Baña A - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR LICENCIA DE APERTURA DE ESTABLECEMENTOS

Publicación provisional: 22/12/2003 BOP Nº: 292
Publicación definitiva: 31/01/2004 BOP Nº: 25
Aplicable dende: 31/01/2004

Artigo 1.º .-Fundamentos e natureza

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa por licencia de apertura de establecementos que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, da que as súas normas atenden ó previsto no artigo 58 da citada Lei 39/1988.

Artigo 2.º .-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, tendente a verificar se os establecementos industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade e salubridade e calquera outras esixidas polas correspondentes ordenanzas e regulamentos municipais ou xerais para o seu normal funcionamento, como orzamento necesario e previo para o outorgamento por este Concello da licencia de apertura a que se refire o artigo 22 do Regulamento de servicios das corporacións locais.

2. Para tal efecto, terá a consideración de apertura:

a) A instalación por vez primeira do establecemento para dar comezo ás súas actividades.

b) A Variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.

c) A ampliación do establecemento e calquera alteración que se leve a cabo neste e que afecte ás condicións sinaladas no número 1 deste artigo, esixindo nova verificación destas.

3. Entenderase por establecemento industrial ou mercantil toda edificación habitable, estea ou non aberta ó público, que non se destine exclusivamente a vivenda, e que:

a) Se dedique ó exercicio dalgunha actividade empresarial fabril, artesán, da construcción, comercial e de servicios que estea suxeita ó imposto sobre actividades económicas.

b) Aínda sen desenvolverse aquelas actividades sirvan de auxilio ou complemento para estas, ou teñan relación con elas en forma que lles proporcionen beneficios ou aproveitamento, como por exemplo, sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de entidades xurídicas, escritorios, oficinas, despachos ou estudios.

Artigo 3.º .-Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, titulares da actividade que se pretende desenvolver ou, no seu caso, se desenvolva en calquera establecemento industrial ou mercantil.

Artigo 4.º .-Responsables.

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.

Artigo 5.º .-Cota tributaria

1. A cota tributaria consistirá nunha cantidade fixa, por unidade de local, que se determinará en función da actividade a desenvolver por este.

 

2. Para tal efecto, aplicarase a seguinte tarifa:

 

Epígrafe 1.º.-Aloxamentos
a) Hoteis, moteis, hoteis-apartamentos de cinco e catro estrelas 3.000 euros
b) Hoteis, moteis, hoteis-apartamentos e hostais de tres e dúas estrelas 2.000 euros
c) Hoteis, moteis, hoteis-apartamentos e hostais de unha estrela 1.000 euros
d) Pensións e casas de hóspedes, centros hospitalarios, colexios e demais centros de natureza análoga, turismo rural 1.000 euros
Enténdese por aloxamentos, aqueles locais de convivencia colectiva non familiar, entre os que se inclúen hoteis, pensións, residencias,centros hospitalarios, colexios e demais centros de natureza análoga, sempre que exerzan de dez prazas
Epígrafe 2.º.-Establecemento de alimentación
a) Supermercados, economatos e cooperativas 1.000 euros
b) Almacéns ó por maior de froitas, verduras e hortalizas 1.000 euros
c) Peixerías, carnicerías e similares 400 euros
Epígrafe 3.º.-Establecementos de restauración
a) Restaurantes 500 euros
b) Cafeterías 400 euros
c) Uisquerías, "pubs" e "tablaos" flamencos 3.000 euros
d) Uisquerías e "pubs" distintos dos sinalado no apartado anterior 1.000 euros
e) Bares 630 euros
f) Tabernas 400 euros
Epígrafe 4.º.-Establecementos de espectáculos
a) Cines e teatros 1.805 euros
b) Salas de festas e discotecas 3.610 euros
c) Salas de Bingo 2.705 euros
Epígrafe 5.º.-Outros locais industriais e mercantís
a) Centros Oficiais 450 euros
b) Oficinas Bancarias 3.000 euros
c) Grandes almacéns 3.000 euros
d) Comercio artigos de regalo e similares 400 euros
e) Demais locais non expresamente tarifados 500 euros
Epígrafe 6.º.-Despachos profesionais
Ata 100 m2 500 euros
Máis de 100 m2 800 euros
Máis de 200 m2 1.000 euros
a) Por cada despacho  
No suposto de que a oficina ou establecemento se sitúe na mesma vivenda, sen separación, aplicarase unicamente a tarifa precedente
- Estacións xeradoras de enerxía eléctrica (minicentrais, parques eólicos):
- Por cada xerador eólico. 3.000 euros
- Minicentrais 9.000 euros
Epígrafe 7.º.-Por cambio de titularidade, aplicarase o 50 por cento das tarifas anteditas

 

Artigo 6.º .-Exencións e bonificacións.

Non se concederá ningunha exención nin bonificación ningunha na exención da taxa.

Artigo 7.º .-Devengo.

1.º .-Devengarase a taxa e nace a obrigación de contribuír, cando se presente a solicitude que inicie o expediente que non se tramitará sen que se efectuase o pagamento correspondente.

2.º .-Cando a apertura tivese lugar sen ter obtido a oportuna licencia, a taxa devengarase cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixibles, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poda instruírse para autoriza-la apertura do establecemento ou decreta-lo seu cerramento, se non fose autorizable a dita apertura.

3.º .-A obrigación de contribuír, unha vez nacida, non se verá afectada, en modo ningún, pola denegación da licencia solicitada ou pola concesión de esta condicionada á modificación das condicións do establecemento, nin pola renuncia ou desistencia do solicitante unha vez concedida a licencia.

Artigo 8.º .-Declaración.

1.º .-Esta taxa esixirá en réxime de autoliquidación, do que o seu efecto o suxeito pasivo cumprimentará o modelo correspondente.

As persoas interesadas na obtención dunha licencia de apertura de establecemento industrial ou mercantil presentarán previamente, no Rexistro Xeral, a oportuna solicitude, con especificación da actividade ou actividades a desenvolver no local, acompañada da declaración de alta no imposto sobre actividades económicas, no seu caso, e da autoliquidación da taxa.

2.º .-Se despois de formulada a solicitude de licencia de apertura variase ou ampliase a actividade a desenvolver no establecemento, ou se alterasen as condicións proxectadas por tal establecemento ou ben se ampliase o local inicialmente previsto, estas modificacións poñeranse en coñecemento da Administración municipal co mesmo detalle e ó alcance que se esixen na declaración-liquidación prevista no número anterior.

Artigo 9.º .-Liquidación e ingreso.

1.-Finalizada a actividade municipal e unha vez dictada a Resolución municipal que proceda sobre a licencia de apertura, practicarase, no seu caso, a liquidación correspondente pola taxa, que será notificada ó suxeito pasivo para o seu ingreso directo nas arcas municipais para o que se utilizarán os medios de pagamento e os prazos que sinala o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 10.º .-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que a estas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal, da que a súa redacción definitiva foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o 3 de decembro de 2003, entrará en vigor a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e será de aplicación a partir desa data e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.

Disposición derrogatoria

A presente ordenanza unha vez aprobado e publicado en legal forma derroga a anterior, aprobada polo Pleno en sesión realizada o 27 de outubro de 1989.