Baña A - Ordenanza reguladora da concesión de subvencións
CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
ARTIGO 1. Obxecto.
Esta ordenanza ten por obxecto regular e fixa-los criterios e o procedemento de concesión de subvencións outorgadas polo Concello de A Baña, ó abeiro do establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no eido territorial do Concello de A Baña.
Con estas bases reguladoras preténdese definir uns obxectivos e garantir ós cidadáns e entidades, en igualdade de condicións, o acceso a estas prestacións para servizos e actividades que complementen ou substitúan os atribuídos á competencia local.
ARTIGO 2. Concepto.
Terá a consideración de subvención toda disposición de diñeiro realizada directa ou indirectamente, con cargo ós orzamentos municipais, que outorgue a Corporación, en materias de competencia do Concello e que cumpran os seguintes requisitos:
a.- Que a entrega se realice sen contraprestación directa dos beneficiarios
b.- Que a entrega estea suxeita ó cumprimento dun determinado obxectivo, á execución dun proxecto, á realización dunha actividade, á adopción dun comportamento singular, xa realizados ou pendentes de realizar ou á concorrencia dunha situación, o beneficiario deberá cumprir as obrigas materiais e formais que se estableceran nesta ordenanza e normas das convocatorias específicas.
c.- Que o proxecto, a acción, conduta ou situación financiada teña por obxecto o fomento dunha actividade de utilidade pública ou interese social ou de promoción dunha finalidade pública.
ARTIGO 3. Principios.
A concesión e xestión das subvencións atenderán ós seguintes principios: a.- Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
b.- Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Corporación.
c.- Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
Ademais o outorgamento das subvencións terá carácter voluntario e eventual, non será invocable como precedente e non será esixible aumento ou revisión da subvención.
ARTIGO 4. Normativa.
Os procedementos de concesión de subvencións para as actividades que se indican na presente ordenanza, deberán axustarse á presente norma, e no previsto nela, á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normativa legal aplicable.
CAPÍTULO II . BENEFICIARIOS. OBRIGAS
ARTIGO 5. Beneficiarios.
Terá a consideración de beneficiario de subvencións a persoa física que teña que realiza-la actividade que fundamentou o seu outorgamento ou que se atope na situación de lexítima a súa concesión.
Terán igualmente a consideración de beneficiario as persoas xurídicas así como os membros asociados desta, que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención no nome e por conta da persoa xurídica.
Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado. En calquera caso, os beneficiarios deberán acredita-la súa domiciliación no Concello de A Baña, e no seu caso, estar inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.
ARTIGO 6. Obrigas.
Son obrigas dos beneficiarios:
1.- Cumpri-lo proxecto ou actividade que fundamenta a concesión da subvención.
2.- Xustificar ante o Concello de A Baña, o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e finalidade que determine a concesión da subvención.
3.- Someterse ás actuacións de comprobación e control que sexan debidamente requiridas polos órganos municipais, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio destas actuacións e que estean relacionadas coa concesión da subvención.
4.- Comunicar ó Concello a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada ós fondos percibidos.
5.-Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución que se atopa ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social.
6.- Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable, ou no seu caso, os estados contables que garantan o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.
7.- Conserva-los documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de control e comprobación.
8.- Deberán da-la axeitada publicidade de carácter público da financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, co logotipo aprobado polo Concello de A Baña.
9.- Proceder ó reintegro dos fondos públicos percibidos nos supostos fixados no art. 37 da LXS.
CAPÍTULO III . ACTIVIDADES OBXECTO DE SUBVENCIÓN
ARTIGO 7. Actividades ou proxectos subvencionables.
Serán subvencionables as actividades programadas nas convocatorias específicas, e referidas ás áreas de:
a) Cultura: Na área de cultura será calquera actividade cultural relacionada coas artes, as ciencias e as letras. Igualmente serán obxecto de subvención as actividades de animación sociocultural, especialmente as de lecer e tempo libre, destinadas ó fomento da creatividade e participación veciñal, etc., así como os espectáculos de música, formacións corais e música folk.
b) Deporte: Son subvencionables os gastos derivados da organización de actos e de actividades deportivas ou relacionadas coa promoción do deporte.
c) Educación: Actividades dirixidas á formación dos alumnos, sostemento e funcionamento das APAS, bolsas de estudos en forma de material escolar e demais actividades dirixidas ó sector educativo.
CAPÍTULO IV . AS CONVOCATORIAS DE SUBVENCIÓNS
ARTIGO 8. Publicidade.
A convocatoria publicarase, como regra xeral, no Boletín Oficial da Provincia. No caso de que, a súa escasa contía e outras circunstancias motivadas así o aconsellen, poderase substituír a publicación no BOP polo anuncio en prensa, no taboleiro de anuncios do Concello, e mediante bandos de Alcaldía en lugares que garantan o seu coñecemento por parte de posibles destinatarios das axudas.
ARTIGO 9. Principios xerais.
Con carácter xeral e sen prexuízo dos criterios propios que se establezan nas respectivas convocatorias, estas deberán respectar en todo caso para o outorgamento das subvencións, os seguintes principios:
a. Interese xeral da actividade e beneficio para os veciños/as de A Baña.
b. Inexistencia ou déficit das actividades análogas.
c. Prioridade para aquelas actividades que, sen a subvención, serían de difícil posta en funcionamento.
ARTIGO 10. Principios económicos.
As respectivas convocatorias fixarán as contías máximas das subvencións susceptibles de concesión, imputables a partidas orzamentarias e cos créditos dispoñibles, atendendo en todo caso ó establecido nas bases de execución do Orzamento Municipal.
A contía da subvención poderá vir determinada de xeito individualizado ou ben resultar da aplicación de porcentaxes destinadas a gastos ou actividades que se fixen na convocatoria.
En calquera caso, a contía máxima subvencionable non poderá supera-lo importe solicitado nin o total da actividade.
Sempre que así se estableza na respectiva convocatoria, o importe non concedido poderá prorratearse entre os beneficiarios da convocatoria, sen supera-lo importe máximo global.
Será a convocatoria a que determine o réxime de compatibilidade ou incompatibilidade para a percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, sen que en ningún caso poidan realizarse pagamentos a conta ou pagamentos anticipados.
O pagamento da subvención realizarase previa xustificación, polo beneficiario, da realización da actividade ou proxecto.
As subvencións faranse efectivas con cargo ós conceptos orzamentarios que se determinen nas convocatorias das subvencións e poderase limita-lo importe máximo a conceder a cada solicitante.
O importe da actividade non poderá supera-lo custo da actividade e, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.
CAPÍTULO V. PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA
ARTIGO 11. INICIACIÓN
1. As solicitudes presentaranse no rexistro de entrada do Concello, dirixidas ó señor alcalde-presidente e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:
1. Acordo dos órganos representativos da entidade solicitante, ou escrito do representante ou da persoa física, que xustifique a necesidade da subvención solicitada.
2. Fotocopia cotexada das tarxetas do N.I.F. ou D.N.I. do solicitante.
3. Copia, no seu caso, dos estatutos.
4. Certificación dos datos bancarios.
5. Memoria das actividades para as que solicita subvención, con orzamento desagregado por actividades e partidas.
6. Declaración formal das subvencións solicitadas ou percibidas doutras institucións públicas ou privadas para esa mesma actividade.
7. Calquera outra documentación ou xustificación que para os efectos de comprobación ou concreción de datos poida acordarse nas respectivas convocatorias de concesión das subvención. A este respecto, na convocatoria de bolsas de estudos en forma de material escolar, esixirase, ademais, certificación municipal de convivencia, fotocopia cotexada da última declaración da renda (ou, no seu caso, declaración xurada dos ingresos obtidos pola unidade familiar no ano anterior xunto coa certificación de non estar obrigado a facela) e certificación do catastro de rústica e urbana de tódolos membros da unidade familiar.
2. Sempre que así se estableza nas convocatorias, poderase admiti-la substitución da presentación de determinados documentos por unha declaración responsable do solicitante. Neste caso, con anterioridade á proposta de resolución de concesión da subvención, deberase requiri-la presentación da documentación que acredite a realidade dos datos contados na citada declaración, nun prazo non superior a quince días.
3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na norma de convocatoria, o instrutor requirirá ó interesado para que emende, no prazo máximo improrrogable de dez días, indicándolle que se non o fixese teráselle por desistido da súa solicitude, previa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no art. 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4. As solicitudes deberán ser presentadas no prazo de vinte días hábiles a contar dende o seguinte ó da publicación da convocatoria no taboleiro de anuncios do Concello e nun dos xornais de maior tirada da provincia.
ARTIGO 12. Valoración.
Con carácter xeral e con independencia de que se establezan outros criterios na convocatoria das subvencións, serán criterios de valoración na concesión das subvención solicitadas os seguintes:
a) Repercusión, interese e participación dos veciños/as nas actividades subvencionadas.
b) Que o proxecto se desenvolva por persoal técnico cualificado.
c) Que o proxecto manifeste un marcado interese social.
d) Que os proxectos estean abertos á participación.
e) As posibles contraprestacións obtidas polo Concello en actividades gratuítas para este.
f) O número de participantes na actividade, con especial fincapé na porcentaxe de participantes veciños/as do Concello.
ARTIGO 13. Órgano de instrución.
A instrución do procedemento da concesión de subvencións, corresponderá ós técnicos dos servizos municipais. Realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que debe formularse a proposta de resolución.
ARTIGO 14. Órgano colexiado.
Para os efectos previstos no art. 22.1 da LXS, o órgano colexiado competente para a proposta da concesión estará composto como mínimo, polo concelleiro delegado correspondente e un funcionario competente por razón da materia.
ARTIGO 15. Proposta da resolución provisional.
O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que deberá notificarse ós interesados no xeito que estableza a convocatoria, e concederáselle un prazo de dez días para presentar alegacións.
Poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos ou outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados. Neste caso, a proposta de resolución provisional formulada terá o carácter de definitiva.
O expediente de concesión de subvencións conterá o informe do órgano instrutor no que conste que da información que obra no seu poder, despréndese que os beneficiarios cumpren tódolos requisitos necesarios para acceder a elas.
As propostas de resolución provisional e definitiva non crean ningún dereito a favor do beneficiario proposto, fronte á Administración, mentres non se lle notificara a resolución definitiva da concesión.
ARTIGO 16. Órgano concedente.
A proposta de concesión formularase ó órgano concedente que será o competente segundo a lexislación local, polo órgano colexiado a través do órgano instrutor.
O órgano concedente da subvención será a Xunta de Goberno Local cando o importe total das subvencións a repartir non supere o 10% dos recursos ordinarios do orzamento, no resto dos casos o órgano concedente será o Pleno.
ARTIGO 17. Resolución.
A resolución deberá conter ademais do solicitante ou relación de solicitantes ós que se concede a subvención, no seu caso e de xeito expreso, a desestimación do resto das solicitudes.
O prazo máximo para resolver e notifica-la resolución do procedemento non poderá exceder de 3 meses. O prazo computarase a partir da publicación da correspondente convocatoria, agás que esta pospoña os seus efectos a unha data posterior.
O vencemento do prazo máximo sen ter notificada a resolución, lexítima ós interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.
Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ó que figura na solicitude presentada, instarase do beneficiario a formulación da súa solicitude para axusta-los compromisos e condicións á subvención outorgable, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, sempre que así se estableza nas convocatorias respectivas. De non facelo, entenderase desistido da súa petición, circunstancia que deberá notificarse segundo o previsto na LRXPAC.
ARTIGO 18. Publicidade das subvencións concedidas.
Deberanse publicar no Boletín Oficial da Provincia as subvencións concedidas cando consideradas individualmente, superen a contía de 3.000 euros, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario ó que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e finalidade ou finalidades da subvención.
Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior á indicada, deberase publicar un extracto delas no taboleiro de editos do Concello. Este extracto deberá conter como mínimo a expresión da convocatoria, beneficiarios e contía das subvencións.
Non será necesaria a publicación dos datos do beneficiario cando por razón do obxecto da subvención poida ser contraria ó respecto e salvagarda da honra, a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, e así se teña previsto na convocatoria reguladora.
CAPÍTULO VI . PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DIRECTA
ARTIGO 19. Concesión directa.
Poderán concederse de forma directa e sen necesidade de convocatoria pública, as seguintes subvencións:
1. As previstas nominativamente no Orzamento Municipal, nos termos recollidos nos convenios e na normativa reguladora destas subvencións.
2. Aquelas nas que o outorgamento ou contía veña imposto á Administración por unha norma de rango legal, que seguirán o procedemento de concesión que lles resulte de aplicación de acordo coa súa propia normativa.
3. Con carácter excepcional, aquelas outras subvencións nas que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.
CAPÍTULO VII . GASTOS SUBVENCIONABLES . XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO
ARTIGO 20. Gastos subvencionables.
Considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubitada respondan á natureza da actividade subvencionada, e que se realicen no prazo establecido nas convocatorias. Os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto ou actividade subvencionada e os de administración específicos, son subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.
En ningún caso serán gastos subvencionables:
a) Os intereses debedores das contas bancarias.
b) Intereses, recargas e sancións administrativas e penais.
c) Os gastos de procedementos xudiciais.
d) Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
e) Impostos persoais sobre a renda.
Agás que o órgano concedente a través da aprobación das convocatorias estableza o contrario, segundo o establecido no art. 32.1 da Lei xeral de subvencións, considerarase gasto realizado o que sexa efectivamente pagado durante o período que se estableza na respectiva convocatoria.
ARTIGO 21. Pagamento.
Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto o beneficiario non estea ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.
O servizo administrativo correspondente deberá remitir os expedientes á Intervención Municipal con informe que acredite a adecuación da documentación solicitada e o proxecto ou actividade subvencionable ás bases da convocatoria.
ARTIGO 22. Xustificación.
A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos na concesión da subvención, documentarase a través da rendición da conta xustificativa, que constitúe un acto obrigatorio do beneficiario, na que se deban incluír, baixo responsabilidade do declarante, os xustificantes do pagamento ou calquera outro documento con validez xurídica que permitan acreditar o cumprimento do obxecto da subvención.
Esta conta xustificativa deberá incluír unha declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención, e o seu custo, con detalle de cada un dos gastos incorridos. Estes gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa.
En todo caso, deberase presentar a seguinte documentación:
- Facturas orixinais, copias cotexadas e demais documentos de carácter probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou eficacia administrativa, xustificativas dos gastos efectuados.
- Relación de ingresos e gastos da actividade.
- Memoria detallada da actividade desenvolta.
- Cando as actividades foran financiadas, ademais da subvención municipal, con outros recursos deberán acreditarse o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, incluíndo outras subvencións.
O prazo límite para a xustificación das actividades, será de tres meses dende a finalización da actividade, en todo caso deberá xustificarse antes do día 30 de decembro do exercicio no que se concedeu a subvención.
ARTIGO 23
As subvencións que se concedan na atención á concorrencia dunha determinada situación no perceptor, non requirirán outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible en dereito da dita situación previamente á concesión, sen prexuízo dos controles que puideran establecerse para verificar a súa existencia.
CAPÍTULO VIII . PROCEDEMENTO DE REINTEGRO
ARTIGO 24. Reintegro.
O órgano concedente será o competente para esixir do beneficiario o reintegro de subvencións mediante a resolución do procedemento regulado na LXS, cando aprecie a existencia dalgún suposto de reintegro de cantidades percibidas establecidos no art. 37 da lei.
O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento de reintegro será de doce meses dende a data do acordo de iniciación.
Prescribirá ós catro anos o dereito da administración a recoñecer ou liquidar o reintegro, computándose segundo o establecido no art. 39 da lei.
CAPÍTULO IX . INFRACCIÓNS E SANCIÓNS ADMINISTRATIVAS PROCEDEMENTO SANCIONADOR.
ARTIGO 25.
Constitúen infraccións administrativas en materia de subvencións as accións e omisións tipificadas na Lei Xeral de Subvencións e serán sancionables a título de neglixencia.
Atenderase en canto á tipificación e procedemento ó previsto no título IV da citada lei.
DISPOSICIÓN FINAL.
A presente ordenanza publicarase no Boletín Oficial da Provincia, entrando en vigor transcorridos quince días hábiles dende a súa publicación, conforme ó establecido no art. 70.2 en relación co art.65.2 da Lei reguladora de bases do réxime local.
A Baña, 14 de setembro de 2005.