposto na Lei Xeral Tributaria e demais leis do Estado reguladoras da materia, así como as disposicións ditadas para o seu desenvolvemento, consonte co disposto no artigo 12 do RD Lexislativo 2/2004.
2. As cotas liquidadas e non satisfeitas no período voluntario faranse efectivas pola vía de constrinximento, consonte coas normas do Regulamento Xeral de Recadación.
3. Non se consentirá ningunha utilización das instalacións municipais ata que non se teña aboado o depósito previo a que se refire o artigo 10.1.b) da presente Ordenanza e obtido polos interesados a autorización correspondente, de conformidade co previsto no artigo 26.1.b) RD Lexislativo 2/2004. O incumprimento deste mandato poderá dar lugar á non concesión da autorización, sen prexuízo das contías que corresponda aboar aos interesados.

Artigo 15.‑ Infraccións e sancións

No relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como as sancións que ás mesmas correspondan, no seu caso, estarase ao disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei Xeral tributaria, conforme ordena o artigo 11 do RD Lexislativo 2/2004.

Disposición Adicional

Prioridades:
1. En horario lectivo, terán sempre, e sen excepcións, preferencia para a utilización do Pavillón Polideportivo Municipal, os Centros Docentes do Concello de Cariño.
2. Para o caso de que houbese varias peticións para un mesmo día solicitando a utilización das instalacións deportivas municipais, seguirase a seguinte orde:
1° .‑Escolas Deportivas Municipais.
2° .‑Equipos Federados do Concello.
3° .‑Equipos non federados do Concello.
4° .‑Deportes individuais practicados polos veciños deste Concello.
5° .‑Equipos Federados doutro Concello.
6° .‑Equipos non federados doutro Concello.
7° .‑Deportes individuais practicados polos que non sexan veciños deste Concello.
No caso de coincidencia de prioridades, terá preferencia a solicitude que teña entrada en primeiro lugar no Rexistro Xeral deste Concello, e así sucesivamente.

Disposición Derrogatoria

Queda derrogada integramente a ordenanza reguladora da taxa pola utilización do polideportivo municipal de Cariño, publicada no Boletín Oficial da Provincia de 30/12/1998, que se substitúe pola presente.

Disposicións Finais

1. Dereito supletorio: No non expresamente previsto na presente Ordenanza, rexerán os preceptos contidos na Sección 3a, do Capítulo III, Titulo I do citado RD Lexislativo 2/2004, concordantes e complementarios do mesmo, e nas demais Leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.
2. Vixencia: A presente ordenanza entrará en vigor e comezará a aplicarse o día seguinte á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor en tanto non se acorde a súa derrogación ou modificación expresa.